Skip to Content

Educación física

Toma de contacto co Campo a través o 3 de decembro en Noia

O martes, 3 de decembro, tivo lugar a xornada de toma de contacto coa actividade deportiva de Campo a través. Foron arredor de 1.200 os/as corredores/as de clubs e centros educativos da nosa contorna.

Afortunadamente, a xornada de competicións da categoría benxamín á cadete (feminina e masculina) transcorreu sen incidencias.

Do noso centro participaron 73 corredores/as, aínda que nun primeiro momento había algúns/has máis inscritos/as, pero por diversas razón non puideron participar nesta ocasión.

En canto aos resultados acadados, dicir que houbo dous equipos que quedaron campións, outro que quedou terceiro, logo un cuarto e tamén dous sextos postos... Polo que, non estiveron nada mal, pois non debemos esquecer que competimos con clubs soados na especialidade e con outros centros educativos, que coma nós lle poñen moitas ganas e ilusión.

Queremos agradecer o apoio de familiares e amizades de diferentes nenos e nenas, que acodiron ao Estadio Julio Mato "Matito" en San Lázaro (Noia) para darnos o seu apoio.

Parabéns para os cinco nenos e a nena que acadaron metais e para o resto polo seu esforzo, aínda que non lograsen o desexado meta !!!.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Sesións de diversas Técnicas de Soporte Vital Básico.

Ao longo deste curso, contamos levar a cabo diversas actividades relacionadas con diferentes Técnicas de Soporte Vital Básico. Estas actividades impúlsanse dende a área de E Física, por contaren con contidos tan afíns a dita área, grazas á colaboración altruista de Alejandro Liñán (bombeiro do parque de Boiro, membro de Protección Civil de Outes e instrutor e formador deste tipo de contidos). 

Por este motivo, nun primeiro momento, realizáronse seis sesións teórico-prácticas co alumnado de 4º, 5º e 6º de EP (unha por grupo) e a especialista de E Física. Nesas sesións, tralas nocións teóricas, fixéronse prácticas de RCP (reanimación cardiopulmonar) cos bonecos homologados, que trouxo Álex para tal fin.Tamén se practicou a posición lateral de seguridade, coa que evitar que a persoa inconsciente asfixie ou trague o propio vómito en caso de que se produza.

Días máis tarde, foi o profesorado quen atendeu ás explicación de Álex e logo practicou o aprendido, para comprobar se se asimilaran ben os conceptos. Por suposto, nesta ocasión, o instrutor profundizou máis e ampliou tamén os contidos impartidos.

Xa na penúltima semana deste primeiro trimestre, foron os/as alumnos/as de 1º e 3º niveis de E. Primaria (o venres 13 pola tarde) os/as que recibiron unhas nocións da mesma índole, aínda que de xeito máis superficial, dada a idade e realizando a fase práctica nos seus propios peluches, bonecos/as. 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Ao regreso das vacacións de Nadal foi o alumnado de 2º A e B de EP o que recibiu unhas nocións teórico-prácticas sobre Primeiros auxilios. Unha vez máis, impartidas por Alejandro Liñán, quen nesta ocasión na sesión de 2ºA (27 de xaneiro) contou coa colaboración de Lita (voluntaria tamén de Protección civil de Outes), aínda que nasesión de 2ºB non puido participar por razóns laborais. 

 

 

 

 

 

 

 

 

Andaina do alumnado de E Infantil e as súas mestras, polo paseo fluvial do río Tines, o 11 de outubro.

Os nenos e nenas de E Infantil percorreron boa parte do paseo fluvial do río Tines, camiñando na compaña das súas mestras o venres, 11 de outubro. Durante a mañá, ademais de realizar exercicio físico, foron recoñecendo a contorna e recollendo distintos elementos da Natureza coma: follas, landras, garabullos, castañas,..., típicos do outono. A finalidade dos elementos recollidos era a elaboración de diversos cadros, que logo exporían nas paredes exteriores das súas aulas para adornar os corredores da súa zona e, que ao mesmo tempo, o resto do centro puidésemos apreciar os marabillosos resultados.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Xornada de convivencia e recoñecemento da contorna, dende Catasueiro a Tremuzo, cunha andaina o 11 de outubro.

O venres, 11 de outubro, o alumnado de 4º A e B de EP, o/a titor/a de cada grupo e a profesora de E. Física realizaron unha andaina, dende Catasueiro a Tremuzo (ida e volta). Durante a mañá, os nenos/as de ámbalas dúas aulas e os/as profes conviviron de forma cordial á vez que foron recoñecendo a contorna e observando diversas especies arbóreas, tanto autóctonas (castiñeiros, piñeiros, etc) coma foráneas (eucaliptos).

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Visita ao Estaleiro Hermanos Abeijón, á lonxa do Freixo e andaina dalí a Broña o xoves, 3 de outubro, pola mañá.

O xoves, 3 de outubro, a iso das 10:15h o alumnado de 5º de EP, as súas titoras e a mestra de EF subiron a un autobús, nas inmediacións do centro educativo, para dirixirse ao Estaleiro Hermanos Abeijón no Freixo. Unha vez alí, visitaron as instalacións e observaron como distintos operarios realizaban diversas tarefas. Nesta ocasión, un grupo traballaba en tarefas de reparación e posta ao día de dous barcos (un arrastreiro de pesca e un bateeiro) e o outro grupo afanábase no desmantelamento dunha terceira embarcación.Respecto ao material de refugallo, que ían obtendo ao desfacer dita embarcación, aprenderon que iría parar a unha pranta de reciclaxe. Por certo, máis dun dos visitantes, sorprendéronse ao comprobar como o bateeiro, que estaban desguazando, levaba cemento na parte baixa coma contrapeso para proporcionarlle a estabilidade precisa ao porlle enriba a carga de mexilóns.

Coma noutras ocasións, unha das persoas responsables de sacar adiante o estaleiro, Fátima, fixo de guía. Ela estivo pendente, en todo momento, de explicar as tarefas que alí se levan a cabo e de responder a cantas preguntas foron xurdindo.

Logo, nenos/as e mestras dirixíronse á lonxa e, tras preguntar se podían visitala, fixeron tres grupos e entraron, por quendas para vela e comprobar o seu funcionamento. Xa dentro, viron como os afamados berberechos da Ría de Muros e Noia, que enchían os capachos dos mariscadores e mariscadoras, así coma as ameixas, aínda que en menor medida, pasaban ás cintas clasificadoras nas que separaban os bivalvos, segundo a talla. Como cabía esperar, algúns nenos/as atopáronse con familiares e/ou veciños aos que saudaron con entusiasmo.

Máis tarde, tomaron dirección Broña. Foron a pé dende o porto do Freixo, percorrendo tamén o paseo marítimo e ao chegar subiron ao autobús, que os/as estaba agardando para retornar ao centro.

Queremos darlle as grazas aos donos do estaleiro en xeral e a Fátima, en concreto, pola súa paciencia, a amabilidade coa que sempre nos trata e polo tempo que nos adica e tamén aos/ás traballadores/as da lonxa por permitir a visita.    

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Xornada de convivencia e xogos co alumnado de EI no CEIP Felipe de Castro (Bergondo)

O alumnado de EI e parte do seu profesorado tivo unha xornada de convivencia e xogos, durante a mañá do 14 de maio, nas instalacións do CEIP Felipe de Castro de Bergondo /Noia), co alumnado deste centro, así coma co do Alexandre Rodríguez Cadarso e do CPI Cernadas de Castro.

A xornada transcorreu sen incidencias e os/as nenos/as gozaron dun bo número de xogos coa axuda de profesorado e alumnado de 6º de EP, que participou na xornada coma colaborador.

 

 

 

 

Xornada de convivencia e xogos populares no noso centro, co alumnado e profesorado de 5º e 6º niveis de E.Primaria o 3 de maio, venres.

O venres, 3 de maio, o alumnado e parte do profesorado de 5º e 6º niveis de E.Primaria foron os/as anfitrións/oas na xornada de convivencia e xogos populares cos rapaces/zas e mestres/as dos C.E.I.P Alexandre Rodríguez Cadarso e Felipe de Castro de Noia e do C.P.I Cernadas de Castro de Lousame.

Este ano incorporouse unha pequena andaina, desde o centro á zona do parque do Areal (ida e volta) polas marxes do Tines. Dita actividade tivo moi boa acollida entre o alumnado e profesorado participante.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Xornada de convivencia e xogos populares no C.E.I.P Plurilingüe Alexandre Rodríguez Cadarso da Barquíña o venres, 26 de abril.

O venres, 26 de abril, os nenos e nenas de 3º e 4º niveis de E.Primaria, xunto cos seus titores/as e a profesora de E.Física de ditos niveis educativos foron ao C.E.I.P Alexandre Rodríguez Cadarso na  Barquiña. Alí levaron a cabo unha xornada de convivencia e xogos populares con outros/as nenos/as e mestres/as, tanto do colexio anfitrión coma do C.P.I Cernadas de Castro de Lousame e do C.E.I.p Felipe de Castro de Bergondo. A xornada transcorreu sen incidencias e resultou un éxito.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Xornadas de toma de contacto coa técnica de R.C.P co alumnado de 4º a 6º de E.Primaria

No centro leváronse a cabo seis xornadas de toma de contacto coa técnica de R.C.P (reanimación cardiopulmonar), desde mediados do primeiro trimestre a mediados do segundo.

As xornadas teórico-prácticas impartiunas, Álex Liñayo (bombeiro e membro de Protección civli), de forma altruista. Deste xeito, os/as nenos e nenas de 4º a 6º niveis de E.Primaria recibiron unha serie de nocións teóricas, que foron combinando coa práctica da xa mencionada técnica de R.C.P. As sesións tiveron lugar no cuarto de audiovisuais en horas de E.F, por ser desta área de onde partiu a idea e ser coa que máis relación ten dita temática.

Hai que dicir que o alumnado manifestou interese no tema e participou de forma activa en cada unha das sesións.

Moitas grazas, Álex, por adicarnos parte do teu tempo de lecer e compartir con nós algúns dos teus coñecementos.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Fase Provincial de Campo a través para centros escolares. Noia, 22 de febreiro.

O venres, 22 de febreiro, doce nenos das categorías Benxamín e Alevín masculinas e unha nena da categoría Alevín feminina representaron ao centro, nada menos que, na Fase provincial do Campionato escolar de centros de Campo a través, tras clasificarse por equipos e a nivel individual respectivamente na Fase intercomarcal, onde tamén participaran clubs. A xornada de competición tivo lugar no Estadio Municipal "Julio Mato" de San Lázaro (Noia) durante a mañá do xa citado día.   

As carreiras das diferentes categorías transcorriron sen incidencias de interese  de maneira satisfactoria para o noso centro, posto que o equipo benxamín masculino estivo ben preto de lograr o bronce, o alevín fíxose co ouro provincial e dentro deste equipo un dos corredores logrou o bronce individual  e a nena obtivo un exitoso séptimo posto individual. Polo tanto, se houbese Fase autonómica para centros, tanto o equipo alevín masculino coma a nena da mesma categoría pasarían e competirían cos/coas mellores corredores/as de Campo a través de Galicia...

Noraboa corazóns !!! 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Distribuir contido


by Dr. Radut