Saltar navegación.


Presentación   |   Horarios   |   Oferta educativa   |   Secretaría   |   Contacto

Primaria

PLANTAMOS NO 1º CICLO

Esta semana as nenas e nenos de 1º e 2º decidimos plantar no patio as sementes coas que nos agasallou a ANPA polo Nadal e outras sementes de caravel indio. Para iso, reutilizamos unhas botellas de auga, que trouxemos xa preparadas da casa.

O primeiro que fixemos foi encher as botellas de terra, para logo botar as sementes enriba.

Despois, cubrimos as sementes cun pouco máis de terra e botámoslles un chisco de auga. Por último, colgámolas nunha das vallas do patio.

Agora só queda agardar para ver como van nacendo e medrando as flores e que o noso patio quede máis bonito!!

GRUPOS INTERACTIVOS COAS FAMILIAS MARZO 2024

Esta mañá desfrutamos dunha nova xornada de grupos interactivos coas familias. Nesta ocasión estiveron con nós Ledicia, Marta, Mariana, Rebeca, Laura e Mari.

Hoxe Laura, a nai de Martín, sorprendeunos cuns xogos fantásticos creados por ela sobre a temática do noso PDI "Pegadas verdes".

Os seus xogos tiñan uns nomes moi ben pensados:

ECOCIRARQ: ECOnomia CIRcular en ARQuitectura.

CAMICASOS: Camiño cara a unha casa sostible cheo de atallos e trampas.

DOMINOCASOS: Efecto dominó na casa sostible.

E tamén xogamos a Find the word, o exitoso Picto Rush e Patchwork Doodle. Moitas gracias ás familias por ser partícipes desta iniciativa que tan bos momentos nos está dando.

            

Hilma af Klint, a pioneira do arte abstracto

En Arts de 5º e 6º estivemos traballando sobre a marabillosa pintora Hilma af Klint, que nos abraiou coas súas espectaculares obras e coa súa incrible historia.

Neste mes de marzo, mes da muller, en Arts de terceiro ciclo estamos afondando sobre mulleres artistas, e tras Bridget Riley como figura representativa do Op art, desta volta tocoulle o turno á artista sueca Hilma af Klint, que foi a pioneira do arte abstracto, xa que creou os seus primeiros cadros abstractos en 1906, anos antes que Wassily Kandinsky, Piet Mondrian e Kazimir Malévich, quenes tradicionalmente foron considerados os primeiros en realizar obras deste tipo.

Os cadros abstractos de Klint non foron coñecidos ata 1986, xa que ela mesma deixou instrucións de que as súas obras debían permanecer ocultas e non podían ser amosadas ao público ata polo menos vinte anos despois da súa muerte, debido a que consideraba que a xente da súa época non estaba preparada e non comprendería ese tipo de arte.

Tanto a biografía coma a obra desta incrible muller son merecedoras de que todas e todos investiguemos e afondemos máis sobre elas. Polo menos a nós, Hilma roubounos o corazón.

Tras coñecela e admirar as súas obras, os rapaces e rapazas de 5º e 6º crearon a súa persoal versión do arte de Hilma, mesturando formas xeométricas e outras máis orgánicas que nos lembran ás que atopamos na natureza, empregando cores vivas e vibrantes. Ademais, debían engadir, como mínimo, un adxectivo en inglés que elas e eles consideren que describe como son as mulleres.

O resultado, coma sempre, un espectáculo para os sentidos, ou se non, vide ver a exposición da planta baixa da escola e veredes.

Xuntanza con Lois Pérez para falar sobre o seu libro "A Gruta da Torre"

O alumnado de 5º e 6º de primaria tivo un encontro co escritor Lois Pérez para falar sobre o seu libro A Gruta da Torre, que lemos nas aulas este trimestre.

A Gruta da Torre cóntanos a historia dun rapaz chamado Lois, que vai coa súa familia a pasar outro verán en Ribadeo. Quique, Greta e o resto da cuadrilla agardan por el, e ese ano hai tamén unha nena nova. Non a coñece, mais morre por falar con ela... Na vella biblioteca da Torre dos Moreno, Quique encontra un libro e, no seu interior, un misterioso documento que fala dun pasadizo. Onde estará? Deciden que teñen que atopalo. Unha aventura trepidante, atravesada pola forza da amizade, os primeiros amores e o valor dos libros, no Ribadeo de 1990.

Desfrutamos moito coa lectura do libro na clase, comentando o que lles ía acontecendo aos personaxes e imaxinando que pasaría a continuación. O libro fixo voar a nosa imaxinación, fíxonos rir ás gargalladas e, ás veces, emocionarnos bastante, e o encontro co seu autor non ía ser menos. Desfrutamos moito falando con Lois sobre o seu libro, preguntándolle por fin esas inquedanzas e dúbidas que ía aparecendo ao longo destas semanas, segundo avanzabamos na lectura, e escoitando as historias tan graciosas e curiosas que nos contou. Ata descubrimos que foi profe de Centieiras hai anos!

Moitas grazas, Lois, por animarnos a seguir gozando da lectura!

 

Obradoiros coeducativos en 3º ciclo para conmemorar e reivindicar o 8M

A rapazada de 5º e 6º de primaria estivo traballando arreo nos obradoiros organizados polas titoras para o Día Internacional da Muller.

Este 8 M quixemos reivindicar que segue sen haber unha igualdade real entre homes e mulleres no reparto das tarefas do fogar e no coidado das fillas e fillos, actividades que continúan a estar principalmente en mans das mulleres. O mesmo acontece coa porcentaxe de homes e mulleres en postos de responsabilidade e toma de decisións, que seguen estando maioritariamente en mans de homes.

Para facer fincapé na necesidade de seguir avanzando cara á ansiada igualdade, quixemos facer partícipes ás nosas alumnas e alumnos na realización de tarefas do fogar tales coma varrer e fregar o chan, limpar os cristais e tender e dobrar a roupa. Ademais, tamén estiveron a coser, facer sopas de letras sobre mulleres con premios Nobel e caleidociclos.

Previamente a esta xornada o alumnado de 5º e 6º fixo un mural e outras decoracións en Arts para engalanar o cole e tomar conciencia da importancia e necesidade das reivindicacións feministas.

Foi un tempo de convivencia e traballo en equipo moi enriquecedor, desfrutárono moito e deixaron a escola coma os chorros do ouro! Agardamos que sigan a desenvolver na casa as aprendizaxes adquiridas Guiño

 

 

Bridget Riley e Op art

O alumnado de 5º e 6º de primaria estivo aprendendo e traballando en Arts durante as últimas semanas de febreiro sobre Op art, un estilo de arte visual abstracto que emprega as ilusións ópticas e consegue imaxes que simulan movemento e desafían aos nosos ollos.

Unha das principais representantes desta corrente artística é Bridget Riley, pintora británica coñecida pola forma na que os seus traballos xogan coa vista de quen os admira. Afondamos no seu traballo e o alumnado realizou as súas propias obras de Op art.

Parabéns, artistas!

 

CONVIVENCIA POSITIVA E MEDIACIÓN ESCOLAR

A convivencia escolar constrúese a través de todas as persoas que forman parte da comunidade educativa; esta construción será positiva si é realizada desde o respecto aos demais, a aceptación das diferenzas e a participación responsable na vida cidadá en igualdade. Traballando a convivencia escolar positiva e o benestar emocional, estase a fomentar que o alumnado se sinta parte do centro educativo ao mesmo tempo que se lle proporcionan as ferramentas precisas para respectar tanto os dereitos individuais como sociais das persoas. Deste xeito, fomentamos tamén condicións oportunas para o autocoidado e a autoestima.

É por todo isto, polo que este ano dende comezo de curso estamos a levar a cabo distintas actividades para afianzar o modelo dunha boa convivencia escolar. Comezamos con propostas de cohesión a nivel de aula e de centro e seguimos coa implementación dun programa de mediación escolar. 

Recentemente rematamos a primera fase deste programa. Foron unhas mañás moi produtivas grazas a Andrea Bechlian nas que traballamos a resolución pacífica de conflitos, a asertividade e tamén a autoestima e o autoconcepto.

 

 

Nesta primera fase tamén levamos a cabo unha escola de nais e pais coa finalidade de proporcionarlles información sobre este programa. Familia e escola somos aliados na complexa tarefa de educar. 

Moi pronto comezaremos coa segunda fase: formación específica para o alumnado mediador. 

 

Xogos en familia de febreiro no terceiro ciclo

Esta mañá volvemos desfrutar dunha xornada de xogos en familia en 5º e 6º de primaria.

Nesta ocasión os xogos elixidos foron:

    • Splittissimo, un xogo para comprender mellor as fraccións e as súas equivalencias mediante porcións de pizza do que se encargou Marisa, a nai de Óscar.

    • ODS, un xogo con preguntas sobre os obxectivos de desenvolvemento sostible que dinamizou Irene, nai de Stefano.

    • Ritmo Bola, un xogo moi entretido de atención no que hai que seguir o ritmo de We Will Rock You e encadear distintos signos sen equivocarse e que estivo dirixido por Diego, pai de Nicolás.

    • Panic Lab, un xogo de observación e agudeza visual no que hai que atopar as amebas que escaparon do laboratorio e fixarse moi ben que cumpran os requisitos amosados nos dados. Deste xogo encargouse Sonia, nai de Daniela.

    • Bobo Bobo, un xogo de cartas en equipos que pon a proba o enxeño dos participantes, que estivo dinamizado por Mónica, nai de Bruno.

    • Timeline, un xogo de cartas no que hai que crear unha liña temporal, neste caso dos descubrimentos, e que estivo a cargo da mestra Cris.

      

 

Todos os xogos foron un éxito e tanto alumnado como familias e profes pasamos un anaco ben entretido no que a convivencia e a diversión foron a nota predominate.

Grazas, familias, por compartir este tempo de xogo connosco!

Máscaras inspiradas na obra de Kimmy Cantrell

O alumnado de terceiro ciclo creou unhas máscaras de cartón inspiradas no traballo do artista contemporáneo Kimmy Cantrell na materia de Arts. Mediante esta actividade coñecemos a este artista, realizamos un traballo plástico relacionado co entroido e tamén coa reutilización e reciclaxe, posto que empregamos caixas de cartón que atopamos pola escola.

Quedáronlles preciosas e, ademais de traballar fenomenal en equipo, con esta actividade fixemos fincapé nunha cousa moi importante que sempre debemos ter en conta e que Cantrell nos lembra co seu traballo: A beleza está nas imperfeccións.

Aquí podedes velas todas rematadas:

Distribuir contido