Cultura e Educación convoca o primeiro Premio Proxecta 2016 para consolidar o traballo de innovación dos centros galegos

Poderán participar un total de 390 centros educativos públicos admitidos no Plan Proxecta do curso actual

Os galardóns, divididos en dúas categorías, oscilarán entre os 6.000 euros do primeiro premio e os 2.000 dos dous terceiros

Ven, 22/04/2016 - 12:41

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de convocar, por primeira vez, o Premio Proxecta de Innovación Educativa 2016 co fin de consolidar e visibilizar a metodoloxía de traballo por proxectos que poñen en marcha os centros participantes neste programa.

Os interesados en participar poderán presentar a súa solicitude desde hoxe ata o vindeiro 11 de maio. En todo caso, os detalles e requirimentos da convocatoria, que sae hoxe publicada no DOG, poden consultarse no seguinte enderezo web: http://www.edu.xunta.gal/portal/sites/web/files/20160421_premio_proxecta.pdf.

En concreto, este galardón vai destinado aos centros educativos públicos admitidos no Plan Proxecta do curso actual; un total de 390 de educación infantil (EEI), colexios rurais agrupados (CRA), centros de educación especial (CEE), colexios de educación infantil e primaria (CEIP), colexios de educación primaria (CEP), centros públicos integrados (CPI), institutos de educación secundaria (IES), centros públicos de educación e promoción de adultos e conservatorios de música.

Deste xeito establécense dúas categorías, en función do tipo de centro. Na categoría A están incluídas as EEI, os CRA, os CEE, os CEIP e os CEP. Pola súa banda, a categoría B engloba aos CPI, os IES, os centros públicos de educación e promoción de adultos e os conservatorios de música.

Catro premios para cada categoría

Para ámbalas dúas categorías establécense catro premios –un primeiro, un segundo e dous terceiros–, aínda que tamén se poderán conceder accésits a aqueles centros que presenten unha práctica educativa digna de mención. O primeiro premio terá unha dotación económica de 6.000 euros, o segundo será de 4.000 e os dous terceiros, de 2.000 euros cada un. Polo tanto, a Consellería destina a esta iniciativa un total de 28.000 euros.

Colaboración coas consellerías

O Plan Proxecta –que este curso chega a 417 centros sostidos con fondos públicos e preto de 85.000 alumnos e alumnas– crea un marco xeral de cooperación grazas ao esforzo doutras consellerías, integrando nun mesmo espazo de referencia as iniciativas dos diferentes departamentos da Xunta para o fomento da innovación educativa, establecendo ademais uns criterios metodolóxicos e organizativos comúns para a creación de proxectos innovadores que desenvolvan competencias clave e educación en valores.

Trátase de propiciar dinámicas que favorezan a innovación nos propios centros a través de 40 programas externos que aglutinan a maioría de entidades do Goberno galego e unha entidade do Goberno do Estado, con programas dirixidos ao ámbito educativo que buscan potenciar a motivación e o traballo activo e cooperativo do alumnado e do profesorado implicado nos proxectos. Os diferentes programas poden consultarse no espazo do Plan Proxecta no portal educativo, http://www.edu.xunta.gal/portal/planproxecta.

Dez novos programas

Este curso 2015-16 incorporáronse 10 novos programas: “DAFIS”, desenvolvido pola Secretaría Xeral para o Deporte, “Aprende programando”, da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, os dous programas da Presidencia da Xunta de Galicia; “Protexe os animais” e “Naturézate”, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas; “Cociñando con saúde”, Xermoliño” e “Xermolón”, da Consellería de Sanidade; “Fitofaladoiro”, “Proxecto didáctico Antonio Fraguas” desenvolvido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística; “Mirando polo Camiño” desenvolvido pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural; “Ti es creador” da Axencia Galega das Industrias Culturais; os 4 desenvolvidos pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria; e “Mobilidade sostible e segura”, da Dirección Xeral de Tráfico do Ministerio de Interior.