Skip to Content

Parabéns ao noso alumno Pablo Manuel Piñeiro

A Comunidade Educativa do IES Praia Barraña quere felicitar ao noso alumno Pablo Manuel Piñeiro Insua por ter sido o alumno que obtivo a mellor nota na ABAU deste ano en toda Galicia. Ademais, foi invitado  pola CIUG para facer o discurso en representación de todo o alumnado galego no acto que a Comisión Interuniversitaria celebrará nos próximos días cos alumnos con mellores expedientes de toda Galicia. Parabéns Pablo Manuel polo excelente traballo feito e a seguir traballando así de ben!!

 

EXCURSIÓN FIN DE CURSO 4ºESO

   Do 12 ao 18 de xuño tivo lugar a tradicional excursión de fin de estudos de 4ºESO que este ano nos levou a terras italianas.

Visitando Roma e Florencia puidemos ver moitos museos (Museos Vaticanos, Museos Capitalinos, Museo Terme Di Diocleziano, Galeria Uffizi, Museo Ara Pacis, Catacumbas de San Calixto,....) e tamén apreciamos grandiosos monumentos históricos pero, sobre todo, disfrutamos convivindo todos xuntos.

Sen dúbida, andar polo mundo é das mellores formas de aprender e adquirir experiencias valiosas para a vida.

Agora toca gozar do verán.

roma florencia 4eso_1.jpg

Admisión 2019 - 2020 (listaxes definitivas de admitidos)

 

As listaxes definitivas de alumnado admitido para cursar os seus estudos no IES Praia Barraña están expostas no taboleiro de anuncios do Centro para a súa consulta pública.

Debemos recordar que todo aquel alumnado que fixo a súa reserva de praza no mes de febreiro e aqueloutro que presentou solicitude de admisión entre os días 01 e 20 de marzo están admitidos no IES.

Cistite berrou AH! no Teatro Principal.

Aínda seguimos soñando. O venres 3 de maio, CISTITE TEATRO- o grupo de escénicas do IES Praia Barraña-, fixo o seu debut na 20 Mostra Intercentros que se celebra en Santiago de Compostela. Cistite Teatro pisou o Teatro Principal con AH! un berro desgarrado contra o pensamento único, a rixidez ideolóxica e o acoso co que pretendemos remover as tripas dos que nos escoitan. 

Ah! é o resultado dunha viaxe tan dura no emocional e no material como reconfortante. Para construir Ah! loitamos contra nós, con nós e tamén contra as carencias que presenta o noso centro. Unhas dificultades enormes ( carecemos dun espazo propio, dun escenario, de iluminación, de almacén, de vestiario...) que nos fixeron dubidar a aceptar a participación na Mostra de Intercentros que chegou da man dun querido compañeiro que confiou en nós. Dubidamos pero a emoción e o convencimento de que o que levabamos construíndo dende o mes de outubro podía saír do noso rincón levanounos a coller os bártulos e planear o noso aterraxe na capital. Tiñamos dúas semanas para adaptar a nosa underground proposta ao Teatro Principal. Uff! Díficil. Pensámolo, abrazámonos e berramos Ah! coa dignidade do minorizado, da resistencia e da rebeldía. Alá fumos coa nosa cama, as nosas xaulas e un subidón que nos facía rir, chorar e volver a rir. Un clásico en CISTITE; a emoción a flor de pel. Sempre.

Chegamos a  Santiago de Compostela. Xoves, sol e vertixe. Uha hora para a montaxe, para coñecer o espacio, aos técnicos e equilibrar emoción e concentración. Conseguímolo. Ao día seguinte actuaríamos no Teatro Principal. No medio unha noite de conversas nun albergue. O venres, as 10:30 abrimos portas. No público, alumnado de Rois, nais, pais, amigas, amigos, antigos estudantes do insti que nos quixeron arropar. Sentimos o calor e subiuse o telón. Comezamos cantando Medo e saímos berrando Ah! alto e forte. Con rabia e emoción. Dende CISTITE ao mundo.


 

 

Charlas do escritor basco Jon Arretxe

O pasado xoves 25 de abril pasou polo noso IES o escritor de novela negra Jon Arretxe no marco da primeira edición do proxecto denominado Barraña Negro, unha actividade que pretende dar a coñecer este tipo de novela á comunidade educativa e establecer vínculos con escritores e escritoras deste tipo de literatura.

Os encontros do autor comezaron a primeira hora da xornada dándolle a coñecer a este os gravados que o alumnado do 2º de Bacharelato de Artes creou para a ocasión, inspirándose na trama da novela 19 Cámaras.

Un pouco máis tarde Jon presentou ao alumnado de Literatura Universal a súa primeira entrega da denominada saga "Touré", unha serie de novelas protagonizadas polo detective - vidente negro, chamado Touré, que desenvolve as súas pescudas na cidade de Bilbao e, máis concretamente, no barrio de San Francisco.

A media mañá o escritor puido coñecer tamén os traballos de investigación e crítica elaborados polo alumnado que participou nos encontros e relacionados cos principais temas que desenvolve 19 Cámaras.

A xornada de encontros concluíu coa charla - tertulia que se produciu entre o creador da saga literaria e todo o alumnado e profesorado que forma parte do Clube de Lectura do IES Praia Barraña.

Sen dúbida resultou ser un día moi fructífero e ameno e no que, tanto escritor como asistentes ás súas charlas, gozaron intercambiando impresións e opinións sobre literatura negra.

CONCURSOS LETRAS GALEGAS 2019

 

O Equipo de Dinamización Lingüística e o Departamento de Lingua e Literatura Galega do IES Praia Barraña, convocan os concursos de poesía, relato curto e banda deseñada para conmemorar o Día das Letras Galegas, dedicado este ano ao historiador Antonio Fraguas.

 

 

 

BASES:

 

1. Todos os traballos deben ser orixinais e estar escritos en lingua galega.

 

2. O tema é o proposto para o proxecto de investigación deste curso: A loita pola igualdade, a diversidade, a violencia de xénero...

 

3. A data límite de entrega de traballos é a última semana de maio.

 

4. Os traballos, asinados baixo un “pseudónimo” presentaranse nun sobre grande, no que se fará constar no seu exterior a modalidade do concurso. Acompañará outro sobre pequeno pechado que conteña os datos persoais do autor ou autora ( nome, apelidos, curso e grupo ). Deberán gardarse tamén en formato “pen drive” ou soporte dixital para ser editados na revista do centro.

 

POESÍA: O poema ou poemas -máximo tres-, terán unha extensión libre e presentaranse impresos en papel DIN A4 por unha soa cara.

 

RELATO CURTO: O relato terá unha extensión mínima de 2 folios DIN A4, mecanografados a dobre espazo.

 

BANDA DESEÑADA: A técnica, o material e o estilo son libres. Poderán entregarse en papel ou formato dixital (DIN A4 ou proporcional). A extensión tamén é libre. A autoría poderá ser individual ou de dúas persoas (debuxante e guionista).

 

5. O xurado estará formado por profesores e profesoras do centro.

 

6. Establécense tres categorías: Primeiro ciclo da ESO, Segundo ciclo da ESO e Bacharelato. Concederase un premio por categoría.

 

7. Cos traballos presentados en todas as categorías, farase unha selección e serán expostos no centro e os traballos premiados editaranse na revista do centro.

 

8. O xurado pode declarar desertos os premios en calquera categoría, se o considera oportuno.

 

 

A participación neste concurso supón a aceptación destas bases.

Visitamos o Servizo de Medicina Nuclear do Hospital Clínico de Santiago (Chus)

O pasado martes, 9 de abril, un grupo de alumnos e alumnas de 1º de Bacharelato, acompañados por dúas profesoras do Departamento de Bioloxía e Xeoloxía, tivemos o privilexio de realizar unha visita didáctica ao servizo de Medicina Nuclear do Hospital Clínico, respondendo á invitación do xefe do servizo, D.  Álvaro Ruibal Morell.

Guiados polos doutores Ruibal e Herranz, recibimos información de primeira man sobre o funcionamento do ciclotrón, sobre as principais liñas de investigación que se desenvolven nos laboratorios do servizo, e sobre as instalacións, os aparellos, a tecnoloxía e a atención aos pacientes na área de diagnóstico.

Durante a primeira parte da visita, mentres visitabamos o ciclotrón e os laboratorios, a explicación dos distintos profesionais que alí traballan, centrouse na investigación, produción e utilización de isótopos radioactivos de vida media baixa para diagnosticar con precisión enfermidades moi graves, como a necrosia diabética, través do PET, unha técnica de radiodiagnóstico baseada no estudo da actividade metabólica das células.

Na segunda parte da visita, que transcorreu na área de diagnóstico, explicáronnos o uso do PET para o diagnóstico preciso de enfermidades tumorais, como o cancro de mama. Vimos o coidado co que se atende aos pacientes e as medidas de seguridade existentes, para garantizar, a mínima exposición de pacientes e persoal sanitario á radiación. 

Tamén comprobamos que as augas residuais deste servizo, permanecen almacenadas, ata que perden a súa radioactividade, antes de seren vertidas aos sumidoiros. Isto é posible porque se utilizan isótopos de vida media baixa, de minutos ou horas, o que significa, que ao cabo de varios días deixan de ser radioactivos.

Foi unha visita excepcional, tanto polos coñecementos e a capacidade de compartilos, do doutor Ruibal e todo o seu equipo,  como pola calidade humana e a paixón polo seu traballo que todos eles e elas transmiten. 

 

 

VI Semana Temática: Diversidades

Premendo na imaxe pódense consultar as actividades que se desenvolverán durante esta semana adicada á identidade e diversidade de xénero.

SomosX no XX Foro Galego de Igualdade

 

Hoxe SOMOSX participou como ponente na XX Edición do Foro Galego da Igualdade, organizado pola Consellería e o Ministerio de Educación.  Un pracer, unha honra. 

Despois de dous anos facendo tribo, coidándonos, creando conciencia do colectivo e contaxiando emoción e feminismo, amor polas diversidades, e o convencimento de poder ser en liberdade; chámaronnos da Consellería de Educación para falar de SOMOSX

 

 

Queriamos contarlle ao mundo que dende os centros escolares podemos craer espazos onde acobillarnos do frío da intolerancia e dos convencionalismos; espazos onde ser lesbiana, trans, queer, rara, hetero, bollera, non binaria, marimacho, marica, feminista;sen complexos. Espazos e tempos para falar dos nosos monstros, das agresións, das dúbidas, do machismo, das diversidades.  Queriamos contarlle a outros docentes que dende os centros podemos axudar a crear conciencia e discurso; a botar unha semente para unha árbore tan violeta como perenne; unha árbore que dea sombra aos de abaixo, aos minorizados polo pensamento heteropatriarcal domininante.

O Foro Galego da Igualdade era unha ocasión estupenda para seguir contaxiando liberdade, diversidade, tolerancia, igualdade e transfeminismo. 

Así que, marchamos para Compostela e alí esperamos algo nerviosas escoitando a outras ( Amada Traba, Carmen Moure, Carmen Ruiz Repullo, Pepe Cabido, Gracia Santorum...) que sentían coma nós. Falaban de feminismos, de prostitución, da necesidade dunha educación sexual real, de pornografía, da importancia do sorriso, da educación emocional e de romper con estereotipos e barreiras entre docentes e alumnado. Interantísimo e estimulante. 

 

E tocounos falar. Nervios. Antía Ramallo Blanco e Sandra Folgar Martínez emociaron a un auditorio cheo que escoitou o seu entusiasmo e a súa experiencia en SomosX. Falaron do necesario de pertencer a un grupo que acolle o seu sentir e que constrúe un discurso que as fai máis poderosas, libres e felices; un discurso que contaxia e transforma pouco a pouco ao centro e tamém á sociedade; un discurso que profundiza e matiza o discurso feminista ao plantexarse a rupturo do binario, por exemplo. 

Apaludíronelle e ovacionáronas.

Hai futuro!- escoitouse. 

SomosX

 

Distribuir contido


by Dr. Radut