Skip to Content

Festival pro-excursión de 4º de ESO

O día 15 de maio, tivo lugar no salón de actos do instituto un festival pro-viaxe de fin de curso do alumnado de 4º de ESO. O festival repetirase, para o público en xeral, o venres, día 29.

Filgueira Valverde no arquivo de Dionisio Gamallo

Grazas á xenerosidade da familia de Dionisio Gamallo, organizamos no instituto unha exposición con material que se conserva no arquivo do polígrafo ribadense relacionado con Filgueira Valverde.

Durante unhas semanas, toda a nosa comunidade escolar pode ver e ler copias da correspondencia que Filgueira e Gamallo mantiveron durante décadas, xa que a primeira carta é de 1937 e a última de 1989.

Nunha delas, de 1943, Filgueira Valverde pídelle a Dionisio Gamallo permiso para propoñelo como acaémico correspondente da Real Academia Galega, cargo que, efectivamente, Gamallo acabou desempeñando.

Ademais, na exposición hai copia dunha primeira edición dos seis poemas en galego que Filgueirapublicou en Albor, en 1943; e tamén artigos, esquemas de conferencias, tarxetas persoais, felicitacións de nadal, etc.

Agradecémoslle á familia Gamallo que, grazas á súa xenerosidade, a nosa comunidade escolar pode acceder a material inédito relacionado coa figura á que se lle dedica o Día das Letras Galegas, igual que xa sucedeu con Novoneyra e con Díaz Castro. 

Con L de "Local"

Para difundir os libros que temos na nosa biblioteca relacionados coa zona, elaboramos un catálogo no que reproducimos as portadas de todos eles, clasificados segundo o seu contido.

Imprimimos 500 exemplares en papel, para repartir entre toda a comunidade escolar, e tamén o difundimos en pdf.

É unha iniciativa promovida polo equipo de biblioteca.

PREME NA IMAXE PARA ACCEDER Ó PDF

Con L de Local 

Carlos Callón

O luns, día 11 de maio, tivo lugar unha charla de Carlos Callón para falar do seu libro Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez. De paso, tratáronse outros aspectos relacionados coa situación sociolingüística da lingua galega.

Organizou a actividade a profesora Dores Fernández Abel.

 

Correlingua, 2015

O 5 de maio o alumnado de 3º da ESO do noso instituto participou no Correlingua, este ano celebrado en Ribadeo. Foi unha xornada de defensa do noso idioma baixo o lema "Galego, a nosa creación común", e con música, carreiras, fotografías, poesía... Sempre reivindicando o que é máis noso, o galego.

Unha alumna e tres alumnos do noso centro ficaron nos primeiros postos da carreira: Carolina Yáñez, primeira na categoría de 1º e 2º de ESO, e Brais Seco, Mauro García e Carlos Rodríguez, primeiro, segundo e terceiro, respectivamente, na categoría de 3º e 4º da ESO.

A palabra perdida

A palabra perdida é un xogo de pistas mediante o cal o alumnado, organizado en grupos, ten que acabar adiviñando unha palabra.

Previamente, nunha reunión conxunta, entregóuselle a cada grupo un cartafol con toda a información necesaria e un impreso no que debe ir anotando os datos que consiga durante o desenvolvemento do xogo.

Despois, nun taboleiro, empezamos a facer públicas as pistas que deben seguir. Cada pista leva o alumnado a un profesor, que lle dá máis datos a cada un dos grupos. Estes datos conducen a un libro da biblioteca no cal o alumnado atopa unha palabra. Con determinadas letras de todas as palabras que vai atopando, o alumnado acabará compoñendo a palabra que se busca.

O grupo que primeiro atope a solución recibirá un premio.

Coordina a actividade a profesora Susana Díaz Orol.

Visita ó CENIMA (Foz)

Ó longo desta semana, varios grupos da ESO están visitando a exposición "Semana das artes plásticas na Mariña", que ten lugar no CENIMA de Foz. Trátase dunha iniciativa anual na que se expón colectivamente a obra de artistas mariñaos. Como guías, actuaron os artistas Caxigueiro e Pilar Rei. 

Algún dos grupos tamén se desprazou ata San Martiño de Mondoñedo, para visitar o espazo Caritel, do artista Caxigueiro.

Organiza a actividade o departamento de Debuxo.

Visita ó "Centro de Formación para o Consumo" da Veiga.

O mércores 22 e o xoves 23 de abril, o alumnado de 3º de ESO A e B, 3º de PDC, 4º de PDC e o alumnado de Plástica de 4º de ESO, visitou o Centro de Formación para o Consumo da Veiga (Asturias).

Cada día, o alumnado dividiuse en dous grupos, para facer distintos obradorios: gravación dun anuncio de televisión, ecoconsumo e "coñecendo a publicidade".

Ademais fixemos a "Senda das doce Pontes". A Veiga é unha vila atravesada por dous ríos, o Suarón e o Monjardín e entre os dous ríos hai 12 pontes. En cada unha delas hai, ou debería haber, unha obra de arte contemporánea. Entre a primeira e a última obra de arte hai unha senda, que recorremos, fixándonos en que consistía cada obra e quen era o seu autor ou autora.

PREME AQUÍ PARA VER MÁIS IMAXES

Exposición de libros vellos. Día do libro, 2015

Aproveitando que no instituto, debido á súa antigüidade, temos unha boa cantidade de libros vellos, decidimos conmemorar o Día do libro 2015 inaugurando unha exposición dalgúns deles en diversas vitrinas, distribuídas por varios lugares do centro.

A intención é mantelos de xeito estable, aínda que non permanente, xa que dispoñemos de máis exemplares merecentes de seren expostos. Por iso, temos previsto rotalos, cando pase algún tempo.

Quen teña interese en ver con detalle algún deles, pode pedir a chave das vitrinas na biblioteca.

Podes ver a EXPOSICIÓN EN FOTOS na nosa galería.

"Ovos literarios". Día do libro, 2015

Para conmemorar o Día do libro, o alumnado da ESO recreou unha serie personaxes relacionados co mundo da literatura ou do libro en xeral, utilizando os ovos como base para o seu labor. Con todos os seus traballos preparouse unha exposición.

Coordinou a actividade a profesora Rosa Paz, do departamento de lingua española.

PREME EN CALQUERA DAS IMAXES para acceder a un vídeo no que se pode comprobar a creatividade do alumnado.

 

"Ovos literarios"

 

Distribuir contido


by Dr. Radut