Skip to Content

Unha clase distinta: XEORUTA polas CATEDRAIS e PIÑEIRA

RESEÑAS NA PRENSA DA ACTIVIDADE

Alumnado do IES Ribadeo Dionisio Gamallo participou, o pasado venres 11 de novembro, nunha Xeoruta financiada polo Concello de Ribadeo. Acompañados por Francisco Canosa, doutor en Xeoloxía e pola profesora de Bioloxía, Susi Besteiro, foron percorrendo dous puntos de interese xeolóxico do concello ribadense: As Catedrais e Piñeira.

O percorrido comezou por Piñeira, aprendendo en primeiro lugar a diferenciar as dúas rochas predominantes: cuarcitas e lousas do período Cámbrico, con 500 millóns de anos de antigüidade. Aínda que a simple vista parecen iguais ó tocalas apréciase que as cuarcitas son moito máis ásperas e duras cás lousas. Esta é a causa da forte erosión diferencial que xunto coa intensa fracturación condiciona a morfoloxía nosa costeira. Tamén puideron apreciar pregues en M e fallas de rumbo dextrais, entre outras deformacións producidas polas forzas internas terrestres.

A continuación, na praia das Catedrais, trataron de descubrir as distintas etapas do cantil. Primeiramente, as pequenas covas modeladas a favor dunha fractura, despois os túneles rochosos, a continuación “ollos” nos puntos de intersección das fallas e finalmente os famoso arcos, que representan a fase máis evolucionada.

Tamén houbo tempo para reflexionar sobre os perigos do turismo masivo e sobre a necesidade de controlar os accesos á praia e á parte alta do cantil por ser a zona máis vulnerable do mesmo. En definitiva, unha clase distinta:  “in situ”, cun día espléndido e cun gran xeólogo. Polo tanto, dende o IES Ribadeo Dionisio Gamallo, queremos agradécelle ó  Concello de Ribadeo e a Fran Canosa a súa colaboración para poder facer esta actividade e agardamos que sirva para que o alumnado sexa quen de valorar e divulgar o noso patrimonio xeolóxico.

Susi Besteiro Cabanas
Catedrática de Bioloxía do IES Ribadeo Dionisio Gamallo

AdxuntoTamaño
Reseñas na prensa da actividade.pdf546.91 KB


page | by Dr. Radut