Skip to Content

voznatura

Comezamos a sementar

As sentinelas do silencio (o noso grupo de voluntarios/as) comezaron xa a traballar coa mirada posta na tempada de poñer a horta.

Ademais de labores de preparación da terra (que por mor da choiva vai un chisco máis lento do agardado), comezaron a sementar algúns dos produtos cos que contaremos. As sementes foron adquiridas de casas comerciais na súa maioría (primando as ecolóxicas), xunto con algunhas variedades de tomates dos que posuíamos un bo número no nos particular banco de sementes. E por suposto, dando unha segunda vida a moito do material que había pola escola ou que nos cederon na cociña.

Iremos informando dos progresos!

Manifesto polo clima

O 5 de decembro de 2023 emitimos un novo programa de radio gravado polo alumnado de sexto de Educación Primaria, con motivo do comezo da C0P28 onde lemos un manifesto baseado no Movemento Galego polo Clima e gardamos un minuto de silencio.

Nel, entre outras cousas pídese que neste tipo de cumios os nosos mandatarios asinen acordos de medidas vinculantes que axuden a parar os devastadores efectos da crise climática.

Aquí vos deixamos o programa. 

Queremos feitos, non palabras baleiras!

 

Cartel

Visita a SOGAMA

Ola de novo!

Hoxe vimos a contar que o pasado día 20 de outubro o alumnado de 6º de Educación Primaria tivo ocasión de visitar as instalacións de SOGAMA.

Foi unha visita onde aprendimos un chisquiño máis sobre a recollida selectiva e a reciclaxe, e sobre todo foi moi entretida. A bo seguro que a experiencia coa realidade virtual foi unha das actividades favoritas de moitas e moitos dos visitantes.

Velaquí deixamos algunhas imaxes de ese día.

Recollida selectiva de residuos

No pasado mes de outubro botou a andar unha das actividades que o equipo consideraba prioritaria: a recollida selectiva de residuos.


Coa colaboración de toda a comunidade educativa, facemos unha separación de residuos nas aulas, separando envases, papel e cartón, materia orgánica e material escolar.


Para tal fin o centro adquiriu uns colectores de gran tamaño e instaláronse tres pequenos puntos limpos dentro do edificio (un por andar) coa colaboración de Ecoembes, quen remitiu depósitos para papel e envases.


Colectores mercados polo centro.


O alumnado xestiona os envases e o papel e cartón, facéndose unha recollida conxunta os xoves para os envases e os venres para o papel e cartón, no que o alumnado de quinto e sexto de Educación Primaria colabora co alumnado de Educación Infantil e co traslado dos residuos aos colectores exteriores.


Alumnado do centro depositando residuos.


A maiores, contamos coa colaboración do persoal de limpeza, quen se encarga a diario de xestionar o lixo orgánico.


E por último, en cada recreo saen ao patio dúas patrullas ecolóxicas, conformadas por alumnado de terceiro e cuarto de Educación Primaria. Estas patrullas non só manteñen o noso patio máis limpo recollendo restos que poida haber nel, se non que tamén asesoran e axudan a todas aquelas persoas que non saiban que facer cos seus residuos.

 

Patrullas ecolóxicas en acción.


Dende o Equipo de Reciclaxe e Medio Ambiente estamos encantados co traballo que están a desenvolver todas e todos!

Somos Voz Natura

Voz Natura | CEIP Plurilingüe Ría do Burgo

O CEIPP Vicente Otero Valcárcel foi finalmente seleccionado para participar no proxecto Voz Natura co noso proxecto Carral Sostible. Deste xeito somos un dos 373 centros seleccionados, o que nos axudará a desenvolver o noso proxecto e darlle maior difusión.

 

Velaquí o cartaz desta edición:

En breve seguiremos contando máis cousas que temos entre mans!

 

Distribuir contenido


by Dr. Radut