Skip to Content

Educación física

Xornada de bautismo en autobaleirables e kaiaks para 5º EP en Ponte Nafonso, 15-05-23

O 15 de maio, o alumnado de 5ºA e B de EP, a profesora de EF de ambos grupos e o/a titor/a de cada un achegáronse ás instalacións do Club de Piragüismo de Outes en dúas quendas, para realizar unha actividade de bautismo en kaiak e autobaleirables sobre o Tambre, á altura de Ponte Nafonso.

A actividade tivo unha gran acollida polo alumnado e boa parte dos/as nenos/as manifestaron sensacións positivas e gañas de repetir tal actividade noutras ocasións.

De seguida, terás a posibilidade de ver imaxes dese día ao premer aquí.

Xornada de convivencia cunha andaina e xogos populares de 3º EP.

O 11 de maio, o alumnado de 3º de EP, as  súas titoras, a profesora de EF e algún membro da familia do alumnado realizaron unha andaina de varios km. Así, saíron  algo antes das 11h do centro cara ao monte Golfo, para logo pasar pola ponte do Ruso e dalí á contorna da capela de Santa María do Rial, onde merenderon, conversaron e realizaron xogos populares: brilé, pano, salto á corda e tiro da corda, para retornar ao centro para o xantar, a iso das 14:50h.

Nesta xornada, nenos/as, profes e nais/pai desfrutaron, especialmente, no tempo adicado aos xogos. Pero, tamén coas conversas que mantiveron namentres realizaban o traxecto, ao tempo que realizaban exercicio físico todos/as xuntos/as.

Se queres refrescar a mente, botándolle unha ollada a algunhas imaxes dese día, preme aquí.

Xornada de autobaleirables e kaiaks, en Ponte Nafonso, con 6º EP o 10 de maio.

O 10 de  maio o alumnado de 6º de EP, a súa titora e a profesora de EF foron deica ás instalacións do Club de Piragüismo de Outes en Ponte Nafonso, para levar á práctica a actividade de kaiak e autobaleirables.

Evidentemente, a actividade estivo dirixida e supervisada por persoal especializado na materia do citado club.

Foi unha xornada agradable, na que ao tempo de desfrutar, convivir, cooperar, etc se realizou exercicio físico no río Tambre, o máis importante da nosa zona. 

Se queres botarlle unha ollada ás imaxes da actividade, só terás que premer aquí enriba.

Alumnado e profesorado de 3º EP recolle lixo na praia de Broña.

O alumnado de 3º e EP e parte do seu profesorado recolleron lixo na praia de Broña, durante parte da xornada lectiva, o 13 de maio. Deste xeito, ao tempo que coidaban a praia e a súa contorna, traballando na súa limpeza, tamén realizaban exercicio físico.

Se queres botarlle unha ollada, só tes que premer aquí.  

Xornada de convivencia do alumnado de 4º EP con algúns dos seus familiares, titoras e a súa profesora de EF, a través dunha andaina, o 27 de abril.

O xoves, 27 de abril, o alumnado de 4ºEP realizou unha andaina, como parte das tarefas previstas na programación de EF. Nesta ocasión, dita andaina serviu, non só para facer exercicio físico, senón tamén para que durante o traxecto convivisen os nenos e nenas, cos familiares participantes, as titoras e a súa profesora de EF.

Ao longo da mañá, percorreron diversas zonas do concello, pasando polas parroquias de Outes, Santo Ourente, Entíns e Tarás. Saíron do centro sobre as 10:30h e regresaron arredor das 14:30h. Nesa franxa horaria, na que percorreron 10 km, fixeron a primeira parada na Ponte do Ruso. Logo, dirixíronse cara á contorna da antiga escola unitaria de Tarás e alí levaron a cabo dous xogos populares: o brilé e os bólos, que son dos que máis lles gustan, botaron risas, conversaron e repuxeron enerxías con: auga, froita e tortiñas de millo, para finalmente regresar ao centro.

Queremos agradecerlle a asistencia ás persoas que nos acompañaron e agardamos que desfrutasen das actividades.

Se vos apetece ver algunha imaxe desa xornada, premede aquí.

Sesións teórico-prácticas de Primeiros auxilios.

Un curso máis, como vimos facendo dende EF hai xa uns cantos anos, no centro leváronse a cabo varias sesións teórico-prácticas de Primeiros Auxilios. Esta actividade resúltalle interesante ao alumnado e séntense motivados/as, especialmente, coa parte práctica.

Nesta ocasión, tanto ás persoas que impartían a formación, como a min (a profe de EF), un dos alumnos deixounos marabillados e perplexos, polos seus coñecementos na materia. Deste xeito, ía anticipándose e manifestando todos os contidos vistos noutros cursos e reforzados ese día. Ademais, a súa faciana reflexaba moito interese no tema e felicidade, pola sorpresa de adultos e compañeiros/as.

Despois das explicacións pertinentes, dirixidas ao alumnado e profesorado asistente en xeral e ao recén chegado en particular, deuse paso á parte práctica.

Podes premer aquí, se che apetece lembrar ou ver algunha das imaxes desas sesións.

NUTRICOLES. Formación sobre nutrición para o alumnado, semana do 27 ao 31 de marzo.

Ao longo de varias sesións desta semana, o alumnado de EI e EP, acompañado de diferentes mestres/as, recibiron información sobre nutrición. Ademais, realizaron distintos xogos, adaptados ás idades e pensaron en ingredientes para a elaboración de ensaladas e algunhas outras comidas saudables, que tratarán de por nos menús do comedor de maio e xuño.

Esta actividade trata de complementar ao traballo diario, levado a cabo polo profesorado, na procura de que nenos/as vaian tomando cada vez máis froita variada (especialmente de tempada), así coma lácteos, pan integral, bocatas, ... na merenda de mediamañá.

Se queres ver imaxes de dita actividade, pincha aquí.

Outes soñando o patio.

Este curso o noso centro acada o medio século de vida... Evidentemente, en cincuenta anos, o centro foi precisando reformas, unhas xa realizadas como a impresionante biblioteca, recentemente inaugurada, as aulas de EI e o 1º ciclo de EP, etc e outras nas que xa se pensou e seguen pendentes...

Por suposto, en cinco lustros, non só foron precisas reformas materiais, senón tamén nas relacións persoais, no ensino-aprendizaxe...

Como sabemos, especialmente nos derradeiros anos, a maneira de desfrutar do tempo de lecer tamén mudou... Así que, aproveitando isto e a moita falta de renovación que ten o noso patio, alumnado e profesorado, primordialmente, puxémonos mans á obra, partindo do proxecto de centro do actual: "Outes soñando patio". Así, tras abordalo tema en cada aula, levouse ao Consello da Infancia, para pouco despois crear varias comisións con nenos/as de diferentes niveis, coordinados/as e asesorados/as por un ou dous profesores/as. Nestas comisións vanse aportando ideas, buscando información, elaborando debuxos e maquetas, para logo levalas á práctica no propio centro. As familias da Comunidade educativa tamén teñen cabida, sobre todo, aportando diferente material. 

Xa nos tarda ver as ideas plasmadas nas distintas zonas do patio e, especialmente, ver ao noso alumnado realizando múltiples tarefas, xogos físicos... que contribúan na mellora da súa condición física e na súa saúde.

Se queres ver imaxes de como se traballa nas diferentes comisións só debes premer aquí.

Fase provincial de (Campo a través) Cros en Ferrol, 17/03/23

O venres, 17 de marzo, levouse a cabo no Club de Campo de Ferrol a Fase Provincial de Cros (antes Campo a Través).

O noso centro estivo representado polo equipo Benxamín masculino, que se clasificara previamente en Noia, na Fase Intercomarcal. Os nosos nenos fixérono moi ben e, a pesares de que nesta ocasión non puideron subir ao podio, acadaron un meritorio cuarto posto.

Moitas grazas polo voso esforzo, corazóns!!!

Queremos agradecer tamén ás familias polo seu apoio.

No que ás competicións desta actividade se refire, toca agardar deica o novo curso. Aínda  que todos/as podemos seguir correndo, grazas á contorna na que vivimos.

Se vos apetece ver algunhas imaxes do circuíto e dos nosos corredores só debedes premer aquí.

Estacións de xogos físico-lúdicos para celebrar o Entroido, no noso cole, o 17-02-23

O venres, 17 de febreiro, celebramos O Entroido no colexio e, entre outras cousas, organizáronse e realizáronse unha serie de xogos físico-lúdicos, coa idea de promover o exercicio físico, ao tempo que se desfrutaba a xornada.

O alumnado estaba dividido en catro grupos de idades mixtas, dende 4º de EI a 6º de EP. Ía percorrendo o centro, ao tempo que gozaba coa realización das actividades citadas e doutras coma: manualidades, construcións, xogos de luz... Por suposto, nas diversas estacións, había profesorado para explicar cada actividade e axudar a quen puidese precisalo. Pero, ademais, cada grupo desprazábase acompañado dun profesor/a.

De seguida, poderás ver diferentes fotografías desa gran xornada, na que alumnado e profesorado celebramos O Entroido de modo diferente, ao que viñamos facendo antes da pandemia. Preme aquí e quizais te vexas nalgunha das imaxes.

Distribuir contido


by Dr. Radut