Skip to Content

Educación física

Andaina de 4º EP, pola contorna, o 30/09/2022

O 30 de setembro, sobre as 10:15h, o alumnado de 4º A e B, o titor/a de cada grupo e a mestra de EF saíron do centro para realizar unha andaina, aproveitando parte do percorrido do Camiño de santiago da Ría de Muros e Noia.

Ao longo da mañá os nenos/as e o/as profes foron camiñando, pasando por diversos lugares coma: A Serra, O Río de Outes, Brión de Arriba, Viro, O Cruceiro de Roo, Brión de Abaixo, A Xurisdición e Vista Alegre.

Evidentemente, de vez en cando, realizaban paradas nas que aproveitaban para beber, comentar que lles estaba parecendo a actividade, facer preguntas ou comentarios do percorrido...

Ao chegar a unha zona de castiñeiros, entre Brión e O Cruceiro, parouse un bo anaco, pois había moitas castañas nas cunetas e camiño e quixeron collelas. Ademais, ao facer sombra, estábase moi ben e recuperáronse folgos. Logo, uns 200 m máis adiante, paramos para merendar, conversar, xogar no patio do antigo CEIP Emilio de Navasqüés.

Aproximadamente, unha media hora despois partiuse cara ao centro. Aínda que, antes de chegar, parouse no parque de Vista Alegre para xogar nos balancíns, tobogán, etc, que alí hai.

En total percorréronse uns 10 km e recolléronse varias bolsas de lixo, que se foi s atopando ao longo do percorrido.

Afortunadamente, non hobo incidentes que destacar e repetirase a actividade noutra zona.

Se tes gañas de ver algunha fotografía pincha enriba

Recreos activos e divertidos.

 

Un curso máis, trataremos de fomentar a actividade física e/ou deportiva durante os recreos, así coma a convivencia, a socialización e a inclusión, de ser precisa. Para isto, ademais de ofrecerlle ao alumnado moito e diverso material co que xogar, incrementar a súa creatividade lúdica,etc, tamén se lles van preparando novos espazos e concedendo peticións, realizadas no Consello da Infancia; sempre e cando están dentro das posibilidades do centro e se consideren oportunas.

Se desexas ver algunha fotografía relacionada tan só debes pinchar aquí.

NUTRICOLES. Obradoiros de alimentación e hábitos saudables, ao longo da xornada do 27 ao 31 de marzo.

Durante a semana do 27 ao 31 de marzo, Natalia Hospido (farmacéutica e dietista nutricionista, especializada en nutrición infantil) impartiu diferentes obradoiros para alumnado e profesorado, coma o de "Etiquetado de alimentos" no que se ensinou como ler as etiquetas de diversos produtos.

Ademais, tivo unha xuntanza formativa co persoal laboral da cociña do centro.

Iniciouse, polo tanto, unha estreita colaboración con @nutricoles, consistente na formación de alumnado, profesorado,e persoal de cociña e na elaboración do menú do comedor e das merendas dos recreos.

Evidentemente, estes contidos trabállanse, de maneira transversal, en distintas áreas ao longo do curso. 

Podes ver algunha imaxe de dita actividade premendo aquí

Andaina desde Broña á Punta do Requeixo de EI A e C (ida e volta) e recollida de lixo na contorna de Broña o 16 de xuño.

Os grupos A e C de EI realizaron unha andaina, o 16 de xuño, dende Broña á Punta do Requeixo (ida e volta). A continuación, tras descansar un anaquiño, recolleron lixo pola zona da praia. Malia tratarse de cativos/as de tres a seis aniños andiveron, sen dificultade, aínda que respectándolle o seu ritmo, evidentemente. 

Andaina de EI B e D, dende Broña ao Requeixo (ida e volta)me recollida de lixo o 15 de xuño.

O mércores, 15 de xuño, o alumnado de EI B e D e varias profes, así coma o seu mestre de Psicomotricidade, realizaron unha andaina, dende Broña á Punta do Requeixo (ida e volta) e ao regreso recolleron lixo na contorna da praia. A pesares, de seren nenos/as de catro a seis anos camiñaron sen problemas, aínda que facendo algunha pequena parada.

Se desexas ver imaxes desta xornada preme aquí.

Xornada de kaiak, na ría de Muros e Noia, con 6º EP o martes (14 de xuño).

O martes pasado, 14 de xuño, o alumnado de 6º A e B de EP, as súas titoras e a profesora de EF fomos ao Club Náutico Francisco Rama Vázquez "Fufú", do Freixo, coa idea de realizar actividades de kaiak e vela (dentro da actividade de Xogade: "Xogando coa auga e co vento. Coñece as embarcacións a motor"), ademais de navegar nas lanchas a motor. Porén, ao non haber vento, non puidemos practicar vela. Aínda que, desfrutamos moito nos kaiaks e nas lanchas a motor e non nos importou que non houbese vento abondo. Pero, dende logo, cando máis gozamos da xornada foi coa visita de "Manoliño" (o golfiño da nosa ría). 

Ao rematar cada unha das dúas quendas, alumnado e profesorado duchámonos, antes de retornar ao centro.

Se queres botarlle unha ollada as marabillosas fotografías, desta xornada, preme aquí.

Andaina de 1º de EP, de Broña á Punta do Requeixo, o martes (14 de xuño).

O pasado martes, 14 de xuño, o alumnado de 1º de EP realizou unha andaina coas súas titoras e o profesor de EF dende Broña á Punta do Requeixo (ida e volta). Ao mesmo tempo, aproveitaron para recoller lixo. Logo, merendaron e brincaron na contorna do parque.

Se desexas ver as fotografías desta xornada, preme aquí.

Andaina de 6º de EP, dende O Loureiro (Cando) á Central do Tambre I (Sta María de Roo) o luns, 13 de xuño.

O luns, 13 de xuño, o alumnado de 6º A e B, as súas titoras e a profesora de EF partimos do centro en autobús ata O Loureiro (Cando). Unha vez alí, empezamos a andaina, camiñando cara á Central do Tambre I (Sta María de Roo). Fomos percorrendo camiños de monte ata chegar á ponte colgante do Tambre. Unha vez cruzada a ponte, dirixímonos deica o refuxio de pescadores, para logo regresar á área recreativa da Central do Tambre I, onde merendamos, collemos folgos e logo realizamos algún xogo popular coma: o reloxo, o tira da corda, o pilla-pilla. Máis tarde, a iso das 12:30h, tivemos que retornar ao punto de partida, onde nos agardaba o autobús.

Por suposto, desta actividade tamén temos moitas fotografías e se queres velas, preme aquí.

 

Celebración do fin de etapa para 6º EP, no Galipark (Padrón), o 10 de xuño (venres).

O venres, 10 de xuño, o alumnado de 6º de EP, as súas titoras e a profesora de E Musical celebraron o fin de etapa no Parque multiaventuras "Galipark". Alí realizaron diversos xogos coma: a tirolina, o tiro con arco, o descenso en tobogán de auga, etc. Ao realizar estas actividades, estaban traballando aspectos propios de EF: precisión, percepción espazo-temporal, percepción espacial, coordinación óculo-manual, coordinación visomotriz, etc. 

Pasaron mañá e tarde no parque divertíndose e compartindo conversas. Aínda que, evidentemente,  tamén contaron con tempo para beber, comer e repoñer forzas. Logo, a iso das 19h estaban de volta no centro.

Se queres botarlle unha ollada á variedade de actividades que realizaron, preme aquí.

Bautismo para o alumnado de 5º EP en kaiak e vela, no Freixo, o venres (10 de xuño).

O venres, 10 de xuño, os nenos/as de 5º EP, a súa titora e eu (profe de EF) partimos do centro algo antes das 11h, cara ao Club Náutico Francisco Rama Vázquez "Fufú" do Freixo. Alí tería lugar o seu bautismo en actividades náuticas para a case totalidade do alumnado, que ía entusiasmado e con facianas de ledicia... Porén, un dos nenos, manifestoume o seu nervosismo e preocupación pola actividade. Entón, falei con el tratando de animalo e expliqueille que ninguén o forzaría a realizar ningunha das actividades, se non mudaba de parecer durante a xornada. Afortunadamente, foi tranquilo na lancha a motor e, máis tarde, animouse a participar, coa condición de que eu o acompañase no kaiak. Así foi e logo estaba máis sosegado e contento.

Unha vez rematada a xornada, duchámonos e regresamos ao centro.

Por suposto, o vindeiro curso, trataremos de repetir a actividade. Pois, afortunadamente, ten moito éxito no noso centro.

Para ver as preciosas fotografías desta actividade, preme aquí.

Distribuir contido


by Dr. Radut