O TEMPO MADE IN BUEU

REXISTRAMOS O TEMPO METEOROLÓXICO NO COLE

Durante dúas semanas, dende o vinte de febreiro ata o tres de marzo, o alumnado de 6º de Primaria rexistramos as temperaturas e precipitacións que observamos na caseta meteorolóxica.

Nestas semanas recollemos recortes de xornal coas fases da lúa e a porcentaxe (que traballaremos en Matemáticas) da súa visibilidade na noite anterior.

Lembrade, tamén, que xa podemos poñerlle as trampas ás velutinas como o ano pasado.

Agora pasámoslle a testemuña a 5º.

Ata a próxima!

OBSERVANDO O TEMPO

No mes de febreiro, tocounos ao alumnado de 1º observar o tempo. Descubrimos que somos unha Meteoescola e que é moi importante que recollamos ben os datos para poderllos enviar a Meteogalicia.

Realizamos moitas actividades relacionadas co tempo, ademais da observación anotabamos diariamente os resultados no panel da Biblioteca, e incluso fixemos unha lectura sobre o nome dos aparellos Meteorolóxicos. Tamén observamos e tratamos de comprender o calendario de luadas de febreiro.

O alumnado comezou a percatarse de que sucedían cousas arredor relacionadas coa meteoroloxía e rapidamente informan as mestras dos achados... Como o día no que as rodas apareceron conxeladas!!!

O que máis nos gustou foi recoller a chuvia, pero tivemos mala sorte pois non choveu apenas... Esperamos que a seguinte vez que volvamos podamos atopar auga no pluviómetro!

PROXECTO DE METEOROLOXÍA 3º PRIMARIA

Aproveitando que o alumnado de terceiro desenvolvemos un proxecto de meteoroloxía no comezo do segundo trimestre, visitamos a caseta meteorolóxica durante todo o mes de xaneiro.

 

Cada día tras comprobar os parámetros de temperatura, presión atmosférica, humidade e precipitación iamos rexistralo no recunchode meteoescolas.

Empezamos a familiarizarnos cos climogramas e construímos un por cada semana.

Tivemos a sorte de rexistrar o acontecido por dúas borrascas: GÉRARD e HANNELORE, que nos permitiron recoller no pluviómetro precipitacións de máis de 30 ml. Tamén comprobamos que  a diferenza entre a temperatura máxima e mínima era moi pequena.

As dúas últimas semanas o tempo cambiou por completo. Estivemos dominados por un anticiclón que trouxo o tempo moi seco pero con temperaturas mínimas moi baixas e máximas sorprendentemente altas. Fixádevos como cambiou o climograma.

 

Durante este proxecto, investigamos sobre moitos aspectos tan de actualidade como cambio climático, quecemento global, burato da capa de ozono ou efecto invernadoiro. Tamén indagamos sobre fenómenos atmosféricos extremos como furacáns, ciclóns, tornados, secas ou inundacións. Encantounos saber sobre acontecementos meteorolóxicos misteriosos como nubes luminiscentes, auroras boreais, neve rosa, chuvia de animais… ou descubrir quen inventou o pluviómetro, o termómetro, o barómetro ou anemómetro.

PROXECTO DE EXCELENCIA

Neste 2º trimestre recibimos unha agradable sorpresa relacionada con Meteoescolas:

Déronnos o Proxecto de Excelencia do traballo elaborado o curso anterior!!!

Ademais de recibir o Diploma acreditativo, recibimos unha manga de vento que nos apresuramos a colocar na nosa garita meteorolóxica.

NON PAROU DE CHOVER!

Na semana do 21 ao 25 de novembro á nosa clase de 4ºA tocounos recoller os datos da caseta meteorolóxica. É unha actividade que nos gusta moito cada vez que nos toca e desta vez case todas as mañás choveu. Algúns de nos ata nos enchoupamos! Foi moi emocionante adiviñar canta chuvia recollera o pluviómetro todas as mañás.

Aquí vos deixamos algunhas fotos. Estamos desexando que nos toque outra vez!

 

RECOLLENDO DATOS NA CASETA METEOROLÓXICA!!

Neste mes de novembro, o alumnado de 5º foi o encargado da recollida e rexistro de datos meteorolóxicos na caseta do noso cole.

Como cada ano, somos moi responsables e estritos co rexistro, xa que os datos son utilizados por MeteoGalicia!!

NORABOA RAPACES, MOI BO TRABALLO!!

Aquí vos deixamos algunhas fotos.

 

 

 

 

 

INVESTIGANDO SOBRE O CLIMA

Como cada ano, o alumnado de sexto realizou investigacións sobre diferentes temáticas.

Aproveitando a experiencia que temos no cole sobre meteoroloxía, unha das temáticas escollidas foi O CLIMA.

Despois dunha coidadosa selección da información e da elaboración da presentación en formato dixital, o alumnado gozou da exposición do traballo e aprendeu moito sobre os diferentes tipos de climas, tipos de nubes, os diferentes tipos de paisaxes segundo o clima… Unha gran aprendizaxe para tod@s!

 

O TEMPO EN BUEU

Nas dúas primeiras semana de abril, tocounos por segunda vez neste curso ir a recoller os datos á caseta meteorolóxica, e esa experiencia sempre nos emociona!

Ademáis, os de 3ºA, aproveitamos para realizar un recopilatorio de refráns meteorolóxicos e outro de instrumentos de recollida de datos. Tamén comparamos o tempo deste mes de marzo de 2022 co mesmo mes do ano pasado cuns climogramas, feitos por equipos.

Ollade o seguinte vídeo!

 

E os de 3ºB realizaron un traballo sobre os diferentes instrumentos meteorolóxicos:

 

 

O TEMPO EN 5º INFANTIL

Deixamos aquí unha mostra do traballo sobre meteoescolas que fixemos este curso nas aulas de 4 anos.

Cada día rexistramos o tempo atmosférico no noso calendario e ao rematar o mes analizamos os datos recollidos. Desta forma practicamos tamén o conteo e a numeración.

Foi unha actividade moi enriquecedora!

Distribuir contido