Skip to Content

Filosofía

FASES, DÍAS.... E SEGUIMOS

(15/5/20) Algunhas cousas cambiaron esta semana, pero o noso ritmo segue imperturbable desde o 16 de marzo. A través da AULA VIRTUAL, do correo electrónico (o mínimo posible para non saturar bandexas), da web,.... mantivemos a rutina de traballo, facendo e deixando facer. Fumos punto de encontro cando eramos poucos (únicos incluso), e agora que hai algúns máis seguimos tendo o noso lugar e cumprindo os propósitos para as nosas materias, fundamentalmente para 2º BACH, facilitando e traballando con todos os/as que queredes (e podedes manter este esforzo). Cada materia segundo o seu peso, e a HISTORIA DA FILOSOFÍA o ten. En FILOSOFÍA de 1º BACH houbo actividades para facer e agora temos un encontro semanal para actualizar e contrastar a información. O resto de traballos complementarios e incluso extraescolares seguiu sendo elaborado polo grupo de alumnado que estaba apuntado. Para o alumnado da ESO foi máis doado xa que a nosa presenza no curriculo é de só 1 hora semanal, polo cal as actividades que xa se comezaran en EDIXGAL déuselles continuidade, e ao alumnado de 3º ESO propúxolle un traballo de investigacións que aínda están elaborando (esperemos).

Ademais esta fin de semana celebramos tamén o DÍA DAS LETRAS GALEGAS.... lugares haberá nos que vos falen delo, pero tamén queremos deixar aquí, como fariamos na clase presencial, unha pegada polo autor homenaxeado, con este fragmento da Evocazón da infáncia perdida:

[...]

Eu, neno, matei a miña infáncia

co coitelo da miña gravidade.

No relógio adiantado da miña vida,

a agulla da miña vontade

asinalaba a hora da colleita

cando ainda non era

a hora da sementeira;

asinalaba a hora do roibo amor

cando era a hora do branco jogar;

e ateigado cedo da ciéncia da dor,

o meu rouxinol

puxo-se a cantar ainda antes de aprender a voar.

Cando era a hora do viver,

foi para min a hora do coidar. [...]

 

#LetrasGalegas  E seguimos coa Filosofía.... Volvamos aos textos!   #encasacoaFilosofía

DÍA de EUROPA 2020

70 Aniversario da declaración Schuman

(7/05/20) Este ano a celebración do Día de Europa ten unhas circunstancias especiais. Nunca tanto as relacións humanas víronse alteradas e restrinxidas coma nestes momentos. De non ser por internet estariamos completamente illados das realidades que se seguen a suceder no mundo e das posibilidades de crear e compartir unha solución a esta pandemia. Isto converte aos medios de comunicación nun fío decisivo á hora de tomar perspectiva coa nova realidade que nos toca vivir.

 Neste 9 de maio queremos facermos eco da proposta de Europe Direct Lugo para celebrar esta efeméride, a pesar da crise sanitaria que nos rodea, cos concertos de Rodrigo Cuevas e Laura LaMontagne & Pico Amperio, que poñen en valor o eido rural, a cultura folk e a música.

 Os concertos serán retransmitidos a través das redes sociais do concello de Lugo e de Europe-Direct Lugo, ás 12.30 do sábado 9 de maio, e poderemos asistir a eles nas seguintes canles:

Youtube: https://www.youtube.com/user/EuropeDirectLugo

 Facebook: https://www.facebook.com/europedirect.lugo

 Tamén o alumnado da materia Europa do IES Ribadeo Dionisio Gamallo quere contribuír a potenciar esta idea de unidade e de progreso dos pobos, coa lectura da declaración do, por aquel entonces, Ministro francés de Asuntos Exteriores Robert Schuman, que pronunciou un 9 de maio de 1950. Nesa declaración propuña a creación dunha Comunidade Europea do Carbón e do Aceiro. A CECA (formada na súa orixe por Francia, Alemaña Occidental, Italia, Países Baixos, Bélxica e Luxemburgo) foi a primeira dunha serie de institucións supranacionais que se converterían no que é hoxe a Unión Europea. Un resumo de tres minutos desta Historia da Unión Europea, elaborado por alumnado de cursos anteriores, podedes velo aquí:

https://youtu.be/Nw0JBRX17L8

Esperamos que estas conmemoracións potencien as ideas de progreso, paz e unidade que deben formar parte do camiño de futuro da nosa sociedade. É nestes momentos cando debemos ser plenamente responsables da nosa cidadanía universal e sentar as bases dunha necesaria reconstrución social.

EL PROGRESO

enlace La Voz de Galicia

enlace Cronica3.com

 #encasacoaFilosofía

Lembranzas obrigadas da Historia

Hoxe é un día para o recordo. Un 5 de maio de 1945 o campo de Mauthausen foi liberado polas forzas aliadas. A necesaria referencia a esta data é máis cercana no noso caso porque o curso pasado tivemos unha exposición sobre Francesc Boix, o fotógrafo de Mauthausen, dentro das actividades do proxecto ERASMUS+ que coordinamos entre o curso 2017 e o 2019.

A exposición tivo muito eco social (La Voz de Galicia. ORT,...) e estivo aberta a todo o público ata a primeira semana de xullo, e o alumnado da materia de Europa participante no proxecto fixo de guía cos distintos grupos e cidadáns que se achegaron para coñecela.

A nosa propia experiencia como grupo en Dachau durante a visita de intercambio que fixemos a Alemaña, marcou un antes e un despois nas aprendizaxes escolares sobre a historia da humanidade, e a exposición ao final dese proxecto supuxo unha reflexión en torno á necesidade da Paz e a Tolerancia como camiño para garantir un verdadeiro futuro da sociedade. 

Con esta reflexión queremos actualizar o noso compromiso co cosmopolitismo e a cooperación como instrumento fundamental nas nosas vidas. E contamos para elo con todos e cada un dos e das que protagonizaron estas propostas.

Aquí vos deixamos algúns dos paneis da exposición á que facemos referencia, e que a Asociación para la recuperación de la memoria histórica nos fixo chegar como actividade final do noso proxecto. 

  

 

 

 

 

 #encasacoaFilosofía

Enquisa de ALDEAS INFANTILES SOS

(30 abril 2020) Entre as distintas asociacións coas que o departamento de Filosofía colabora durante o curso está ALDEAS INFANTILES SOS. Froito deste traballo conxunto foi a participación na reunión anual no 2017 como representantes de Galiza.

FOTOS IV Jornada Adolescentes Madrid

Crónica El Progreso

Crónica profesor Yáñez

Este curso a nosa colaboración terá que ser de forma virtual e queremos contar con todos vos para levar a cabo esta enquisa que podedes cubrir en 10 minutos.... O tema proposto se desenvolve no programa educativo Párate a pensar para Secundaria e trata sobre: Obxectivos para o Desenvolvemento Sostible.

Preme aquí para colaborar ENQUISA

Programa educativo Párate a pensar curso 2019-2020

 #encasacoaFilosofía

DÍAS DE LIBRO E LETRAS

Martes 21 de abril, 2020

Estamos en vésperas de celebracións de lecturas. Do 23 de abril ao 17 de maio son días de Libro e Letras, e conmemoraremos estas datas con lecturas diversas. Fai uns anos colgabamos nas paredes das escaleiras centrais textos de obras e autores universais que todos debiamos recoñecer...

Nestes tempos que vivimos faise necesaria unha mirada distinta, unha mirada tranquila sobre o noso percorrido como seres humanos, e debemos redescubrir todo o pensamento, a creatividade, a esperanza, o progreso,... que a mente axudou a crear na Natureza que nos rodea. Nestes momentos nos que unha fainos guiños de temporalidade debemos refuxiarnos na outra e agardar novos amenceres.

Desde a nosa materia contribuiremos, non só coas lecturas que xa temos no estudo obrigado dos nosos autores, senón tamén a través dos comezos de grandes obras que permanecen como capítulos pasados e xa lidos da Historia da Humanidade, e nos que debemos atopar leccións xa escritas de como seguir avanzando no noso camiño no Universo.

Estes días nas nosas clases de Historia da Filosofía temos como protagonista a José Ortega y Gasset, un dos nosos filósofos máis señeiros e un dos ensaistas máis recomendables, internacionais e recoñecidos. Fundador da Revista de Occidente. e creador de innumerables textos de obrigada lectura. Entre eles figuran para a proba da ABAU un fragmento de ¿Qué es Filosofía? e outro de El tema de nuestro Tiempo.

#encasacoaFilosofía

  

EN CASA COA FILOSOFÍA

Veñen tempos de descanso, pero a nosa rutina seguirá a ser a mesma. Encontrarémonos no mesmo sitio e as mesmas horas. Hai tempo para todo, para estar coa familia, para relaxarmos, e tamén para manter a actividade cerebral. O noso traballo non ten rexas nin persianas, podemos deixalo en barbeito, revisalo, miralo ou profundar nel. Non hai mal ningún en manter unha disciplina e unha rutina. É máis, faise aínda máis prioritaria e necesaria esta actividade dadas as condicións do noso día a día.

Así que Ánimo, Forza, Constancia,... e todas as virtudes que nos convirten en seres humanos. Estamos con vos!

Un filósofo e a xente!

Comeza abril (hoxe commemórase o nacemento de Andersen, don Hans Christian, así que leeremos máis contos) e seguimos a diario coas clases de Filosofía. Lembrade que tedes a gravación das clases de cada mañá na AULA VIRTUAL, e podedes ler o chat creado coas vosas aportacións.

Xa revisamos os textos de Kant, mañá revisaremos os textos de Marx, e aínda poderemos revisar os de Nietzsche (que o tedes recente). Mentres nada informen nos seguiremos coa nosa boa rutina e bo facer, e miraremos o último dos filósofos do noso temario, un filósofo español de repercusión universal, e sempre unha lectura agradable, sorprendente e rendable para a nosa formación: José Ortega y Gasset (1883-1955).

Tedes documentos e material gráfico e sonoro do autor na AULA VIRTUAL. Máis adiante comezaremos a repasar todo o temario desde un punto cualitativamente distinto, posto que xa temos a base conceptual para falar e comentar. Ordeade os apuntes, respetade as rutinas, revisade todas as materias,... e mantede o espíritu filosófico, así que.... en garde!

#encasacoaFilosofía

INSTRUCIÓNS PARA CLASES DE FILOSOFIA CON VIDEOCONFERENCIA

Luns 30 de marzo, 2020

A Xunta acaba de habilitar una plataforma de videoconferencia en CISCO WEBEX. Desta forma, unha vez que o profesorado estea rexistrado (coma no noso caso) deberá comunicar ao ALUMNADO os pasos a seguir. E eses pasos son sinxelos e son os seguintes:

1. Conectarse a un navegador de internet, e poñer a dirección (URL) e os datos da reunión.* En Windows, preferiblemente cos navegadores Chrome ou Firefox, a través dun cliente que o navegador instala no equipo, e que comeza ao premer "Iniciar una reunión" ou ao acceder diretamente a dito cliente.

2. Se queredes conectarvos con móbiles ou tabletas con S.O. Android ou IOS hai que instalar a app Webex Meet.

 *Que cales son eses datos?? O profesor/a comparte co seu alumnado os datos de acceso, a saber, dirección da sala (URL) - Identificador de acceso), para que poidan entrar na sala.

E xa está! non se precisa de máis. Non hai que descargar nada (que tamén poderíades facelo). Esta é a mellor forma e evita problemas doutro tipo.

PROBLEMAS:

Como todas as novas tecnoloxías, as conexións e a transmisión de datos son elementos indispensables, e tal vez moitos suframos retardos e/ou cortes. Por esta razón, seguiremos coa FILOSOFÍA DE CHAT, e escribiremos as nosas preguntas no chat diario  (agás mércores e fins de semana) que xa temos asimilado. Ademais, para os/as que teñades problemas tamén con estas plataformas, sabedes que resolvemos dúbidas polo correo, polo teléfono ou polo guasap,... Calquera medio que permita a comunicación e a aprendizaxe. Estamos contigo! (un vello slogan que volve a estar de moda).

Que a FILOSOFÍA os acompañe.

Nova clase virtual XOVES 27 MARZO (11:00 horas)

Nova cita para rematar o repaso da filosofía kantiana, e para comezar o repaso da filosofía de Marx...

Xa sabedes, traballo previo, 11:00 horas, AULA VIRTUAL.

#euquedonacasa 
#encasacoaFILOSOFÍA
 
CONCLUSIÓNS da clase de hoxe:

Dado que somos unha clase moi numerosa (un total de 29 mentes filosóficas) formaranse varios grupos para comentar e aclarar dúbidas sobre o traballo previsto, e que comentaremos no foro correspondente que tedes xa disposto. Desde as 11:00 horas todos os días, agás o mércores (e a fin de semana, claro, que faredes xornadas de reflexión), faremos unha clase de FILOSOFÍA. Lembrade que aínda estamos de repaso dos autores xa explicados e que só nos falta coñecer o pensamento de Ortega y Gasset para completar o noso curso. TEmos tempo e medios para mirar e remirar os contidos e haberá distintos medios para interactuar. O obxectivo é mantener unha rutina e unha constancia no traballo.

Para todo o que necesitedes.... xa sabedes... AULA VIRTUAL, Correo, grupos de whatsap,... o que a vosa mente filosófica necesite. Saúdos e saúde!

 

Nova clase virtual MÉRCORES 11:00 horas 2º BACH

Este MÉRCORES 26 de marzo ás 11:00 horas, na AULA VIRTUAL teremos unha nova cita para traballar os contidos de repaso. Nesta ocasión imos plantarlle cara a KANT, tanto no plano teórico coma no práctico. Así que... dádelle un repaso a algúns dos documentos suxeridos ou algún dos videoresumos traballados.

Unha vez máis temos cita coa FILOSOFÍA!

 

Distribuir contido


by Dr. Radut