Skip to Content

A volta coas palabras

Un ano máis podemos compartir experiencias dentro desta comunidade que vai medrando e tecéndose ao longo dos anos: a Microrrede da Mariña.

A voltas coas palabras” é o título que recibe a mostra deste 2022 e é que, as palabras, son o instrumento maior que temos para comunicarnos, para expresar, para demostrar, para facer ver a quen non pode ver, para ilustrar sen imaxes e para vivir. No CEIP de Cervo, coñecemos o valor da palabra en todos os sentidos e, sendo un colexio cheo de verbas máxicas por todos os recunchos, dámoslle á palabra a categoría de instrumento vital para o desenvolvemento das persoas en todos os eidos da súa vida.

Este curso, Bibliocervo tomou as rendas cuns obxectivos concretos: continuar nutrindo a nosa mente, coidar o noso corpo e protexer o entorno que nos rodea para seguir tecendo pequenas redes que colaboren na gran tarefa que temos por diante: SALVAR O PLANETA.

A nosa obra, titulada “Bibliocervo toma a palabra: MENS SANA IN CORPORE SANO”, consta de tres partes que completan o crebacabezas e que representan os tres piares fundamentais: mente, corpo e natureza.

Comezamos pola mente, dándolle aqueles nutrientes que precisa para que as engrenaxes funcionen sincronizadas e poida ser o gran motor, cheo de recursos, que mova o mundo de cada persoa. Enchémola de lendas, de poesía, de historias, de experiencias, de valores e de todo aquilo que a pode facer expandirse e medrar.

Continuamos a coidar o corpo, con alimentos saudables que deron lugar a merendas exquisitas! Con ioga, que nos axudou a coñecer máis o país do que procede e a coñecer o noso corpo.

E, para completar o puzzle, seguimos coidando o entorno natural que temos máis preto: o noso xardín. Recollemos lixo, colocamos contedores de recollida selectiva para poder propiciar a reciclaxe de residuos, reutilizamos elementos para crear, colocamos instrumentos para a preservación das abellas, catalogamos as árbores e ata lles escribimos poesía!

Agardamos que vos guste e que gocedes deste traballo tanto coma nós. Por iso, convidámosvos a visitar a exposición durante a vindeira semana, do 9 ao 13 de maio das 18 a 20 h, na SALA DE EXPOSICIÓNS do Concello de Viveiro.



blog | by Dr. Radut