Skip to Content

2017-2018

Charla sobre prevención do consumo de drogas

 

O noso instituto, o pasado venres día 27 de outubro de 2017 ás 20:00 horas, celebrou unha reunión informativa para todas as familias do centro sobre a prevención do consumo de drogas na que interviñeron diferentes axentes involucrados na temática:

  • Concello, representado polo seu alcalde e tenente alcalde, coa presenza da policía local e a traballadora social.
  • Garda civil.
  • Familias.
  • O equipo directivo do instituto.

O obxectivo da xuntanza foi destacar a importancia da PREVENCIÓN: é fundamental actuar antes de que os rapaces sexan consumidores, xa que despois a intervención pode resultar máis complicada. Por iso, as familias xunto coa escola son un piar moi importante para abordar o tratamento deste problema tan presente na nosa contorna.

24 de outubro, día das bibliotecas escolares

Intercambiamos un libro?

 

A biblioteca do instituto quixo celebrar o seu día. Contamos coa presenza de Emilio Roca, que veu celebralo connosco na "súa biblioteca" e convidou a todos os usuarios a bombóns, resultou un día moi doce.

Ademais, celebramos un mercadiño de intercambio de libros. Nesta primeira edición a participación non foi moi elevada, pero seguro que en vindeiras ocasións poderemos contar con máis exemplares para intercambiar.

Temos que destacar a participación de 1º e 2º de ESO, que se apuntan a todo!

Grupo de encontro e debate

O pasado mércores 25 deron comezo as xuntanzas do Grupo de encontro e debate no que, dende hai xa nove anos, pais, nais, docentes e especialistas se reúnen unha vez ó mes para falar de diversos temas relacionados coa etapa vital na que se atopan os rapaces e rapazas do instituto.

Nesta primeira sesión, dirixida pola educadora familiar do concello de Camariñas, Alicia Trillo, compartíronse información, inquedanzas e experiencias sobre como encarar os Cambios na adolescencia.

Onte vimos estrelas!

Onte celebramos unha "Xornada Astronómica" para o alumnado de 1ºESO no noso insti, que comezou coa representación teatral da obra O noso sistema solar, a cargo dun grupo de rapaces/as de 1ºA e 1ºB. Logo de participar nun divertido kahoot sobre a temática do día, os alumnos/as asistiron a unha sesión de cine, co visionado da película Marte (The Martian).

Xornada de convivencia de inicio de curso

 

O pasado martes 26, toda a comunidade educativa do noso instituto participamos dunha actividade de convivencia para comezar este novo curso con bo pé. Nesta ocasión apostamos por un roteiro espectacular que transcorre desde a desembocadura do río Anllóns ata a praia de Balarés, xa na veciña ría de Corme e Laxe.

Música nas aulas

O IES Plurilingüe Pedra da Aguia acolleu o xoves 21 unha experiencia novidosa na que participou case todo o alumnado. Profesores da Escola Municipal de Camariñas trouxeron instrumentos musicais de corda, percusión e vento para achegar a música aos rapaces e animalos a tocar e a participar na Escola do Concello.

músicanasaulas  

Situando un instrumento en cada aula, os grupos de alumnos pasaron de forma rotatoria e en intervalos de 10 minutos para escoitar as explicacións e os acordes do piano, a batería e a guitarra. Finalmente, reuníronse no salón de actos para escoitar unha pequena actuación dos profesores, xa con todos os instrumentos.

Queremos agradecer o interese da Escola Municipal de Camariñas por achegar a música ás aulas, cunha actividade que entusiasmou tanto ao alumnado como ao persoal docente.

Distribuir contido


by Dr. Radut