Gallego

Cultura e Educación convoca o primeiro Premio Proxecta 2016 para consolidar o traballo de innovación dos centros galegos

Poderán participar un total de 390 centros educativos públicos admitidos no Plan Proxecta do curso actual

Os galardóns, divididos en dúas categorías, oscilarán entre os 6.000 euros do primeiro premio e os 2.000 dos dous terceiros

Gallego

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de convocar, por primeira vez, o Premio Proxecta de Innovación Educativa 2016 co fin de consolidar e visibilizar a metodoloxía de traballo por proxectos que poñen en marcha os centros participantes neste programa.

Os interesados en participar poderán presentar a súa solicitude desde hoxe ata o vindeiro 11 de maio. En todo caso, os detalles e requirimentos da convocatoria, que sae hoxe publicada no DOG, poden consultarse no seguinte enderezo web: http://www.edu.xunta.gal/portal/sites/web/files/20160421_premio_proxecta.pdf.

En concreto, este galardón vai destinado aos centros educativos públicos admitidos no Plan Proxecta do curso actual; un total de 390 de educación infantil (EEI), colexios rurais agrupados (CRA), centros de educación especial (CEE), colexios de educación infantil e primaria (CEIP), colexios de educación primaria (CEP), centros públicos integrados (CPI), institutos de educación secundaria (IES), centros públicos de educación e promoción de adultos e conservatorios de música.

Deste xeito establécense dúas categorías, en función do tipo de centro. Na categoría A están incluídas as EEI, os CRA, os CEE, os CEIP e os CEP. Pola súa banda, a categoría B engloba aos CPI, os IES, os centros públicos de educación e promoción de adultos e os conservatorios de música.

Catro premios para cada categoría

Para ámbalas dúas categorías establécense catro premios –un primeiro, un segundo e dous terceiros–, aínda que tamén se poderán conceder accésits a aqueles centros que presenten unha práctica educativa digna de mención. O primeiro premio terá unha dotación económica de 6.000 euros, o segundo será de 4.000 e os dous terceiros, de 2.000 euros cada un. Polo tanto, a Consellería destina a esta iniciativa un total de 28.000 euros.

Colaboración coas consellerías

O Plan Proxecta –que este curso chega a 417 centros sostidos con fondos públicos e preto de 85.000 alumnos e alumnas– crea un marco xeral de cooperación grazas ao esforzo doutras consellerías, integrando nun mesmo espazo de referencia as iniciativas dos diferentes departamentos da Xunta para o fomento da innovación educativa, establecendo ademais uns criterios metodolóxicos e organizativos comúns para a creación de proxectos innovadores que desenvolvan competencias clave e educación en valores.

Trátase de propiciar dinámicas que favorezan a innovación nos propios centros a través de 40 programas externos que aglutinan a maioría de entidades do Goberno galego e unha entidade do Goberno do Estado, con programas dirixidos ao ámbito educativo que buscan potenciar a motivación e o traballo activo e cooperativo do alumnado e do profesorado implicado nos proxectos. Os diferentes programas poden consultarse no espazo do Plan Proxecta no portal educativo, http://www.edu.xunta.gal/portal/planproxecta.

Dez novos programas

Este curso 2015-16 incorporáronse 10 novos programas: “DAFIS”, desenvolvido pola Secretaría Xeral para o Deporte, “Aprende programando”, da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, os dous programas da Presidencia da Xunta de Galicia; “Protexe os animais” e “Naturézate”, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas; “Cociñando con saúde”, Xermoliño” e “Xermolón”, da Consellería de Sanidade; “Fitofaladoiro”, “Proxecto didáctico Antonio Fraguas” desenvolvido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística; “Mirando polo Camiño” desenvolvido pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural; “Ti es creador” da Axencia Galega das Industrias Culturais; os 4 desenvolvidos pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria; e “Mobilidade sostible e segura”, da Dirección Xeral de Tráfico do Ministerio de Interior.

Colectivo: 

Sección: 

Cultura e Educación premia un total de 19 proxectos de innovación na FP, nos que participan 26 centros e 27 empresas e entidades

Esta iniciativa, dotada con máis de 250.000 euros para as dúas modalidades, busca camiñar cara a excelencia na Formación Profesional, fomentando o espírito emprendendor e a competitividade desde idades mozas

Os centros recoñecidos con este galardón deberán presentar a memoria final do proxecto antes do 30 de marzo de 2017

Gallego

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de recoñecer un total de 19 proxectos educativos cos premios de innovación na Formación Profesional. Nestas iniciativas, coordinadas por 17 centros públicos, participan un total de 26 CIFP e IES (9 deles colaboradores), así como 27 empresas e entidades, o que demostra un traballo colaborativo e unha unión de forzas tanto desde o plano escolar como empresarial.

En concreto, na modalidade A foron seleccionados nove proxectos de innovación tecnolóxica ou científica, mentres que na B, orientada aos de innovación didáctica, resultaron galardoadas dez. A Consellería destinou a ámbalas dúas modalidades máis de 250.000 euros, co obxectivo de seguir camiñando cara a excelencia na FP, fomentar o espírito emprendendor e potenciar a competitividade desde idades mozas.

Os centros recoñecidos deberán desenvolver o proxecto ao longo deste ano e presentar a memoria final antes do 30 de marzo de 2017. A resolución da convocatoria, cos datos dos proxectos concretos e dos centros, pode consultarse no seguinte enderezo web http://www.edu.xunta.gal/fp/webfm_send/6510.

Proxectos premiados

Deste xeito, na modalidade A foron premiados dous proxectos do CIFP Ferrolterra, un do CIFP Compostela en Santiago, outro do IES de Curtis, do CIFP Someso da Coruña, do CIFP Politécnico de Lugo, do CIFP Manuel Antonio de Vigo, do CIFP Valentín Paz Andrade, tamén de Vigo, e do CIFP Carlos Oroza de Pontevedra.

Pola súa banda, na modalidade didáctica resultaron seleccionados o IES Universidade Laboral de Culleredo, o CIFP Ferrolterra, o CIFP Coroso de Ribeira, o CIFP Politécnico de Santiago, o IES A Sardiñeira da Coruña, o IES Nº 1 de Ordes, o CIFP As Mercedes de Lugo, o IES Lois Peña Novo de Vilalba, o CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel de Ourense e o IES Antón Losada Diéguez da Estrada. 

Terceira edición

Con esta terceira edición da convocatoria preténdese continuar afondando nas iniciativas innovadoras en torno á FP, no traballo en conxunto e na transferencia de coñecemento entre centros educativos, empresas e outras entidades.

Neste sentido, as diferentes iniciativas xurdidas no seo do centro educativo fomentan un contacto directo entre o alumnado e o profesorado co tecido produtivo de cada zona, o que favorece a creación de sinerxías entre o centro e a empresa e, en consecuencia, a empregabilidade e a inserción laboral do alumnado.

FP adaptada ás necesidades produtivas

Esta vinculación e adaptación da formación profesional ás necesidades produtivas da contorna é un dos eixes no que a Consellería quere profundar ao longo dos próximos anos. Cómpre recordar que a aposta pola innovación e o espírito emprendedor desde o eido educativo e, concretamente, en torno á FP, encádrase coa “Estratexia Europa 2020” da Comisión Europea, que incorpora como un dos seus obxectivos unha Formación Profesional que propicie novas experiencias no campo da innovación, da calidade, da creatividade e do emprendemento.  

Colectivo: 

Sección: 

Convocatoria do Proxecto Educación Dixital E-DIXGAL para o curso 2016/2017

Convocatoria do Proxecto Educación Dixital E-DIXGAL para o curso 2016/2017
Gallego

Publicada no DOG a Resolución do 13 de abril de 2016, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se convoca a selección de centros para participar no proxecto Educación Dixital E-DIXGAL durante o curso 2016/2017.

Esta iniciativa ten como obxecto favorecer a incorporación xeneralizada das tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) no desenvolvemento da actividade educativa, poñendo a disposición dos centros unha contorna virtual de aprendizaxe (EVA) con libros e outros materiais dixitais cos que poderá desenvolverse a totalidade do currículo dos cursos 5º e 6º de Educación Primaria e 1º e 2º de ESO. O EVA complétase con ferramentas que permiten facer un seguimento da actividade do alumnado, crear novos contidos dixitais, comunicarse con outros membros da comunidade educativa, etc.

  • O prazo de presentación de solicitudes é dun mes a partir do día seguinte á publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia, rematando o sábado 21 de maio.

Poden participar nesta convocatoria os centros adscritos á rede Abalar que impartan ensinanzas de 5º de Educación Primaria e/ou 1º de ESO durante o curso 2016-2017.

Características:

  • Os centros manterán o programa un mínimo de 2 anos.
  • Os materiais poderán utilizarse tanto online como offline.
  • Os centros participantes contarán co asesoramento, asistencia técnica e seguimento da Rede de Formación Permanente do profesorado, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e os servizos de inspección educativa.
  • Debe propoñerse unha persoa responsable da coordinación do proxecto.
  • O EVA incorporará libros de dúas editoriais, podendo elixir calquera delas, combinalas ou empregar outros materiais proporcionados polo centro. Se o centro conta con libros e outros materiais didácticos poderán empregarse como complemento ou apoio aos libros dixitais proporcionados no proxecto E-DIXGAL.
  • O EVA incorporará unha ferramenta de autor para a creación de contidos educativos dixitais.

Pódense ver as mostras dos libros da editorial Netex nos seguintes enlaces:

     Usuario: Edixgal
     Contrasinal: Edixgal

Documentación necesaria

  • Solicitude segundo o modelo do anexo da convocatoria.
  • Proxecto concretando a implantación no centro segundo o guión do punto cuarto da convocatoria.
  • Proposta da persoa coordinadora do proxecto.

Os centros que na actualidade están en E-DIXGAL en Educación Primaria e pidan a continuidade na Educación Secundaria Obrigatoria non é necesario que entreguen este proxecto, pero si deben presentar a solicitude.

 Máis información:

Portal web espazoAbalar
Correo electrónico: asesoria.tic@edu.xunta.es
Teléfono: 981 546 514

Colectivo: 

Sección: 

Unidade didáctica da AELG sobre Manuel María

A Asociación de Escritores en Lingua Galega acaba de publicar unha unidade didáctica sobre o homenaxeado do Día das Letras Galegas 2016: "Manuel María: ferrados de corazón, fanegas de alma".

A unidade ten unha versión para primaria, realizada polas profesoras Mª Xosé Bravo, María Calvo e Carme Villariño, e outra para secundaria realizado por Anxo Gómez e Mercedes Queixas. Pódese consultar o recurso no espazo didáctico da AELG a través das seguintes ligazóns: primaria e secundaria. Pódense consultar o resto das publicacións do Espazo Didáctico a través da seguinte ligazón.

Gallego
AELG

Colectivo: 

Formación aberta na Rede: "O currículo na aula"

O próximo 22 de abril de 2016 dará comezo unha formación aberta na Rede: “O currículo na aula". Trátase dunha actividade coas seguintes características:

  • Lévase a cabo de forma virtual na Rede, a través de Platega2.

  • Está conformada por unha serie de materiais que desenvolven os contidos, foros de participación e comunicación entre os participantes e tarefas con entrega libre e voluntaria.

  • Está aberta a calquera docente de centros dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

  • Ao tratarse dunha formación en aberto non ten asociado recoñecemento de horas de formación.

 

Permite ofertar aos docentes da nosa comunidade un modo aberto e flexible de formación sen límite de prazas.

Podes automatricularte en Platega2 ata o 21 de abril na seguinte ligazón: https://www.edu.xunta.es/platega2/course/view.php?id=209.  Introduce os teus datos de conta corporativa e a palabra "platega" como chave de matriculación.

A fase de formación comezará o 22 de abril e rematará o 20 maio. Estará conformada por 4 módulos:

  • Currículo e aproximación á programación

  • Rúbricas e mínimos esixibles

  • Perfil de competencia.

  • Tarefas integradas.

Unha vez finalizado o prazo de inscrición, pódense visualizar os contidos da formación como convidado, introducindo igualmente como contrasinal a palabra "platega".

Gallego
O currículo na aula

Tema: 

Sección: 

Proxecto IncluyE+D: atención a alumnos con necesidades educativas especiais por motivo de discapacidade

INCLUSIÓN

A educación inclusiva e de calidade implica a obriga, por parte das Administracións Públicas, de asegurar que a cada nena ou neno con discapacidade se lle proporciona a asistencia apropiada, dacordo coa súa idade e discapacidade, para poder exercer axeitadamente o seu dereito.

É preciso promover a igualdade real de oportunidades do alumnado con necesidades educativas especiais por motivos de discapacidade.

COGAMI-COCEMFE recoñece o esforzo e o grande traballo que realizan os centros educativos e as/os súas/seus profesionais, e entende que a educación, para que realmente sexa inclusiva, debe promover que os centros estean orientados a atender á diversidade, e eliminar os obstáculos e barreiras para a participación plena e o máximo aproveitamento escolar das/os alumnas/os con discapacidade, e deben enfocarse a:

  • Seren centros informados e sensibilizados respecto á discapacidade que presentan as/os alumnas/os e as súas necesidades específicas.
  • Seren centros que se actualicen de xeito permanente, en función de dar respostas eficientes a estas/es alumnas/os.
  • Seren centros que traballen de xeito cercano coas familias.
  • Seren centros que procuren a colaboración con outras entidades especializadas da sociedade civil que poidan prestarlles apoios e colaboración na atención a esas necesidades educativas especiais.
  • Seren centros, en definitiva, que asuman de xeito proactivo na súa estratexia a inclusión das persoas con discapacidade dende un enfoque de dereitos.

OBXECTIVO DO PROXECTO

Promover a igualdade real de oportunidades do alumnado con necesidades educativas especiais por motivos de discapacidade, mediante unha atención de alta intensidade á diversidade e ás necesidades educativas especiais, e remover os obstáculos que dificultan o seu desenvolvemento escolar, con especial apoio e incidencia no uso das TIC.

COMO

COGAMI-COCEMFE pón a disposición dos centros educativos, e en plena colaboración con eles, axentes facilitadores para promover a igualdade real de oportunidades e a atención á diversidade no caso de persoas con discapacidade, e remover as barreiras e obstáculos que se detecten coa fin de mellorar o desempeño curricular das/os alumnas/os, a participación social e a integración máxima posible coas/cos súas/seus compañeiras/os.

CARTEIRA DE SERVIZOS

Para isto COGAMI-COCEMFE, a petición dos centros educativos e/ou das familias, promoverá accións para proporcionar na medida da súa dispoñibilidade:

  • Accións de reforzo escolar.
  • Formación no uso accesible das tecnoloxías.
  • Actividades extraescolares.
  • Asesoramento na valoración e/ou empréstimo de tecnoloxías de apoio, e da información e a comunicación.
  • Información/formación e/ou asesoramento en materia de discapacidade e accesibilidade ao profesorado, familias e asociacións de nais e pais.
  • Creación dunha “Rede de Centros Educativos Amigos da Discapacidade”.

Para máis información, contactar con:

Gallego
Cartel do proxecto IncluyE+D

Cursos MOOC da Universidade Autónoma de Madrid

A Universidade Autónoma de Madrid (UAM) convoca unha nova edición de cursos MOOC (Massive Open Online Course) na plataforma tecnolóxica dixital internacional edX.

Para acceder a eles é necesario crear unha conta en edX , e elixir os cursos que máis interesen: https://www.edx.org/

Son cursos gratuítos, abertos e online.

 

 

 

Gallego
Logo da Universidade Autónoma de Madrid

Sección: 

Eurydice: nova publicación

 

 

 

A rede de información sobre educación europea, Euridyce acaba de publicar un novo documento:

Esta publicación atópanse nas web:

 

Gallego
Logo de Eurydice España

Colectivo: 

Guía de Orientación Académica e Profesional para persoas coa síndrome de Down e/ou discapacidade intelectual

Down Galicia ofrece unha Guía de Orientación Académica e Profesional para persoas coa síndrome de Down e/ou discapacidade intelectual que facilita  medios para que as persoas que forman parte deste colectivo afronten axeitadamente a tarefa de descubrir e elixir os mellores camiños e alternativas para eles respecto ao seu futuro académico e profesional.

Á disposición na seguinte ligazón:
http://www.downgalicia.org/downgal/wp-content/uploads/2016/01/Guia-orien...

 

Gallego
Logo de Down Galicia

VI Edición do Plan Navega con Rumbo

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) organiza a sexta edición do plan “Navega con Rumbo”, enmarcado dentro do proxecto Abalar.

O obxectivo deste programa é concienciar ao alumnado, profesorado e familias no uso responsable de Internet e as redes sociais, dando recomendacións para unha navegación responsable e segura.

Especialistas do CPEIG achegaranse aos centros educativos para impartir sesións divulgativas cunha duración aproximada dunha hora, apoiadas nas Guías de Boas Prácticas, que se poden descargar en formato electrónico na web do programa http://www.edu.xunta.gal/navegaconrumbo/. Ademais, nesta web están a disposición da comunidade educativa xogos e ligazóns de interese sobre a temática do programa. As sesións están dirixidas preferentemente ao alumnado dos cursos 5º e 6º de educación primaria e 1º e 2º de ESO.

Poden inscribirse nesta iniciativa todos os centros públicos, tendo preferencia os participantes no proxecto E-DIXGAL e os centros da rede Abalar. Para participar se debe enviar un correo electrónico ao enderezo contidos@edu.xunta.es antes do martes 23 de febreiro indicando:

  • datos do centro (teléfono, correo electrónico, capacidade da sala onde se impartirán as sesións)
  • datos da persoa de contacto (nome e apelidos, cargo)
  • cursos que van asistir e unha estimación do número de persoas
Gallego
Logo Navega con Rumbo

Colectivo: