Skip to Content

blog de patricia

21 DÍAS EN GALEGO

Aquí vos deixamos unhas palabriñas de varias mestras do cole para animarvos a seguir co reto de 21 días en galego. Veña que o conseguimos!

PRODUTOS FINAIS DO RETO DE ABRIL

Durante o mes de abril Pingüi propúxonos coñecer máis sobre os animais e as plantas que nos rodean e a nosa biodiversidade. Puxémonos mans á obra e elaboramos un libriño para a biblioteca e tamén uns murais para a cortiza de entrada do cole. Mirade, mirade...

ECOCOMEDORES: ENTREVISTAMOS AO NOSO COCIÑEIRO

O alumnado de 3ºB entrevistou ao noso conciñeiro, Adrián, co gallo do reto de maio de Pingüi sobre ecocomedores. Velaquí as súas sabias palabras para saber moito máis sobre o que son os produtos de tempada, de cercanías ou quilómetro 0, os ultraprocesados, a dieta saudable... Para este traballo tivemos que documentarnos a través das noticias que atopamos do noso comedor na prensa e buscar as preguntas apropiadas para partir desa información facer a escaleta, ensaiar un pouco, buscar locutoras voluntarias e... a gravar! A música que se escoita é do libro-CD "Eu cociño, ti cociñas" de Mama Cabra editado por Galaxia Sonárbore. Moitas grazas por axudarnos a aprender, Adrián!  

XELA ARIAS. LETRAS GALEGAS 2021.

Dende o Equipo de Dinamización da Lingua Galega e o de Biblioteca poñemos á vosa disposición esta recopilación de recursos musicais, lúdicos, informativos e bibliográficos para conmemorar as Letras Galegas que este ano están adicadas á editora, poetisa e escritora Xela Arias. Nos seguintes enlaces atoparedes moita información e ata unha proposta por días e cursos para traballar dende as aulas na hora de ler, bueno, na hora de ler pero tamén de escoitar, de xogar, de saber e ata de bailar. 

OBRADOIRO DE RADIO CON LUÍS LOSADA DE RADIO ESPORA

O pasado 14 de abril estreamos RADIO PINGÜI da man de Luís, de Radio Espora, que estivo gravando co alumnado de 5ºA. Aquí vos deixamos o resultado da entrevista que lle fixeron os rapaces e rapazas deste curso. Así ademais de aprender o manexo dos aparelos electrónicos que conforman unha radio, o alumnado estivo traballando o texto da entrevista, a escaleta, a duración, a expresión oral... e un montón de contidos máis das linguas.  Aprenden facendo e cun uso social. Aquí vos deixamos a proba, van dous programas cos dous finais diferentes porque son unha xoia e escoitar a Luís sempre merece a pena. Grazas polas túas sabias palabras! 

 

PATRULLAS ECO

O alumnado de 6ºB tomou moi en serio o do coidado do medio ambiente por iso se organizaron en patrullas ecolóxicas e agora recollen polas aulas (mantendo as distancias e con todas as medidas de seguridade e hixiene) os residuos orgánicos para o composteiro do horto. Os rapaces e rapazas de 6º e de 5º colaboran tamén coa recollida do papel para reciclalo. O Concello colaborou colocando colectores e imos, pouco a pouco, concienciándonos da importancia de reducir residuos e coidar o medio ambiente. Tamén fixeron vídeos gravando no chroma da biblio para explicarnos a actividade. Están tan preparados que ata elaboraron as súas propias chapas identificativas de "PATRULLA ECO"!  

 

OBRADOIRO DE POESÍA CON DORES TEMBRÁS

O día 16 de Abril tivemos a sorte de contar con Dores Tembrás que impartiu un obradoiro de escrita aos grupos de 5ºA e 6ºB de Educación Primaria. Esta actividade é promovida todos os anos polo Concello de Carral e con ela a biblioteca encheuse de palabras, alumnado e poesía. Non nos pode gustar máis vela así, chea de vida. Grazas! 

DÍA DO LIBRO

Quixemos homenaxear aos libros no seu día coa seguinte intervención artística. Entre todo o cole recreamos a obra de Jorge Méndez Blake "O impacto dun libro" ou "O castelo" decorando os nosos propios ladrillos de cartón que representan os mapas lectores de cada clase. Desta maneira cada caixa encheuse de personaxes de conto, de citas literarias, de frases motivadoras... Tamén fixemos unha reflexión sobre o que nos transmitía a obra e o que representaba. Este foi o resultado, esperamos que vos guste, que desfrutedes da instalación artística e que os libros vos axuden a destruír os muros xa que ás veces as cousas pequenas son así de poderosas: feliz Día do Libro! 

RETO DE MARZO: MULLERES ECOLOXISTAS.

Este é o resultado final do reto de marzo que lanzou Pingüi dende a biblioteca: CON M DE MULLER. Velaquí as biografías de mulleres ecoloxistas que fixeron os nenos e nenas do cole despois da pertinente búsqueda de información. Tomádevos un tempo para coñecer algúns referentes femininos relacionados co coidado do medio ambiente e a ciencia que nos sirven de exemplo para seguir avanzando no camiño da igualdade. Picade no centro da imaxe para desplegar a revista, merece a pena. Excelente traballo! 

RETO DE FEBREIRO: A CONTAMINACIÓN ACÚSTICA

No mes de febreiro entre todo o cole estivemos recollendo información sobre a contaminación acústica tal como nos propuxo Pingüi. Lede con atención a seguinte presentación porque os nenos e nenas dannos moi bos consellos para rebaixar o ruído e evitar os problemas de saúde derivados del. Que vos parece? Animádesvos?  

21 DE MARZO, DÍA DA POESÍA

Aquí vos deixamos uns poemas que fixeron tres alumnas de 6ºC adicados ao medio ambiente. A poesía expresa emocións e tamén pode ser reivindicativa e servir de denuncia contra as inxustizas ou, como neste caso, para concienciar sobre o desxeo nos polos e o cambio climático. Fai un pouco de poesía? A que sonan ben bonitas? 

8 DE MARZO EN INFANTIL

Aquí vos deixamos os traballos dos nenos e nenas de Educación Infantil polo día 8 de Marzo, cos seus debuxos e as súas palabras fan unha pequena homenaxe ás mulleres importantes da súas vidas. Picade nos enlaces para velos.

Distribuir contenido


by Dr. Radut