Skip to Content

Visita á estación de tratamento de augas potables

Martes, 27 de xaneiro.

4 da tarde.

Un grupo de alumnos e alumnas de 1º ESO, acompañado por dous profesores, colle camiño da antiga vía do ferrocarril mineiro e actual Camiño de Santiago para subir ata a Estación de tratamento de augas potables na beira de Santa Cruz. O persoal de Viaqua, que esperaba alí, ensinounos un trama da traída de augas. Uns tres millóns de litros no inverno e uns cinco no verán pasan cada día por estas instalacións, que teñen incorporado un depósito dobre de 600 m3 e que subministran asemade outro de 2000 m3 un pouco máis abaixo.

A visita comezou pola estancia onde están os mandos, despois pasamos ó estanque de decantación, volvemos ó interior do edificio para ver a saída dos estanques de filtrado e, por último vimos o lugar ocupado polo tanque de almacenamento.

Esta estación de auga recibe hipoclorito de sodio para o tratamento biolóxico e sulfato de aluminio como floculante para aglomerar as partículas metálicas e facelas precipitar.

Un primeiro tanque decantador fai que só pase a auga superficial con menor cantidade de partículas. Despois, outras dúas piscinas con base de area rematan de filtrar a auga de xeito alternativo (de cando en vez, reciben aire e fan a circulación da auga en inverso para limpar o filtro) antes de pasar ós tanques de almacenamento e voltar a agregárselle hipoclorito para estabilizar a súa posible contaminación biolóxica. Ó final, a participación de hipoclorito na auga non debe chegar a 1 ppm (parte por millón).

Máis de tres km entre a ida e volta, algo menos de dúas horas en total, a pé, fixeron que as poucas gotas de chuvia caídas non foran máis ca outra anécdota entre a representación por un par de alumnos de escenas de Mary Poppins cos paraugas, ou as probas dos efectos das ortigas, ou os selfies, ou… Unha tarde aproveitada!



page | by Dr. Radut