Skip to Content

Visita ao Estaleiro Hermanos Abeijón, á lonxa do Freixo e andaina dalí a Broña o xoves, 3 de outubro, pola mañá.

O xoves, 3 de outubro, a iso das 10:15h o alumnado de 5º de EP, as súas titoras e a mestra de EF subiron a un autobús, nas inmediacións do centro educativo, para dirixirse ao Estaleiro Hermanos Abeijón no Freixo. Unha vez alí, visitaron as instalacións e observaron como distintos operarios realizaban diversas tarefas. Nesta ocasión, un grupo traballaba en tarefas de reparación e posta ao día de dous barcos (un arrastreiro de pesca e un bateeiro) e o outro grupo afanábase no desmantelamento dunha terceira embarcación.Respecto ao material de refugallo, que ían obtendo ao desfacer dita embarcación, aprenderon que iría parar a unha pranta de reciclaxe. Por certo, máis dun dos visitantes, sorprendéronse ao comprobar como o bateeiro, que estaban desguazando, levaba cemento na parte baixa coma contrapeso para proporcionarlle a estabilidade precisa ao porlle enriba a carga de mexilóns.

Coma noutras ocasións, unha das persoas responsables de sacar adiante o estaleiro, Fátima, fixo de guía. Ela estivo pendente, en todo momento, de explicar as tarefas que alí se levan a cabo e de responder a cantas preguntas foron xurdindo.

Logo, nenos/as e mestras dirixíronse á lonxa e, tras preguntar se podían visitala, fixeron tres grupos e entraron, por quendas para vela e comprobar o seu funcionamento. Xa dentro, viron como os afamados berberechos da Ría de Muros e Noia, que enchían os capachos dos mariscadores e mariscadoras, así coma as ameixas, aínda que en menor medida, pasaban ás cintas clasificadoras nas que separaban os bivalvos, segundo a talla. Como cabía esperar, algúns nenos/as atopáronse con familiares e/ou veciños aos que saudaron con entusiasmo.

Máis tarde, tomaron dirección Broña. Foron a pé dende o porto do Freixo, percorrendo tamén o paseo marítimo e ao chegar subiron ao autobús, que os/as estaba agardando para retornar ao centro.

Queremos darlle as grazas aos donos do estaleiro en xeral e a Fátima, en concreto, pola súa paciencia, a amabilidade coa que sempre nos trata e polo tempo que nos adica e tamén aos/ás traballadores/as da lonxa por permitir a visita.    

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 



page | by Dr. Radut