Skip to Content

Visita ó "Centro de Formación para o Consumo" da Veiga.

O mércores 22 e o xoves 23 de abril, o alumnado de 3º de ESO A e B, 3º de PDC, 4º de PDC e o alumnado de Plástica de 4º de ESO, visitou o Centro de Formación para o Consumo da Veiga (Asturias).

Cada día, o alumnado dividiuse en dous grupos, para facer distintos obradorios: gravación dun anuncio de televisión, ecoconsumo e "coñecendo a publicidade".

Ademais fixemos a "Senda das doce Pontes". A Veiga é unha vila atravesada por dous ríos, o Suarón e o Monjardín e entre os dous ríos hai 12 pontes. En cada unha delas hai, ou debería haber, unha obra de arte contemporánea. Entre a primeira e a última obra de arte hai unha senda, que recorremos, fixándonos en que consistía cada obra e quen era o seu autor ou autora.

PREME AQUÍ PARA VER MÁIS IMAXES

Exposición de libros vellos. Día do libro, 2015

Aproveitando que no instituto, debido á súa antigüidade, temos unha boa cantidade de libros vellos, decidimos conmemorar o Día do libro 2015 inaugurando unha exposición dalgúns deles en diversas vitrinas, distribuídas por varios lugares do centro.

A intención é mantelos de xeito estable, aínda que non permanente, xa que dispoñemos de máis exemplares merecentes de seren expostos. Por iso, temos previsto rotalos, cando pase algún tempo.

Quen teña interese en ver con detalle algún deles, pode pedir a chave das vitrinas na biblioteca.

Podes ver a EXPOSICIÓN EN FOTOS na nosa galería.

"Ovos literarios". Día do libro, 2015

Para conmemorar o Día do libro, o alumnado da ESO recreou unha serie personaxes relacionados co mundo da literatura ou do libro en xeral, utilizando os ovos como base para o seu labor. Con todos os seus traballos preparouse unha exposición.

Coordinou a actividade a profesora Rosa Paz, do departamento de lingua española.

PREME EN CALQUERA DAS IMAXES para acceder a un vídeo no que se pode comprobar a creatividade do alumnado.

 

"Ovos literarios"

 

As mulleres e as relixións / A ablación

Nos últimos días, as alumnas Sonia Amor Pérez, Carmela Carrero Isla, Teresa García Gutiérrez e Marta Fernández Díaz, de 4º de ESO, expuxeron para todos os grupos da ESO os seus traballos sobre O papel das mulleres na relixión e A ablación.

Inicialmente, tratábase dunha tarefa de aula, promovida polo profesor Carlos Cid Tesouro, do departamento de Xeografía e historia, para expoñer só ante o seu grupo.

Pero, vendo a calidade e o interese dos mesmo, decidiuse que se repetise no salón de actos para todos os grupos, aproveitando as horas de titoría. Da coordinación destas exposicións encargouse a profesora Teresa González Piñeiroa, do departamento de Lingua galega e literatura.

Sen dúbida, é unnha sorte que o noso alumnado poida aistir a conferencias tan interesantes, e se as relatoras son da casa, mellor aínda.

Parabéns!

 

Sabela Núñez Singala: O agasallo de Anya

O luns, 13 de abril, visitounos Sabela Núñez Singala para falar do seu libro O agasallo de Anya, que leron varios grupos da ESO.

Despois dunha exposición inicial sobre as orixes do libro e outros aspectos relacionados co mesmo, a autora contestou a numerosas preguntas do alumnado.

Coorganizaron a actividade o departamento de Orientación, o de Lingua galega e literatura, Equipo de Dinamización lingüística e Equipo da Biblioteca.

IMAXES:

 

O agasallo de Anya en youtube: https://www.youtube.com/watch?v=bY1Q59DGPSc

 

Feira da ciencia

Entre o 8 e o 10 de abril tivo lugar no noso centro a Feira da Ciencia, organizada polos departamentos de Física e química e Ciencias naturais.

O alumnado, organizado en grupos, explicoulle os seus experimentos ó resto dos compañeiros e tamén ós escolares dalgúns colexios que nos visitaron a propósito para ver a Feira.

Moito e bo traballo do alumnado e do profesorado que os coordinou!

FOTOS DA FEIRA

 

Contos de medo no Museo de Lugo 2015

O día 27 de marzo, o alumnado de 1º de ESO participou na actividade Contos de medo no Museo, promovida polo Museo Provincial de Lugo.

Primeiramente, o alumnado leu no centro unha serie de relatos e xa no museo, organizados en equipos, buscaron resposta a unha serie de cuestións relacionadas con cada un dos relatos.

O alumnado estivo acompañado por Mª José Álvarez Amor, Isabel López, ambas as dúas do departamento de Lingua galega e literatura, e Roberto Rodríguez, do departamento de Xeografía e historia. 

Deporte feminino

O alumnado de 2º, 3º e 4º de ESO participou na campaña "Deporte feminino. Regateando obstáculos".

O obxectivo fundamental era conciencialos na necesidade de rachar cos estereotipos de xénero á hora de elixir e practicar deportes.

Comezouse cunha charla de 15 minutos dirixida polo técnico do CIM do Concello de Ribadeo. Logo, monitores das escolas deportivas impartiron unha clase práctica de iniciación a cada modalidade.

Viaxe a Portugal

Entre os días 18 e 22 de marzo, o alumnado de Lingua portuguesa realizou unha viaxe, cofinanciada polo concello de Ribadeo, a Lisboa. Visitaron o Museo da Fundación Calouste Gulbenkian, Belem, o castelo se São Jorge, as estufas do parque de Eduardo VII, o Parque das Nações e outros lugares de interese. De regreso, visitaron Peniche e Aveiro.

Coordinou a actividade a profesora Dores Fernández Abel. Como acompañantes, foron a propia organizadora eSuso F. Acevedo.

 

 

Solidariedade internacional

O alumnado de 4º da ESO participou nun Obradoiro de Solidariedade Internacional de Galicia, no que se traballou sobre os conceptos de "Política" e "Políticos" e elaboraron en plastilina a súa idea de representación.

Ademais, presentaron as súas ideas para mellorar a vila e tomar conciencia da importancia de preservar o público.

Queda aínda un novo obradoiro no que o alumnado presentará unha acción de incidencia política que contribúa a mellorar a incidencia no contorno.

Coordinou a actividade o profesor Manel Yáñez.

Distribuir contido


by Dr. Radut