Skip to Content

Novas portal educativo

Distribuir contido
Actualizado: hace 4 horas 59 min

O Instituto Val Miñor de Nigrán recoñece a Betty León Fong co Premio Muller Científica 2024

Lun, 03/06/2024 - 10:52
Idioma Gallego

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, participou hoxe no acto de entrega do Premio Muller Científica 2024 a Catedrática de Física Aplicada Betty León Fong. O galardón outórgao desde 2018 o Instituto IES Val Miñor de Nigrán para poñer en valor o relevante papel das mulleres na ciencia.

 

A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP felicitou ao centro por esta iniciativa, “que favorece o achegamento das nenas e mozas a este ámbito, promovendo as vocacións científicas, na liña do que estamos a impulsar desde a Xunta de Galicia”, destacou. Así mesmo, fixo fincapé na traxectoria pioneira da galardoada deste ano, creadora en 1982 do grupo de investigación Novos Materiais, da Universidade de Vigo, no ámbito dos novos materiais e da ciencia e a tecnoloxía de superficie.

 

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: departamentos

O Ciclo de Cultura Científica da Xunta afonda mañá no impacto da Intelixencia artificial na educación da man do investigador Francisco Bellas

Lun, 03/06/2024 - 10:51

Summary: 

O experto ofrecerá na Cidade da Cultura unha visión realista e fundada sobre os novos retos que supón a aparición desta nova tecnoloxía

Idioma Gallego

A segunda edición do Ciclo de Cultura Científica da Xunta, co lema Tecnoloxía con sentidiño, afonda esta semana nun dos aspectos de maior actualidade sobre o impacto da tecnoloxía na sociedade: a intelixencia artificial. Será da man de Francisco Bellas Bouza, investigador e especialista en intelixencia artificial do Centro de Investigación en TIC da Universidade da Coruña.

 

Baixo o título Educación na era da intelixencia artificial: vaiamos a modo, a conferencia centrarase nos novos retos que supón a aparición da intelixencia artificial, especialmente de ChatGPT no ensino, ofrecendo unha visión realista e fundada sobre se estas novas ferramentas dixitais constitúen ou non unha auténtica revolución educativa. O obxectivo é axudar a docentes, estudantes e familias a coñecer as súas limitacións, beneficios e riscos.

 

O relatorio poderá seguirse de forma presencia no auditorio Neira Vilas da Biblioteca de Galicia, de 18,00 a 19,30 h., e tamén será retransmitida en streaming na canle de YouTube da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.

 

Penúltima cita do ciclo

A segunda edición do Ciclo de Cultura Científica da Xunta, baixo o lema Tecnoloxía con sentidiño, vai chegando ao seu final, tras as conferencias de Héctor Ruíz Martin, Espido Freire, José César Perales, Juanjo Montiel e Javier Sainz de los Terreros.

 

A última conferencia desenvolverase o 11 de xuño, da man de Luis Sánchez Santos, profesional sanitario do Sergas. Achegará unha visión desde a pediatría e as Ciencias da saúde co relatorio Cruzando saúde infanto-xuvenil e tecnoloxía.

 

O ciclo está dirixido ao público en xeral, comunidade educativa e aos docentes. O profesorado asistente ao ciclo completo recibirá un certificado de 12 horas de formación do profesorado. Coas charlas configurarase un libro, cun artigo específico para cada unha delas.

 

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: departamentos

Un total de 150 alumnos de seis centros educativos galegos poñen en escena a ópera Le Ville de Puccini

Sáb, 01/06/2024 - 16:14
Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou os ensaios da ópera Le Villi, de Giacomo Puccini, que este sábado representan 150 alumnos de seis centros de ensino galegos. En concreto, trátase do Conservatorio Superior de Música da Coruña, da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, da Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso da Coruña e os centros integrados de FP Imaxe e Son, Paseo das Pontes e Someso, os tres da Coruña.

O titular de Educación da Xunta felicitou aos estudantes polo excelente traballo desenvolvido nos diferentes ámbitos da representación. Non en balde, os centros levan a cabo desde a escenificación, iluminación e realización, ata o vestiario e complementos, pasando pola maquillaxe e perruquería, entre outros elementos. A obra conta tamén co apoio institucional do Centro Coreográfico Galego e do Centro Dramático Galego, do Concello da Coruña e da Orquestra Sinfónica de Galicia, que cede instrumentos.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: departamentos

A Xunta impulsa a Escola de Cantería de Poio coa súa conversión nun centro integrado de FP e a incorporación de catro novas titulacións

Sáb, 01/06/2024 - 10:50

Summary: 

Román Rodríguez subliña que o obxectivo é “potenciar o oficio da cantería” fomentando a innovación e a tecnoloxía e atendendo ás demandas do sector

Entre as novidades formativas destaca o ciclo en Pedra natural especializado en cantería, unha das 13 novas titulacións de alta especialización que se implantarán en Galicia o próximo curso

Tamén se ofertarán os ciclos duais de Proxectos de edificación e de Construción e o grao básico en Reforma e mantemento de edificios

Idioma Gallego

A Xunta de Galicia dálle un impulso a Escola de Cantería de Poio (Pontevedra) coa súa incorporación á Rede de Centros Integrados de FP e o reforzo da oferta formativa con catro novas titulacións para o vindeiro curso 2024-25, entre elas unha de alta especialización do total de 13 novas deste tipo que se incorporan a partir de setembro.

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez achegouse esta mañá á Escola para dar conta das novidades académicas para este centro, logo de que o Goberno autonómico asumira a súa titularidade o pasado ano para convertese nun centro público docente dependente da Consellería. Un cambio que se traduce en melloras importantes para o alumnado, xa que a partir deste curso, ensinanzas que ata agora eran consideradas como formación non formal pasarán a ser títulos oficiais, ademais de permitir que os antigos alumnos, que non tiñan un título homologado, poidan acreditar a experiencia profesional.

“Neste traspaso asumimos o compromiso de potenciar o oficio da cantería en liña coas novas necesidades e demandas do sector e que agora plasmamos a través da nova oferta de FP que se aprobará no Consello da Xunta deste luns e na que teremos de novo un récord de prazas”, explicou o conselleiro, que destacou o deseño de itinerarios formativos “moi específicos e especializados e titulacións de alta especialización que vai supoñer un salto de calidade” nos estudos de cantería en Galicia.

Paralelamente, a Xunta está ultimando os trámites administrativos para a incorporación da Escola de Cantería á Rede de Centros Integrados de FP como un CIFP especializado no sector da edificación, a construción e a cantería, polo que serán xa 28 os centros que formen parte desta rede que está en constante ampliación.

Precisamente, este é un dos dos obxectivos fixados na Estratexia de FP Galicia 2030, que establece como un dos seus eixes promover o papel dos centros integrados de excelencia como referencia para cada familia profesional e sector produtivo e que estes centros desenvolvan accións de innovación do profesorado coa participación activa do tecido empresarial e de institución.

Así pois, no caso da Escola de Cantería, a súa inclusión na Rede de CIFP enmárcase na aposta da Xunta por “recuperar e potenciar o oficio de cantería, un dos máis antigos e representativos de Galicia é un dos eidos con máis dificultades de relevo xeracional”, subliñou o conselleiro. O titular de Educación explicou tamén que a oferta deseñouse tendo en conta tamén a crecente demanda das empresas de contar con persoas que dispoñan das competencias necesarias para empregar as últimas tecnoloxías e materiais, co obxecto de ofrecer solucións innovadoras no eido construtivo.

Oferta que se incorpora

Neste contexto, e para atender precisamente á finalidade de “compaxinar o estudo dun oficio artesán cos novos retos tecnolóxicos”, a partir de setembro incorpóranse catro novas titulacións ao catálogo formativo desta escola, das cales dúas son ciclos duais e outra é unha titulación de alta especialización. Suman un total de 92 prazas de nova oferta e o compromiso é seguir incrementando o número ano a ano ata superar as 300.

Trátase do ciclo básico en Reforma e Mantemento de Edificios (18 prazas), dos ciclos de FP dual en Construción (22 prazas) e en Proxectos de Edificación (30 prazas) e da titulación de alta especialización en Pedra Natural especializada en cantería (22 prazas), unha das 13 deste tipo que entran novas este curso en toda Galicia.

As titulacións de alta especialización son unha proposta exclusiva de Galicia onde, atendendo a demandas específicas por parte dos sectores produtivos, deséñanse itinerarios formativos moi especializados feitos ad hoc que ben poden ser dobres titulacións ou combinacións de ciclos, másteres e cursos de distintos títulos. Por tanto, no caso da titulación de Pedra Natural especializada en cantería está enfocada a formar persoal con alta cualificación para atender a demanda nos sectores da construción en pedra e da restauración.

Na visita á Escola de Cantería, o conselleiro estivo acompañado pola directora xeral de FP, Eugenia Pérez, e por representantes das empresas Construcciones Hermanos Sanz, Construcciones Ramírez, Aluminios Cortizo, e SanJosé Constructora, que colaboran coa Formación Profesional neste centro. O alcalde de Poio, Ángel Moldes, foi o encargado de dar a benvida a todos os asistentes.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: departamentos

Román Rodríguez anima á mocidade a achegarse ao stand de FP en Silleda para coñecer a oferta destas ensinanzas que se reforzarán o vindeiro curso

Sáb, 01/06/2024 - 10:45

Summary: 

O conselleiro visita o expositor no Salón de Alimentación do Atlántico, onde avanzou que se acadará de novo “unha cifra histórica” de prazas de FP

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou esta mañá o stand de Formación Profesional no Salón de Alimentación do Atlántico (Salimat Abanca) que se está a desenvolver na Feira Internacional de Galicia Abanca, na localidade de Silleda.

O titular de Educación do Goberno galego animou á mocidade a que se achegue a este espazo para coñecer de primeira man “a oferta formativa e as saídas profesionais” que ofrecen estas ensinanzas “nas que Galicia é un referente a nivel estatal”. A este respecto, indicou que a Xunta vai reforzar, de novo, a oferta de prazas de FP para o vindeiro curso, polo que “acadaremos outro máximo histórico”.

Así pois, ata mañá domingo, cando a feira pechará as súas portas, as persoas que se acheguen ao stand da FP galega en Silleda recibirán información de primeira man sobre o abano de posibilidades formativas que ofrece o sistema educativo galego neste eido, e mesmo poderán asistir a demostracións e experiencias en directo a través de distintos obradoiros. Este ano están representados os centros integrados de FP CIFP Paseo das Pontes da Coruña), CIFP Fraga do Eume de Pontedeume, CIFP Compostela de Santiago,  CIFP Manuel Antonio de Vigo e CIFP de Vilamarín.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: departamentos

Román Rodríguez destaca a alianza con Netflix, Vaca Films e FAD Juventud para formar grandes profesionais do audiovisual

Sáb, 01/06/2024 - 10:43

Summary: 

O conselleiro de Educación participa na clausura da segunda edición deste programa no que participan 25 estudantes, que recibiron formación como atrecistas

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, participou esta mañá na clausura da segunda edición do programa Formando equipo: traballa no audiovisual, impulsado polo Goberno galego, a plataforma Netflix, a produtora Vaca Films e a fundación FAD Juventud para a formación específica de estudantes no eido audiovisual.

Román Rodríguez destacou a aposta da Xunta por formar profesionais coa máxima cualificación para dar resposta ás necesidades dos sectores produtivos en xeral, facendo fincapé neste caso no audiovisual. “Estamos a falar dun tecido produtivo que atravesa un momento de madurez e esplendor sen precedentes, motivado tanto pola calidade das empresas como polo talento dos seus profesionais”, sinalou.

“Os estudantes que se decantan polo audiovisual como saída profesional escollen unha opción moi positiva, pero é moi importante que o fagan con todas as competencias, habilidades e coñecementos para asegurar tanto a inserción laboral como a calidade e competitividade do sector”, destacou.

A este respecto, o titular do departamento educativo da Xunta quixo felicitar a Netflix, Vaca Films e FAD Juventud pola organización deste programa. Aos alumnos participantes trasladoulles a responsabilidade que teñen “para mellorar unha industria da que estamos orgullosos e que é un referente a nivel estatal”.

O dobre de participantes

Un total de 25 alumnos de ensinanzas artísticas e de FP participaron este ano na segunda edición do programa Formando equipo: traballa no audiovisual, na que recibiron unha formación profesionalizadora de perfil de atrecista enfocada no audiovisual. O obxectivo é dar a coñecer as oportunidades que ofrece o sector en profesións que non están orixinalmente vencelladas a el, ao tempo que se crean sinerxías entre as entidades implicadas e se contribúe á formación de persoal neste ámbito produtivo.

O curso desenvolveuse no Centro Integrado de FP Politécnico de Santiago e participaron nel estudantes dos ciclos de Escultura aplicada ao espectáculo e de Dourado, prateado e policromía das escolas de arte e superiores de deseño Pablo Picasso (A Coruña), Mestre Mateo (Santiago de Compostela), así como alumnado dos ciclos de Deseño e amoblamento dos centros integrados de FP Someso (A Coruña), Politécnico de Santiago (Santiago de Compostela), Valentín Paz Andrade (Vigo) e A Xunqueira (Pontevedra).

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: departamentos


by Dr. Radut