Skip to Content

                       

vese un gif animado sobre o que está soando no fio musical

Charla da Garda Civil sobre os perigos de internet e das redes sociais

María e José Ángel da Garda Civil de Baiona-Nigrán volveron ao colexio de Fontes -Baíña o 22 de novembro para tratar as mesmas temáticas que na xuntanza coas familias, pero adaptadas ao alumnado de quinto e de sexto de primaria.  

As dúas clases recibiron unha formación sobre o uso seguro e responsable das novas tecnoloxías para promover o respecto dos dereitos e das liberdades fundamentais e os valores de dignidade e igualdade entre homes e mulleres.

Organizada dentro do Plan director para a convivencia e a mellora da seguridade nos centros educativos e nas súas contornas, a charla é unha das actividades do proxecto da ANPA « A igualdade : un mar de oportunidades » e foi solicitada pola dirección do centro.

O Plan director trata temáticas moi variadas para previr todo tipo de delitos que poidan ser protagonizados por escolares e unha das liñas máis demandadas polos centros e polas ANPA son, precisamente, aquelas centradas na concienciación e na formación para previr a violencia de xénero.

Os axentes explicaron temas como o enderezo IP, a suplantación de identidade como medio para chegar aos máis novos ; advertiron dos perigos que conlevan os medios sociais e de tomar conciencia de quen son os nosos contactos, posto que moitas veces os engadimos sen coñecelos de nada ; lembraron que o ciberacoso pode ocorrer en calquera momento e que nunca se debe silenciar, senón que se debe comunicar  á familia e ao colexio e tamén falaron do grooming, que ocorre cando un adulto se fai pasar por alguén de menor idade para conseguir imaxes persoais ou para quedar con el ou con ela.

Estamos seguros que se cumpriu o obxectivo de darlle ferramentas a toda a comunidade educativa para saber previr as distintas situacións ás que se ven sometidos os menores con respecto ao uso de internet e das novas tecnoloxías e tamén para saber afrontalas no caso de que se dean.

O alumnado amosouse atento e participativo. 

De parte de toda a comunidade educativa, dámoslle as grazas á Garda Civil por esta formación tan necesaria e tan interesante!



page | by Dr. Radut