Skip to Content

(14/06/2021): Novidades na RADIOIESRibadeo!

Temos novos audios para a Radio IES Ribadeo. Esta vez son oito "cuñas" radiofónicas, pequenas pezas de audio feitas polo alumnado de 1º de Bacharelato A e B que cursa as materias "Cultura Científica" e "Bioloxía e Xeoloxía". A montaxe (mediante o programa de software libre Audacity) correu a cargo do docente Fernando Losada.

Algunhas das voces están distorsionadas, e unha das cuñas é de "Tomas falsas" da gravación.

Cabe sinalar que a música é un jingle composto e tocado polo alumno de 1º de Bacharelato Andrés Manuel Bermúdez García.

Aproveitamos as preguntas posteriores á conferencia impartida por Sonia Villapol para preparar esta entrevista e que todo mundo poida disfrutar dun tema de actualidade.

Brais Varas, Lara Pérez, Javi Dopico e Itziar Nieves, alumnas e alumnos de Bioloxía de 4º ESO axudadas/os pola directora Susi Besteiro, quixeron coñecer a opinión de Sonia Villapol respecto á mestura de vacinas, aos efectos da COVID-19 nas embarazadas e aos futuros avances na Neuroloxía, entre outras.

A produción e consecución da entrevista correu a cargo da Profesora de Música María Ron, e a edición do audio, de Fernando Losada, Profesor de Bioloxía e Xeoloxía.

Estes tres audios graváronse para a materia de Música, do grupo de 2º ESO A (impartida polo Profesor Manuel Lozano). A idea era facer un traballo sobre os xéneros musicais de salsa, disco e bachata.

O alumnado escolleu tres artistas para falas deles (Bee Gees, Marc Anthony e Romeo Santos), pero fixérono como se estiveran nun programa de radio (uns simplemente presentando ao artista e outros incluso interpretando).

(08/06/2021): Visita vitual ós xacementos de Atapuerca.

Case para rematar a XXVI Feira da Ciencia e da Cultura ribadense, o alumnado de 4º ESO tivo a oportunidade de facer unha visita virtual ós Xacementos de Atapuerca en Burgos. Baixo o título “La trinchera del ferrocarril, en busca de nuestro origen” fomos recorrendo unha zona calcaria que inclúe xacementos tan importantes como A sima do elefante, A galería ou a gran Dolina. Explicáronnos que se trata da maior concentración de restos humanos da península e que alí se atoparon restos do antepasado máis antigo de Europa, o Homo antecessor, un homínido que chegou dende Africa e que é a última especie común entre os Homo neanderthalensis e os Homo sapiens. Non cabe dúbida de que foi unha actividade moi interesante e unha boa lección de evolución humana. Puidemos observar dende restos de mamíferos ata ferramentas de sílex pasando por restos humanos tan famosos coma o cránio número 5, coñecido popularmente como Miguelón que é o cranio de Homo heidelbergensis mellor conservado do mundo e recibe ese nome en honor a Miguel Indurain pois foi descuberto cando Miguel acababa de gañar o segundo Tour de Francia.

Tan só queda para os vindeiros días rematar algúns percorridos botánicos polo xardín que tiveron que ser aprazados pola chuvia e dende o IES de Ribadeo agradecen a colaboración do Museo de Atapuerca.

ENLACE Á NOTICIA EN CRÓNICA3. A MARIÑA

Campaña de Prevención de Lesións Medulares: A MARIÑA - COGAMI.

As charlas gratuítas foron impartidas aos grupos de 3º ESO pola presidenta da Asociación de Persoas con Discapacidade da Mariña Lucense, Emma Caamaño, e persoal voluntario con lesión medular. En cada unha das tres charlas fíxose, en primeiro lugar, unha presentación teórica sobre as lesións medulares, que son, as súas causas (zambullidas, accidentes de tráfico,...) e consecuencias para, a continuación, darlle a palabra aos voluntarios que, por experiencia propia, espuxeron o cambio da súa vida a partir da lesión medular.

 

PANTALLAS AMIGAS: Uso seguro, Saudable e Responsable das Tecnoloxías Conectadas.

Nestas sesións de información e sensibilización en 2º ESO tentouse proporcionar ao alumnado unha referencia clara de cales son as opotunidades que nos ofrecen as TIC e que riscos pode haber no seu uso, fomentando prácticas saudables e reflexivas, a evitación de conflitos, a importancia da protección de datos persoais, a identificación de situacións de acoso e sensibilización acerca do ciberacoso e a súa prevención e de todas as formas de violencia a través de internet.

As sesións, de 100 minutos de duración, leváronse a cabo nos tres grupos de 2º ESO, cunha metodoloxía 100% online, por videoconferencia en directo/streaming.

Departamento de Orientación e profesorado titor de 2º ESO.

SEGUIREMOS SENDO ESCOLA EMBAIXADORA!!!

Grazas a todo o alumnado e profesorado implicado neste proxecto! Acabamos de recibir a notificación de que o curso 2021-2022 mantemos o status de ESCOLA EMBAIXADORA DO PARLAMENTO EUROPEO.

Un título que nos permitiu achegarmos a espazos educativos de moitas partes de Galiza, de España e de Europa. Grazas ao esforzo do grupo de alumnas de Filosofía de 4º ESO e ao grupo de alumnas de Filosofía de 1º de BACH, tamén ao profesorado: Manuel Lozano e Susi López-Leitón da materia de Educación Física, Sofía Acevedo da materia de Relixión, e a Manel Yáñez da materia de Filosofía e coordinador do proxecto, polo seu incansable esforzo para manter estas iniciativas.

Por extensión queremos tamén agradecer desde aquí ao resto de Escolas Embaixadoras polos seus consellos e axuda, e sobre todo ao grupo que formamos as Escolas de Galicia, que, coordinadas por EUROPE DIRECT A CORUÑA, e coa axuda de EUROPE DIRECT LUGO, souberon aportar, colaborar, apoiar e enviar material e ánimo suficiente para levar a cabo os nosos cometidos. GRAZAS a TODS! e seguiremos traballando por lograr unha Europa en paz e unida na diversidade...!

(08/06/2021): Novos audios na RADIOIES Ribadeo!

Aquí tedes outras tres radioficcións sobre os riscos das novas tecnoloxías, cuxo guión e voces correron a cargo do alumnado da materia Cultura Científica de 1º de Bacharelato. Neste caso, as autoras foron Carís Hernández Eiros, Natalia Martínez Barcia e Laura Rodríguez Besteiro.

A montaxe dos mesmos correu por conta do docente da materia, Fernando Losada.

 

Visitas Virtuais aos Museos Científicos Coruñeses.

Na XXVI Feira da Ciencia e da Cultura, boa parte do alumnado do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo tivo a oportunidade de visitar os museos científicos coruñeses.

O Departamento de Bioloxía, que foi o encargado da actividade, seleccionou para o alumnado de 1º ESO a visita á Sala Nautilus do Aquarium Finisterrae. Trátase da sala máis espectacular do acuario, unha gran piscina de 4,4 millóns de litros de auga onde nada os maiores peixes do Atlántico. Puideron ver meros, douradas, os grandes bancos de xardas e de xurelos e, por suposto, as quenllas, entre as que destaca Gastón, un Tiburón Toro macho de 2,5 metros de longo e 120 kg de peso.

O alumnado de 2º ESO visitou a exposición "Puro Swing" na Casa das Ciencias centrado na explicación dos experimentos pendulares de Galielo e Foucault que cambiaron a historia da ciencia, no segredo do botafumeiro mirar como a gravidade fai debuxos xeométricos e aprender a maxia con péndulos acoplados. 

Finalmente, na Domus, eliximos para 3º ESO a "Disección en directo do ollo" e para 1º de Bacharelato, a "Disección en directo dunha flor", ambas acompañadas de xogos interactivos coa aula.

Todas resultaron de interese e o alumnado mostrouse participativo. Nun curso condicionado pola pandemia e o protocolo anticovid, que fixo imposible a realización de prácticas de laboratorio, dende o IES de Ribadeo queremos agradecerlle aos Museos Científicos Coruñeses a súa colaboración.

Dpto. de Bioloxía

(04/06/2021): LAURA CALAZA, “unha matemática falando de dialectoloxía galega”.

A cuarta muller investigadora coa que contamos na XXVI Feira da Ciencia e da Cultura foi Laura Calaza. Estudou o bacharelato en Vilalba e despois marchou a Santiago, onde se licenciou en Matemáticas na USC coa especialidade en Estatística e Investigación Operativa. Completou a súa formación ramén na USC cun Máster en Técnicas Estatísticas e é membro activo da Real Sociedade Matemática Española. Dende 2015, esta muller matemática tamén forma parte do Instituto da Lingua Galega e participa nos proxectos que se desenvolven dentro da Rede de Investigación de Tecnoloxías e Análise de Datos Lingüísticos (TecAnDaLi).

Agora traballa no Centro de Formación do Profesorado de Lugo, na extensión de Burela, motivo pola cal é a nosa Asesora TIC e axúdanos e oriéntanos cos Plans de Formación que facemos cada curso.

LER MÁIS...

A CONCORDIA PRESENTA A OBRA DE SUÁREZ COUTO

Este xoves 3 de xuño, cun acto oficial de presentación no salón de actos do centro, a Asociación A Concordia fixo pública a cesión temporal da exposición de debuxos e gravados de Suárez Couto ao IES de Ribadeo. Con esta exposición ambos colectivos queren lembrar, difundir e sobre todo dar a coñecer á xuventude da vila, a obra dun artista ribadense que permanece esquecido para a gran maioría.

A colección que a asociación A Concordia conseguiu reunir de familiares, amigos, prensa e publicacións da época está composta de medio centenar de debuxos e gravados moi variados e de distintas épocas: ilustracións para libros e folletos, publicidade de xabóns, festas patronais, semana náutica,... Unha mostra testemuñal que recupera parte do legado artístico de Amando Suárez Couto e revaloriza o interese cultural que toda a familia Suárez Couto amosou por Ribadeo. Un legado que tanto a Asociación A Concordia como o IES Ribadeo Dionisio Gamallo consideran necesario conservar e coñecer.

Breve historia de A Concordia, por Matilde González

En Twiter @cosmopolitas1

(05/06/21) Cronica3.com

(06/06/21) El Progreso

  

EXPOSICIÓN XELA ARIAS

 

Entre o 31 de maio e o 4 de xuño temos no vestíbulo unha exposición sobre Xela Arias titulada Aquela nena de Sarria  creada e xestionada polo colectivo Egeria . Podedes visitala de xeito virtual no seguinte enlace:

 

 https://aquelanenadesarria.gal/gl

  

 

Distribuir contido


by Dr. Radut