Skip to Content

Física e química

VI Foro intercomunitario de investigación xuvenil

A pasada semana, catro estudantes no IES de Ribadeo Dionisio Gamallo asistiron en Lugo durante tres días ó VI Foro Intercomunitario de Investigación Xuvenil. Trátase dun un encontro anual no que estudantes de varias comunidades autónomas expoñen investigacións realizadas en diferentes temas, dende aspectos de como medran diversos moluscos a app para localización de niños de velutina. Nas súas orixes ten participado o IES Porta da Auga, daquela dentro do proxecto 'Investigación, haciendo y difundiendo' do Ministerio de Educación, e este ano, con alumnos con traballos sobre a evolución das nosas praias (Estela Bravo e Iria García) e un estudo sobre o mareo (Alberto Dopico, Diego Alonso e Marta Calonge). Na foto, un momento dunha das exposicións.

Coordinou a actividade o profesor Antonio Gregorio Montes, do departamento de Física e Química. 

Feira da ciencia, 2016

Os días 6, 7 e 8 de abril tivo lugar no instituto a Feira da Ciencia, organizada polos departamentos de Ciencias Naturais e Física e Química.

Podes ver un vídeo con imaxes do evento.

Pescudando nas orixes da materia: o bosón de Higgs no CERN

15 de xaneiro de 2016

Cibrán Santamarina Ríos, investigador e profesor da Universidade de Santiago de Compostela (tamén participante no Grupo de innovación docente en Física FISTERRA) estivo de visita no IES impartindo a charla “Pescudando nas orixes da materia. O bosón de Higgs no CERN”, unha introdución á física de partículas que tamén cubriu o descubrimento do bosón de Higgs.

Unha presentación diferente dunha parte da física, dende aspectos que se estudan no ensino medio como as ligazóns entre átomos a outras que só se citan no curso máis avanzado, como os quarks, ou aínda outras que non soen nin citarse, como os bosón W ou os gluóns.

A charla, a segunda que o programa A Ponte puxo a disposición do IES este curso, supuxo un repaso da historia da física do moi pequeno dende o século XIX ata os nosos días. Unha conferencia que agradou a moitos dos que asistiron (non puidemos comprobar se a todos) e que esperamos poida ter secuela, tanto noutras charlas vindeiras como nos estudos dalgunhas das persoas que atenderon e na visión do mundo de todas elas.

Visita á EDAR

O día 25 de febreiro, 18 alumnos e alumnas de 1º de ESO visitaron a EDAR (Estación depuradora de augas residuais) de Ribadeo. 

O alumnado estivo acompañado por dous profesores voluntarios para a actividade, que foi coodinada polo profesor Antonio Gregorio Montes, do departamento de Física e Química. O grupo percorreu a pé os 2.100 m. que hai desde o instituto ata as instalacións. A volta foi máis relaxada, pero á ida había a posibilidade de que caesen chuzos de punta con vento forte. Finalmente, houbo sorte e case se libraron de todo.

Nas instalacións, os visitanates pasaron en dous  grupos polos puntos clave: dende a depuración primeira de partículas superiores a 3 mm ata o paso polos raios ultravioleta dos que dispón a instalación para matar as bacterias á saída; no medio, as augas totalmente túrbidas ou os diversos lodos chamaron a atención da xente e espolearon a curiosidade de moitos.

O paseo, de case dúas horas e media, tamén levantou o apetito de máis dun participante, que se dispuxo a zampar o seu bocata nada máis saír das instalacións.

Aprendizaxe? si, e camaradería aínda entre smartphones, tamén. Caras con algo de cansanzo e moito de satisfacción á volta.

Visita á estación de tratamento de augas potables

Martes, 27 de xaneiro.

4 da tarde.

Un grupo de alumnos e alumnas de 1º ESO, acompañado por dous profesores, colle camiño da antiga vía do ferrocarril mineiro e actual Camiño de Santiago para subir ata a Estación de tratamento de augas potables na beira de Santa Cruz. O persoal de Viaqua, que esperaba alí, ensinounos un trama da traída de augas. Uns tres millóns de litros no inverno e uns cinco no verán pasan cada día por estas instalacións, que teñen incorporado un depósito dobre de 600 m3 e que subministran asemade outro de 2000 m3 un pouco máis abaixo.

A visita comezou pola estancia onde están os mandos, despois pasamos ó estanque de decantación, volvemos ó interior do edificio para ver a saída dos estanques de filtrado e, por último vimos o lugar ocupado polo tanque de almacenamento.

Visita ó punto limpo

Novembro, 14

Un grupo de alumnas e alumnos de 1º de ESO, acompañados por Teresa Díaz e Antonio Gregorio, realizaron unha visita ó Punto limpo, situado no Valín.

O alumnado coñeceu o funcionamento do Punto limpo (que se recolle, posible reutilización, etc.). Coincidiu que a estancia alí coincidiu coa chegada de mateerial diverso, procedente dunha empresa, de xeito que o alumnado puido observar todo o proceso de reparto entre os distintos contedores.

A viaxe ata o Valín realizouse andando e con bo tempo, de xeito que tamén seerviu para gozar coa natureza e coa paisaxe.

Visita ó Punto limpo

Visita ó punto limpo

O xoves, 26 de marzo, un grupo de alumnos de 1º de ESO realizou unha visita ó Punto Limpo de Ribadeo, situado no Valín (Ove).

O grupo, voluntario, partiu ás catro da tarde do aparcadoiro municipal, uns a pé e outros en bicicleta. Ó chegar, o encargado amosoulles o vertedoiro de inertes (actualmente sen movemento) e as diferentes seccións de recollida do punto limpo, dende as zonas  máis usuais, como a de recollida de elementos férricicos ou de madeira, a outras máis chamativas, como as diferentes tipos de aparellos electrónicos ou as sensibles quimicamente, como as de pintura.

Á volta, o grupo visitou o muíño da engracia e recolleu diversos invertebrados para seren analizados na clase de Ciencias da Natureza.



Medindo a Terra

O xoves, 20 de marzo, aproveitamos o equinocio de primavera para facer medicións. Tres grupos de alumnos voluntarios empregaron os seus respectivos gnomom para obter o tamaño da sombra mínima dun vástago vertical a mediodía. A inclinación con que se o sol no momento de mínima sombra o día de igual duración da parte nocturna e diúrna corresponde á nosa latitude.

A medida dos tres grupos de alumnos de 1º de bacharelato apuntou 43,28º, unha posición que na realidade está lixeiramente ó sur de Ribadeo. Na medición, tamén se comprobou o desfase entre a hora legal e a hora solar, correspondendo as 12 hora solar coa unha e media algo pasada en hora legal, o que levou a lembrar o desfase horario de Galicia co actual horario legal a nivel do Estado.

O anterior non deixaría de ser máis ca unha curiosidade para mellorar os coñecementos do alumnado, se as medicións non fosen confrontadas coas doutros catro centros: o case veciño IES Galileo Galilei de Navia (Asturias), o de Manilva (Málaga), o de Villaviciosa (Córdoba) e Oliva de la Frontera (Badaxoz). A confrontación dos datos permite comprobar o radio da Terra ou a súa circunferencia, algo que se está facendo, obtendo cos datos xa tratados unha pequena desviación en relación coa medida aceptada.

O método seguido, usado por primeira vez por Eratóstenes, estúdase na teoría de ciencias, pero raramente se comproba. 

Galiciencia 2013

Elizabeth García Fong, Marcos Raúl García Fong e Pablo Ramos Muras viaxaron a Ourense para participar en Galicienciaonde se dan cita 50 institutos de toda a Comunidade para expoñer os seus inventos ou experimentos científicos. Acompañounos o profesor Antonio Gregorio Montes, do departamento de Física e Química.

Podes ver imaxes da actividade na nosa galería.

FEIRA DA CIENCIA

Os días 10 e 11 de abril tivo lugar a Feira da Ciencia. Este curso considérase de transición e o evento ten un tamaño máis reducido ca outros anos. O organizador, un ano máis, foi o profesor Antonio Gregorio Montes, do departamento de Física, que contou coa colaboración de Mª Jesús Besteiro, do departamento de ciencias.  

FOTOS

Velaquí a crónica da feira, redactada polo seu cooordinador:

Un novo centro, unha nova feira. Unha nova historia, despois de 18 edicións previas. Novos actores para un mesmo acto diferente.

A FEIRA DA CIENCIA DE RIBADEO 2013 tivo o seu momento o 10 e 11 de abril no taller de Tecnoloxía da ESO do noso IES de Ribadeo. Ese foi o lugar. O espírito, o dos 63 alumnos e alumnas de 1º de ESO, mais xente de 4º e tamén de 2º de BAC, e os visitantes, que foron case todos os alumnos de diúrno, mais xente de 6º e 5º de primaria do C.P. Grregorio Sanz, mais pais, profesores, ...

Distribuir contido


by Dr. Radut