Skip to Content

Complementarias e extraescolares

SAMAÍN 2021

PROXECTOS DE VIDA ACTIVA E SAUDABLE. PDC

PDC

 

Este programa pretende axudar aos centros a elaborar o seu proxecto de vida activa e deportiva, abordando a loita contra o sedentarismo, o sobrepeso e a obesidade a través do incremento, dentro e fóra do horario lectivo, da carga real de actividade física que realiza o alumnado.

 

Aquí, como vimos facendo dende hai xa uns cantos cursos, no presente 2022/23, elaboramos tamén o PVAS e nel planificamos un bo e variado número de actividades, como por exemplo:

- Patios activos e divertidos.

- Realización de talleres de Seguridade Viaria.

- Participación en “Campo a Través” (Xogade). 

- Xornadas con actividades físicas e/ou lúdicas en celebracións coma o Magosto,...

- Elaboración de xoguetes para actividades lúdico-deportivas con materiais de refugallo e/ou da natureza.

- Sesións teórico-prácticas de RCP e atragoantamento en EP, impartidas por persoas pertencentes á Comunidade educativa, coa titulación oportuna.

- Andainas pola contorna.

- Milla.

- Promoción de actividades físicas, a través da Aula virtual e/ou de Edixgal, segundo o nivel educativo.

- Charlas sobre alimentación saudable.

- Incorporación doutras actividades físicas: hípica, piragüismo-dragón, kaiak, etc. 

Celebración do 50 aniversario do centro o 16-06-23.

Neste curso, 2022-23, o noso centro acadou os 50 anos de vida. Por este motivo, púxose en marcha a organización do evento, co que celebrar dito aniversario.

Pouco a pouco, foron xurdindo ideas e foise falando con diversas institucións e/ou asociacións da contorna, ao tempo que se traballaba no colexio, para ter listo o material preciso e preparadas as instalacións.

Por suposto, queríaselle dar a oportunidade, a cantos/as pasaran polo colexio nalgún intre da súa vida: exalumnos/as, exmestres/as, extraballadores/as non docentes, de coñecer de primeira man os cambios que foron transformando diferentes zonas do centro nos derradeiros anos e aquelas outras (as menos) que permanecen case como no seu inicio.

Porén, pensábase que o básico sería contribuír a revivir diversas actividades e/ou vivencias, levadas a cabo nas instalacións do centro ou fóra del, realizando excursións, por exemplo. Deste xeito, elaborouse un vídeo con fotografías de distintas épocas e fíxose unha exposición con outras, ao tempo que se prepararon varias estacións de xogos populares: trompo, corda, estornela, aro con manillar/guía, carreiras de sacos, o pano, bólos, a ra, os zancos, o arratramortos ... Ademais, para amenizar a xornada contouse coa participación do grupo de música tradicional: "Cherumia", do Liceo de Noia outro de pandeireteiras e de baile tradicional: "Pandeireteiras do Tremuzo" do Freixo (Outes) e, xa para rematar a xornada, a banda: "Uxía Lambona e a Banda Molona" deu un concerto, co que gozaron, fundamentalmente, os/as cativos/as. 

Malia a todo e dado que o curso xa está concluíndo, quíxose aproveitar para darlle a coñecer á Comunidade educativa e ao resto de asistentes ao acto o proxecto realizado ao longo do curso: "Outes soñando o patio", por todo o alumnado e profesorado do centro, premiado en Polos Creativos na etapa de Primaria.

Queremos darlle as grazas aos/ás asistentes e colaboradores/as na celebración (especialmente a aqueles/as que fixeron km para achegarse ao centro) por acompañarnos nesta importante data, á vez que agardamos ter acertado na escolla de: obradoiros, exposicións, estacións de xogos populares, etc, para que todos/as desfrutásemos dunha marabillosa tarde.

Para rematar, aclarar que, aínda que nos gustaría subir fotos dos/as asistentes ao evento, só o faremos dalgunha imaxe representativa da xornada. Pois, ao estaren presentes menores non pertencentes ao centro, non dispoñemos dos permisos pertinentes. Se che apetece botarlle unha ollada, preme aquí. 

A por outros cincuenta!!!

Xornada de convivencia do 1º ciclo de EP, cunha andaina dende O Freixo a Broña e logo xogo libre o 15-06-23.

O 15 de xuño o alumnado do 1º C de EP, parte do seu profesorado e algúns familiares realizaron unha andaina dende A Ribeira do Freixo a Broña. Camiñaron polo paseo marítimo nun día solleiro, polo que agradeceron a sombra das árbores que hai en diversas zonas do marabilloso traxecto.

Unha vez en Broña, brincaron e conversaron un pouco na praia e no parque que hai a só uns metros dela, para logo retornar ao centro arredor das 13h e seguir coa xornada lectiva.

Agardamos que as familias asistentes desfrutasen da actividade e queremos agradecerlle a súa participación.

Se che apetece ver algunha imaxe desta xornada só tes que pinchar aquí.

Xornada de convivencia de EI, cunha andaina e posterior xogo libre, na contorna de Broña o 14-06-23.

 

O 14 de xuño o alumnado de EI e profesorado do centro saíron en autobuses cara a Broña, onde os/as agardaban algúns familiares e logo dos saúdos, bicos e apertas pertinentes realizaron unha andaina dende Broña á Punta do Requeixo (ida e volta) e máis tarde brincaron e conversaron na area.

Grazas ás familias participantes na actividade e agardamos fose do voso agrado!.

Se queres ver algunhas imaxes desta actividade preme aquí.

Piragüismo-Dragón para 6º e 5º niveis de EP en Ponte Nafonso, 02-06-23.

O venres, 2 de xuño, o alumnado de 5º e 6º niveis de EP e varios/as mestres/as (incluída a de EF) acudiron ás instalacións do Club de Piragüismo de Outes, en Ponte Nafonso, para levar a cabo a actividade de Piragüismo-Dragón.

Dita actividade realizaríase en dúas quendas, a primeira con sexto e a segunda cos quintos e, grazas aos monitores/a e ao  día solleiro día e sen vento, resultou marabillosa. Quedou claro  que,  a actividade (coma moitas outras actividades físicas de equipo) requeriu de coordinación, cooperación, colaboración, esforzo conxunto...  e, aínda así, soubonos a pouco, pois o tempo pasounos voando.

Queremos agradecerlle ao persoal do citado Club, a súa xenerosidade e boa disposición. 

Podes premer aquí, si desexas ver algunhas das imaxes da fantástica xornada. 

Xornada de bautismo en kaiak e autobaleirables para 4º de EP no Tambre, 26-05-23

O 26 de maio o alumnado de 4º de EP, as súas titoras e a profesora de EF visitaron as instalacións do Club de piragüismo de Outes, para levar a cabo a actividade de bautismo en kaiak e autobaleirables no Tambre á altura de Ponte Nafonso.

Unha vez realizadas as presentacións oportunas e cambiarnos, María e Gabriel, os monitores da entidade foron dándonos as explicacións pertinentes e repartindo os elementos de axuda a flotación (chalecos salvavidas) e axudándonos a colocalos. Logo, baixamos as embarcacións ao Tambre e, debido ao vento que ese día facía, leváronnos coas embarcacións de apoio deica pasar da marabillosa ponte, que lle dá nome á zona, Ponte Nafonso, para despois levar a cabo a actividade propiamente dita. 

Dicir que a inmensa maioría gozou coa actividade e que manifestaron as gañas de repetila, cousa que nos alegra moito.

Se queres ver algunha imaxe desta actividade, preme aquí. 

Xornada de toma de contacto co mundo equino e coa hípica na "Estibada ecuestre", para 3º de EP o 24-05-23.

O 24 de maio o alumnado de 3º EP, as súas titoras e a súa profesora de EF levaron a cabo unha xornada de toma de contacto/bautismo (para a maioría) no mundo equino e na hípica, grazas á boa predisposición altruista da dona da "Estibada Ecuestre", axudada nalgún intre por unha empregada. 

Tras chegar ás instalacións e realizar as presentacións oportunas, Kecha (a dona da Estibada) realizou unha serie de explicacións, referentes ás instalacións e aos animais que alí conviven (varios cans/cadelas, gatos, cabalos/éguas e tartarugas). Logo, foi collendo varias das éguas máis dóciles e explicándonos como se cepillaban, de que se alimentaban, como se lles limpaban as ferraduras, para que levaban ditas pezas, etc.

Evidentemente, á inmensa maioría dos nenos/as, facíalles moitísima ilusión tocar aos animais e, claro está, montar nalgún dos equinos, aínda que tamén había quen tiña certo nervosismo e algo de respecto polos animais.

Máis tarde, fíxose unha parada para merendar e beber e, algo despois, continuouse coa actividade e levouse á práctica a tan agardada monta nas éguas. Deste xeito, incluso quen chegara con certos temores quixo probar e as facianas eran de auténtica ledicia.

Queremos agradecerlle, primordialmente, a Kecha, que fixese posible, de forma altruista, que a actividade puidese levarse a cabo e que alumnado e profesorado a puidésemos desfrutala. 

Tamén, darlle as grazas a Mónica e, como non, ás dúas Lolas, a Elena e a Brais por colaborar cos seus coñecementos na materia e compartilos con todos/as nós. 

De seguido, terás á túa disposición diversas imaxes dese día premendo aquí.

Xornada de convivencia de 6º EP cunha andaina, dende o pazo do Tambre á Central hidroeléctrica Tambre I (ida e volta) e xogos populares, 19-05-23.

19 de maio o alumnado de 6º EP, a súa profesora de EF e o seu profesor de Inglés levaron a cabo unha xornada de convivencia, a través dunha andaina e a realización de varios xogos populares, principalmente.

Por suposto, tamén se conversou ao longo da xornada e se comentaron experiencias, vivencias, emocións, etc.

Quedou patente, cos comentarios da maioría, que a paisaxe, cruzar a ponte-colgante, ver os edificios alí construídos, foron un acerto para realizar as actividades da xornada.

Neste caso, dicir que non nos acompañou ningún representante de ningunha das familias,  a pesares de convidalas, como se fixo no resto de grupos.

Se tes gañas de botarlle unha ollada ás imaxes dese día e revivilo, preme aquí.

Xornada de convivencia, a través dunha andaina e xogos populares de 5º EP, 18-05-23.

O 18 de maio o alumnado de 5º de EP, a súa profesora de EF e o titor/a do grupo A e B, respectivamente, xunto a varios pais e nais do alumnado deste nivel, realizaron unha andaina dende Rates até a praia de Broña, onde merendaron, realizaron diversos xogos populares, debuxaron e brincaron na area e, por suposto, conversaron, para rematar a xornada cunha visita ao exterior do Museo da carpintería de ribeira .

Queremos agradecerlle ás nais e aos pais que nos acompañaron e se esforzaron, para que os nenos e nenas desfrutasen da xornada, maís aínda se cabe, a súa participación e agardamos desfrutasen das actividades realizadas.

Se queres ver algunhas das imaxes de dita xornada, preme aquí.

Distribuir contido


by Dr. Radut