Novas do Colexio

Novas de interese do Colexio

O ENTROIDO NO COLEXIO

Durante esta semana do 28 de xaneiro ao 1 de febreiro de 2008 celebramos o Entroido no noso Colexio. Todos os días o Meco vai dando unhas ordes para que cumpran alumnos/as e mestres/as. No mércores 30 de Xaneiro faise un ano máis a Degustación de sobremesas de Entroido, xa tradicional no noso Colexio. Estas sobremesas son elaboradas polo alumnado e familias nas casas. No caso do alumnado pertencente a familias inmigrantes, as sobremesas son propias dos seus países de orixe. Con todas as sobremesas faise unha exposición para que sexan vistas por todos/as e logo procédese a súa degustación. O venres 1 de febreiro faremos o Desfile de Entroido, logo do enorme traballo feito polo profesorado e alumnado. Este desfile comezará ás 10.45 aproximadamente e será dende o Colexio ata a Praza Maior de Ponteareas, pasando por varias rúas do casco urbano. Neste desfile tamén participan outros colexios do Concello. Por outra banda, neste ano por vez primeira en moitos anos, un grupo de nais e pais e alumnos/as forman unha Comparsa que vai levar o nome do Colexio e que participará no Concurso de Comparsas do Concello de Ponteareas, desfilando o domingo 3 de febreiro e o martes. 

Esperamos pasalo moi ben.

OS ALUMNOS E ALUMNAS DE 1º A PRIMEIRO PREMIO NUN CONCURSO

O alumnado de 1º A, coordinado pola súa titora Mª Victoria, acadou o Primeiro Premio no Concurso de debuxo "Somos diferentes, somos iguais", convocado polo Servizo de Información ao Emigrante e Inmigrante do Concello de Ponteareas.

O traballo presentado é todo un exemplo do tratamento que recibe a atención á diversidade no C.E.I.P. "Nosa Señora dos Remedios".

Felicitamos aos premiados/as.

SEMINARIO PERMANENTE DE EDUCACIÓN INTERCULTURAL

Igual que en anos anteriores, seis mestras/es do noso C.E.I.P. "Nosa Señora dos Remedios" teñen concedido un Seminario Permanente de Educación Intercultural por parte da Consellería de Educación. Para este curso hai dúas novas incorporacións e xa se está a traballar en diversas actividades a desenrolar durante o curso.

No noso Colexio a Educación Intercultural ocupa un lugar privilexiado e a existencia de alumnado de diferentes culturas e países constitúese nun feito moi enriquecedor para toda a Comunidade Educativa.

Podes acceder a máis información deste Seminario Permanente entrando no blog do mesmo

O C.E.I.P. "NOSA SEÑORA DOS REMEDIOS" CONTA CUN PLAN DE MELLORA DA CALIDADE TAMÉN NESTE CURSO

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia vén de aprobar o Plan de Mellora da Calidade para este curso 2007-08, que presentou o noso Colexio.

Somos o único centro da zona que conta cun Plan deste tipo e isto vai supoñer un novo pulo na mellora da calidade da educación que se presta neste centro.

Ademais, este curso contamos cun equipo de calidade no Colexio que vai traballar neste eido con continuidade.

Distribuir contido