Transporte escolar

Saída do centro do alumnado que fai uso do transporte escolar

Este mapa que figura a continuación axudaravos a lembrar a fila na que vos tedes que colocar á saída do instituto para coller o autobús:

 

Novidades transporte escolar 21-22

Como xa sabedes, este ano o transporte escolar pasa a ser integrado e xestionado unicamente pola empresa de autobuses Raúl. Isto implica algúns cambios na xestión da solicitude de transporte que se adxunta na matrícula:

  1. Hai que cubrir dúas solicitudes: un exemplar para o centro e outro para a empresa. Nesta segunda solicitude constan unha serie de paradas provisionais, posto que xa foron solicitadas pero aínda non están concedidas.
  2. Os usuarios/as da liña de Bouzapanda (que antigamente realizaba a empresa ATSA) e o alumnado de estudos postobrigatorios menor de 21 anos debe solicitar a tarxeta XENTE NOVA, posto que este servizo pasa a ser xestionado por Mobilidade de Pontevedra. O devandito carné funciona coma unha tarxeta monedeiro: previamente hai que dotala de cartos, que despois devolve a consellería. Sen esta tarxeta o usuario/a deberá abonar o billete de autobús ordinario, sen devolución posterior do diñeiro por parte da administración.
  3. As ligazóns que figuran a continuación conducen á información sobre a tarxeta de autobús e sobre as rutas e paradas para o curso 2021-2022.
INFORMACIÓN TARXETA XENTE NOVA RUTAS E PARADAS DE AUTOBÚS 21-22

Tarxeta de transporte "Xente Nova"

Infórmase ás familias de que a partir do 21 de maio de 2021 pódese solicitar a tarxeta XENTE NOVA, que permite o transporte en autobús gratuito para menores de 21 anos. 

De cara ao curso próximo, o transporte escolar será igual que ata o de agora (será gratuito para o alumnado de estudos obrigatorios e se xestionará como sempre). O alumnado de estudos postobrigatorios (bacharelato e ciclos formativos) deberán solicitar esta tarxeta para garantir a gratuidade do transporte. Esta tarxeta permite ata 60 viaxes ao mes. O usuario/a debe adiantar os cartos do servizo de transporte, cargando o saldo da tarxeta; despois, a Consellería devolve o diñeiro ao usuario/a. 

A información sobre a tarxeta XENTE NOVA e as instrucións para solicitala atópanse en www.bus.gal

 

 

Accesos ao centro

Lémbrase que os accesos exclusivos ao centro (para alumnado transportado en autobús escolar e para o que vén a pé ou en vehículo particular) limítase ao horario de entrada e saída:

 

Entrada de primeira hora: de 8:45 a 9:55.

Saída a mediodía: 14:25

Entrada pola tarde: 16:30

Saída pola tarde: 18:10

 

No resto do horario escolar débese empregar a porta principal (a da Avenida da Concordia).

Grazas pola vosa colaboración.

Rutas, paradas e horarios de transporte escolar

Estes son os itinerarios e paradas, xuntos os horarios de saída (á mañá e ás tardes do luns), que a nova empresa que xestiona o transporte escolar facilitou ao centro:

RUTAS E PARADAS

 

Solictitude de transporte escolar para o curso 2020-2021

 IMPRESO DE SOLICITUDE DE TRANSPORTE ESCOLAR GRATUÍTO PARA ALUMNADO DE ESO

 

  1. Todo o alumnado de ESO do centro pode solicitar transporte escolar, pero non é gratuíto para os alumnos/as de centros non adscritos.
  2. O impreso é un documento en PDF non editable, polo que hai que imprimilo e cubrilo a man.
  3. O alumnado maior de 16 anos que non cursa a ESO (FP Básica, Bacharelato, Ciclos Formativos) poderán solicitar o transporte escolar gratuíto no mes de setembro, unha vez iniciado o curso académico 2020-2021.
TRANSPORTE ESCOLAR

 

 

Aviso importante

AVISO IMPORTANTE Á COMUNIDADE ESCOLAR

 

O presidente da Xunta de Galicia, don Alberto Núñez Feijoo, acaba de suspender a actividade escolar durante os próximos 14 días a partir do luns 16 de marzo. 

Mañá, 13 de marzo, a recomendación da Xunta de Galicia é que o alumnado non veña a clase, pero esta decisión queda a mans das familias. 

Así pois, para a xornada de mañá seguirá a haber transporte escolar, como calquera outro venres, pero a partir do luns este estará suspendido ata que a Xunta dea a orde de reanudación de clases.

No enlace que figura a continuación, toda a comunidade escolar poderá acceder ás instrucións para estes catorce días naturais.

MEDIDAS A ADOPTAR EN TODOS OS CENTROS DE ENSINO EN RELACIÓN COA PANDEMIA COVID-19 PARA OS VINDEIROS 14 DÍAS NATURAIS CONTADOS DENDE O DÍA 16 DE MARZO DE 2020

 

 

Instrucións sobre o transporte escolar para o curso 2019-2020

No documento que se amosa a continuación atópanse as instrucións sobre o transporte escolar para o curso 2019 - 2020, publicadas pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.

 

 

Información do transporte escolar para o alumnado de ensino non obrigatorio

Infórmase ao alumnado de ensinanzas non obrigatorias (Bacharelato, Ciclos Formativos e FP Básica) de que non ten dereito ao transporte escolar gratuito cando se trata dunha liña regular (como ATSA). Este alumnado pode solicitar o transporte gratuito cando quedan prazas baleiras da ESO. A Xunta paga os billetes de ATSA ao alumnado de ESO, pero non contrata o autobús completo (cando si é o caso doutras liñas, como Lázara ou Melytour). Por iso non hai prazas vacantes nas rutas 1 e 2 (A Guarda e Vigo).

Por outro lado, comunícase ao alumnado e as súas familias que o transporte gratuito a Salceda tampouco é posible. Segundo nos informaron, o instituto de Salceda ten outro centro adscrito para o seu alumnado, polo que a Xunta non sufraga o transporte ao alumnado de ensinos non obrigatorios que proceden desta localidade.

Distribuir contido