Skip to Content

Habelas Hailas!

Boas rapazada!

Rematamos o período de "Habelas Hailas", que se corresponde cos meses de setembro e outubro, e gustaríame facer un pequeno resumo das últimas actividades levadas a cabo na nosa escola. Imos alá!

Sorriso Samaín. O venres 29 celebramos esta festividade, tan típica da nosa terra, vestindo disfraces terroríficos. Estabades irrecoñecibles (e as mestras e mestres tamén).

Sorriso Queima de medos. Como xa expliquei anteriomente, este mes aproveitamos para intentar identificar algún dos nosos medos e buscarlle unha solución. Despois de ler os medos de todas as nenas e nenos do cole e de investigar a través de contos, de páxinas web, coa axuda de expertas na materia e doutras fontes de información, chegou o momento de queimalos e botalos fóra a través dun conxuro... Foi un momento moi especial, ademais de máxico. Grazas a Raquel e a Viki pola súa posta en escena e por facernos pasar un bo intre.

Sorriso Apadriñamentos lectores. Ao final de cada período, levaranse a cabo os apadriñamentos lectores entre as aulas irmás. Algúns cursos aproveitaron a temática dos medos e das lendas para facer a súa lectura compartida e amosarlle ás nenas e nenos máis peques do cole contos descoñecidos e moi interesantes. 

Sorriso Formación de usuarios. A apertura de Bibliocervo sempre vai acompañada da formación de usuarios. Nestas sesións de formación, analizamos cales son as normas da biblio para este curso, como podemos facer uso do espazo e dos recursos de Bibliocervo, recibimos as mochilas viaxeiras cheas de libros, xogos e outros materiais, o pasaporte lector para ir rexistrando os libros lidos por cada clase, o itinerario lector con material para empregar na hora de ler e un pequeno agasallo que agardo que vos gustara.

Sorriso Lendas. Os cursos máis altos, informáronse sobre algunhas lendas da nosa terra (máxica). Para amosarllas ao resto de pícaras e pícaros, acudiron a OndaPucaRadio, colocaron cascos, abriron micros e puxéronse mans á obra. A continuación, amósovos o resultado... Que alegría vervos de novo no estudo de OndaPucaRadio, como expertas e expertos locutores!

Como vedes, este último mes de "Habelas Hailas" foi intenso e cheo de actividade. Agora, comezamos novembro, o mes da ciencia en galego, e con el, o período de "Nadal Maker"... Que estaremos argallando en Bibliocervo para estes dous meses? Estade pendentes porque en nada sairán novos InfoPuca e máis novidades!

Vémonos polo cole!

Bicos e apertas (con distancia) a moreas!



blog | by Dr. Radut