Skip to Content

Un nen@, un mestr@, un libro e un lapis poden cambiar o mundo - Resumo 2023

Boas nenas e nenos!

Chegou o remate do bimes "Un nen@, un mestr@, un libro e un lapis poden cambiar o mundo" e cantas cantas tiveron lugar en Bibliocervo e na escola! Facemos un resumo para non esquecernos? Imos alá!

BIBLIOCERVO.

  • Canto conto ten... Historias novas continúan chegando a Bibliocervo durante o tempo de lecer e con elas, caras expectante, sorrisos e moita emoción.
  • Familias que contan. Seguimos recibindo a visita de familias que desexan compartir un conto con nós. Grazas!
  • Momentazo de ler. Cada último martes do mes, sorprendédesme con novos recunchos de lectura.
  • Venres de radio. OndaPucaRadio segue a funcionar de marabilla.
  • Clubs de Lectura. O segundo Club de Lectura "Ler é Lecer" de nenas e nenos deu comezo para ler "Unha nova dimensión" de Anxo Iglesias. Tamén está tendo lugar a segunda edición do Club de Lectura de familias con "El club del crimen de los jueves" de Richad Osman. 
  • Biblioteca Creativa. O alumnado de 1ºEP recibiu un obradoiro por parte de Lila e Belinda para iniciarse no mundo da programación e crear os seus propios chaveiros. 
  • Museo das Letras. Os retos sobre o Museo das Letras son todo un éxito e da gusto vervos investigar e dar forma a esas salas do museo. 

OBRADOIROS.

  • Radio. Recibimos a visita de Antía e Sonia de RadioVoz para que o alumnado de 3ºEP continúen descubrindo as posibilidades que ofrece o marabilloso mundo da radio. 
  • Xogando nas nubes. Dende o programa Lectura e Familias, recibimos a visita de Iria Orjales para que nos explicara cales son os beneficios de xogar, a importancia de ler e entender as instrucións, como podemos adaptar os xogos á idade e características das nenas e nenos e... gozar dun tempo moi agradable xogando en familia!
  • Charla do Seprona. A Garda Civil veu para darnos milleiros de consellos coa finalidade de seguir preservando e coidando a nosa natureza.
  • AGADIX. A dislexia é un trastorno que implica dificultades no ámbito da lectura e da escritura e grazas ás rapazas da Asociación Galega, agora entendemos un pouquiño mellor como intervir con estes casos.
  • Fran Alonso. As nenas e nenos de 5ºEP e 6ºEP fixeron unha videochamada co autor de "Douche a miña palabra", o cal nos convidou a reflexionar sobre o superpoder da lectura.

CONMEMORACIÓNS E FESTIVIDADES.

  • Semana da Prensa + 8M. Recibimos a visita de Iago e de Silvia de "As Nosas" para darnos a coñecer o seu proxecto de prensa deportiva feminina, onde os valores son a base e onde traballan arreo para darlle o protagonismo que merecen ás mulleres deportistas en Galicia. 
  • Semana do Libro. Para conmemorar o 23A, este curso presenteivos o reto de traducir o voso título favorito a diferentes linguas (linguas de signos, braille e pictogramas). Ademais, compartimos un momento moi especial cos "Apadriñamentos Lectores", onde as nenas e nenos dos cursos altos convertéronse en madriñas e padriños do alumnado máis pequeno.

SAÍDAS.

  • Mariña Ambiental. As nenas e nenos de 3ºEP e 4ºEP visitaron a cidade de A Coruña a través deste proxecto. Ao longo do día, ademais de gozar desta fermosa cidade, visitaron a depuradora, pasearon polo Monte da Fraga e visitaron a Domus e a Torre de Hércules.
  • FP Innova. As nenas e nenos de 5ºEP e 6ºEP invertiron un día na Cidade da Cultura de Galicia para visitar o FP Innova e, de paso e aproveitando que andan a investigar o mundo e historia das bibliotecas, pasaron pola Biblioteca de Galicia.
  • Free Tour. As nenas e nenos de 1ºEP e 2ºEP convertéronse en guías por un día. Co mapa de Cervo na man e cunha chea de pictogramas de diferentes lugares, tiveron que orientarse no espazo e ubicar cada un deses lugares no mapa, ademais de ir marcando o recorrido feito.
  • Agrupacións de Centros Escolares. O alumnado de 6ºEP, xunto con varias mestras, e dentro do programa de Agrupacións de Centros Escolares, foron de viaxe a Murcia para emparse da cultura e costumes das nenas e nenos do centro CEP Antonio de Ulloa e continuar cumprindo obxectivos de dito programa. Para máis información, podedes premer aquí.

Como vedes, estes dous meses non paramos... Foi un período bimensual cheíño de aprendizaxe, aventuras, experiencias compartidas, risas e moita emoción. E isto continúa... dentro duns días teredes novidades sobre o último bimes "A arte das letras".

Bicos e apertas a moreas.



blog | by Dr. Radut