Educación Infantil

DÍA DA NENA E DA MULLER NA CIENCIA

O día 11 de febreiro celebrouse o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. Estas últimas semanas, a partir do conto Ada, 
magnífica científica
, unha rapaza curiosa e observadora, realizamos actividades científicas, en relación co proxecto de centro

“Monte Vivo”. Grazas á axuda doutros mestres do CRA, compañeiros doutros colexios e familias, amosámoslles referencias de persoas que
gozan da ciencia, do contacto coa natureza, da súa observación, da curiosidade, do traballo en equipo, de mulleres que nos
rodean que son científicas. O propósito da creación destes espazos de participación foi estimular o pensamento científico a través do xogo, a curiosidade e
así tratar de reducir a fenda de xénero nas áreas da ciencia e tecnoloxía. Lembremos que os disfraces, os xoguetes, os debuxos, as películas, os libros que regalamos, a ausencia de científicas nos libros
de texto, incluso os comentarios que facemos, suman e fan que moitas nenas xa non se visualicen en carreiras que se consideran
difíciles. Sabemos que as nenas e os nenos somos iguais, que podemos facer o mesmo, que somos marabillosos e que xuntos formamos
un equipo. Todos podemos ser o que queiramos, e no CRA sabémolo ben!

DÍA DO MEDIO AMBIENTE

 

A nosa escola está preto do monte. No noso patio temos infinidade de tesouros que nos gusta atopar: cogumelos, árbores coas súas pólas, follas, flores... De cando en vez saímos a buscalos e, cando chegamos á clase, buscamos información en diferentes medios sobre eles: libros, internet, os nosos coñecementos previos ou nas nosas casas.

Para facer o noso herbario, prememos as follas e outras partes das plantas. Unha vez secos, os clasificamos e escribimos o seu nome para identificalos.

Tamén utilizamos estes elementos da natureza para facer esculturas ou pintamos a paisaxe que nos rodea.

Na base de todo isto está o noso interese por coñecer e respectar a natureza, aprendendo accións que podemos levar a cabo para, entre outras cousas, aforrar auga. Así coñecemos como viven en países onde hai escaseza de auga e o que significa a auga para nenos e nenas que viven en distintos lugares do mundo.

Como podedes ver no calendario que elaboramos todas as escolas do CRA de Rianxo, o vindeiro día 26 de Xaneiro celébrase o Día da Educación Ambiental. Este vídeo é unha pequena mostra de como o traballamos na aula. Esperamos que vos guste!

 

 

LUME NUNCA MÁIS

 

POR MÁIS VECES QUE PASE

SEMPRE SE ME PARTE A IALMA.

RABIA, DOR, MORTE,

DERROTA, TRISTURA, INQUEDANZA.


No marco do proxecto de centro "Monte vivo", na Escola de Cuvide coñecemos os incendios forestais e as accións que podemos
facer para evitalos. Aprendemos tamén que os troncos das árbores poden darnos moita información acerca delas, coma a súa
idade e as
lesións causadas despois dun incendio.

Dado que a arte é unha boa forma de expresar emocións, quixemos manifestar a nosa rabia e tristura polos graves incendios que
puidemos ver de preto hai poucos meses. Cada un de nós debuxou o tronco da súa árbore, árbores con diferentes idades e feridas,
pero quixemos darlle cor, simbolizando o que imos facer para que non se repita. Unha vez debuxados e coloreados, pegámolos
nunha cartolina negra (bosque queimado) con chamas.
Finalmente lemos a poesía que encabeza este artigo.

 

 

 

 

20 ANOS DO AFUNDIMENTO DO PRESTIGE

 

Hoxe coñecemos o que sucedeu o día 13 de novembro do ano 2002, fai vinte anos: o afundimento do petroleiro Prestige. Unha catástrofe ecolóxica que movilizou a toda unha marea branca, solidaria, para limpar o noso mar.

Fixemos un mural cun mar cheo de petróleo:

Pobres peixiños do mar:

Nin sardiñas nin xurelos,

nin gaivotas nin cormoráns,

todos negros, todos negros,

todos negros...

¡NUNCA MÁIS!

Os nenos dicimos...

PRESTIGE navegando, NON

Petróleo no noso mar, NON

Contaminación na costa, NON

Animais mortos, NON

Xente sen traballo, NON

Mariñeiros tristes, NON

 

 

OCÉANOS, ARTE E RECICLAXE

A PRODUCIÓN E CONSUMO EXCESIVO DE PLÁSTICOS IMPLICA GRAVES CONSECUENCIAS PARA O MEDIO AMBIENTE.

DEBEMOS REDUCIR AO MÁXIMO O CONSUMO DE PLÁSTICOS DUN SÓ USO COMO BOTELLAS, PRATOS, CUBERTOS, BOLSAS, BASTONCIÑOS, ETC.

ALGÚNS DESTES PRODUTOS TEÑEN OS DÍAS CONTADOS, ENTRE ELES AS BANDEXAS DE POLIESTIRENO. MENTRES TANTO PODEMOS APROVEITAR ESTES ENVASES PARA DARLLE UN NOVO USO ANTES DEPOSITALOS NO CONTEDOR AMARELO.

NA ESCOLA DE CRUCEIRO EMPREGAMOS ESTES ENVASES PARA DESCUBRIR A TÉCNICA DO GRAVADO.

ISTO PERMITIUNOS NON SÓ DESCUBRIR UNHA NOVA TÉCNICA ARTÍSTICA, SENÓN TAMÉN CONTINUAR AS NOSAS INVESTIGACIÓNS SOBRE OS OCÉANOS DE XEITO CREATIVO.

 

 

 

PLÁSTICOS NON, GRAZAS!

 

CADA PEGADA QUE DEIXAMOS NO PLANETA ACABA NO MAR.

 

É imposible saber a cantidade de lixo que hai nos océanos.

O que si sabemos é que ano tras ano seguimos tirando millóns de toneladas de lixo ao mar.

É como se cada minuto (CADA MINUTO!) baleirásemos un novo camión de resíduos no mar.

Non aparecen no mapa pero nos nosos océanos hai 5 grandes illas de plástico.

A do Pacífico norte é tan grande como España, Francia e Alemania xuntas.

A maior parte destas illas están formadas por MICROPLÁSTICOS.

O plástico flotante supón só o 15% do total. O resto está baixo a auga.

A nivel mundial recíclase unha parte moi pequena de todo o plástico que se produce e consume.

A maior parte, arredor do 80%, acaba en vertedoiros ou no medio ambiente.

 

Por iso....

REDUZAMOS O CONSUMO DE PLÁSTICOS

 

“CANTIGUIÑAS DO ARAÑO”

Na escola de Capela estivemos traballando as cantigas populares. Recopilamos grazas ás familias coplas propias do Araño, e tras traballalas cos nen@s, puxémoslle música tradicional, co profe Pablo e o seu pequeno acordeón. Grabamos a música cas nosas voces como se fose para un disco! E finalmente vestímonos de xeito tradicional e grabamos o noso videoclip de "Cantiguiñas do Araño".

Deixámolo por aquí e agardamos que vos guste tanto como a nós nos gustou facelo.

E por suposto, moitas grazas a toda a xente que nos axudou neste proxecto!

Disfrutádeo!

Que viva a nosa música! E que viva o Araño!❤️❤️❤️

 

Chegou o entroido!!

A pesar de que este ano non nos puidemos xuntar co resto de escolas, nin convidar as familias da maneira que nos gustaría, non perdimos a ilusión! Cancións, pasarrúas, merendola para repoñer forzas e xogos!
Unha xornada estupenda chea de diversión! Está claro que este ano é diferente, pero unha das razóns é porque celebramos as festas con máis ganas que nunca!
Feliz entroido a todos/as!!
 
 
 
 
 
 

Bo Nadal!!!

BO NADAL!!!!

Como este ano non podemos xuntarnos para facer o festival, en Outeiro decidimos facer unha actuación para despedir o trimestre e desexaros felices festas!

O tema central son as emocións e está feita en lingua de signos para traballar tamén a inclusión, porque non importa os impedimentos que atopemos, o importante é seguir adiante e conseguir o que nos propoñamos aínda que sexa doutra maneira... Xa sexan obstáculos polo Covid, por unha discapacidade... Polo que sexa!

Esperamos que vos guste e que pasedes un bo nadal, aínda que sexa diferente!

 

Distribuir contido