Skip to Content

Ciencias Naturais

Novos audios na RADIOIESRibadeo!

Estes audios son radioficcións guinizadas e locutadas polo alumnado da materia Cultura Científica de 1º de Bacharelato. A temática era a seguinte: crear unha historia onde se fale dalgún dos riscos do mal uso das novas tecnoloxías, como as redes sociais. O modo de contar a historia era libre: un programa de radio, unha conversa entre amigas, etc... Sempre, que versasen sobre iso.

Na primeira sesión de gravación no Salón de Actos (21/05/2021), gravamos os cinco primeiros guións (realizados por Carís Hernández Eiros, Carme Lago Fernández, Álvaro López del Río, Natalia Martínez Barcia e Lara Martínez Peña).

A montaxe dos mesmos correu por conta do docente da materia, Fernando Losada.

O NOSO XARDÍN.

O NOSO XARDÍN

 

Un xardín sempre é un luxo pero máis en tempos de COVID. É o momento perfecto para fixarnos no noso patrimonio natural. Como temos a sorte de poder disfrutalo a diario, ás veces nin reparamos nel.

Queremos poñer en valor O Xardín do IES Ribadeo Dionisio Gaallo e aproveitalo unha vez máis como recurso educativo.

 Convidámosvos a pasear por el e descubrir as máis de 30 especies arbóreas que temos: dende sequoias ou carballos americanos ata cerdeiras ou arces xapones pasando polas palmeiras canarias e sen olvidar as  autóctonas como castiñeiros, teixos e bidueiros.

Inauguramos uns metacrilatos que as identifican e que levan uns códigos QR enlazados coas fichas que no departamento de bioloxía fomos facendo co alumnado nos últimos anos.

Desexamos que sirva non só para familiarizarnos coas especies que temos, senón tamén para sensibilizar a toda a comunidade educativa da importancia da súa conservación e amosarlle agradecemento a quen previamente tivo a sensibilidade de plantar e coidar todas e cada un dos exemplares cos que contamos.

Dende a seguinte ligazón accédese ao álbum de fotografía do profesor Fernando Losada na web wikimedia commons: https://commons.wikimedia.org/wiki/User:Drow_male/IESRibadeo

 

 

Dpto de Bioloxía IES RIBADEO

Curso 2020/2021

(02/03/2021): TODAS E TODOS CONTRA A VELUTINA.

A asociación "Os Abelleiros" de Ribadeo colaborou novamente co IES de Ribadeo Dionisio Gamallo, impartindo a conferencia "Todos e todas contra a velutina".

Comezou Antonio Valea, secretario da asociación, explicando as características da avespa asiática e como distinguila doutras especies semellantes. A continuación, o presidente Marcos Villamil, centrouse en amosar as distintas trampas e líquidos atraentes que se empregan na loita contra ela. Finalmente, os dous xunto con Jesús Rodríguez trataron de sensibilizarnos da importancia de loitar contra esta invasora que no só pon en perigo ás nosas abellas senón tamén aos nosos ecosistemas.

O curso pasado, xusto antes do confinamento, xa fixeramos esta actividade, e para animar a participar convocamos un concurso cun premio moi doce que se entregou ao final da conferencia. A alumna Uxía Fernández Díaz, de 2º ESO B, foi a gañadora recibindo como agasallo dous tarros de mel e o libro "Apicultura para principiantes" dedicado polos Abelleiros. Noraboa a Uxía e tamén a súa nai Oliva que sabemos foi gran colaboradora!

LER MÁIS...

ACCEDE AQUÍ Á GALERÍA DE IMAXES

 

 

(02/02/2021): DÍA MUNDIAL DOS HUMIDAIS.

Un ano máis, aínda que dun xeito ben distinto, celebramos o Día Mundial dos Humidais, esta vez baixo o lema ”Inseparable: Auga, Humidais e Vida”.  Tratamos de sensibilizar ao noso alumnado da importancia destes ecosistemas e do afortunados que somos por poder disfrutar cada día da nosa ría, A Ría de Ribadeo, que conta con numerosas e merecidas figuras de prtotección (zona ZEPA; espacio RAMSAR, zona LIC.... ) que avalan a súa importancia internacional.

Non puidemos facer a saída á Ría coma tódolos anos  porque a pandemia cambiou case tódolos nosos hábitos tamén nos centros educativos....pero toca facer pola saúde máis ca nunca e non só pola nosa, tamén pola saúde e sostibilidade do noso entorno.

Para quen o desexe, propoñemos un par de enlaces interesantes: o de Kike Sampedro, un ribadense moi afeccionado á ornitoloxía, co que outros anos tivemos a sorte de celebrar este día  http://ria-de-ribadeo.blogspot.com/p/la-ria-de-ribadeo.html e o oficial do Ministerio correspondente ó 2021: https://www.miteco.gob.es/es/biodiversidad/temas/ecosistemas-y-conectividad/conservacion-de-humedales/Dia_Mundial_Humedales_2021.aspx.

(18/12/2020): Obradoiro de Zostera

PRADEIRAS MARIÑAS, Tesouros de Diversidade

                 

O pasado venres 18 de decembro, o alumnado de 1º de ESO participou nun obradoiro a cargo do CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia) sobre as pradeiras mariñas de zostera ou herba do mar. Durante a actividade, aprenderon moitas cousas sobre estes ecosistemas de alto valor ecolóxico, tan próximos a nós pois e, ao mesmo tempo, tan descoñecidos.

Vespa velutina , un perigo para tod@s.

Antonio Valea, Marcos Villamil e Jesús  Rodríguez, membros da Asociación Os Abelleiros de Ribadeo  estiveron no noso centro para impartir unha charla sobre a Avespa asiática. Primeiro, Antonio explicounos as características desta especie invasora, como distinguila e o seu ciclo vital. A continuación, Marcos explicounos as distintas formas de loitar contra ela e a importancia de facer trampeo durante toda a primavera, para cazar raíñas e evitar así a súa expansión.

Agradecemos moito a súa axuda a e comprometémonos a axudar no trampeo. De feito, os alumnos e alumnas de 1º ESO, están elaborando nas clases de Bioloxía trampas caseiras coa axuda das profesoras Ana Rodríguez, Isabel Mojardín e Teresa Díaz. A intención é que cada un deles se faga responsable dunha trampa que colocará nas inmediacións das súa casa para contribuír á loita contra a expansión desta especie que pon en perigo ás nosas abellas, imprescindibles para nós non só polo mel e outros produtos apícolas, senón sobre todo polo seu importante papel como polinizadoras nos ecosistemas.

Tamén agradecemos ó Concello de Ribadeo que nos regalase un par de trampas comerciais coas que faremos unha pequena investigación a suxerencia de Antonio e Marcos. Imos colocalas no xardín do Instituto e comprobar se funciona mellor como atraínte das raíñas da  avespa asiática o produto comercial que nos regalaron Os Abelleiros ou o preparado caseiro de azucre, auga e levadura do que eles mesmos nos deron a fórmula.

Para a xente que non puido asistir á charla pero está interesada neste tema, adxuntamos tres cousas interesantes: as características para distinguir a avespa asiática, como facer unha trampa caseira e a fórmula para facer o atraínte para as raíñas. 

Animádevos todos a trampear, dende esta semana está aberto o concurso para ver quen captura máis raíñas de avespa asiática e o gañador terá un importante e doce premio!!!

Susi Besteiro

 

Xefa de Dpto de Bioloxía

DÍA MUNDIAL DOS HUMIDAIS: Os humidais e a biodiversidade.

 

O alumnado de 4º ESO  de Bioloxía, acompañado pola profesora Susi Besteiro, saíu un ano máis á Ría de Ribadeo para conmemorar o Día Mundial dos Humidais, que se celebra cada 2 de febreiro co obxectivo de visibilizar e crear conciencia acerca da importancia destes ecosistemas para a humanidade.

Ler máis...

 

PROXECTO RÍOS. Inspección de outono, 2019.

Un ano máis, o IES de Ribadeo ten concedida a participación no Proxecto Ríos co obxectivo de educar no desenvolvemento sostible e sensibilizar ao alumnado da importancia de poñer en valor e conservar o noso medio natural.

Un pouco máis tarde que outros anos debido ao mal tempo que tivemos, o alumnado de 4º ESO de Bioloxía, acompañado pola profesora Susi Besteiro, saíron ao Río Pequeno durante tres horas para facer a toma de datos correspondente ao outono. Foi unha saída breve na que despois de percorrer o tramo de estudo observando canto era posible, os rapaces e as rapazas procederon a realizar as análises pertinentesco fin de cubrir a ficha na que se reflicten tres aspectos do río: calidade hidromorfolóxica, calidade físico-química e calidade biolóxica.

Pinchando aquí, pódese acceder aos resultados da análise.

 

Proxecto rios: Inspección primavera 2019

                                                                               Ver mais fotografías

Recentemente, algúns alumnos de 4º ESO de Bioloxía saíron ó Río Pequeno pola mañá, para realizar a toma de datos correspondente á inspección de primavera.

 

Despois de recorrer o tramo de estudio para observar os posibles cambios, centrámonos na zona de mostraxe para facer as análises pertinentes e cubrir a ficha na que se reflexan 3 aspectos do río: calidade hidrohidromorfolóxica, calidade físico-química e calidade biolóxica.

Deducimos que  a calidade ecolóxica do ecosistema fluvial no tramo elexido segue sendo boa, con augas ben osixenadas e non contaminadas, tal e como indican a presencia dos numerosas  macroinvertebrados atopados.

Os resultados foron os seguintes:

1.- Calidade hidromorfolóxica:

Hábitat: a auga flúe, o nivel de auga é un pouco máis baixo do esperado debido á seca dos últimos meses, hai frecuencia  ocasional de rápidos, o substrato son coídos e gravas con area e limos,  a cobertura de vexetación acuática é escasa e o río está sombreado con claros. Esto lévanos a unha valoración final do hábitat  boa, é un hábitat ben constituído, que pode soportar unha boa comunidade de macroinvertebrados.

Bosque de ribeira: Para unha primeira valoración empregamos o índice QRISI aplicándoo nas dúas marxes. Na dereita ten calidade moderada, con bastantes árbores propias de ribeira (amieiro, salgueiro, loureiro, bieiteiro, freixo, …) pero na esquerda ten calidade bastante menor xa que a intervención humana segue estando  máis presente (prado, casa, gando….)

 

2.- Calidade físico-química: Medimos unha serie de parámetros e os resultados son os seguintes: Temperatura de 14º , transparencia boa (aprécianse os 4 sectores), nitratos entre 5-20mg/l, osíxeno disolto de 4mg/l e nivel de saturación de osíxeno do 36%.

 

3.- Calidade Biolóxica: para valorala, fixámonos sobre todo nos macroinvertebrados que capturamos co trueiro e dan unha idea rápida da calidade do ecosistema xa que son organismos  bioindicadores.  Identificamos: tricópteros (larvas con estuche) de tipo  Limnephilidae, efemerópteros (Ephemeridae), larvas de libélula (Gomphidae e Libellulidae), moluscos (pequenas caracolas e algunha lapa), heterópteros tipo Gerridae (zapateiro común) e Notonectidae (Notonecta glauca), arácnidos, escorpión de auga (Nepidae), larvas de cabaliño do demo (Calopterygidae), escribanos (Gyrinidae), e algún outro.

Segundo os macroinvertebrados atopados, chegamos á conclusión de que o tramo de río estudiado presenta boa calidade. porque bioindicadores deso son os odonatos ou larvas de libélulas, os tricópteros (Limnefílidos ) e as efímeras.

Conclusión:

Comparando os datos obtidos cos de outras campañas deducimos que o río segue a estar en bo estado, con moi pequenas variacións. O que reseñamos, igual co ano pasado é a presencia cada vez maior nos castiñeiros da parte dereita do río da avispilla do castiñeiro.  O seu nome científico é Dryocosmus kuriphilus, procede de China e nótase moi ben nos castiñeiros novos as partes baixas das ramas coas follas e agallas secas e as partes que medraron este ano, coas follas verdes pero tamén caragadas de agallas. Unha pena porque esta invasora vaille dar que facer ós nosos soutos...

Polo demais, a actividade resultou ben e seguiremos con ela porque resulta motivadora e interesante. Con estudios sinxelos, pódese saber o  estado de saúde do ecosistema e axudar a concienciar da importancia que ten fomentar a conservación do medio natural.

Día da Ciencia na rúa. Abril 2019

                                                                                          Mais fotografías

O pasado día 4 de maio, celebrouse na Coruña o Día da Ciencia na Rúa e o IES de Ribadeo colaborou coa participación dunha parte do seu alumnado como xa ven sendo habitual dende fai 24 anos.

Foron un total de 35 alumnos e alumnas de 1º e 3º  da ESO, acompañados polas profesoras María del Monte do Dpto de Tecnoloxía e  Beatriz  Fernández e Susi Besteiro do Dpto de Bioloxía. Por certo, tamén nos acompañou Antonio Gregorio porque aínda que está xubilado, leva a ciencia no sangue.

Levamos traballos variados. Algúns de tecnoloxía como a lavadora, unha ponte levadiza, a mininoria, as sillas voladoras e a respiración pulmonar e tamén algúns de bioloxía como as egagrópilas das aves, os otolitos dos peixes e as dúas novas especies invasoras detectadas en Ribadeo: a ostra rizada e a avispilla do castiñeiro. Todos os traballos gustaron moito e os nosos alumnos recibiron moitas felicitacións tanto pola calidade dos proxectos como pola forma de explicalos.

Foi un día realmente interesante no que tamén poidemos observar moitos traballos presentados por outros centros comprobando que unha vez máis seguimos mantendo un bo nivel e iso resulta francamente satisfactorio.

A continuación poñemos o enlace para poder ver a reseña que saiu na Voz de Galicia referida a ese día e no que fan mención ó noso centro.

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/coruna/coruna/2019/05/04/1500-alumnos-dan-mejor-clase-ciencia-coruna/00031556968507026468322.htm

Tamén poñemos o enlace  do Día da Ciencia no que se pode acceder ó libriño no que figuran tódolos centros participantes e os traballos presentados. https://indd.adobe.com/view/a934a555-e17b-4a66-8570-8a914d578a14 e xa no último enlace pódese acceder ó libriños das 24 edicións que se levan celebrado e nas que sempre colaboramos primeiro como IES Porta de Auga e despois xa unificados, como IES de Ribadeo https://www.amigoscc.es/escolares/ciencia-en-la-calle/.

Finalmente, agradecemos a Javier Novelle, organizador do evento, que ano tras ano, sigue facilitándonos a participación facéndose cargo dos gastos de autobús, comida e dos agasallos para os nosos alumnos.

Fdo: Susi Besteiro, xefa do dpto de Bioloxía

Distribuir contido


by Dr. Radut