Obradoiro de máscaras de Entroido

O día 20 de xaneiro realizamos no cole un obradoiro de creación de máscaras do Entroido, coa colaboración da Concellería de educación de Ourense, como alternativa ao tradicional obradoiro de creación de comadres e compadres que este ano non se celebrará por mor do Covid.

A actividade tivo unha duración de 90 minutos, dividido en dúas partes: unha teórica e outra práctica. Por unha banda, visualizamos un mapa da provincia de Ourense, identificando as vilas que celebran esta festa dunha maneira máis relevante, acompañado dunha explicación dos seus traxes e costumes. Posteriormente, pasamos a decorar catro máscaras de cartolina típicas do Entroido ourensán:  Boteiro de Viana do Bolo,  Cigarrón de Verín,  Peliqueiro de Laza e Pantalla de Xinzo de Limia.

O obxectivo principal desta actividade foi o de contribuír á conservación das nosas tradicións dunha maneira lúdica e pedagóxica traballando distintas áreas de coñecemento como son a plástica e a pintura, a lingua galega e as ciencias sociais.