Actividades

CIRCUÍTO DE ORIENTACIÓN POR PADRÓN E RAFTING NO RÍO ULLA

Rafting foto de grupo

Este último martes 30 de abril, o alumnado de 1º de bacharelato puidemos desfrutar dun día por Padrón e no Río Ulla, organizado polo departamento de Educación Física xunto a empresa Arrepións.

Comezamos a mañá facendo un xogo de pistas pola vila de Padrón grazas ao cal, pese a algunha que outra chuvieira, aprendimos un pouco da historia do lugar.

Despois diso, puxemos rumbo cara a área de recreo O Xirimbao, onde nos distribuímos por grupos para montar nas balsas cos monitores e lanzarnos ao río Ulla para facer rafting.

Había moitas correntes e rápidos, que facían o traxecto moi divertido. Ademais, os monitores deixáronos tirar á auga nalgún tramo do río e incluso deixarnos levar pola corrente.

Tivemos sorte e non choveu case nada o resto do día, sendo unha experiencia diferente e entretida que, sen dúbida, repetiríamos.

Ángela Amandi, Martín Faraldo, Aixira Pampín e Marta Míguez, 1º BACH

Preme na seguinte icona para ver todas as fotos

Icona click

DEFENSA DOS PROXECTOS DE INVESTIGACIÓN DA 1ª PROMOCIÓN DO STEMBACH

O curso pasado comenzamos no IES de Brión co STEMbach no que o alumnado cursou unha materia de afondamento:  "Laboratorio STEAM, unha ollada interdisciplinar", realizou actividades complementarias de divulgación científica e visitas  a centros de investigación e desenvolveu un proxecto de investigación relacionado con  ámbitos de coñecemento do bacharelato.

O martes 30 de abril  a partir das 16:30 tivo lugar a defensa e presentación da 1ª promoción dos proxectos STEMbach no laboratorio do instituto. Na comisión de avaliación contamos coa presencia de Beatriz Crujeiras Pérez, profesora de Didáctica das Ciencias Experimentais na USC.

Os proxectos presentados foron:

Aceites esenciais. Folla de sen e extracto de tomillo Caracterización dunha zona forestal e proposta de actuación
Alumnado: Hugo Estévez Vázquez, Claudia Rodríguez Lorenzo
Titora: María Dolores Viña Castelao. Departamento de Farmacoloxía, farmacia e tecnoloxía farmaceútica. CIMUS. Universidade de Santiago de Compostela
Coordinadores: Juan Carlos Freiría Tato e Virginia Rodríguez Álvarez
Alumnado: Mauro Barreiro Señorís, Violeta Fornés Rodríguez, Nerea Paradelo Álvarez, Miguel Picos Gómez
Titor:Juan Picos Martín. Enxeñería dos Recursos Naturais e Medio Ambiente. Escola de Enxeñaría Forestal. Universidade de Vigo
Coordinadora: Noela Vallejo Senra

Simulación computacional da interacción da magainina con modelos simplificados de membranas bacterianas e de mamíferos sanos

RESISTIM. Efectos da estimulación transcraneal en combinación con adestramento de forza
Alumnado: Mikel Escobar Díaz, Álvaro Francos Martínez, Unai Peral Fernández
Titores: Rebeca García Fandiño, Fabián Suárez Lestón. Grupo de investigación de Química Supramolecular e nanotubos peptídicos. CIQUS. Universidade de Santiago de Compostela.
Coordinadora:Virginia Rodríguez Álvarez
Alumnado: Álvaro García Romero, Jorge Rivas Capeáns, Guillermo Velo Expósito
Titora: Virginia López Alonso. Grupo de aprendizaxe e control do movemento humano en actividade física e deporte.Departamento Educación Física e Deportiva. Universidade da Coruña
Coordinadora: Xiana Guerra Arias.

O alumnado realizou unha excelente presentación dos proxectos, que destacaron pola calidade, profundidade  e diversidade de temáticas presentadas. Queremos felicitar ao alumnado polo esforzo, adicación e  defensas dos proxectos.

CONCURSO DE ESTRUTURAS DE ESPAGUETES

Durante o segundo trimestre o alumnado de 1º E.S.O. na materia de Tecnoloxía e Dixitalización elaborou un proxecto de estruturas.

As estruturas(pontes) serían de espaguetes con unhas determinadas dimensións e deberían salvar unha luz de 30 cm. Ademais as súas barras non deberan superar os 10 espaguetes.

Sometémolas a unha proba de carga, e valoramos aquela que mais peso soportase en relación a súa masa.

Premiamos tamén  aquela estrutura que mais gustase aos nosos xuíces do Departamento de Debuxo, así como ao alumnado de primeiro.

Deixamos aquí as dúas estruturas gañadoras.

Parabéns a todos polo traballo realizado!!

ESTARCIDO CONTRA O MASACRE DO POBO EN PALESTINA

 

 

Alumnado de Deseño (2º Bach) participou na actividade "Estarcido contra o masacre do pobo en Palestina" reproducindo a obra do artísta palestino Khaled Hourani titulada "Atlas Subxectivo de Palestina".
Como xa avanza o título da actividade, a técnica empregada foi o estarcido con spray sobre parede. A secuencia de traballo foi a seguinte:

  1. Separación das diferentes cores da imaxe a partir dunha fotografía da obra orixinal.
  2. Vectorizado do contorno das diferentes masas de cor.
  3. Creación das máscaras de reserva en fieltro coa cortadora laser.
  4. Aplicación das diferentes capas de cor empregando spray sobre as máscaras adheridas á parede.

O alumnado participante nesta acividade quere así, unha vez máis, amosar a súa solidariedade co pobo palestino e deixar pegada do seu compromiso.

INTERCAMBIO CO LYCÉE FRANCÉS GÉRARD DE NERVAL (SOISSONS)

O IES de Brión participou nun intercambio co Lycée Gérard de Nerval da vila de Soissons en Francia no marco do proxecto EduFrance. Despois da estadía do noso alumnado na súa vila e instituto, tocou recibir aos correspondentes franceses que viñan por primeira vez a Galicia. 

Durante unha semana coñeceron o centro e as clases pero tamén tiveron oportunidade de visitar o Concello e ser recibidos por parte da corporación, de coñecer un pouco máis Brión grazas a un roteiro organizado polo Departamento de Educación Física, de facer un treito do Camiño de Santiago, visitar a cidade de Santiago de Compostela e ata de comer churros! 

Pero tamén foi unha experiencia magnífica de sentirse acollidas nas familias das súas correspondentes das que todos quedaron encantadas polo trato e a acollida que tiveron con todos/as elas.

Na avaliación que fixemos ao finalizar a estadía, todas as participantes salientaban o ben acollidas que se sentiron aquí, a variedade e calidade das actividades e o tristes que estaban de rematar. Pola nosa parte, resumimos o noso sentir nas palabras de Alba L. "non teño palabras para describir o increíble e divertido que foi,  unha experiencia inolvidable e chea de aventuras. As despedidas son moi tristes e duras, así como nos pasou a nós a hora de despedirnos, pero estou moi agradecida e contenta de ter participado neste intercambio e estou segura de que nun futuro volverémonos encontrar."

VISITA AO CIMUS

O pasado 10 de Abril o grupo de StemBach de 1º BAC visitou o CIMUS. Foron recibidos polo persoal de Medicina Xenómica e durante a visita tiveron a sorte de poder acceder e ver o que estaban investigando os seguintes grupos de traballo:
  • Unidade de modelos de enfermidades e terapias avanzadas coordinado pola Dra. Catarina Allegue, ónde lle amosaron como se usaba a metodoloxía CRISPR sobre células nai para xerar modelos de enfermidades sobre os que probar terapias.
  • Equipo de investigación en neurociencia cognitiva, coa Dra.  María Tubío, neste grupo puideron observar como se integraba o traballo de psicólogas dentro da investigación biomédica e as liñas de investigación abertas no grupo,  nas que está moi involucrada a perspectiva de xénero. 
  • Grupo de Farmacoxenética, coa Dra. Olalla Maroñas: viron o que era a farmacoxenética e fixeron un experimento para diferenciar visualmente os tipos de metabolizadores que existen.

Ademais puideron visitar os laboratorios dos distintos grupos como tamén outras instalacións do CIMUS.

 

8 DE MARZO CO TEATRO DAS MANIOTAS!!

Para conmemorar este día 8 de Marzo,  compartimos con todos vos o primeiro vídeo dunha serie  deles sobre a vida de mulleres científicas e pioneiras ao longo da historia.

8 DE MARZO: DÍA DA MULLER

ATELIER DE CRÊPES

O xoves 29 de febreiro o departamento de francés organizou a visita dun food truck de crêpes de La Bretagne ao noso centro para todo o alumnado de francés de 2º, 3º e 4º da ESO. 

Ao longo da mañá, houbo exposicións de cultura francesa, representacións de diálogos, obradoiro para aprender a facer crêpes e finalmente a mellor parte: a degustación!

Agardamos que non pasen outros 4 anos antes de repetir unha experiencia tan diferente e divertida como o propio 29 de febreiro!

ALIMÉNTATE BEN: CUARTO LIBRO DE RECEITAS SAUDABLES DO IES DE BRIÓN

Portada libro receitas 2022-23

Outro ano máis, o IES de Brión publica o cuarto volume do Libro de receitas saudables.

Accedendo ao libro poderedes ver unha escolma de receitas, vídeos e menús saudables e saborosos, deseñados e creados polo alumnado de 1º de Bacharelato do curso 2022-23.

Isto é o que nos din Maura Garea e Pablo Docasar, do traballo desenvolvido para facer este Libro de receitas saudables:

"Para fomentar unha alimentación saudable e variada elaborouse un libro de receitas onde se recollen menús propostos polo alumnado inspirados polo prato de Harvard.

Para isto constituíronse parellas ou grupos de traballo para realizar un menú ao seu gusto, que cumprise as premisas establecidas para obter o máximo aporte nutricional do alimento, e así conformar o libro de receitas.

A receita que realizamos nós foi unha tortilla francesa con queixo e cenoria, acompañada dunhas noces e tomate natural, un prato creativo que nos pareceu interesante e ademais nos aportaba todo o que precisabamos.

Así aprendimos que comer san non requería moito esforzo nin tempo, e o noso corpo agradeceránolo.

Facer este traballo resultounos moi entretido e educativo, e desfrutamos cociñando e comendo!

Animámosvos a levar a cabo algunha destas receitas!"

Premendo na portada do libro ou no arquivo adxunto, pódese ver ou descargar o libro.

No libro, premendo na icona de vídeos de youtube, accédese a cada receita.

No libro, premendo na icona de menú, accédese ao menú saudable completo.

  • Para ver o Volume I do libro de receitas saudables, premer na seguinte icona:

Icona premer

  • Para ver o Volume II do libro de receitas saudables, premer na seguinte icona:

Icona premer

  • Para ver o Volume III do libro de receitas saudables, premer na seguinte icona:

Icona premer

Parabéns ao alumnado de 1º de Bacharelato polo traballo realizado!

COME BEN E SAUDABLEMENTE!

Icona libro de receitas

Distribuir contido