Skip to Content

Educación física

Andaina de 2º EP, dende Broña á Punta do Requeixo (ida e volta) o 9 de xuño.

O día 9 de xuño o alumnado de ambos segundos de EP, un titor e o/a profesor/a de EF realizamos unha andaina, dende Broña á Punta do Requeixo (ida e volta). Pero, non só desfrutamos da marabillosa paisaxe, senón que tamén recollemos o lixo que iamos atopando e enchemos varias bolsas. Logo, xa de volta, en Broña merendamos e realizamos os xogos populares do tiro da corda e o pano. Os nenos e nenas participaron de maneira activa ao longo da xornada.

Se tes ganas de botarlle unha ollada ás imaxes desta xornada, faino, premendo aquí.

Bautismo na actividade de Xogade: "Piragüismo-Dragóns", para os sextos de EP o 7 de xuño..

O martes, 7 de xuño, o alumnado de 6º de EP, as súas titoras e a profesora de EF tiveron o bautismo na actividade de Xogade: "Piragüismo_Dragóns", nas inmediacións do Club Náutico de Portosín.

Malia que as actividades náuticas nos encantan, neste caso atopamos dous puntos débiles: por unha banda, pareciunos de moi curta duración (unha hora escasa) e por outra, ao seren embarcacións para 22 persoas (e quizais por sermos novatos/as), cando paleabamos tocabamos cunhas pas nas outras. Pero, aínda así, o vindeiro ano procuraremos volver.

Para ver as fotografías desta nova actividade, preme aquí.

Andaina de 5º EP, polo monte de Cando, na contorna do Tambre o 27 de maio.

O 27 de maio 5º de EP realizou unha andaina, polo monte de Cando, na contorna do Tambre. Aínda que a idea era saír do lugar do Loureiro (Cando) e chegar ata a Central do Tambre I (Santa María de Roo), para logo regresar ao punto de partida, desta vez non puido ser... O día era precioso e facía calor, aínda que coas árbores non se notaba demasiado. Pero, aínda así, un dos nenos non era capaz de levar o ritmo preciso para realizar o percorrido no tempo co que contabamos. Deste xeito, cando o alumnado tivo fame, paramos a merendar e repoñer enerxías para logo volver ao punto de partida, onde nos esperaba un autobús.

Agardemos logralo o vindeiro curso! 

Para ver as fotografías desta actividade, preme aquí.

Andaina de 4º EP, dende o porto do Freixo á praia de Broña, o 25 de maio.

O alumnado de ambos cuartos de EP, os titores/as, a coidadora dun dos nenos e a profe de EF realizaron unha andaina, dende o porto do Freixo á praia de Broña. Ademais, foron recollendo canto lixo atopaban ao longo do percorrido e a verdade é que encheron varias bolsas

Unha vez en Broña, repuxéronse enerxías e realizáronse dous xogos populares na praia: o tiro da corda e o pano.

Se tes curiosidade, pola paisaxe do percorrido, o lixo que se recolleu, as facianas de nenos/as xogando, etc, preme aquí.

Xornadas teórico-prácticas de Primeiros auxilios, para o alumnado de EP, ao longo do mes de maio.

Durante o mes de maio, Alejandro Liñán (membro de Protección Civil de Outes, voluntario da Cruz Vermella de Noia e bombeiro de profesión) acudiu ao centro, de forma altruista, un curso máis, para impartir unhas sesións teórico-prácticas sobre a maniobra de Heimlich e a técnica de RCP, dentro de Primeiros auxilios. A actividade propúxose dende o departamento de EF.

Dado que levamos varios cursos realizándoa, antes de empezar, Álex facía un sondeo para ver con que contidos se quedaran e con cales non.

Afortunadamente, na maioría dos casos, nenos e nenas manifestaban interese pola actividade e presentábanse como voluntarios/as á hora de realizar as prácticas.

Preme aquí para acceder ás imaxes desta actividade.

3º EP realiza unha etapa do "Camiño de Santiago da ría de Muros e Noia" o 27 de abril.

O alumnado de 3º EP e a súa titora están traballando o Camiño de Santiago e, xunto coa súa profe de EF, decidiron realizar un dos tramos. Pouco a pouco, foron dándolle forma á idea e chegaron á conclusión de que sería bonito percorrer un tramo do "Camiño de Santiago, da ría de Muros e Noia", posto que pasa polo noso Concello.

Acordaron convidar ás súas familias a percorrer o tramo do Freixo á Serra de Outes con eles/as, a súa titora e a súa profe de EF.

Dende o centro, falouse con Protección Civil para que algunha das persoas que compoñen tal entidade nos acompañase e así o fixeron, polo que queremos darlle as grazas.

Xa  no propio día, saímos en autobús cara á contorna da Igrexa de San Xoán de Sabardes e dende alí fomos camiñando por diversas zonas do Freixo (parando a merendar e repoñer forzas nunha zona limpa do monte). Logo, continuouse coa ruta cara á parroquia de San Xoán de Roo, ata chegar ás instalacións do antigo "Emilio de Navasqüés", onde xa estaba revisto realizar a seguinte parada e aproveitar para xantar. Unha vez alí, comeuse á sombra do patio cuberto. Un pouco despois, realizáronse algúns xogos populares: brilé, tiro da corda, pilla-pilla e algo máis tarde emprendeuse a marcha cara á Serra.

En canto ás familias, agradecerlles o seu esforzo por participar na actividade, pois houbo quen tivo que cambiar a quenda de traballo, quen se incorporou tras rematalo, etc. Pero, coidamos que mereceu a pena e agardamos as familias tamén o pensen.

Para poder ver as imaxes desa magnífica xornada, preme aquí.

 

I CARREIRA SOLIDARIA, NO CEIP PLURILINGÜE DE OUTES, A PROL DA "CRUZ ROJA". 20-12-21

O luns, 20 de decembro de 2021, realizouse a I CARREIRA SOLIDARIA, a prol da "Cruz Roja" no noso centro.

A idea partira do equipo, que leva a cabo o PVDA no centro. Pero, saiu adiante, grazas á aprobación e colaboración do claustro a nivel xeral e do equipo de ACE, en particular.

Dicir que, tras falar con representantes da "Cruz Roja" en Noia (que tamén traballa co noso concello), acordouse enviar información ás familias, contándolles a nosa idea e solicitando a súa colaboración, enviando ao centro de material escolar novo. Ademais, segundo as voltas sumadas entre alumnado e profesorado, o centro mercaría máis material (escollido por cada aula, en función das súas voltas). Por suposto, as doazóns non as levaron a cabo só as familias, senón tamén o profesorado, o persoal laboral do centro e algún negocio da contorna, adicado á venda deste tipo de material).

Queremos dar as grazas, pola altruista colaboración a todas aquelas persoas, que fixeron posible todo isto e, especialmente, ao alumnado e profesorado participantes na carreira, polo seu esforzo para acadar un bo número de voltas. 

Todo o material recaudado entregarase á "Cruz Roja" en xaneiro.

Se desexades ver as fotografías desta actividade, só debedes pinchar aquí

 

NOVEMBRO, MES DO TROMPO.

Como a maioría escoitamos nalgunha ocasión, di un dos moitos refráns populares galegos que: "Polo San Martiño, trompos ao camiño". Así que, cada ano, ao chegar o mes de novembro animamos ao alumnado a que traia ao centro os seus trompos e os boten a bailar.

Está claro que, este xogo, tan popular e tradicional, non só na nosa contorna, senón tamén noutras moitas, onde máis se promove e fomenta e na área de EF. Polo que, é habitual ver diferentes grupos de nenos/as aprendendo a envolver os cordeis nos trompos e a botalos a bailar, nalgún patio, durante algunha das sesións de EF. Por suposto, nestes intres empregan os cordeis e os trompos da citada área.

Porén, nos recreos o xogo é libre e son os propios nenos/as os/as que axudan e ensinan a quen ten dificultades, evidentemente, dentro do grupo burbulla. Ademais, tamén nestes intres, se puido ver algún outro mestre/a, sen ser a de EF, envolvendo e botando a bailar os trompos.

Se premes aquí, poderás ver algunha imaxe de diversos recreos e nenos/as, envolvendo os cordeis e facendo bailar os trompos. 

 

O SAN MARTIÑO, 11-11-21

O xoves, 11 de novembro, celebrouse o San Martiño, cunha exhibición de baile de trompos, grazas á boa predisposición de varios nenos e nenas de 3º a 6º de EP (dos/as que mellor facían bailar os trompos).

Deste xeito, leváronse a cabo dúas quendas: unha de EI, 1º e 2º de EP e outra de 3º a 6º de EP, en diferntes pistas do recinto escolar. Por suposto, respectáronse as distancias pertinentes entre os grupos.

O grupo de nenos/as, representantes de 6º de EP, explicáronlles aos/ás de  EI como se denoninaba cada parte do trompo e logo envolvéronlles os cordeis e botáronos a bailar, diante do edificio administrativo. Namentres, o grupo de 4ºA e 5º de EP facía o mesmo co alumnado de 1º e 2º de EP, na pista pechada.

Logo, repetiuse a exhibición nas mesmas zonas, aínda que para o alumnado e profesorado de 3º a 6º de EP. Nesta ocasión, o alumnado de 3º, 4ºA e 6ºA de EP permaneceu diante do edificio administrativo, gardando a distancia axeitada, para atender as explicacións dos nenos/as, representantes de 4ºB EP e ver como facían bailar os seus trompos. Ao mesmo tempo, na pista pechada, o grupo máis noviño, representante de 3º EP, facía o propio para o alumnado de 4ºB, 5º e 6ºB.

Pódense ver algunhas imaxes das exhibicións premendo aquí.

 

O MAGOSTO, 5-11-21.

O venres, 5 de novembro, celebrouse o Magosto no noso centro.

Dada a situación COVID-19, que estamos a vivir, alumnado e profesorado tiveron que levar á practica as diferentes actividades por grupos burbulla.

Como vén sendo habitual, dende hai anos, realizáronse diversos xogos populares: bólos, tiro de corda, trompos, o come-castañas, carreiras de sacos, etc. Así coma outras actividades físicas, con material alternativo, coma as dos paracaídas.

Evidentemente, tamén se degustaron as tradicionais castañas asadas e se bailou ao son de gaitas e tambores (O grupo de música tradicional, no que toca a  gaita Insua, un dos nosos profes de Música, xubilado na actualidade).

Para ver algunhas imaxes desa celebración, hai que pinchar aquí.

 

Distribuir contido


by Dr. Radut