Cultura e Educación convoca o primeiro Premio Proxecta 2016 para consolidar o traballo de innovación dos centros galegos [1]
Poderán participar un total de 390 centros educativos públicos admitidos no Plan Proxecta do curso actual
Os galardóns, divididos en dúas categorías, oscilarán entre os 6.000 euros do primeiro premio e os 2.000 dos dous terceiros
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de convocar, por primeira vez, o Premio Proxecta de Innovación Educativa 2016 co fin de consolidar e visibilizar a metodoloxía de traballo por proxectos que poñen en marcha os centros participantes neste programa.
Os interesados en participar poderán presentar a súa solicitude desde hoxe ata o vindeiro 11 de maio. En todo caso, os detalles e requirimentos da convocatoria, que sae hoxe publicada no DOG, poden consultarse no seguinte enderezo web: http://www.edu.xunta.gal/portal/sites/web/files/20160421_premio_proxecta.pdf [2].
En concreto, este galardón vai destinado aos centros educativos públicos admitidos no Plan Proxecta do curso actual; un total de 390 de educación infantil (EEI), colexios rurais agrupados (CRA), centros de educación especial (CEE), colexios de educación infantil e primaria (CEIP), colexios de educación primaria (CEP), centros públicos integrados (CPI), institutos de educación secundaria (IES), centros públicos de educación e promoción de adultos e conservatorios de música.
Deste xeito establécense dúas categorías, en función do tipo de centro. Na categoría A están incluídas as EEI, os CRA, os CEE, os CEIP e os CEP. Pola súa banda, a categoría B engloba aos CPI, os IES, os centros públicos de educación e promoción de adultos e os conservatorios de música.
Catro premios para cada categoría
Para ámbalas dúas categorías establécense catro premios –un primeiro, un segundo e dous terceiros–, aínda que tamén se poderán conceder accésits a aqueles centros que presenten unha práctica educativa digna de mención. O primeiro premio terá unha dotación económica de 6.000 euros, o segundo será de 4.000 e os dous terceiros, de 2.000 euros cada un. Polo tanto, a Consellería destina a esta iniciativa un total de 28.000 euros.
Colaboración coas consellerías
O Plan Proxecta –que este curso chega a 417 centros sostidos con fondos públicos e preto de 85.000 alumnos e alumnas– crea un marco xeral de cooperación grazas ao esforzo doutras consellerías, integrando nun mesmo espazo de referencia as iniciativas dos diferentes departamentos da Xunta para o fomento da innovación educativa, establecendo ademais uns criterios metodolóxicos e organizativos comúns para a creación de proxectos innovadores que desenvolvan competencias clave e educación en valores.
Trátase de propiciar dinámicas que favorezan a innovación nos propios centros a través de 40 programas externos que aglutinan a maioría de entidades do Goberno galego e unha entidade do Goberno do Estado, con programas dirixidos ao ámbito educativo que buscan potenciar a motivación e o traballo activo e cooperativo do alumnado e do profesorado implicado nos proxectos. Os diferentes programas poden consultarse no espazo do Plan Proxecta no portal educativo, http://www.edu.xunta.gal/portal/planproxecta [3].
Dez novos programas
Este curso 2015-16 incorporáronse 10 novos programas: “DAFIS”, desenvolvido pola Secretaría Xeral para o Deporte, “Aprende programando”, da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, os dous programas da Presidencia da Xunta de Galicia; “Protexe os animais” e “Naturézate”, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas; “Cociñando con saúde”, Xermoliño” e “Xermolón”, da Consellería de Sanidade; “Fitofaladoiro”, “Proxecto didáctico Antonio Fraguas” desenvolvido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística; “Mirando polo Camiño” desenvolvido pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural; “Ti es creador” da Axencia Galega das Industrias Culturais; os 4 desenvolvidos pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria; e “Mobilidade sostible e segura”, da Dirección Xeral de Tráfico do Ministerio de Interior.