O TEMPO MADE IN BUEU

SAÍDA A SANTIAGO DE COMPOSTELA

O pasado 23 de maio, o alumnado de 5º de primaria fomos de excursión a Santiago de Compostela.

Comezamos o día cunha visita moi especial, a MeteoGalicia, onde aprendemos moitas cousas sobre meteoroloxía e aparatos meteorolóxicos. Tamén puidemos ver un vídeo do lanzamento dunha radiosonda meteorolóxica que, impulsada por un globo, proporciona información sobre o estado da atmosfera. Ademais, visitamos a sala de Predición Operativa, onde nos explicaron as ideas básicas da predición meteorolóxica e onde tivemos a gran sorte de escoitar en directo a predición do tempo para unha cadea de radio.

Continuamos a nosa excursión cunha visita ao Museo da Historia Natural, onde fixemos un percorrido polas salas expositivas con explicacións dun guía especializado.

Para finalizar o día, visitamos a fermosa Praza do Obradoiro, onde puidemos ver a Catedral de Santiago de Compostela.

Sen dúbida, foi un día moi completo e pasámolo xenial!!

 

ENCÁNTANOS A METEOROLOXÍA!!

VOLVEMOS SER METEORÓLOGXS!!!

Este curso volvemos traballar no eido da METEOROLOXÍA! Tocounos volver investigar o tempo atmosférico e tomar nota das temperaturas, a presión atmosférica, a humidade, as precipitacións...

E, como xa estamos en 2º, este curso fixémolo por partida triple, en tres épocas diferentes: en decembro, en abril e entre maio e xuño.

En canto entrabamos na escola a primeira hora da mañá, iamos á caseta meteorolóxica e tomabamos nota dos datos das medicións e, inmediatamente, nos dirixiamos ao PANEL DAS METEOESCOLAS que temos no corredor do BIBLIOCASTELO, para rexistrar a información.

Nas primeiras semanas de decembro, cando chegou a primeira quenda, puxémonos mans á obra!! E para facelo, volvemos repasar conceptos.

·       TEMPERATURAS: mídeas o termómetro en graos centígrados.

o   MÁXIMA: a máis alta. Acádase a iso do mediodía. Como visitamos a caseta meteorolóxica a primeira hora da mañá, temos que apuntala no rexistro do día anterior!!!

o   MÍNIMA: a máis baixa. Prodúcese de madrugada. Esta si que a anotamos no día presente!!!

 

·       PRESIÓN ATMOSFÉRICA: que é a forza que exerce o aire sobre a superficie da Terra. Rexístrase no barómetro e mídese en milibares.

·       HUMIDADE: rexístraa o higrómetro e mídese en porcentaxes; por exemplo, o 70%.

·       PRECIPITACIÓNS: recóllense no pluviómetro e medímolas en mililitros.

ENCÁNTANOS ESTA TAREFA!!!

Durante a última quincena de abril repetimos experiencia e resulta curiosísimo destacar que en ambas ocasións se deron circunstancias meteorolóxicas totalmente distintas na primeira semana de medicións que na segunda.

Na primeira parte da quincena de decembro e na primeira na de abril, as temperaturas foron estrañamente altas para a época do ano e non choveu nin unha pinga. Porén, tanto na segunda semana de decembro como na última de abril, as precipitacións foron abundantes (sobre todo entre os días 12 e 16 de decembro; tanto, que houbo algún deses días nos que non puidemos saír a medir a primeira hora porque chovía moitísimo).

Encántanos esta actividade e sérvenos para reflexionar sobre o terrible problema do cambio climático. É NECESARIO QUE TODXS TOMEMOS MOI EN SERIO QUE O PLANETA ESTÁ EN PERIGO E É RESPONSABILIDADE DE TODXS BUSCAR SOLUCIÓNS PARA COIDALO.

Como ademais nos coincidiu coa celebración do DÍA MUNDIAL DO PLANETA o día 22 de abril vimos varias curtametraxes na aula para reflexionar sobre temas relacionados con isto como o consumo de auga, a contaminación, o aforro enerxético, o uso dos plásticos...

Entre a última semana de maio e a primeira de xuño, levamos a cabo a derradeira quenda deste curso e fixádevos que curioso; outra vez sucedeu que nos últimos días choveu máis que na semana anterior, igual que nas outras dúas ocasións!!

ALGO ESTRAÑO ESTÁ A SUCEDER COA CLIMATOLOXÍA E É SÍNTOMA DO QUE LLE  ACONTECE AO PLANETA.

NON PODEMOS ELUDIR QUE O SEU COIDADO É COUSA DE TODXS!!

PREMEDE NA IMAXE PARA VER AS FOTOS

 

 

 

 

 

 

 

ESTREAMOS CASETA METEOROLÓXICA!!!

Durante o mes de maio, o alumnado de 1º volveu á caseta meteorolóxica para recoller os datos de primavera. Coincidiu nunha época de bastante calor e tamén de treboadas, polo que puidemos recoller algo de chuvia do Pluviómetro, que sempre nos encanta.

Ademais tivemos a ocasión de estrear a nova CASETA METEOROLÓXICA!

A caseta que tiñamos antes estaba xa moi velliña e mesmo non tiña porta... Por tanto, encargouse unha caseta nova ao módulo de carpintería da Asociación Juan XXIII de Cangas. Elaborárona con moito cariño e quedou moi bonita e forte, lista para aguantar moitos cursos máis!!!

POETAS METEOROLÓXICOS

A semana anterior a Semana Santa, tocounos ao curso de 4ºA recoller os datos da caseta meteorolóxica. Desta vez, tivemos un pouco de todo: tanto sol coma choiva.

Coma neste trimestre estivemos estudando a poesía, decidimos inventarnos por equipos uns poemas sobre meteoroloxía. Ollade a continuación o ben que nos saíron!

 

 

 

 

 

 

OS FURABOLOS ESTÁN NAS NUBES!

O día da meteoroloxía, os FURABOLOS da Pedra, que son os máis pequeniños da escola, presentáronnos o seu proxecto sobre NUBES.

Se premedes na imaxe atoparedes todas as actividades que fixeron e canto aprenderon.

Noraboa Furabolos, xa sodes uns expertos meteorólogos!!!

OS TRASNOS E O TEMPO

Os TRASNOS da Pedra, que xa están no último curso de Infantil animáronse a participar nas Meteoescolas recollendo e analizando os datos do tempo do mes de marzo.

Para rematar este proxecto, reflectiron os datos nunha gráfica moi divertida na que contaban os días de Sol, Nubes, Vento, Chuvia e Sol con Nubes.

Xa sodes nivel experto en meteoroloxía!

DÍA DA METEOROLOXÍA

No día da meteoroloxía o alumnado de terceiro queremos compartir nesta páxina algunha das cousiñas que fixemos no proxecto que levamos a cabo sobre este tema no segundo trimestre.

Empezamos por un podcast que fixemos sobre refráns meteorolóxicos.

 

Construímos algúns aparellos meteorolóxicos como un anemómetro e un cataventos. Aquí están as protagonistas:

Investigamos tamén sobre todos estes aparellos meteorolóxicos, sobre cambio climático, buratos da capa de ozono, quecemento global, efecto invernadoiro. Tamén sobre a activista Greta Tungberg, ou sobre fenómenos meteorolóxicos adversos como furacáns, ciclóns, secas, inundacións. Interesantísimas as investigacións sobre fenómenos curiosos como a aura boreal, nubes luminiscentes, neve rosa...

Confeccionamos un libro que agora circula por todos os fogares e que logo formará parte da nosa biblioteca de aula, e que podedes ver facendo clic a continuación:

LIBRO 3ºB

LIBRO 3ºA

REXISTRAMOS O TEMPO METEOROLÓXICO NO COLE

Durante dúas semanas, dende o vinte de febreiro ata o tres de marzo, o alumnado de 6º de Primaria rexistramos as temperaturas e precipitacións que observamos na caseta meteorolóxica.

Nestas semanas recollemos recortes de xornal coas fases da lúa e a porcentaxe (que traballaremos en Matemáticas) da súa visibilidade na noite anterior.

Lembrade, tamén, que xa podemos poñerlle as trampas ás velutinas como o ano pasado.

Agora pasámoslle a testemuña a 5º.

Ata a próxima!

OBSERVANDO O TEMPO

No mes de febreiro, tocounos ao alumnado de 1º observar o tempo. Descubrimos que somos unha Meteoescola e que é moi importante que recollamos ben os datos para poderllos enviar a Meteogalicia.

Realizamos moitas actividades relacionadas co tempo, ademais da observación anotabamos diariamente os resultados no panel da Biblioteca, e incluso fixemos unha lectura sobre o nome dos aparellos Meteorolóxicos. Tamén observamos e tratamos de comprender o calendario de luadas de febreiro.

O alumnado comezou a percatarse de que sucedían cousas arredor relacionadas coa meteoroloxía e rapidamente informan as mestras dos achados... Como o día no que as rodas apareceron conxeladas!!!

O que máis nos gustou foi recoller a chuvia, pero tivemos mala sorte pois non choveu apenas... Esperamos que a seguinte vez que volvamos podamos atopar auga no pluviómetro!

PROXECTO DE METEOROLOXÍA 3º PRIMARIA

Aproveitando que o alumnado de terceiro desenvolvemos un proxecto de meteoroloxía no comezo do segundo trimestre, visitamos a caseta meteorolóxica durante todo o mes de xaneiro.

 

Cada día tras comprobar os parámetros de temperatura, presión atmosférica, humidade e precipitación iamos rexistralo no recunchode meteoescolas.

Empezamos a familiarizarnos cos climogramas e construímos un por cada semana.

Tivemos a sorte de rexistrar o acontecido por dúas borrascas: GÉRARD e HANNELORE, que nos permitiron recoller no pluviómetro precipitacións de máis de 30 ml. Tamén comprobamos que  a diferenza entre a temperatura máxima e mínima era moi pequena.

As dúas últimas semanas o tempo cambiou por completo. Estivemos dominados por un anticiclón que trouxo o tempo moi seco pero con temperaturas mínimas moi baixas e máximas sorprendentemente altas. Fixádevos como cambiou o climograma.

 

Durante este proxecto, investigamos sobre moitos aspectos tan de actualidade como cambio climático, quecemento global, burato da capa de ozono ou efecto invernadoiro. Tamén indagamos sobre fenómenos atmosféricos extremos como furacáns, ciclóns, tornados, secas ou inundacións. Encantounos saber sobre acontecementos meteorolóxicos misteriosos como nubes luminiscentes, auroras boreais, neve rosa, chuvia de animais… ou descubrir quen inventou o pluviómetro, o termómetro, o barómetro ou anemómetro.

Distribuir contido