LECTURA DA CARTA QUE EINSTEIN ESCRIBIU AO PRESIDENTE ROOSEVELT EN 1939

O luns 30 de xaneiro o alumnado de 4º ESO, 1º Bach e 2º Bach con Física e Química dará lectura á carta que Albert Einstein escribiu ao presidente norteamericano Roosevelt en 1939.

O Departamento de Física e Química celebrará con esta actividade o día da paz.

PROGRAMA A PONTE. VISITA Á USC

O vindeiro día 9 de febreiro o alumnado de 2º de bacharelato visitará diversas facultades da USC no marco do programa "A ponte entre o ensino medio e a USC".

Esta visita organizada polo Departamento de Orientación, complementarase cunha charla informativa que terá lugar no noso centro o día 15 de marzo a cargo da profesora Mª Teresa Flores Arias.

MEMORIA DA NOSA LINGUA

Coa exposición "Memoria da nosa lingua" inaugúrase unha serie de exposicións no marco da actividade anual de centro que este ano xira "Arredor da memoria".

"Memoria da nosa lingua" recolle o traballo que o alumnado de 3º ESO realizou a partir do libro "Historia da lingua galega" de Pepe Carreiro.

A profesora Mariña Pérez Rei acompañou ao alumnado na elaboración dos seus traballos.

 


EN COLABORACIÓN. EFECTO INVERNADOIRO

Un grupo de alumnos e alumnas de 2º de Bacharelato fai unha demostración do efecto invernadoiro para o alumnado de 1º de ESO. Foi nos dous recreos do día 12 de xaneiro, medindo a temperatura no exterior e no interior do noso propio invernadoiro. O alumnado de Bacharelato aproveitou para explicar ao de ESO o problema do efecto invernadoiro a nivel planetario... Un problema grave, de certo. Que podemos facer dende o instituto para contribuir a evitalo?


VISITA AO MUPEGA E AO MUSEO DO POBO GALEGO

O vindeiro martes día 29 de novembro o alumnado de 1º ESO realizará unha saída educativa a Santiago de Compostela para visitar o Mupega e o Museo do Pobo Galego.

Esta actividade, promovida dende Proxecto Interdisciplinar, desenvólvese no marco da actividade anual de centro, que este ano xira "Arredor da memoria".

 


SAÍDA Á FACULTADE DE QUÍMICA E AO CICUS

O alumnado de Física e Química de 1º e 2º de bacharelato realizará unha saída o vindeiro día 25 de novembro á Facultade de Química da USC e ao CIQUS, dentro do programa "Acércate á Química!".

Entre outras actividades terán a oportunidade de visitar a exposición "Entre moléculas", producida polo CSIC con motivo do Ano Internacional da Química.

VISITA Á PLANTA DE TRATAMENTO DE LIXO DE LOUSAME E AO PARQUE NATURAL DE CORRUBEDO

Planta de tratamento de residuos sólidos urbanos de Servia. Lousame.

Vista do Parque Natural de Corrubedo

Que pasa co lixo unha vez que o botamos no colector? A onde van parar as botellas de plástico? Que é compost? ...

Estas e outras preguntas terán cumprida resposta na visita que o alumnado de 3º de ESO vai facer o próximo día 11 á Planta de tratamento de lixo de Lousame.

Organizada polos departamentos de Bioloxía e Xeoloxía e Tecnoloxía esta saída completarase cunha visita ao Parque natural de Corrubedo, un espazo natural protexido dun gran valor ecolóxico, como poderemos comprobar; ademais de apreciar "in situ" o traballo do vento e o mar durante anos e anos para modelar unha paisaxe única.

PROGRAMA DE PREVENCIÓN DE DROGODEPENDENCIAS

Esta semana Sagrario Ferreira Pernas comeza a impartir unha serie de charlas dirixidas ao alumnado dos direrentes niveis da ESO no marco do programa de prevención de drogodependencias que anualmente desenvolvemos no IES conxuntamente con outros centros educativos de Brión, Ames e Negreira.

DÍA DA CIENCIA EN GALEGO

O Coodinadora Galega de ENDL organiza para o día da ciencia en galego unha videoconferencia a cargo do profesor Ángel Carracedo,Catedrático de Medicina Legal e director do Instituto de Medicina Legal e do Grupo de Medicina Xenómica da USC.

A videoconferencia "Aplicacións da investigación xenética: o seu uso na práctica policial" terá lugar o vindeiro venres 4 de novembro de 12:30 a 13:30.

Unha introdución sobre o ADN será o punto de partida para achegar as aplicacións da xenética no campo da investigación forense, área no que os grupos de investigadores liderados por Ángel Carracedo lideran a produción científica mundial.

No noso centro será o alumnado de 1º de bacharelato e 2º de bacharelato científico tecnolóxico o que terá a oportunidade de asistir ao evento.

CREACIÓN DUN ESPAZO ARBÓREO AUTÓCTONO. PRIMEIROS PASOS

O venres 5 de novembro levouse a cabo a primeira fase do proxecto que se vai desenvolver durante este curso, incluído no programa Voz Natura
Os primeiros labores realizados foron o acondicionamento do terreo e a colocación do invernadoiro no que se instalará un pequeno horto ecolóxico, e que se usará, ademais,  para a sementeira das árbores autóctonas coas que se vai facer unha experiencia de repoboación dun bosque da comarca.
O Departamento de Bioloxía, encargado de coordinar estes traballos, fará unha estratificación de diferentes sementes recollidas por alumnado e profesorado interesado en colaborar co proxecto.
En breve disporemos tamén dun pequeno composteiro para residuos orgánicos domésticos.

Distribuir contido