Skip to Content

(20/04/2020): LUZ POZO GARZA.

A mañá de hoxe recibiunos coa triste noticia do falecemento de Luz Pozo Garza, destacada poeta e académica ribadense que o 18 de xaneiro deste mesmo ano foi nomeada filla predilecta de Ribadeo. Aínda lembramos o agarimo co que tratou aquel día o alumnado e o profesorado do noso centro que participou naquel acto, o mesmo cariño que nos dispensou sempre que lle pedimos algún tipo de  colaboración co instituto.

Hoxe somos nós quen queremos deixar constancia do noso pesar polo seu falecemento e manifestarlle, en nome de toda a comunidade escolar, as nosas condolencias á súa familia.

Pensamos que a ela lle gustaría que a recordásemos cun poema seu e parécenos adecuado este, que fala da celebración de aprender:

 

APRENDER A LER FOI UNHA FESTA

Un alfabeto de colores
para aprender as palabras da tribo
Os labios que principian a balbucir
un hálito
de verbas familiares:
paxaro
luz
mamai...
E tamén un xardín de violetas
e pasionarias místicas
oreado de brisas e de pombas...
Todo vai como o sono
que semella unha pausa na memoria
Amaba os espacios
de inocente lectura provinciana
Compartimos páxinas e signos
os prados de altas herbas
por relatos de outono
pola índole da saudade
por entregas de lirios e paxaros
Así pasamos xuntos por acordos de rúas
e atalaias naquela primavera
en Ribadeo

 

(LUZ POZO: Ribadeo, Ribadeo)

 



page | by Dr. Radut