Skip to Content

Educación física

A MILLA NO CEIP PLURILINGÜE DE OUTES

No PVAD (Proxecto de vida activa e deportiva) do centro seguiremos promovendo a realización da  modalidade "MILLA DIARIA". Aínda que, na súa orixe esta modalidade pensouse para levala acabo a cotío (trotando e/ou camiñando) dentro do horario lectivo e, cando non houbese colexio, que o fixesen coas súas familias, tratando así de  incrementar a súa carga de actividade física diaria.

Porén, na actualidade é imposible que cada grupo burbulla saia ao patio todos os días para realizar o percorrido, dado que as horas non chegan. Pois, os nenos/as de diferentes grupos non poden coincidir. Por suposto, seguimos tratandde animalos/as a que a realicen nos lugares nos que viven, nos que ademais hai numerosas pistas axeitadas para que o fagan.

O percorrido da milla en horario lectivo realízase, coma o curso pasado, empregando os patios do propio centro e o campo de fútbol municipal, unidos por unha porta no muro, que os separa. Trátase en total 1.609m.

Se desexades ver algunha imaxe, desta modalidade, deberedes premer aquí.

 

RECREOS ACTIVOS E DIVERTIDOS AO LONGO DO CURSO.

O recreo é o tempo de desafogo, de descanso, das rutinas escolares, iso sabémolo todos/as. Pero, ademais é un fantástico intre no que poder valorar as relacións interpersoais e considerar, se fose preciso, a mellora de da relación entre determinados alumnos/as.

Por suposto, nese intre, o alumnado pode seguir aprendendo. Aínda que, será a través do xogo e/ou de diversas actividades físicas, tanto libres, como previamente organizadas, segundo o que cadaquén escolla..., Evidentemente, ao tempo que goza con eses xogos e/ou actividades físicas, despexará a mente.

Por esa razón, citada no anterior parágrafo, os grupos burbulla e os/as mestres/as de garda rotarán polas diversas zonas do patio, para que todos/as teñan a posibilidade de ir levando á práctica diferentes actividades e/ou xogos e empregar o material, de índole moi diversa, repartido por todo o patio escolar, cada semana.

Ao premer aquí, poderedes ver algunhas composicións fotográficas, que plasman tales actividades e/ou xogos.

 

ANDAINA DO ALUMNADO DE 3º EP, COA SÚA TITORA E A MESTRA DE EF,O 22 DE SETEMBRO.

O 22 de setembro, levamos a cabo a primeira das andainas previstas no PVAD do centro. Nesta ocasión, foi o alumnado de 3º de EP o que estreou as andainas, xunto coa súa titora e a mestra de EF.

Saiuse do centro a iso das 10h, pasando por boa parte do percorrido do paseo fluvial do Tins, para logo coller cara á Ponte do Ruso. Unha vez alí, descansouse un anaquiño e aproveitouse para darlle unhas breves explicacións aos nenos/as, sobre a ponte, o cauce do río e sacar unhas fotografías. Despois, continuouse a rota de sendeirismo ata chegar ao adro da igrexa de Santo Ourente de Entíns e dalí foise para a contorna da capela de Santa María do Rial, onde o alumnado realizou xogos populares coma: o pilla-pilla, o tiro da corda, o brilé e a corda e tamén merendou. Máis tarde, a iso das 13:30 horas colleuse rumbo ao colexio, aínda que por un percorrido diferente, pois regresouse polas pistas da agra de Entíns.

A pesares, de que o día foi solleiro e para algúns dos nenos e nenas, supuxo un esforzo físico, chegando ben suados ao centro, nada máis estar no recinto escolar, preguntaron cando se volvía realizar outra andaina. Polo tanto, sobreenténdese que desfrutaron da xornada de convivencia e actividade física.

Se desexades ver as fotografías desta andaina, só debedes pinchar aquí.

 

PVDA NO CEIP PLURILINGÜE DE OUTES, CURSO 21-22.

Un ano máis, levaremos á práctica o noso PVAD (Proxecto de vida activa e deportiva) e para acadar os obxectivos, que nel propoñemos, realizaremos diversas actividades ao longo do curso: andainas, recreos activos e divertidos, xogos populares en celebracións coma o Magosto, unha carreira solidaria, sesións teórico-prácticas de RCP, actividades naúticas de kaiak e vela, etc.

Procuraremos que o maior número posible de alumnos/as participen nel de maneira activa.

Conmemoración do Día da Paz, 30 de xaneiro

Ao longo da segunda quincena de xaneiro abordáronse contidos relativos á paz nas diferentes áreas do curriculum.

Nos días previos á conmemoración, cada aula foi colocar a súa caixa (elaborada previamente con motivos referentes á Paz e a algunha das disciplinas artísticas) ao corredor do primeiro andar, creando así tres esculturas. 

Xa o 30 de xaneiro (xoves) todo o alumnado e profesorado do centro foron ver as esculturas resultantes en diferentes intres. 

Tamén se colgaron no mesmo corredor imaxes de nenos/as creando a palabra paz cos seus corpos en varios idiomas en sesións de EF.

 

 

 

 

 

 

 

 

Fase Intercomarcal de Campo a Través en Noia, 17- 1- 20

O venres, 17 de xaneiro, tivo lugar a Fase Intercomarcal de Campo a Través no Estadio Municipal Julio Mato "Matito" de San Lázaro (Noia).

Nesta fase, na que competían: colexios, institutos e clubs de cinco bisbarras, participamos cos dous equipos que se clasificaran na fase anterior (BM e AM) e as dúas nenas que se clasificaran coma individuais (Carla G., BF e Sabela F., IF), posto que o neno da categoría IM, que tamén se clasificara (Manel C.), non asistiu por unha indisposición. 

A xornada transcorreu sen incidencias e regresamos ao centro cun terceiro posto por equipos na categoría BM e tamén un terceiro posto, a nivel individual (Daniel A.) na mesma categoría.

Hai que salientar a clasificación, nen máis nen menos que para a Fase Provincial, de Daniel A. da categoría BM e Sabela F. da IF (a nivel individual).

 

 

 

 

 

 

 

 

  

 

 

Fase Comarcal de Campo a Través, Campamento Virxe do Loreto (Porto do Son), 10-1-20

O venres, 10 de xaneiro, a iso das 10:15h uns/has 80 corredores/as e varios/as mestres/as saimos do centro cara o Campamento Virxe do Loreto en Porto do Son.

Unha vez alí, foron realizándose as carreiras das diferentes categorías e todo transcorreu sen incidencias para nós deica chegar á categoría infantil. Foi neste intre cando se produciron varias lesións (afortunadamente non demasiado importantes) e tamén unha crise respiratoria (que se subsanaría tempo máis tarde coa medicación pertinente).

Algo despois, regresamos ao centro cun primeiro posto na categoría Benxamín Masculina e un segundo na Alevín Masculina, polo que ambos equipos se clasificaron para a Fase Intercomarcal en Noia o vindeiro venres, 17 de xaneiro. Pero, ademais tamén se clasificaron a nivel individual dúas nenas (Carla G. e Sabela F.) e un neno (Manel C.) das categorías Benxamín Feminina, Infantil Feminina e Infantil Masculina respectivamente. 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Queremos dar as grazas ás persoas que nos acompañaron e apoiaron e, como non, desexámoslle aos/ás lesionados/as, que se recuperen  canto antes.

PARABËNS  a todos/as os/as corredores/as polo esforzo realizado !!!. 

MOITA SORTE para a Fase Intercomarcal !!!.

 

Celebración do Nadal 2019 con danzas do mundo

Para celebrar a chegada do Nadal, dende mediados de novembro, os nenos e nenas elaboraron postais de cara ao concurso interno, no que se escollerían as precisas para entregar no Centro de Día e felicitarlles con elas as Festas aos/ás usuarios/as.

Tamén se fixeron debuxos sobre a "Igualdade de sexos" para o concurso do que sairían os oito escollidos, cos que se realizarán os almanaques conxuntos co IES Poeta Añón e que en xaneiro se repartirán entre as familias do alumnado, profesorado, persoal laboral e algunha entidade municipal.

Ademais, como vén sendo tradicional, adornáronse aulas e corredores.

Na véspera do fin de trimestre, o coro do cole e o mestre de Música interpretaron varias panxoliñas para todo o centro en dúas tandas (unha para EI, 1º e 2º de EP e outra de 3º a 6º de EP).

Xa no propio día de fin de trimestre, celebrouse o Nadal con obradoiros de danzas do mundo a cargo de Mercedes ? no ximnasio e, como non podía ser doutra maneira, coa degustación de chocolate e churros, á vez que se recibía por primeira vez a visita do Apalpador.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

                           BO NADAL E PRÓSPERO 2020 !!!

 

 

Xornadas interxeracionais con música e actividades físicas

No presente curso, dende os equipos de Dinamización da Lingua Galega e Acividades Complementarias e Extraescolares falamos co claustro para ver se había compañeiros/as interesados/as en levar a cabo actividades de diversa índole co alumnado e os/as usuarios/as do Centro de Día.

Logo, falamos coa directora e tamén coa traballadora social do Centro de Día para ver cal sería o horario máis axeitado e acordar as datas nas que realizar as xornadas interxeracionais entre alumnado, profesorado, usuarios/as e persoal laboral do Centro de Día.

Así, o (19 de decembro) os/as nenos e nenas de 6ºA de EP co profesor de Música e a profesora de EF visitaron o Centro de DíaUnha vez alí, tocaron unha muiñeira, o profe de Música coa gaita, acompañado dunha alumna co tambor e doutra coa pandeiretamentras o resto do alumnado bailaba dita muiñeira para deleite dos/as presentes. Despois, mestre/a e alumnos/as cantaron unhas panxoliñas acompañados/as por algunhas das persoas do Centro e para rematar realizaron tres estacións de xogos de precisión e coordinación: bólos, diana e aros en picas. 

 

  

 

 

 

 

 

Xa ao regreso das vacacións de Nadal, o 14 de febreiro (martes) o alumnado de 6º B, o profesor de E Musical e a profesora de E F realizaromos outra visita ao Centro de Día para levar a cabo unha nova xornada de convivencia interxeracional.

Nesta ocasión, os nenos e nenas tamén bailaron unha muiñeira e varias alumnas tocaron as pandeiretas e cantaron varios temas do repertorio tradicional galego. Ademais, un dos nenos tocou o tambor.

 

Logo, das actuacións musicais, chegarían as actividades máis relacionadas coa EF. Deste xeito, algúns dos alumnos e alumnas levaron á práctica tres estacións de xogo: bólos, aros e diana con varios/as dos/as usuarios/as do Centro. Evidentemente, non todos/as puideron participar, debido ao seu estado de sáude físico e/ou psíquico, aínda que varias persoas fixérono de maneira moi activa, deixando marabillado ao alumnado pola súa precisión,  habilidades e destrezas...

Estivemos no Centro de Día unha hora e despois regresamos ao colexio encantados/as de compartir un anaquiño da mañá con aquelas persoas e, sobre todo, de lograr un sorriso nas súas facianas... 

 

 

 

 

 

 

Xogando cos trompos

"Polo San Martiño trompos ao camiño e polo San Andrés trompos outra vez", isto é o que di o refraneiro popular e nós levamos xa moitos cursos facéndolle caso, aínda que este ano debido ás condicións metereolóxicas tivémolo bastante complicado... Pero, o ánimo non decaeu e á menor oportunidade había trompos bailando nos patios.

Porén, este curso a cousa non quedou aí, senón que por medio da Concellalía de Deportes e Educación do noso Concello tivemos a sorte de contar coa colaboración de Daniel Pino e José Manuel Barreiro en representación da Asociación Brinquedia e tamén cun torneiro, que nos abraiou a pequenos e adultos, coa pasmosa facilidade coa que facía trompos en ben poucos minutos... Deste xeito, na mañá do xoves (5 de decembro) levamos a cabo unha xornada de convivencia, na Horta do Muiño, con familiares e veciños/as do noso alumnado á vez que se facían bailar os trompos e/ou se observaba como se construían... celebrando así o noso particular Día do Trompo.

Moitas grazas a todos eles/as por facer posible a actividade !!!.

 

 

  

 

 

  

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Distribuir contido


by Dr. Radut