Skip to Content

A arte das letras - Resumo 2023

Boas nenas e nenos!

Chegou o remate do curso e con el o remate do bimes "A arte das letras" e cantas cousiñas tiveron lugar en Bibliocervo e na escola! Imos facer un resumo para non esquecernos.

BIBLIOCERVO.

  • Canto conto ten... Rematamos o curso contando contos compartidos. Esta actividade foi un éxito e estou segura de que continuaremos organizando "Canto conto ten..." o próximo curso.
  • Familias que contan. Grazas a todas as familias que nos visitaron ao longo destes dous meses e ao longo de todo o curso. Foi un auténtico pracer compartir momentos tan especiais como estes. 
  • Momentazo de ler. Seguimos descubrindo recunchos segredos na nosa escola para gozar dun momento de lectura.
  • Venres de radio. Os micros e os cascos non paran de funcionar en OndaPucaRadio.
  • Clubs de Lectura. Rematamos o club de lectura de nenas e nenos con "Unha nova dimensión" de Anxo Iglesias e tamén tivo lugar a terceira edición do club de lectura de familias con "Miss Marte" de Manuel Jabois.
  • Biblioteca Creativa. Este trimestre tiveron lugar numerosos obradoiros organizados por Biblioteca Creativa, seguide lendo e descubiredes cales son. 
  • Museo das Letras. Chegadas ao remate de curso, abrimos as portas do noso museo. Se queredes saber todo sobre estas xornadas, premede aquí. 
  • Microrrede da Mariña. A comezos de maio levouse a cabo a presentación de todos os traballos realizados polos centros participantes na Microrrede da Mariña. Foi unha marabilla compartir espazo e experiencias con todas e todos vós, baixo o lema de "Escribirarte na Mariña". 

OBRADOIROS.

  • Lectura e Familias. Para darlle o peche a este proxecto, recibimos a visita de Raiolas, asociación de nais, pais e persoas con TEA (Trastorno do Espectro Autista) e TCS (Trastorno da Comunicación Social).
  • Biblioteca Creativa. Coa nosa participación neste proxecto tivemos a posibilidade de organizar interesantes obradoiros para todo o alumnado da escola. Grazas a propostas como esta podemos convertir Bibliocervo nun espazo cheo de oportunidades e de aprendizaxe. Entre os obradoiros programados atópanse: un obradoiro de bordado con Bea Lema para 5ºEP e 6ºEP, un obradoiro de fotografía e collage con Mark Ritchie para 1ºEP, un obradoiro de libros alterados con María Rolle para 3ºEP e 4ºEP e un obradoiro de xogos con Brazolinda para EI, 1ºEP, 2ºEP, 3ºEP e 4ºEP.
  • Pesca sen morte. O alumnado de 3ºEP e 4ºEP tivo a visita do pentacampeón do mundo de pesca sen morte, David Arcay.

CONMEMORACIÓNS E FESTIVIDADES.

  • 17M - Día das Letras Galegas. Como cada ano, para conmemorar o día das letras galegas elaboramos as Pezas Únicas. Este curso foron enviadas ao CGAC (Centro Galego de Arte Contemporánea) e a decisión foi moi acertada porque aínda nos seguen a chegar respostas das persoas receptoras das nosas pezas. 
  • 17M - Día Internacional contra a Homofobia, Bifobia e Transfobia. Recibimos a visita da Asociación Nós Mesmas para reflexionar sobre a diversidade afectivo-sexual, de xénero e familiar. 
  • Día da Educación Fïsica na Rúa. O alumnado de 5ºEP e 6ºEP celebra este día tan activo e dinámico con outros centros da contorna.
  • 31M - Aniversario de Puca. Esta data é moi especial na nosa escola e gozo moito de cumprir anos ao voso carón. Grazas polos biscoitos elaborados polo alumnado de EI, por todas as felicitacións e por facerme tan feliz cantando a miña canción. Foi unha xornada moi emotiva. 
  • Festival de Fin de Curso. Despois de moitos días de ensaio e esforzo, o mércores puidemos gozar do festival ambientado en musicais. Que marabilla ver as caras de felicidade e emoción de todas as nenas e nenos despois de cada actuación! Sen dúbida, foi un remate de curso inmellorable. 

SAÍDAS.

  • Limpeza de praias. Ao igual que noutros cursos, o alumnado da escola visita praias da contorna para levar a cabo unha limpeza a través do Proxecto Educando para a Sustentabilidade: Mariña Ambiental UDC - Fundación Alcoa.
  • Proxecto Ríos. Outra actividade que non pode faltar na nosa axenda é a visita ao río Xunco coa compañía do persoal de medio ambiente do Concello de Cervo. É unha sorte poder coñecer de primeira man a flora e fauna que nos rodea.  
  • Correlingua. Nesta ocasión viaxamos ata Lourenzá para camiñar, correr, bailar e cantar en... GALEGO! Como ben di o lema, "hoxe, na casa e na escola, bota a lingua fóra".
  • Castropol. O alumnado de EI visita a Granxa Escola Ría do EO para gozar dunha xornada de natureza, animais e moita diversión.
  • Marcelle. 1ºEP e 2ºEP viaxou ata Marcelle para coñecer novas especies de animais.

E ata aquí, o percorrido que facemos polo bimes "A arte galega na escola". Tamén chega o momento de desexarvos unhas moi felices vacacións de verán. O único que vos quero pedir é que desfrutedes moito do tempo libre, que xoguedes, que brinquedes, que durmades, que cantedes, que bailedes e... que leades para descrubrir mundos novos cheos de aventuras.

Vémonos de novo en setembro con novos retos e novas experiencias.

Bicos e apertas a moreas!

 



blog | by Dr. Radut