O CENTRO
-ANPA
Resumo | |
---|---|
A volta coas palabras |
Un ano máis podemos compartir experiencias dentro desta comunidade que vai medrando e tecéndose ao longo dos anos: a Microrrede da Mariña. “A voltas coas palabras” é o título que recibe a mostra deste 2022 e é que, as palabras, son o instrumento maior que temos para comunicarnos, para expresar, para demostrar, para facer ver a quen non pode ver, para ilustrar sen imaxes e para vivir. No CEIP de Cervo, coñecemos o valor da palabra en todos os sentidos e, sendo un colexio cheo de verbas máxicas por todos os recunchos, dámoslle á palabra a categoría de instrumento vital para o desenvolvemento das persoas en todos os eidos da súa vida. Este curso, Bibliocervo tomou as rendas cuns obxectivos concretos: continuar nutrindo a nosa mente, coidar o noso corpo e protexer o entorno que nos rodea para seguir tecendo pequenas redes que colaboren na gran tarefa que temos por diante: SALVAR O PLANETA. A nosa obra, titulada “Bibliocervo toma a palabra: MENS SANA IN CORPORE SANO”, consta de tres partes que completan o crebacabezas e que representan os tres piares fundamentais: mente, corpo e natureza. Comezamos pola mente, dándolle aqueles nutrientes que precisa para que as engrenaxes funcionen sincronizadas e poida ser o gran motor, cheo de recursos, que mova o mundo de cada persoa. Enchémola de lendas, de poesía, de historias, de experiencias, de valores e de todo aquilo que a pode facer expandirse e medrar. Continuamos a coidar o corpo, con alimentos saudables que deron lugar a merendas exquisitas! Con ioga, que nos axudou a coñecer máis o país do que procede e a coñecer o noso corpo. E, para completar o puzzle, seguimos coidando o entorno natural que temos máis preto: o noso xardín. Recollemos lixo, colocamos contedores de recollida selectiva para poder propiciar a reciclaxe de residuos, reutilizamos elementos para crear, colocamos instrumentos para a preservación das abellas, catalogamos as árbores e ata lles escribimos poesía! Agardamos que vos guste e que gocedes deste traballo tanto coma nós. Por iso, convidámosvos a visitar a exposición durante a vindeira semana, do 9 ao 13 de maio das 18 a 20 h, na SALA DE EXPOSICIÓNS do Concello de Viveiro.
|
Magosto! |
Queridas nenas e nenos! Que tal a fin de semana despois dun venres tan movedizo? Descansáchedes? Para min foi marabilloso vervos tan contentas e contentos. Que vos parece se facemos un breve resumo para non esquecernos de todas as cousiñas que fixemos? Ao longo da semana, elaboráchedes os diferentes cestiños (con material de refugallo) para botar as castañas. A verdade é que quedaron ben bonitos... Mirade aquí: Cervonatura O venres comezamos o momento de lecer degustando unhas deliciosas castañas. O tempo agasallounos cun ceo despexado e un sol radiante, o que nos permitiu estar todos os grupos fóra e comelas ao aire libre. Estaban riquísimas! Grazas á ANPA por mercalas, picalas e axudarlle a Pepe a asalas!
Xa co bandullo cheo, organizámonos en grupos para facer diferentes xogos populares. As máis pequerrechas/os do cole pasaron un bo tempo cos zancos, os sacos, as perinolas, a corda... En canto aos cursos de EP, fóronse rotando en xogos como a diana, a mariola, a xogatira, o pano, a comba e o sete e medio.
Agardo que desfrutarades tanto coma min. As fotos reflicten que si Agora, moita forza para comezar esta semana, a cal agocha algunha que outra sorpresiña. Bicos e apertas (con distancia) a moreas. |
As RRR: Reducir, Reutilizar, Reciclar |
Boas raparigas e raparigos. Quen de vós se fixou no novo espazo que hai na escola? Víchedelo? Sabedes para que é? En caso de que non… Mirade, mirade! Agora que xa sabemos para que están eses contedores, imos traballar as RRR: REDUCIR, REUTILIZAR e RECICLAR co obxectivo de converternos nunha escola con RESIDUOS O! Para iso, intentaremos reducir a xeración de lixo nas merendas, analizaremos en que contedor temos que tirar o lixo, rexistraremos o emprego de plásticos dun só uso e as consecuencias do consumo dos mesmos na natureza e na nosa saúde. Seremos quen de reducir o seu número de aquí ata final de curso? Eu creo que si! A continuación, preséntovos unha serie de ligazóns que nos proporcionan información ao respecto. Axenda 2030: Cales son os obxectivos? Vivir sen plástico, consellos e alternativas para reducir o seu uso. Ideas para reducir o uso de plasticos. E como mencionei no vídeo, necesito que me deades ideas para o cuarto contedor. Para que o podemos empregar? Agardo con ansias as vosas propostas. Bicos e apertas (con distancia) a moreas.
|
Día do Libro |
Bo día raparigas e raparigos! Que tal estades? Fai dúas semanas celebramos o Día do Libro, un día que me gusta especialmente xa que os libros son a miña vida e Bibliocervo a miña casa. É por iso que me gustaría facer un breve resumo do que fixemos ao longo de toda a semana para conmemorar esta data tan especial. Unha das primeiras actividades que levamos a cabo foi un obradoiro de libros alterados coa mestra María Rolle. A partir de libros vellos, proporcionámoslles unha segunda vida e creamos verdadeiras obras de arte. Aquí podedes ver algunhas das elaboracións.
Continuamos coa visita de Paula Carballeira, unha persoa moi querida por todas e todos e que sempre é un pracer ter no cole. Paula agasallounos unha sesión de contacontos marabillosa coa cal gozamos moito e puidemos mergullarnos en historias fantásticas. A maiores, grazas ao proxecto Lectura e Familias, Paula tamén levou a cabo unha sesión para as familias e mestras/es do centro chamada "Narrar no século XXI" e que nos proporcionou estratexias para aprender a contar contos dunha maneira dinámica e divertida.
Outra actividade foi a videoxuntanza con Nadia Ghulam, escritora afgana que nos relatou a súa experiencia convivindo cunha guerra no seu país de orixe. Coñecer realidades como a de Nadia axúdannos a valorar os dereitos dos que gozamos aquí e a sentirnos afortunadas/os por contar con liberdade á hora de vivir, expresarnos e incluso sentir.
A maiores, como os vosos desexos son ordes, encargueime de ler todas as vosas peticións lectoras e intentar darlles resposta. Así que para celebrar este día cun libro na man, as baldas de Novidades Lectoras enchéronse de todos aqueles libros solicitados. Xa vin estes días que moitos deles xa foron prestados... que feliz me fai vervos gozar coa lectura!
Xa por último, gustaríame amosarvos algúns dos traballos que levaron a cabo nenos e nenas de diferentes cursos: As nenas e nenos de Educación Infantil visitaron Bibliocervo para ler un libro conxuntamente.
As nenas e nenos de 3ºEP traballaron os textos argumentativos a través da exposición do seu libro favorito. Aquí podedes ver o resultado. As/os máis maiores do cole deron resposta a curiosidades sobre este día a través dun "Puca quere saber" ao que podedes acceder premendo nesta imaxe. Como podedes comprobar, foi unha semana chea de aprendizaxe, emoción e moito traballo. Seguide así rapaciñas e rapaciños! Bicos e apertas a moreas! |
Día do Libro |
Bo día raparigas e raparigos! Que tal estades? Fai dúas semanas celebramos o Día do Libro, un día que me gusta especialmente xa que os libros son a miña vida e Bibliocervo a miña casa. É por iso que me gustaría facer un breve resumo do que fixemos ao longo de toda a semana para conmemorar esta data tan especial. Unha das primeiras actividades que levamos a cabo foi un obradoiro de libros alterados coa mestra María Rolle. A partir de libros vellos, proporcionámoslles unha segunda vida e creamos verdadeiras obras de arte. Aquí podedes ver algunhas das elaboracións.
Continuamos coa visita de Paula Carballeira, unha persoa moi querida por todas e todos e que sempre é un pracer ter no cole. Paula agasallounos unha sesión de contacontos marabillosa coa cal gozamos moito e puidemos mergullarnos en historias fantásticas. A maiores, grazas ao proxecto Lectura e Familias, Paula tamén levou a cabo unha sesión para as familias e mestras/es do centro chamada "Narrar no século XXI" e que nos proporcionou estratexias para aprender a contar contos dunha maneira dinámica e divertida.
Outra actividade foi a videoxuntanza con Nadia Ghulam, escritora afgana que nos relatou a súa experiencia convivindo cunha guerra no seu país de orixe. Coñecer realidades como a de Nadia axúdannos a valorar os dereitos dos que gozamos aquí e a sentirnos afortunadas/os por contar con liberdade á hora de vivir, expresarnos e incluso sentir.
A maiores, como os vosos desexos son ordes, encargueime de ler todas as vosas peticións lectoras e intentar darlles resposta. Así que para celebrar este día cun libro na man, as baldas de Novidades Lectoras enchéronse de todos aqueles libros solicitados. Xa vin estes días que moitos deles xa foron prestados... que feliz me fai vervos gozar coa lectura!
Xa por último, gustaríame amosarvos algúns dos traballos que levaron a cabo nenos e nenas de diferentes cursos: As nenas e nenos de Educación Infantil visitaron Bibliocervo para ler un libro conxuntamente.
As nenas e nenos de 3ºEP traballaron os textos argumentativos a través da exposición do seu libro favorito. Aquí podedes ver o resultado. As/os máis maiores do cole deron resposta a curiosidades sobre este día a través dun "Puca quere saber" ao que podedes acceder premendo nesta imaxe. Como podedes comprobar, foi unha semana chea de aprendizaxe, emoción e moito traballo. Seguide así rapaciñas e rapaciños! Bicos e apertas a moreas! |
Paz, Amor e Rocksalía! |
Boas a todas e todos! Que tal a volta do Entroido? Cargáchedes as pilas para comezar este novo periodo chamado "Un neno, un mestre, un libro e un lapis poden cambiar o mundo"? Eu xa estou impaciente por amosarvos todo o que temos preparado para estes dous meses. Pero primeiro... que vos parece se facemos un breve resumo de todo o que argallamos na etapa de "Paz, Amor e Rocksalía"? Imos alá! Mes da Paz e da Non Violencia. Celebramos esta conmemoración investigando sobre a Paz no Mundo, analizando diferentes estratexias para acadar a nosa Paz Interior, lendo un manifesto na praza do Concello para deixar ben claro que o Ceip de Cervo é un cole de paz, levando a cabo varios obradoiros de Ioga con Nuria Torrado... Foi un mes cheo de aprendizaxe e mooooooita calma e benestar.
Club de Lectura de nenas e nenos e de familias. No mes de xaneiro comezamos os clubs de lectura coas nenas e nenos de 4ºEP, 5ºEP e 6ºEP e coas familias. Despois de varias xornadas, podo afirmar que están sendo todo un éxito e que da gusto vervos compartir experiencias, reflexións e gargalladas.
Día da Internet Segura. Algúns cursos estiveron a investigar sobre este día a partir da diferente bibliografía e webgrafía proporcionada polo equipo de biblioteca. Plan Director. As nenas e nenos de 5ºEP e 6ºEP recibiron a visita da Garda Civil para falar sobre a prevención do Acoso Escolar e para coñecer que pautas e recomendacións poden levar a cabo no caso de que se vexan nunha situación así. Día da Muller e da Nena na Ciencia. Ao igual que noutras conmemoracións importantes, algúns cursos estiveron a investigar e a descubrir mulleres importantes ao longo da nosa historia no ámbito da ciencia. Día Internacional da Síndrome de Asperger. Para celebrar este día recibimos a visita de Toni e Ana da Cidade Educativa de Burela e que nos amosaron a importancia da empatía na vida.
Aprendemos sobre as Abellas. As nenas e nenos de EI e de 4ºEP, 5ºEP e 6ºEP tiveron a oportunidade de adentrarse no marabilloso mundo das abellas e de entender un pouco mellor a importancia das mesmas no noso día a día. As/os peques do cole xa estaban postos ao día nesta temática xa que a mestra Viqui xa lles amosara previamente información sobre este tema e ata lles preparara un Breakout!
Día de Rosalía de Castro. Versos, camisolas recicladas, fiestras decoradas, retrato de Rosalía colaborativo, programa en OndaPucaRadio, actuación estelar do Rocksalía... Que máis se pode pedir? O 23 de febreiro foi un día cheo de moita emoción, de moita aprendizaxe e de moita Rosalía.
Entroido. A semana de Entroido sempre é un éxito e, grazas ás consignas do Meco, o cole énchese de cor e brillo. Tamén teño que recoñecer que este ano, os disfraces libres destacaban pola súa orixinalidade, estades feitos uns/unhas artistas! E para darlle un peche por todo o alto a esta semana, fúmonos de desfile polo centro de Cervo. Esgrimadoras/es, skaters, surfistas e snowboarders animaron a Praza do Souto e amenizaron a queima do Meco ao berro de lumeeee!
Ademais, cabe destacar que as Brigadas Verdes e as Brigadas Lumínicas seguen a traballar arreo para lograr que o cole de Cervo sexa un cole "ecofriendly". Tamén tivo comezo a nosa particpación no concurso proposto por Pilabot e continuamos incluíndo accións no noso quefacer diario para cumprir coas RRR.
A maiores, a mestra de EF sorpréndenos cada mes cun calendario con diferentes actividades para levar a cabo os Descansos Activos. Este momento de activación é xenial! Dito isto, creo que xa está todo e que non me esquezo de nada... Vaia meses máis intensos, non si? E tedes ganas de saber o que nos deparan marzo e abril? Se a resposta é si, estade atentas e atentos porque dentro de nadiña teredes novas. Bicos e apertas (con distancia) a moreas!
|
3D Día Internacional das Persoas con (Dis)capacidade |
Bo día a todas e todos. Volvo a andar por aquí e hoxe veño porque quero lembrar o que fixemos o venres pasado para conmemorar o DÍA INTERNACIONAL DAS PERSOAS CON (DIS)CAPACIDADE. Foi unha mañá chea de aprendizaxe e moitas experiencias. Comezamos? Ao longo da semana, todos os cursos da escola, sacaron unha foto equipados con paraugas para participar na campaña "Baixo o mesmo paraugas" organizada por Galicia Diversa. Con esta proposta preténdese loitar por un mundo máis accesible, no que existan as mesmas posibilidades para todas e todos e onde a discriminación non teña cabida. Porque como sempre digo: "Máis diferenzas, máis posibilidades".
A mañá do venres 3, recibimos a visita de alguén moi especial. Coñecimos a Alex o curso pasado a través dun vídeo, onde nos explicaba como era o seu día a día e os diferenres deportes que practicaba. Este curso, tivemos a posibilidade de invitalo a vir ao colexio. Comezamos realizándolle unha entrevista en OndaPucaRadio para resolver algunhas dúbidas e curiosidades e continuamos cunha demostración de como se utiliza a súa bicicleta adaptada, coa cal está a competir. Incluso algunhas mestras e mestres atrevéronse a probala e comprobaron o seu complexo funcionamento. Dende Bibliocervo, aproveito para darlle as grazas a Alex por amosarnos a súa vida e achegarnos un pouquiño máis a súa realidade. Polo momento, isto é todo. Bicos e apertas (con distancia) a moreas. |
Recomendacións lectoras verán 2022 |
Queridos nenos e neas! O curso chegou ao seu fin e eu estou feliz e triste a partes iguais: contenísima porque foi un curso cheo de emoción e aprendizaxe e triste porque vos botarei moitísimo de menos estes meses. Do que estou segura é de que tedes ben merecidas estas vacacións, así que espero que as gocedes moitísimo. As miñas recomendacións para este verán son que xoguedes, brinquedes, que vaiades á praia ou á montaña, que andedes en bici, en patinete ou en patines, que vos bañedes no mar ou no río, que vos tumbedes ao sol ou a ver as estrelas, que comades un xeado e tamén unha froita, que visitedes algún lugar novo e, por suposto, que vivades mil e unha aventuras. Para isto último vouvos axudar eu cunha serie de recomendacións lectoras, que vos parece? Se queredes ver as historias que vos están agardando, premede na imaxe. Polo momento, nada máis rapaces e rapazas, simplemente desexarvos moi bo verán e que o gocedes moitísimo (eu tamén o farei, pensando en cousiñas para o curso que ven). Bicos e apertas a moreas. |
Letras Galegas 2022 |
Boas a todas e todos! Comezo lanzando unha pregunta ao aire! Que conmemoramos o 17 de maio? Segurísimo que o sabedes... Si! O día das nosas letras, o Día das Letras Galegas! E este ano adícase a Florencio Delgado Gurriarán. Queredes saber máis información sobre este autor? Se é así, podedes consultar a seguinte ligazón premendo na imaxe do escritor. A maiores, teño preparados varios "Puca quere saber..." que elaborei coa axuda do Equipo de Dinamización da Lingua Galega para dar resposta a algunhas curiosidades sobre esta data e sobre Florencio Delgado Gurriarán. Premede na imaxe do voso curso e accederedes directamente ao recurso! Tamén aproveito para lembrarvos de que hai varios exemplares en Bibliocervo sobre este autor, así que non dubidedes en pasarvos por alí e collelos prestados. Entre eles, temos "Florencio Delgado Gurriarán. Vida e obra dun poeta no exilio mexicano" de Miro Villar e "Florencio Delgado Gurriarán. Polos vieiros da saudade" de Héctor Cajaraville. Xa por último, aconsellarvos visitar a seguinte páxina onde poderedes gozar dunha nova edición de "A primavera das Letras" proposta pola RAG (Real Academia Galega) cunha adaptación da vida deste poeta realizada por Ledicia Costas e ilustrada por Blanca Millán. Bicos e apertas a moreas! |
Letras Galegas 2022 |
Boas a todas e todos! Comezo lanzando unha pregunta ao aire! Que conmemoramos o 17 de maio? Segurísimo que o sabedes... Si! O día das nosas letras, o Día das Letras Galegas! E este ano adícase a Florencio Delgado Gurriarán. Queredes saber máis información sobre este autor? Se é así, podedes consultar a seguinte ligazón premendo na imaxe do escritor. A maiores, teño preparados varios "Puca quere saber..." que elaborei coa axuda do Equipo de Dinamización da Lingua Galega para dar resposta a algunhas curiosidades sobre esta data e sobre Florencio Delgado Gurriarán. Premede na imaxe do voso curso e accederedes directamente ao recurso! Tamén aproveito para lembrarvos de que hai varios exemplares en Bibliocervo sobre este autor, así que non dubidedes en pasarvos por alí e collelos prestados. Entre eles, temos "Florencio Delgado Gurriarán. Vida e obra dun poeta no exilio mexicano" de Miro Villar e "Florencio Delgado Gurriarán. Polos vieiros da saudade" de Héctor Cajaraville. Xa por último, aconsellarvos visitar a seguinte páxina onde poderedes gozar dunha nova edición de "A primavera das Letras" proposta pola RAG (Real Academia Galega) cunha adaptación da vida deste poeta realizada por Ledicia Costas e ilustrada por Blanca Millán. Bicos e apertas a moreas! |
Un neno@, un mestr@, un libro e un lapis poden cambiar o mundo. |
Ola a todas e todos! Que tal estades? Eu esta semaniña estiven dándolle voltas a todo o que fixemos no período de "Un neno/a, un mestre/a, un libro e un lapis poden cambiar o mundo" durante marzo e abril e gustaríame deixalo todo reflexado neste recuncho para non esquecernos destes dous meses tan marabillosos e cheos de aprendizaxe. Lembrades todas as actividades que tiveron lugar en Bibliocervo e na escola? Comezamos unha breve xira: 8M - Día Internacional da Muller. Para celebrar este día tan importante, o DO convidounos a coñecer, a través dun xogo de pistas, a algunhas mulleres deportistas coma Jennifer Pareja, Lidia Valentín ou Sandra Sánchez, entre outras moitas, que destacan por ser campioas na súa disciplina. A maiores, recibimos a visita de dúas rapazas, Sandra e Cilene, do equipo feminino de Pescados Rubén Burela F.S. que viñeron para amosarnos os segredos que agocha este deporte e todo o o esforzo e sacrificio que levaron a cabo para ser campioas. Tamén aproveitamos para facerlles unha pequena entrevista en Onda Puca Radio e para aprender a xutar o balón.
Semana da Prensa (7/03-11/03). Para celebrar esta semana, a xornalista alfocense Bea Yáñez, que actualmente traballa no gabinete de comunicación da Deputación de Lugo, contounos, a través dunha videoxuntanza, a súa experiencia como xornalista e repondeu a todas as preguntas que lle formulamos. Outro ano máis, continuamos descubrindo curiosidades sobre este medio.
Semana Branca (7/03-11/03). As nenas e nenos de 5ºEP e 6ºEP viviron unha experiencia inesquecible na estación de neve de Leitariegos. Durante 5 días aprenderon a esquiar, a convivir e a valorar pequenas cousas como ver as folerpas de neve caer. Foi marabilloso observar os progresos experimentados e visualizar as caras de felicidade de cada un/unha de vós.
Día Internacional da Felicidade (20 de marzo). As nenas e nenos de 2ºEP conmemoraron este día, reflexionando sobre aquilo que lles fai feliz e analizando que a felicidade real só se acada cando o que un/unha pensa, di e fai está en armonía.
Día da Árbore (21 de marzo). Este día, recibimos a visita dalgúns membros/as do Concello de Cervo para coñecer a importancia das árbores e do seu coidado e animáronnos a plantar, alimentar e coidar unha pequena árbore.
Día da Poesía (21 de marzo). Os cursos máis altos do cole estiveron a traballar con este xénero literario a través dun "Puca quere saber...". Grazas a este recurso, descubrimos que hai moito talento oculto no cole e que a poesía pode axudarnos a verbalizar, dunha maneira diferente, os nosos sentimentos e emocións. Día Internacional da Síndrome de Down (21 de marzo) e Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo (2 de abril). De novo o DO propuxo unha serie de actividades para concienciar sobre estas síndromes. Para iso, propuxérronnos o visionado de varias curtas e a realización de diferentes xogos a través dos cales puidemos poñernos na pel doutras/os nenas/os. Xa sabedes, todas/os iguais e todas/os diferentes.
Día da Terra (22 de abril). Como podemos coidar e protexer o noso planeta? Todas as rapazas e rapaces do cole reflexionaron sobre que medidas podemos tomar ou que accións podemos levar a cabo para preservar o coidado e o mantemento da casa de todas/os, a terra. Se queredes visualizar ditas propostas, premede aquí. Día do Libro (23 de abril). Para conmemorar o Día do Libro, fixemos unha morea de actividades que podedes visualizar dunha maneira máis detallada nesta ligazón. Radio na Escola. Recibir a visita de Ponte nas Ondas sempre é unha boa nova, xa que descubrir máis a fondo o mundo da radio, mergullándonos nas súas técnicas e posibilidades, é fantástico e moi produtivo á hora de darlle forma aos programas en Onda Puca Radio.
Apadriñamentos Lectores. Esta é unha das actividades máis exitosas entre todas as nenas e nenos, xa que vos encanta xuntarvos con outros cursos e amorsarlles, con tanto amor e agarimo, o voso traballo (obras de teatro, lendas, contos, novas da prensa...).
Videoxuntanzas. A pesares de volver pouco a pouco á normalidade, descubrimos que as videoxuntanzas ofrécennos a posibilidade de poñernos en contacto con persoas incribles como Pepe Maestro, o autor de "A Biomaestra" ou con Nadia Ghulam, que nos contou a súa experiencia sendo víctima dunha cruel e atroz guerra no seu país de orixe.
Obradoiros. Ao longo destes dous meses tampouco faltaron os obradoiros e as charlas, destacando o de e-téxtiles con Paola Guimeráns, o dos libros alterados con María Rolle, o da radio con Ponte nas Ondas, o Plan Director coa Garda Civil, o de sexualidade con Susana... Xa vedes que no CEIP de Cervo non paramos de argallar e de aprender. Lectura e Familias. Nesta escola, as familias sempre sodes benvidas, así que ao longo destes meses tamén contamos con obradoiros propostos pola proxecto de "Lectura e Familias" a través dos cales puidemos reflecionar sobre a alimentación saudable con Lucas Requejo, sobre os perigos das novas tecnoloxías e dos videoxogos coa Garda Civil, sobre as posibilidades da electrónica nos téxtiles con Paola Guimeráns, sobre estratexias á hora de contar contos con Paula Carballeira ou sobre o mundo da locución con Ponte nas Ondas. Que vos pareceu esta xira? Intensa, non si? A verdade é que encho de orgullo e pracer ao comprobar que o meu fogar é un lugar aberto, vivo, dinámico e cheo de almas con gana de aprender, de mellorar e de compartir. Grazas a todos os membros da Comunidade Educativa por facelo posible. E continuamos... porque este dous meses denominados "A arte das letras" tamén están a ser moi emocionantes!! Bicos e apertas a moreas! |
Adoptamos ao Río Xunco! |
Ola a todas e todos! Como colofón do traballo na aula, todos os cursos de Educación Primaria visitamos o río Xunco. Na inspección ao río fixemos diferentes medicións como o ancho da canle do río, profundidade, nivel de PH, temperatura, velocidade da auga... Tamén analizamos a fauna e a flora da súa contorna. Para iso, contamos con numerosas ferramentas e utensilios como: cordas, lupas, mostras, tubos, libretas para tomar anotacións... Ademais de ser unha experiencia moi divertida, serviunos para concienciarnos da necesidade de adoptar actitudes encamiñadas a protexer e mellorar o medio ambiente.
Xa para rematar e tendo en conta que o día se prestaba para iso, dímonos un baño e gozamos todas e todos xuntos. Bicos e apertas a moreas. |
Habelas Hailas 2022! |
Queridas nenas e nenos! Comezamos o segundo mes do período de Habelas Hailas. Queredes saber que novas nos agardan ao longo deste mes? Comezamos! A primeira e máis importante é que Bibliocervo xa está aberto! Ademais, xa vin que comezaron as formacións de usuarias e usuarios para, entre outras cousas, coñecer as normas da biblio, saber as partes que compoñen un libro, comezar a familiarizarnos coa CDU, saber onde temos que colocar cada un dos materiais que hai nos recunchos, etc.
Ao longo deste mes tamén comezaremos a contar coa colaboración das/dos axudantes de Puca! Que gana de colocarvos o carné de axudantes e empezar a vervos nos tempos de lecer poñer a biblioteca a punto! O día 24O, festexaremos o Día das Bibliotecas Escolares cunha pequena celebración en Bibliocervo e, despois de tres anos de longa espera, poderemos volver a xuntarnos todas as nenas e nenos do cole neste recuncho tan especial para todas/os! Un día despois, o 25O, conmemoraremos unha data enormemente especial, o Día da Pel de Bolboreta. Aproveito para darvos a noraboa pola vosa implicación na creación dos chaveiros vendidos na Carreira Solidaria "Alas de Vida" organizada pola asociación Debra. Bo traballo rapazada!
Que máis nos agarda estas semanas? Sabedes que o nome e "Habelas Hailas" fai referencia, entre outras cousas, á festividade que celebramos ao final deste mes... SI! Falo do Samaín. E que imos facer este curso para conmemorar esta data? Pois coa axuda das mestras e mestres estou a organizar un taller internivel para elaborar diferentes creacións relacionadas con esta festa. Ademáis, o "Canto conto ten..." de outubro será dunha temática especialmente terrorífica. Xusto despois do Samaín e coincidindo coa ponte, as nenas e nenos de 6ºEP vivirán unha experiencia inolvidable grazas á participación no programa de inmersión lingüística en lingua inglesa a través de actividades dixitais, chamado Digitalweek. Xa por último, despois de ver o doado que vos resultou adiviñar o nome do PDI deste curso, animarvos a que comecedes a investigar sobre esta temática a través das seguintes ligazóns.
Tamén vos lembro de que podedes visitar as baldas de novidades e de meses temáticos para comezar a descubrir novas lecturas e poder mergullarvos en marabillosas aventuras.
Polo momento, nada máis! Gozade deste mes de outubro como o vou gozar eu organizando e levando a cabo todas estas actividades. Bicos e apertas a moreas! |
Rematamos os Clubs de Lectura 2022! |
Boas a todas e todos! O curso está chegando ao seu fin e con el o remate das diferentes actividades. Hoxe foi o momento de dar por finalizada a actividade dos Clubs de Lectura, despois de gozar e de aprender moito coas dúas personaxes tan fantásticas que coñecimos este curso: Xelís e Aine. Analizamos a realidade das illas de plástico, aprendimos a como darlle unha segunda vida a material de refugallo, abordamos conceptos como o acoso escolar ou o bullying, a transexualidade, os esterioripos de xénero en función da roupa ou complementos... Foron unhas xornadas moi emotivas nas que compartimos, ademais de moita aprendizaxe, segredos, confidencias, risas e ilusión. Para dar os clubs por rematados, a última sesión destinámola a reflexionar sobre aquilo que melloraríamos nas próximas edicións, a compartir expereincias e anécdotas e aproveitamos para degustar unha deliciosa merendola moi saudable.
Vémonos o curso que ven con novas aventuras! Bicos e apertas a moreas. |
Presentación Club de Lectura 2022! |
Boas raparigas e raparigos! Para rematar este trimestre por todo o alto, preséntovos unha boa nova! O mes que ven, daremos comezo ao desexado Club de Lectura! Quen ten ganas de pasar un momento agradable durante o tempo de lecer dos mércores? A quen lle gustaría vivir unha aventura marabillosa e inolvidable xunto a Xelís ou Aine? Se queres participar na edición deste curso, só tes que anotarte e decidir que libro che gustaría ler. Para iso, podes acceder ao resumo dos mesmos, na imaxe que aparece a continuación. A maiores, tamén vos queremos animar a que participedes na escolla do nome do Club e na elaboración dun logo que o represente. Puca enviaravos polas aulas un modelo como o que vedes a continuación para que deades renda solta a vosa imaxinación. Estades preparadas e preparados?
Bicos e apertas (con distancia) a moreas! |