O pasado luns 12 de setembro, tivo lugar no IES de Ribadeo Dionisio Gamallo a apertura do curso escolar cunha lección inaugural a cargo de Toni Deaño e coa actuación da Coral Polifónica de RIbadeo.
Baixo o título “Luz Pozo Garza”, Toni Deaño, ex profesor do centro, fixo un resumo da vida e obra da poetisa nacida en Ribadeo no ano 1922 e nomeada filla predilecta do Concello de Ribadeo en xaneiro do 2020, pouco antes do seu falecemento. A interesante lección rematou coa lectura dun poema dedicado á nosa vila, que o propio Toni Deaño custodiou por petición da escritora ata a súa publicación en La Comarca del Eo: “Abrín portas de prata” co subtítulo Ribadeo, Ribadeo.