Skip to Content

blogue dePuca

Visita ao Museo das Letras

Queridas nenas e nenos!

Aínda non me creo o que aconteceu estes dous días na escola... Vaia emoción ver os corredores cheos de familias descubrindo e valorando todo o voso traballo e esforzo. Sabedes de que estou a falar, non si? Do noso museo, do Museo das Letras! 

Tamén é importante dicir que este museo ten unha historia detrás, xa que dende os primeiros meses do curso comezouse a traballar na súa creación. Queredes lembrar como comezou todo? Imos alá!

OUTUBRO.

  • Neste mes foi cando, a través dun reto, descubríchedes sobre que temática íamos investigar este curso. A mensaxe segreda agochada no desafío era o nome do museo.

NOVEMBRO e DECEMBRO.

  • Estes meses foron de programación e planificación das salas: estruturación de espazos, organización das salas por cursos, distribución de material interesante para comezar a traballar...

XANEIRO e FEBREIRO. 

  • Comezamos o ano investigando, cada curso centrándose na temática da súa sala e aproveitando todos os recursos que Bibliocervo nos proporcionaba.

MARZO e ABRIL

  • A apertura do museo estaba a piques de chegar, polo que se destinaron estes meses para preparar todo o relacionado con cartelería, entradas, audioguías, planos...

MAIO e XUÑO.

  • Chegou o momento! A última semana do curso o Museo das Letras abre as súas portas para toda a Comunidade Educativa. Pola mañá fúchedes vós os que descubríchedes todas as salas que conformaban o museo e, pola tarde, as nenas e nenos de 6ºEP adoptan o papel de guías para percorrer cada un dos recunchos do museo xunto coas familias.

Se queredes ve un breve resumo de todo o elaborado para a creación do Museo das Letras invítovos a pasarvos pola canle de YouTube do centro, premendo aquí ou visitar o noso perfil de IG premendo enriba da seguinte imaxe.

Grazas a todas e todos os que fixéchedes posible a creación e a posta a punto deste museo, polo voso esforzo, sacrificio, gana, cariño e, por suposto, emoción.

Agora é o momento de pechar o Museo das Letras para darlle paso a outra nova aventura... Que será? 

Bicos e apertas a moreas.

A arte das letras - Resumo 2023

Boas nenas e nenos!

Chegou o remate do curso e con el o remate do bimes "A arte das letras" e cantas cousiñas tiveron lugar en Bibliocervo e na escola! Imos facer un resumo para non esquecernos.

BIBLIOCERVO.

  • Canto conto ten... Rematamos o curso contando contos compartidos. Esta actividade foi un éxito e estou segura de que continuaremos organizando "Canto conto ten..." o próximo curso.
  • Familias que contan. Grazas a todas as familias que nos visitaron ao longo destes dous meses e ao longo de todo o curso. Foi un auténtico pracer compartir momentos tan especiais como estes. 
  • Momentazo de ler. Seguimos descubrindo recunchos segredos na nosa escola para gozar dun momento de lectura.
  • Venres de radio. Os micros e os cascos non paran de funcionar en OndaPucaRadio.
  • Clubs de Lectura. Rematamos o club de lectura de nenas e nenos con "Unha nova dimensión" de Anxo Iglesias e tamén tivo lugar a terceira edición do club de lectura de familias con "Miss Marte" de Manuel Jabois.
  • Biblioteca Creativa. Este trimestre tiveron lugar numerosos obradoiros organizados por Biblioteca Creativa, seguide lendo e descubiredes cales son. 
  • Museo das Letras. Chegadas ao remate de curso, abrimos as portas do noso museo. Se queredes saber todo sobre estas xornadas, premede aquí. 
  • Microrrede da Mariña. A comezos de maio levouse a cabo a presentación de todos os traballos realizados polos centros participantes na Microrrede da Mariña. Foi unha marabilla compartir espazo e experiencias con todas e todos vós, baixo o lema de "Escribirarte na Mariña". 

OBRADOIROS.

  • Lectura e Familias. Para darlle o peche a este proxecto, recibimos a visita de Raiolas, asociación de nais, pais e persoas con TEA (Trastorno do Espectro Autista) e TCS (Trastorno da Comunicación Social).
  • Biblioteca Creativa. Coa nosa participación neste proxecto tivemos a posibilidade de organizar interesantes obradoiros para todo o alumnado da escola. Grazas a propostas como esta podemos convertir Bibliocervo nun espazo cheo de oportunidades e de aprendizaxe. Entre os obradoiros programados atópanse: un obradoiro de bordado con Bea Lema para 5ºEP e 6ºEP, un obradoiro de fotografía e collage con Mark Ritchie para 1ºEP, un obradoiro de libros alterados con María Rolle para 3ºEP e 4ºEP e un obradoiro de xogos con Brazolinda para EI, 1ºEP, 2ºEP, 3ºEP e 4ºEP.
  • Pesca sen morte. O alumnado de 3ºEP e 4ºEP tivo a visita do pentacampeón do mundo de pesca sen morte, David Arcay.

CONMEMORACIÓNS E FESTIVIDADES.

  • 17M - Día das Letras Galegas. Como cada ano, para conmemorar o día das letras galegas elaboramos as Pezas Únicas. Este curso foron enviadas ao CGAC (Centro Galego de Arte Contemporánea) e a decisión foi moi acertada porque aínda nos seguen a chegar respostas das persoas receptoras das nosas pezas. 
  • 17M - Día Internacional contra a Homofobia, Bifobia e Transfobia. Recibimos a visita da Asociación Nós Mesmas para reflexionar sobre a diversidade afectivo-sexual, de xénero e familiar. 
  • Día da Educación Fïsica na Rúa. O alumnado de 5ºEP e 6ºEP celebra este día tan activo e dinámico con outros centros da contorna.
  • 31M - Aniversario de Puca. Esta data é moi especial na nosa escola e gozo moito de cumprir anos ao voso carón. Grazas polos biscoitos elaborados polo alumnado de EI, por todas as felicitacións e por facerme tan feliz cantando a miña canción. Foi unha xornada moi emotiva. 
  • Festival de Fin de Curso. Despois de moitos días de ensaio e esforzo, o mércores puidemos gozar do festival ambientado en musicais. Que marabilla ver as caras de felicidade e emoción de todas as nenas e nenos despois de cada actuación! Sen dúbida, foi un remate de curso inmellorable. 

SAÍDAS.

  • Limpeza de praias. Ao igual que noutros cursos, o alumnado da escola visita praias da contorna para levar a cabo unha limpeza a través do Proxecto Educando para a Sustentabilidade: Mariña Ambiental UDC - Fundación Alcoa.
  • Proxecto Ríos. Outra actividade que non pode faltar na nosa axenda é a visita ao río Xunco coa compañía do persoal de medio ambiente do Concello de Cervo. É unha sorte poder coñecer de primeira man a flora e fauna que nos rodea.  
  • Correlingua. Nesta ocasión viaxamos ata Lourenzá para camiñar, correr, bailar e cantar en... GALEGO! Como ben di o lema, "hoxe, na casa e na escola, bota a lingua fóra".
  • Castropol. O alumnado de EI visita a Granxa Escola Ría do EO para gozar dunha xornada de natureza, animais e moita diversión.
  • Marcelle. 1ºEP e 2ºEP viaxou ata Marcelle para coñecer novas especies de animais.

E ata aquí, o percorrido que facemos polo bimes "A arte galega na escola". Tamén chega o momento de desexarvos unhas moi felices vacacións de verán. O único que vos quero pedir é que desfrutedes moito do tempo libre, que xoguedes, que brinquedes, que durmades, que cantedes, que bailedes e... que leades para descrubrir mundos novos cheos de aventuras.

Vémonos de novo en setembro con novos retos e novas experiencias.

Bicos e apertas a moreas!

 

A arte das letras - 2023

Ola rapazas e rapaces!

Aquí ando de novo para presentarvos un novo bimes: "A arte das letras". Que nos depararán estes dous meses? Este período temos que ir encamiñándonos a rematar o curso escolar.

O primeiro que temos que anunciar é a presentación de todos os nosos traballos xunto cos traballos doutros centros da Mariña participantes na Microrrede en Viveiro. Dá gusto compartir experiencias así con centros da contorna.

Entre as conmemoracións a celebrar destacamos o 17M, o día das nosas letras, o Día das Letras Galegas e tamén o Día Internacional contra a Homofobia, Bifobia e Transfobia, o Día da Educación Física na Rúa que a pesar de ser en abril, celebrarémolo a comezos de maio, o aniversario de Puca a finais deste mes, a Carreira Solidaria, o 1X o Día da Arte Galega na Escola...

Combinadas con todas estas celebracións, estarán as actividades propias de Bibliocervo: Canto conto ten..., Familias que contan, Momentazo de Ler, Venres de Radio, Clubs de Lectura e novos retos para o noso "Museo das Letras".

E falando do museo... Sabedes que a finais de xuño teremos xa listas todas as salas para poder inauguralo e facer a presentación de todos os vosos traballos? Tedes gana? Comeza a conta atrás!

Tamén teremos saídas, obradoiros, elaboración das Pezas Únicas e... a Festa de Fin de Curso! Este curso será un festival coa temática de musicais de difentes estilos.

Polo momento, isto é todo!

Bicos e apertas a moreas.

Un nen@, un mestr@, un libro e un lapis poden cambiar o mundo - Resumo 2023

Boas nenas e nenos!

Chegou o remate do bimes "Un nen@, un mestr@, un libro e un lapis poden cambiar o mundo" e cantas cantas tiveron lugar en Bibliocervo e na escola! Facemos un resumo para non esquecernos? Imos alá!

BIBLIOCERVO.

  • Canto conto ten... Historias novas continúan chegando a Bibliocervo durante o tempo de lecer e con elas, caras expectante, sorrisos e moita emoción.
  • Familias que contan. Seguimos recibindo a visita de familias que desexan compartir un conto con nós. Grazas!
  • Momentazo de ler. Cada último martes do mes, sorprendédesme con novos recunchos de lectura.
  • Venres de radio. OndaPucaRadio segue a funcionar de marabilla.
  • Clubs de Lectura. O segundo Club de Lectura "Ler é Lecer" de nenas e nenos deu comezo para ler "Unha nova dimensión" de Anxo Iglesias. Tamén está tendo lugar a segunda edición do Club de Lectura de familias con "El club del crimen de los jueves" de Richad Osman. 
  • Biblioteca Creativa. O alumnado de 1ºEP recibiu un obradoiro por parte de Lila e Belinda para iniciarse no mundo da programación e crear os seus propios chaveiros. 
  • Museo das Letras. Os retos sobre o Museo das Letras son todo un éxito e da gusto vervos investigar e dar forma a esas salas do museo. 

OBRADOIROS.

  • Radio. Recibimos a visita de Antía e Sonia de RadioVoz para que o alumnado de 3ºEP continúen descubrindo as posibilidades que ofrece o marabilloso mundo da radio. 
  • Xogando nas nubes. Dende o programa Lectura e Familias, recibimos a visita de Iria Orjales para que nos explicara cales son os beneficios de xogar, a importancia de ler e entender as instrucións, como podemos adaptar os xogos á idade e características das nenas e nenos e... gozar dun tempo moi agradable xogando en familia!
  • Charla do Seprona. A Garda Civil veu para darnos milleiros de consellos coa finalidade de seguir preservando e coidando a nosa natureza.
  • AGADIX. A dislexia é un trastorno que implica dificultades no ámbito da lectura e da escritura e grazas ás rapazas da Asociación Galega, agora entendemos un pouquiño mellor como intervir con estes casos.
  • Fran Alonso. As nenas e nenos de 5ºEP e 6ºEP fixeron unha videochamada co autor de "Douche a miña palabra", o cal nos convidou a reflexionar sobre o superpoder da lectura.

CONMEMORACIÓNS E FESTIVIDADES.

  • Semana da Prensa + 8M. Recibimos a visita de Iago e de Silvia de "As Nosas" para darnos a coñecer o seu proxecto de prensa deportiva feminina, onde os valores son a base e onde traballan arreo para darlle o protagonismo que merecen ás mulleres deportistas en Galicia. 
  • Semana do Libro. Para conmemorar o 23A, este curso presenteivos o reto de traducir o voso título favorito a diferentes linguas (linguas de signos, braille e pictogramas). Ademais, compartimos un momento moi especial cos "Apadriñamentos Lectores", onde as nenas e nenos dos cursos altos convertéronse en madriñas e padriños do alumnado máis pequeno.

SAÍDAS.

  • Mariña Ambiental. As nenas e nenos de 3ºEP e 4ºEP visitaron a cidade de A Coruña a través deste proxecto. Ao longo do día, ademais de gozar desta fermosa cidade, visitaron a depuradora, pasearon polo Monte da Fraga e visitaron a Domus e a Torre de Hércules.
  • FP Innova. As nenas e nenos de 5ºEP e 6ºEP invertiron un día na Cidade da Cultura de Galicia para visitar o FP Innova e, de paso e aproveitando que andan a investigar o mundo e historia das bibliotecas, pasaron pola Biblioteca de Galicia.
  • Free Tour. As nenas e nenos de 1ºEP e 2ºEP convertéronse en guías por un día. Co mapa de Cervo na man e cunha chea de pictogramas de diferentes lugares, tiveron que orientarse no espazo e ubicar cada un deses lugares no mapa, ademais de ir marcando o recorrido feito.
  • Agrupacións de Centros Escolares. O alumnado de 6ºEP, xunto con varias mestras, e dentro do programa de Agrupacións de Centros Escolares, foron de viaxe a Murcia para emparse da cultura e costumes das nenas e nenos do centro CEP Antonio de Ulloa e continuar cumprindo obxectivos de dito programa. Para máis información, podedes premer aquí.

Como vedes, estes dous meses non paramos... Foi un período bimensual cheíño de aprendizaxe, aventuras, experiencias compartidas, risas e moita emoción. E isto continúa... dentro duns días teredes novidades sobre o último bimes "A arte das letras".

Bicos e apertas a moreas.

Un nen@, un mestr@, un libro e un lapis poden cambiar o mundo - 2023

Boas a todas e todos!

Un novo período bimensual está a piques de comezar e con el milleiros de actividades e novidades. Queredes que vos faga un pequeno adianto? Comeza a aventura do período "Un nen@, un mestr@, un libro e un lapis poden cambiar o mundo"!


A maiores, dicirvos que hai varias saída programadas, obradoiros e charlas informativas de temáticas moi diversas, novos programas de radio en OndaPucaRadio, celebraremos a Semana da Prensa, o 8M - Día Internacional da Muller e continuaremos con actividades como: "Canto conto ten...", "Familias que contan", "Momentazo de ler" e os Clubs de Lectura.

Non esquezades mirar de vez en cando as vosas caixiñas do correo porque teredes algún reto sobre o Museo das Letras. Xa observo polos corredores da escola que estades traballando arreo para ir dándolle forma ás salas do noso museo.

Seguide así, nenas e nenos!

Polo momento, nada máis. Ah, si! Se botades unha ollada ás baldas de Novidades Lectoras atoparedes novos libros. Xa me daredes a vosa opinión sobre ás novas adquisicións.

Bicos e apertas a moreas!

Paz, Amor e Rocksalía! 2023 - Resumo

Boas nenas e nenos!

O período de "Paz, Amor e Rocksalía" chega ao seu fin e o único que podo dicir é que vaia maneira máis bonita de comezar o ano! É marabilloso ver como andades a traballar, as vosas caras de felicidade con cada novidade de Bibliocervo, a alegría que poñedes en todo aquilo que facedes... E para non esquecer que actividades tiveron lugar ao longo destes dous meses, vou facer un breve percorrido. Preparadas e preparados? Comezamos!

BIBLIOCERVO.

  • Canto conto ten... Cada martes da semana está tendo lugar unha das novidades máis exitosas deste curso "Canto conto ten...". É unha ledicia ver como se enche a biblio con caras e sorrisos espectantes agardando un novo conto e unha nova historia. 
  • Familias que contan. Tamén é un pracer recibir as visitas das familias para que compartan con nós algunha historia, novas ou xa coñecidas. 
  • Momentazo de ler. O martes último de cada mes toca buscar os lugares máis recónditos da escola para gozar do momento de lectura.
  • Venres de radio. En OndaPucaRadio os micros e os altavoces non paran de transmitir valiosa e interesante información.
  • Clubs de lectura. Os Clubs de Lectura "Ler é Lecer" de nenas e nenos e de familias seguen a ser todo un exito, un momento de lectura, diversión, aprendizaxe e conficendias.

OBRADOIROS.

  • Radio. Foi unha auténtica marabilla recibir a visita de Sergio Pascual para continuar aprendendo e descubrindo todas as posibilidades que nos ofrece OndaPucaRadio.
  • Pilabot. Outro ano máis participamos nesta campaña para intentar reciclar o maior número de baterías. Grazas a este obradoiro coñecemos un pouco máis a historia das baterías, características, durabilidade...
  • Plan Director. Charlas para o alumnado de 5ºEP e 6ºEP e para familias sobre o acoso escolar. 
  • "A gruta da Torre". Visita de Lois Pérez, autor de "A gruta da Torre". Grazas por resolver todas as nosas curiosasidades e dúbidas sobre a historia de Lois.
  • Naturgy. Charla recibida para profundar no mundo das 3R e das enerxías renovables.
  • Consumo. Charla informativa sobre o consumo: a publicidade indireta, o etiquetado...

CONMEMORACIÓNS E FESTIVIDADES.

  • 31X - Día da Paz e da non Violencia. Cadea humana feita con todos os centros educativos e sociais da contorna para reivindicar a nosa unión pola paz.
  • Entroido. Semana de entroido chea de creatividade, teas, purpurina, pinturas... para darlle forma aos nosos disfraces relacionados coas diferentes etapas da escritura.
  • 23F - Día de Rosalía de Castro. O noso Rocksalía non podía faltar nun día como este.

Ademais de todas estas actividades, algúns cursos levaron a cabo outras actividades como a Semana Branca en Panticosa, a visita á Casa do Concello de Cervo ou o visionado dunha película en Bibliocervo cunha previa compra de entradas e de organización de asentos.

Xa por último, felicitaros polo traballo que estades a facer para darlle forma ao "Museo das Letras", é marabilloso ver como as salas van collendo forma e como ides superando os retos mensuais. Seguide así!


Polo momento, nada máis. Pero estade atentas e atentos porque dentro de pouco teredes novas sobre o próximo período bimensual.

Bicos e apertas a moreas!

Club de Lectura Familias 2023 - Segunda Edición

Bo día familias!

Comezamos o mes de febreiro cunha moi boa nova! Queredes participar na nova edición do Club de Lectura de adultas e adultos? A cotinuación fago un recordatorio para lembrarvos en que consiste esta proposta e como se vai levar a cabo. 

A novela escollida para esta edición é "El club del crimen de los jueves" de Richard Osman. As xuntanzas serán cada quince días e terán lugar os mércores de 19:00 a 20:00 nunha videochamada feita a través da plataforma Webex. 

A primeira sesión deste club de lectura terá lugar o mércores 15 de febreiro e nesta primeira xuntanza, falarase das datas definiticas desta nova andaina. O prazo para anotarse (a través da seguinte enquisa ou a través do formulario de papel) é o venres 10 de febreiro. 

Gústavos ler? Queredes compartir un tempo agradable con persoas con esta mesma inquedanza? Non o dubidedes! Este club de lectura está agardando por vós Guiño

Bicos e apertas a moreas.

Paz, Amor e Rocksalía! - 2023

Boas raparigas e raparigos!

Como comezamos o 2023? Antes de nada, felicitarvos este ano novo e comentarvos as novidades que temos ao longo do período bimensual "Paz, Amor e Rocksalía". Queredes saber o que imos facer? Para que teñades unha idea do que nos deparan estes dous meses, premede ao "play" e escoitade a Puca relatando as novidades.

 

Novo mes, novo reto! Queredes participar e contribuír a darlle forma á "Sala de instrumentos de escritura"? Anímovos a reflexionar sobre que aparellos ou de que maneira escribían antes e que cambios se foron intruducindo no mundo da escritura co paso do tempo. A maiores, tamén vos animo a que continuedes traendo letras en diferentes formatos para equipar a "Sala tipoloxía das letras".

A maiores, tamén conmemoraremos días tan especiais como o Día da Paz e da Non Violencia o 30X, o Día de Rosalía de Castro o 23F e o Entroido a semana do 13 de febreiro. Tedes gana de comezar a confeccionar o voso propio disfrace? Agardo que gocedes moito dos obradoiros darán comezo hoxe.

Xa por último, lembrarvos de que ao longo deste mes tamén daremos comezo a "Canto conto ten..." por parte do alumnado. Todas e todos estades convidadas e convidados a participar, únicamente teredes que falar coa mestra Beverly e explicarlle que conto queredes compartir co resto de nenas e nenos.

Damos comezo a este período "Paz, amor e RockSalía" con moita gana e moita enerxía!

Bicos e apertas a moreas.

 

Nadal Maker! 2022 - Resumo

Queridas nenas e nenos!

O primeiro trimestre chegou ao seu fin e é o momento de facer un resumo sobre este período bimensual: Nadal Maker. Queredes saber todo o que fixemos ao longo destes dous meses? Comeza a viaxe!

Sorriso Agrupacións de Centros Escolares. A comezos de novembro recibimos a visita das mestras e mestres dos centros participantes no proxecto "Agrupamentos de Centros Escolares" dende Cartaxena, Badaxoz e Gran Canaria. Se premedes na seguinte imaxe, poderedes acceder ao espazo virtual onde se recolle todo o que se está a realizar no proxecto. 

Sorriso Comezo dos Clubs de Lectura. Neste período tamén tivo comezo os Clubs de Lectura, tanto de familias como de nenas e nenos. O grupo das adultas/os decirion ler "Tostonazo" de Santiago Lorenzo e o grupo de nenas e nenos comezaron con "A gruta da torre" de Lois Pérez. 

Sorriso Día do Peón e Magosto. Visita das familias ao centro para gozar dunha xornada de degustación de castañas e de xogos populares.

Sorriso Mes da Ciencia. Os cursos superiores da etapa de Educación Primaria continúan a investigar sobre este ámbito, empregando a experimentación para crear, por exemplo, folerpas de neve con sal. 

Sorriso Saídas. Ao longo deste dous meses, os cursos da etapa de Educación Primaria visitaron a lonxa de Celeiro, o Castro de Rueta e o Museo do Mar. Foron unhas saídas cheas de aprendizaxe, de momentos compartidos co grupo clase e de moita emoción. 

Sorriso Visitas. Tamén recibimos a visita do GES para saber como intervir en caso de incendio ou como aplicar primeiros auxilios e de Alba Vila en colaboración co OPP-7 Porto de Burela para coñecer un pouco mellor o peixe da zona e os seus beneficios. 

Sorriso Conmemoracións. Celebración do 25N a través da marcha ata a Praza do Concello e a lectura dun manifesto e do 3D contando coa visita de Ángeles do Museo do Mar de San Cibrao para relatarnos e explicarnos como é o seu día a día. 

Sorriso Bibliocervo. Posta en marcha de propostas como o Momentazo de Ler, Canto conto ten, Familias que contan, campaña de expurgo Unha nova viaxe... Ademais, as e os axudantes de Puca están traballando arreo ao longo da semana para que este recuncho estea sempre perfecto e para que todas e todos poidamos gozar de Bibliocervo nos tempos de lecer.

Sorriso Voz Natura. Ra Natura non para de traballar para que o noso cole sexa cada vez máis consciente e respectuoso co medio ambiente. Ademais, as propostas que nos envía axúdannos a ter sempre presente as 3R e a facer un consumo responsable. Anímovos a que visitedes o seu fogar, aquí.

Sorriso Peche de trimestre. Para pechar este primeiro trimestre e dar comezo as vacacións de Nadal, contamos coa "Amiga/o Invisible/Visible", coa visita dos elfos e co recital por parte do alumnado dunhas fermosas panxoliñas.

Feito todo este percorrido, só me queda desexarvos unhas moi felices festas de Nadal. Agardo que gocedes moito destes días e que recarguedes as baterías para comezar o segundo trimestre con moita forza e enerxía.

Vémonos á volta rapazas e rapaces.

Bicos e apertas a moreas!

Nadal Maker! - Decembro 2022

Boas a todas e todos!

Como vai este fin de trimestre? Eu estou encantada de presentarvos as novas deste segundo mes do período: Nadal Maker. Queredes saber que nos esperan estas últimas semanas? Dádelle ao "play" para ter un adianto!

Comezamos polo segundo reto sobre o PDI deste curso "O Museo das Letras". Imos a descubrir canto sabemos sobre os útiles de escritura. Estades preparadas e preparados? Se premedes na seguinte imaxe, accederes ao xogo.

De paso, aproveito para invitarvos a realizar o primeiro desafío. Lembrades cal era? Encher a sala de tipoloxía de letras con letras/grafías/señas de todo tipo, forma e cor. 

Continuamos coa presentación da campaña "Unha nova viaxe". Esta proposta consiste en trocar un libro expurgado de Bibliocervo por un xoguete en desuso. O mercadillo para levar a cabo o intercambio terá lugar na entrada da escola os días 19, 20 e 21 de decembro de 12:00 a 13:00 (os tres días) e de 16:00 a 18:00 (o martes). Que xoguetes podedes traer? Bicis sen pedais, cociñas, motos, xogos de construcións, bonecos (agás peluches), animais, coches, quebracabezas... coa condición de que xa non os empreguedes! Desta maneira, estaremos dándolle unha segunda vida tanto aos libros expurgados como aos xoguetes.

Xa por último, informarvos de que este ano contaremos, de novo, coa proposta da/o amiga/o invisible (visible). Estade atentas e atentos porque dentro de nada teredes novas sobre esta actividade! E ao igual que a campaña "Unha nova viaxe·, Ra Natura e eu decidimos que a/o amiga/o invisible sexa respectuoso co medio ambiente. Xa sabedes que na nosa escola, as 3R (Reducir, Reutilizar e Reciclar) están moi presentes. 

Polo momento, nada máis. Simplemente, darlle as grazas ás/aos axudantes de Puca pola súa labor e o seu esforzo para que Bibliocervo funcione á perfección. Son moi afortunada de ter un equipo de axudantes tan marabilloso.

Bicos e apertas a moreas!

Nadal Maker! - Novembro 2022

Ola nenas e nenos!

Xa levamos medio mes do período de Nadal Maker e aínda non tivéchedes novas sobre as actividades. Estes días non paramos de traballar en Bibliocervo e non tiven tempo para presentarvas, pero máis vale tarde que nunca, así que aquí están as novidades para este mes de novembro. Comezamos cunha breve introdución das mesmas a través deste InfoPuca e, posteriomente, resumo todo o que nos depara a primeira parte deste Nadal Maker! Preparadas e preparados? Aló imos!

Como ben indico no vídeo, o primeiro a destacar este mes foi a visita das mestras e mestres de 3 centros de Badaxoz, Cartaxena e Gran Canaria a través do proxecto Agrupacións de Centros Educativos. Se queredes indagar un pouquiño máis sobre o mesmo, podedes visitar esta entrada

Outro evento que xa tivo lugar foi o Magosto e o Día do Peón. Como gozamos comendo castañas, bailando unha muiñeira e xogando ás chapas, ás catro esquinas, aos bolos, á petanca, á corda, á mariola... Foi unha xornada compartida coas familias marabillosa! Grazas á ANPA polas deliciosas castañas e ás cantareiras de Cordenaia por amenziarnos a festa!

Que máis novidades temos este mes? Dende o CEIP de Cervo queremos animar a todas as familias do cole a que participen na proposta "Familias que contan!". Dentro duns días teredes máis información sobre esta actividade e cales serían os pasos para participar. Estade atentas!

E para vós, peques? Tamén vos animamos a participar en "Canto conto ten..." e preparar algún conto que vos guste para poder compartirlo co resto da rapazada que goce do seu tempo de lecer en Bibliocervo. Poderedes convertervos en contacontos por un día (ou máis)... Que vos parece?

Continuando coas cousiñas pendentes para este mes, non podía faltar unha proposta relacionada co noso Museo das Letras. Mirade o seguinte vídeo!

Que temos que facer este mes? Comezar a darlle forma ás salas do museo. E como? Pois cada curso/ciclo será o responsable dunha das salas e será o encargado de ir dándolle forma á mesma. Aquí vai a organización:

- Educación Infantil: xefas e xefes da sala "Cova da Prehistoria". 

- 1º Ciclo: xefas e xefes da sala "Utilensilios de escritura".

- 2º Ciclo: xefas e xefes da sala "A orixe das palabras".

- 3º Ciclo: xefas e xefes da sala "A historia das bibliotecas".

Ao longo desta semana, deixarei nas caixiñas do correo as instrucións para ter claro como podedes comezar. Tamén vos animo a visitar o recuncho do Punto Lector onde poderedes atopar bibliografía sobre o proxecto. A maiores, con ditas instrucións teredes un reto para comezar a elaborar unha das salas do museo: a sala de tipoloxía das letras. O noso museo comeza a medrar!

E falando de libros, víchedes os libros de meses temáticos e das novidades lectoras colocados nas baldas? Gústanvos? Como xa víchedes no anterior vídeo, aproveitamos que o 11 deste mes celebramos o Día das Librarías para poñernos en contacto coas librarías da zona. Non esquezades pasarvos por elas e ollar as novidades! Eu estaría encantada de encher Bibliocervo con aqueles libros que sexan motivantes para vós, así que se queredes enviádeme as vosas suxerencias á miña caixa do correo e eu xa me encargarei de facerme con eles.

Xa para rematar, lembrarvos de que este mes de novembro celebramos o Mes da Ciencia. Sei que as nenas e nenos de 4ºEP, 5ºEP e 6ºEP andades a investiar sobre Ángeles Alvariño. Estou desexando ver os vosos traballos! Deixo por aquí o cartel deste ano e se premedes enriba del poderedes visitar a páxida de Igaciencia, onde atoparedes máis información sobre esta temática.

Polo momento, nada máis.

Bicos e apertas a moreas.

Agrupacións de Centros Educativos - Novembro 2022

Boas a todas e todos.

Hoxe veño a contarvos un pequeno resumo da primeira experiencia vivida grazas ao proxecto de Agrupacións de Centros Educativos. Que vos parece?

O martes pola tardiña aterrizaron na nosa terra Miguel, María Dolores e Fernando dende o CEIP Antonio de Ulloa (Cartaxena), Maribel e Inma dende o CEIP Arias Montano (Badaxoz) e Noelia, Fayna e Marco dende o CEIP Doctor Juan Espino Sánchez (Gran Canaria).

O mércores recibimos a súa visita e, grazas aos roteiros realizados polo alumnado de 6ºEP, estas mestras e mestres puideron comezar a ubicarse espacialmente no noso cole, coñecer os nosos recunchos e espazos e poñerlle cara a todas as mestras e mestres e nenas nenos do CEIP de Cervo. Se vos apetece ver estes roteiros tan fantásticos podedes premer aquí.

O resto da mañá, aproveitámola para amosarlles o entorno virtual Edixgal, co que traballa o alumnado de 5ºEP e 6ºEP, o proxecto de patios dinámicos e inclusivos e levamos a cabo un taller onde creamos instrumentos musicais con Makey Makey. Xa pola tarde, recorrimos a nosa contorna para que tiveran a oportunidade de coñecer algunhas das marabillas que agocha o concello de Cervo.

 

Ao longo da xornada do xoves, algunhas das actividades programadas foron: visita ao noso horto escolar promovido por Voz Natura, un Escape Room organziado polos membros do CEIP Arias Montano e unha actividade de robótica proposta polo CEP Antonio de Ulloa e un recorrido pola nosa biblioteca para entender o porqué de que este espazo sexa o noso centro creativo de aprendizaxes. Xa en horario de tarde, visitamos a espectacular praia das Catedrais e o pobo de Ridabeo.

Á primeira hora do venres, as mestras e mestres visitantes pudieron observar o noso día a día nas aulas. Posteriomente, levamos a cabo unha mesa redonda para falar sobre os clubs de lectura e a biblioteca inclusiva e, para dar peche a esta visita, celebramos o magosto.

Os tempos de lecer de todas as xornadas estiveron amenizados cun programa de radio realizado polo alumnado de 5ºEP e 6ºEP en OndaPucaRadio.

Foi unha experiencia moi enriquecedora tanto para o claustro, como para as nenas e nenos da escola. Eu, como mascotiña de Bibliocervo, quero darlle as grazas a todas as mestras e mestres que realizaron o proxecto e organizaron a visita, ás mestras e mestres dos centros de Badaxoz, Cartaxena e Gran Canaria por encher o noso cole de novas ideas, sonrisas e moito cariño e, por suposto, a vós, nenas e nenos do CEIP de Cervo, que fúchedes unhas marabillosas/os anfitroas e afritións. 

Xa para rematar, amosarvos un vídeo que resume á perfección todo o vivido ao longo destes tres días. Agardo que vos guste.

Tamén aproveito para anunciarvos que isto, só é o comezo dun fermoso camiño que nos queda por recorrer con estes tres centros. Milleiros de experiencias e aventuras están por chegar e se non vos queredes perder ningunha delas, podedes visitar o espazo de colaboración deste proxecto premendo na seguinte imaxe.

Bicos e apertas a moreas.

Resumo Habelas Hailas 2022!

Boas a todas e todos!

Que tal de ponte? Volvemos coas baterías cargadas? Agardo que si!

Eu aproveitei estes días para pensar en todo o que fixemos durante este período de "Habelas Hailas" e só podo dicir que estou moi orgullosa de todo o voso traballo e esforzo. Queredes que fagamos un percorrido por estes dous meses e lembrar algunhas das actividades que tiveron lugar na escola? Imos alá!

Comezamos coa presentación do PDI deste curso "O Museo das Letras". Pouco a pouco, estades a descubrir novas cousiñas sobre este proxecto e sobre todo o que nos depará este curso, que estará cheo de letras, de escritura, de útiles, de tipografías, de libros, de bibliotecas, de historia... 

Estes meses de setembro e outubro tamén tiveron días de saídas, como a que fixemos a Viveiro para celebrar o CorreLinguas e de obradoiros, como os de doazóns e transplantes, o de RCP e DEA e o taller de educación afectivo-sexual. Dende aquí, aproveito para darlle as grazas a todas as persoas encargadas de organizar este tipo de actividades, que resultan tan enriqucedoras e motivantes para todas e todos nós. 

Durante o mes de outubro, celebramos a CodeWeek, creando e elaborando videoxogos a través da aplicación Scratch. As nenas e nenos de 5ºEP e 6ºEP xa son todas unhas expertas no ámbito da robótica.

En Bibliocervo tamén tiveron lugar varios eventos: apertura da biblioteca no tempo de lecer, a presentación dos Clubs de Lectura, a formación de usuarias e usuarios, a formación e presentación das/dos axudantes de Puca, o comezo do Momentazo de Ler, o préstamo de libros para familias, o "Canto conto ten...".

Outra novidade, foi a primeira toma de contacto que tivo o alumnado de 5ºEP e 6ºEP coas nenas e nenos dos colexios cos que compartimos o proxecto de Agrupacións de Centros Escolares, que ten por finalidade compartir expreiencias, coñecementos e recursos con outros centros da xeografía española e así proporionarlle ao profesorado e ao alumnado participante novas estratexias de ensino e aprendizaxe.  

E xa para dar o peche a este bimes, celebramos o Samaín con disfraces terroríficos e a representación do conto "A extraña visita" de Gracia Iglesias por parte dalgúns mestres e mestras. A decoración de Bibliocervo elaborouse a través da organización duns obradoiros internivel. Bo traballo, rapazada!

Dentro de moi pouquiño teredes información sobre este novo período que comezamos, o "Nadal Maker", así que estade atentas e atentos.

Bicos e apertas a moreas.

Habelas Hailas 2022!

Queridas nenas e nenos!

Comezamos o segundo mes do período de Habelas Hailas. Queredes saber que novas nos agardan ao longo deste mes? Comezamos!

A primeira e máis importante é que Bibliocervo xa está aberto! Ademais, xa vin que comezaron as formacións de usuarias e usuarios para, entre outras cousas, coñecer as normas da biblio, saber as partes que compoñen un libro, comezar a familiarizarnos coa CDU, saber onde temos que colocar cada un dos materiais que hai nos recunchos, etc. 

Ao longo deste mes tamén comezaremos a contar coa colaboración das/dos axudantes de Puca! Que gana de colocarvos o carné de axudantes e empezar a vervos nos tempos de lecer poñer a biblioteca a punto!

O día 24O, festexaremos o Día das Bibliotecas Escolares cunha pequena celebración en Bibliocervo e, despois de tres anos de longa espera, poderemos volver a xuntarnos todas as nenas e nenos do cole neste recuncho tan especial para todas/os! Un día despois, o 25O, conmemoraremos unha data enormemente especial, o Día da Pel de Bolboreta. Aproveito para darvos a noraboa pola vosa implicación na creación dos chaveiros vendidos na Carreira Solidaria "Alas de Vida" organizada pola asociación Debra. Bo traballo rapazada!

Que máis nos agarda estas semanas? Sabedes que o nome e "Habelas Hailas" fai referencia, entre outras cousas, á festividade que celebramos ao final deste mes... SI! Falo do Samaín. E que imos facer este curso para conmemorar esta data? Pois coa axuda das mestras e mestres estou a organizar un taller internivel para elaborar diferentes creacións relacionadas con esta festa. Ademáis, o "Canto conto ten..." de outubro será dunha temática especialmente terrorífica. 

Xusto despois do Samaín e coincidindo coa ponte, as nenas e nenos de 6ºEP vivirán unha experiencia inolvidable grazas á participación no programa de inmersión lingüística en lingua inglesa a través de actividades dixitais, chamado Digitalweek. 

Xa por último, despois de ver o doado que vos resultou adiviñar o nome do PDI deste curso, animarvos a que comecedes a investigar sobre esta temática a través das seguintes ligazóns. 

Tamén vos lembro de que podedes visitar as baldas de novidades e de meses temáticos para comezar a descubrir novas lecturas e poder mergullarvos en marabillosas aventuras.

  

Polo momento, nada máis! Gozade deste mes de outubro como o vou gozar eu organizando e levando a cabo todas estas actividades.

Bicos e apertas a moreas!

Comezamos o curso 22/23!

Queridas nenas e nenos!

Comezamos un novo curso, o curso 2022-2023 e eu non podo estar máiz feliz! Que gana tiña de vervos, de escoitar os vosos contos de verán, de ver os corredores cheos de luz, mochilas e chaquetas, de escoitar brincos, risas e alegrías e de comezar o curso cheo de aprendizaxe e moita diversión. Queredes que vos conte as primeiras novas? Se queredes un adianto, premede no seguinte vídeo!

O primerio que me gustaría anunciar e a apertura da miña casiña. Bibliocervo está a piques de abrir as súas portas. A próxima semana, comezaremos coa formación de usuarias e usuarios para que descubrades todas as novidades e cada un dos recunchos deste fermoso lugar e partir do 12 de outubro a biblioteca estará aberta a todo o alumnado. Ademais, este curso volveremos a contar cos axudantes de Puca para que poñan a punto toda a biblioteca durante o tempo de lecer.

Outra das novidades que introducimos este ano é unha actividade chamada "O MOMENTAZO DE LER". Sabedes que quere dicir? O último martes de cada mes, na hora de lectura, todas as nenas e nenos estades convidadas e convidados a saír das vosas aulas para compartir un momento de lectura con outras compañeiras e compañeiros. Tamén sería marabilloso que o resto de persoas que traballan no cole se animaran a traer os seus libros e gozaran deste momento con nós. Vai ser moi especial ver todos os recunchos do CEIP de Cervo cheo de lectoras e lectores.

Xa por último, mencionar o nome do noso PDI (Proxecto Documental Integrado) deste curso, o "MUSEO DAS LETRAS". Como resolvíchedes o misterio das letras que apareceron nas caixiñas do correo das vosas aulas? Agora entendedes por que vou con esta roupa? Que nos deparará este curso cheo de... letras? 

Polo momento, nada máis que dicir, pequenas e pequenos. Simplemente animarvos a continuar cos descansos activos de cada día para non esquecer todo o aprendido ao longo do curso pasado! Lembrade, "MENS SANA IN CORPORE SANO".

Vémonos por Bibliocervo a próxima semana!

Bicos e apertas a moreas!

P.D. Familias do cole, estade atentas porque nos vindeiros días teredes novas que vos van interesar moito. 

 

Recomendacións lectoras verán 2022

Queridos nenos e neas!

O curso chegou ao seu fin e eu estou feliz e triste a partes iguais: contenísima porque foi un curso cheo de emoción e aprendizaxe e triste porque vos botarei moitísimo de menos estes meses. Do que estou segura é de que tedes ben merecidas estas vacacións, así que espero que as gocedes moitísimo.

As miñas recomendacións para este verán son que xoguedes, brinquedes, que vaiades á praia ou á montaña, que andedes en bici, en patinete ou en patines, que vos bañedes no mar ou no río, que vos tumbedes ao sol ou a ver as estrelas, que comades un xeado e tamén unha froita, que visitedes algún lugar novo e, por suposto, que vivades mil e unha aventuras. Para isto último vouvos axudar eu cunha serie de recomendacións lectoras, que vos parece? Se queredes ver as historias que vos están agardando, premede na imaxe.

Polo momento, nada máis rapaces e rapazas, simplemente desexarvos moi bo verán e que o gocedes moitísimo (eu tamén o farei, pensando en cousiñas para o curso que ven).

Bicos e apertas a moreas.

Adoptamos ao Río Xunco!

Ola a todas e todos!

Como colofón do traballo na aula, todos os cursos de Educación Primaria visitamos o río Xunco. Na inspección ao río fixemos diferentes medicións como o ancho da canle do río, profundidade, nivel de PH, temperatura, velocidade da auga... Tamén analizamos a fauna e a flora da súa contorna. Para iso, contamos con numerosas ferramentas e utensilios como: cordas, lupas, mostras, tubos, libretas para tomar anotacións...

Ademais de ser unha experiencia moi divertida, serviunos para concienciarnos da necesidade de adoptar actitudes encamiñadas a protexer e mellorar o medio ambiente.

Xa para rematar e tendo en conta que o día se prestaba para iso, dímonos un baño e gozamos todas e todos xuntos.

Bicos e apertas a moreas.

Rematamos os Clubs de Lectura 2022!

Boas a todas e todos!

O curso está chegando ao seu fin e con el o remate das diferentes actividades. Hoxe foi o momento de dar por finalizada a actividade dos Clubs de Lectura, despois de gozar e de aprender moito coas dúas personaxes tan fantásticas que coñecimos este curso: Xelís e Aine. Analizamos a realidade das illas de plástico, aprendimos a como darlle unha segunda vida a material de refugallo, abordamos conceptos como o acoso escolar ou o bullying, a transexualidade, os esterioripos de xénero en función da roupa ou complementos... Foron unhas xornadas moi emotivas nas que compartimos, ademais de moita aprendizaxe, segredos, confidencias, risas e ilusión.

Para dar os clubs por rematados, a última sesión destinámola a reflexionar sobre aquilo que melloraríamos nas próximas edicións, a compartir expereincias e anécdotas e aproveitamos para degustar unha deliciosa merendola moi saudable.

 

Vémonos o curso que ven con novas aventuras!

Bicos e apertas a moreas.

Letras Galegas 2022

Boas a todas e todos!

Comezo lanzando unha pregunta ao aire! Que conmemoramos o 17 de maio? Segurísimo que o sabedes... Si! O día das nosas letras, o Día das Letras Galegas! E este ano adícase a Florencio Delgado Gurriarán. Queredes saber máis información sobre este autor? Se é así, podedes consultar a seguinte ligazón premendo na imaxe do escritor.

A maiores, teño preparados varios "Puca quere saber..." que elaborei coa axuda do Equipo de Dinamización da Lingua Galega para dar resposta a algunhas curiosidades sobre esta data e sobre Florencio Delgado Gurriarán. Premede na imaxe do voso curso e accederedes directamente ao recurso!

   

Tamén aproveito para lembrarvos de que hai varios exemplares en Bibliocervo sobre este autor, así que non dubidedes en pasarvos por alí e collelos prestados. Entre eles, temos "Florencio Delgado Gurriarán. Vida e obra dun poeta no exilio mexicano" de Miro Villar e "Florencio Delgado Gurriarán. Polos vieiros da saudade" de Héctor Cajaraville.

Xa por último, aconsellarvos visitar a seguinte páxina onde poderedes gozar dunha nova edición de "A primavera das Letras" proposta pola RAG (Real Academia Galega) cunha adaptación da vida deste poeta realizada por Ledicia Costas e ilustrada por Blanca Millán.

 

Bicos e apertas a moreas!

Un neno@, un mestr@, un libro e un lapis poden cambiar o mundo.

Ola a todas e todos!

Que tal estades? Eu esta semaniña estiven dándolle voltas a todo o que fixemos no período de "Un neno/a, un mestre/a, un libro e un lapis poden cambiar o mundo" durante marzo e abril e gustaríame deixalo todo reflexado neste recuncho para non esquecernos destes dous meses tan marabillosos e cheos de aprendizaxe. Lembrades todas as actividades que tiveron lugar en Bibliocervo e na escola? Comezamos unha breve xira:

Sorriso 8M - Día Internacional da Muller. Para celebrar este día tan importante, o DO convidounos a coñecer, a través dun xogo de pistas, a algunhas mulleres deportistas coma Jennifer Pareja, Lidia Valentín ou Sandra Sánchez, entre outras moitas, que destacan por ser campioas na súa disciplina. A maiores, recibimos a visita de dúas rapazas, Sandra e Cilene, do equipo feminino de Pescados Rubén Burela F.S. que viñeron para amosarnos os segredos que agocha este deporte e todo o o esforzo e sacrificio que levaron a cabo para ser campioas. Tamén aproveitamos para facerlles unha pequena entrevista en Onda Puca Radio e para aprender a xutar o balón.

Sorriso Semana da Prensa (7/03-11/03). Para celebrar esta semana, a xornalista alfocense Bea Yáñez, que actualmente traballa no gabinete de comunicación da Deputación de Lugo, contounos, a través dunha videoxuntanza, a súa experiencia como xornalista e repondeu a todas as preguntas que lle formulamos. Outro ano máis, continuamos descubrindo curiosidades sobre este medio.

Sorriso Semana Branca (7/03-11/03). As nenas e nenos de 5ºEP e 6ºEP viviron unha experiencia inesquecible na estación de neve de Leitariegos. Durante 5 días aprenderon a esquiar, a convivir e a valorar pequenas cousas como ver as folerpas de neve caer. Foi marabilloso observar os progresos experimentados e visualizar as caras de felicidade de cada un/unha de vós.

  

Sorriso Día Internacional da Felicidade (20 de marzo). As nenas e nenos de 2ºEP conmemoraron este día, reflexionando sobre aquilo que lles fai feliz e analizando que a felicidade real só se acada cando o que un/unha pensa, di e fai está en armonía.

Sorriso Día da Árbore (21 de marzo). Este día, recibimos a visita dalgúns membros/as do Concello de Cervo para coñecer a importancia das árbores e do seu coidado e animáronnos a plantar, alimentar e coidar unha pequena árbore.

Sorriso Día da Poesía (21 de marzo). Os cursos máis altos do cole estiveron a traballar con este xénero literario a través dun "Puca quere saber...". Grazas a este recurso, descubrimos que hai moito talento oculto no cole e que a poesía pode axudarnos a verbalizar, dunha maneira diferente, os nosos sentimentos e emocións. 

Sorriso Día Internacional da Síndrome de Down (21 de marzo) e Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo (2 de abril). De novo o DO propuxo unha serie de actividades para concienciar sobre estas síndromes. Para iso, propuxérronnos o visionado de varias curtas e a realización de diferentes xogos a través dos cales puidemos poñernos na pel doutras/os nenas/os. Xa sabedes, todas/os iguais e todas/os diferentes.

Sorriso Día da Terra (22 de abril). Como podemos coidar e protexer o noso planeta? Todas as rapazas e rapaces do cole reflexionaron sobre que medidas podemos tomar ou que accións podemos levar a cabo para preservar o coidado e o mantemento da casa de todas/os, a terra. Se queredes visualizar ditas propostas, premede aquí.

Sorriso Día do Libro (23 de abril). Para conmemorar o Día do Libro, fixemos unha morea de actividades que podedes visualizar dunha maneira máis detallada nesta ligazón.

Sorriso Radio na Escola. Recibir a visita de Ponte nas Ondas sempre é unha boa nova, xa que descubrir máis a fondo o mundo da radio, mergullándonos nas súas técnicas e posibilidades, é fantástico e moi produtivo á hora de darlle forma aos programas en Onda Puca Radio. 

Sorriso Apadriñamentos Lectores. Esta é unha das actividades máis exitosas entre todas as nenas e nenos, xa que vos encanta xuntarvos con outros cursos e amorsarlles, con tanto amor e agarimo, o voso traballo (obras de teatro, lendas, contos, novas da prensa...).

Sorriso Videoxuntanzas. A pesares de volver pouco a pouco á normalidade, descubrimos que as videoxuntanzas ofrécennos a posibilidade de poñernos en contacto con persoas incribles como Pepe Maestro, o autor de "A Biomaestra" ou con Nadia Ghulam, que nos contou a súa experiencia sendo víctima dunha cruel e atroz guerra no seu país de orixe.

Sorriso Obradoiros. Ao longo destes dous meses tampouco faltaron os obradoiros e as charlas, destacando o de e-téxtiles con Paola Guimeráns, o dos libros alterados con María Rolle, o da radio con Ponte nas Ondas, o Plan Director coa Garda Civil, o de sexualidade con Susana... Xa vedes que no CEIP de Cervo non paramos de argallar e de aprender.

Sorriso Lectura e Familias. Nesta escola, as familias sempre sodes benvidas, así que ao longo destes meses tamén contamos con obradoiros propostos pola proxecto de "Lectura e Familias" a través dos cales puidemos reflecionar sobre a alimentación saudable con Lucas Requejo, sobre os perigos das novas tecnoloxías e dos videoxogos coa Garda Civil, sobre as posibilidades da electrónica nos téxtiles con Paola Guimeráns, sobre estratexias á hora de contar contos con Paula Carballeira ou sobre o mundo da locución con Ponte nas Ondas.

Que vos pareceu esta xira? Intensa, non si? A verdade é que encho de orgullo e pracer ao comprobar que o meu fogar é un lugar aberto, vivo, dinámico e cheo de almas con gana de aprender, de mellorar e de compartir. Grazas a todos os membros da Comunidade Educativa por facelo posible.

E continuamos... porque este dous meses denominados "A arte das letras" tamén están a ser moi emocionantes!!

Bicos e apertas a moreas!

Distribuir contido


by Dr. Radut