blogue deAinhoa Suarez

PROXECTO OS RÍOS

Este trimestre o alumnado de 4º estivo traballando no PROXECTO OS RÍOS.

 

Como produto final, realizaron unha presentación que recollía a información indagada ao longo destes meses. Unha vez exposta aos seus compañeiros e compañeiras, foron á radio a gravala e así compartila con todo o mundo.

 

 

Agardamos que vos guste!!

 

 

RECITANDO A ROSALÍA

Para conmemorar o día de Rosalía de Castro, entre outras actividades, o alumnado de 4º foi á radio a gravar dous dos seus poemas. Primeiramente, practicamos a lectura e entoación dos mesmos na aula, para despois recitalos ante xs compis de todo o cole o día da celebración. 

Agardamos que vos guste o resultado!!

 

 

DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO - ADIÓS RÍOS ADIÓS FONTES EN LSE

Co gallo da celebración do Día de Rosalía de Castro, a intérprete do noso centro, Rosa Louro, foi gravando a tódolos grupos do cole mentres signaban este podema tan coñecido: Adiós ríos, adiós fontes. Grazas Rosa!!!

 

 

 

FESTIVAL DE NADAL 2023

Aquí tendes o Festival de Nadal celebrado nos últimos días de clase. Despois do traballo musical de todo o trimestre, este foi o resultado final. Grazas á profe Elsa pola organización, e ás demais persoas que participaron.

Agardamos que vos guste!!!

 

 

PANXOLIÑA EN LSE

Ao longo destes últimos días de clase, a nosa intérprete, Rosa, gravou un videoclip en LSE co alumnado de 4º. Estou segura de que coñecedes esta divertida panxoliña... "Volver a casa por Nadal". 

Agardamos que vos guste o resultado!!

 

ROTEIRO Á PRAIA DE PORTOMAIOR

Onte fixemos un pequeno roteiro de sendeirismo ata a praia de Portomaior. Saímos do cole á primeira hora da mañá, e comezamos vendo o peirao de Bueu. A profe Ami foinos explicando como era esa parte do noso pobo anos atrás, e descubrimos que había unha praia que ía dende Pescadoira ata a banda do río!

 

Despois pasamos polo clube de remo e baixamos á primeira praia: Petis. Alí comezamos a recollida de lixo, e comezamos a darnos conta da cantidade de cousas que algunhas persoas tiran ao chan, contaminando así o noso entorno natural.

 

Continuamos a camiñata pola praia de Loureiro, onde descubrimos unha rocha partida á metade, que marca a fronteira entre Bueu e Cela; e seguimos cruzando Agrelo ata chegar a Portomaior. Cando chegamos alí xa xuntaramos tres bolsas cheas de lixo!

 

Unha vez alí puidemos merendar e repoñer forzas para escoitar a interesante charla que nos deu Suso, da asociación ecoloxista ANDUXÍA. El explicounos un montón de cousas sobre o ecosistema da duna, aínda que despois do proxecto que estudamos este curso, había algunhas que xa coñeciamos. 

 

Por último, o profe Jose Ángel preparounos algúns xogos na area. Acabamos moi moi cansos, pero pasámolo xenial.

 

CORRELINGUA EN MOAÑA

Hoxe, o alumnado de 1º, 2º e 3º de primaria foi a Moaña a celebrar o CORRELINGUA, e reivindicar así o uso da lingua galega.

 

A xornada consistiu nunha xuntanza da meirande parte das escolas da comarca do Morrazo. Primeiramente, realizamos unha marcha dende a praia da Xunqueira ata o palco da música, onde lucimos os carteis coas palabras galegas que previamente preparamos nas aulas, mentres berrabamos o lema deste ano: NA CASA E NA ESCOLA, BOTA A LINGUA FÓRA!

 

Cando chegamos, tomamos a merenda mentres os compis dos outros coles se ían colocando na explanada. E por fin chegou o momento máis esperado: o concerto de Brais das Hortas e Peter Punk, que nos cantaron, entre outras moitas, a xa coñecida canción de OSO DO COUREL.

 

 

No seguinte vídeo podedes ver as fotografías da excursión.

 

OBRADOIRO "QUEN VIVE AÍ"?

Como sabedes, este trimestre estamos levando a cabo un proxecto sobre ECOSISTEMAS. Con tal motivo, tivemos un obradoiro relacionado cun dos niveis máis importantes das cadeas tróficas: OS DESCOMPOÑEDORES.

Na primeira sesión nos falaron sobre a reciclaxe, e especialmente sobre a compostaxe, xa que no cole contamos cun composteiro, e alí é onde viven os bichiños e microorganismos que se encargan de descompoñer todo o que atopan.

Xa na segunda sesión do obradoiro, veu a parte máis interesante… Fomos ao composteiro a recoller unha mostra de compost, e a repartimos nas caixas que tiñamos en cada un dos equipos da aula.

  

A continuación, axudándonos dos pinceis e lupas que nos deron e comezamos a buscar seres vivos. Atopamos moitos bichos bola, ovos de insectos, sementes, vermes… e os observamos a través do microoscopio.

 

 

 

 

 

Nas fotos podedes ver o moito que traballamos!

 

  

OBRADOIRO DE NÓS MARIÑEIROS

Como sabedes, este curso o noso centro volve participar no festival solidario ART FOR CHANGE, que terá lugar o vindeiro sábado 29 de abril. Con tal motivo, colaboramos coas familias para elaborar un dos produtos que se van vender neste día no noso stand: chaveiros de nós mariñeiros.

As mestras non tiñamos nin idea de cómo facer isto, pero sabíamos que nun pobo mariñeiro como Bueu habería moitos expertos e expertas no tema, e decidimos pedirlles axuda. A resposta foi moi positiva, xa que acudiron ao obradoiro avós, pais, nais, tíos…

A actividade foi todo un éxito, e tanto o alumnado coma as familias quedaron satisfeitos co traballo realizado. Agradecemos a vosa implicación, e agardamos vervos mercar moitos chaveiros o sábado na Praza Massó!

CHARLA SOBRE ANIMAIS CON FRAN, PABLO E HUGO

Hoxe tivemos unha visita moi especial, un papá con dous nenos que foron alumnos do cole e que seguro coñecedes: Pablo e Hugo.

 

Como sabedes, este trimestre estivemos levando a cabo un proxecto sobre animais. Por este motivo, Fran veu darnos unha pequena charla sobre o tema.

Comezou explicándonos a relación entre os seres humanos e os animais, e a continuación falounos dun montón de curiosidades moi graciosas e sorprendentes. Algunhas xa as sabíamos, pero con outras alucinamos.

 

Despois, veu a mellor parte: ensinounos as fotografías da súa viaxe a Kenia. Nelas puidemos ver animais salvaxes incribles! Explicounos como se sentiu ao velos, tocalos…

Noutras observamos a forma de vida dunha tribu africana, e finalmente tróuxonos un aparello que estas persoas empregan para cazar.

 

Nas fotos podedes ver o felices que quedaron os nenos e nenas. Grazas pola vosa visita chicos, agardamos atoparvos pronto!!!

Distribuir contido