Presentación | Horarios | Oferta educativa | Secretaría | Contacto
2º Educación primaria
GRUPOS INTERACTIVOS MES DE ABRIL
Despois das vacacións de Semana Santa imos retomando o traballo e ao longo deste mes de abril tivemos dúas sesións de grupos interactivos.
En Mar de Palabras, xogamos por parellas a “Carrera de Letras”, no cal tiñamos que evocar palabras atendendo ao que nos indicaba unha carta dada, por exemplo: algo que teñen os piratas, unha prenda de roupa, algo duro… Traballamos así a sonciencia semántica, o léxico, a toma de decisións…
Noutra estación xogamos ao “TIC TAC BOOM”, neste xogo tiñamos que pensar palabras que empecen ou rematen por determinado fonema, dependendo do que nos tocara na carta correspondente. Tiñamos que facelo moooooi rápido antes de que estoupara a bomba nas nosas mans. Tamén practicamos a lectura en galego co xogo de Brazolinda “Noite de Meigallo” facéndonos adiviñas os uns aos outros e formamos palabras compostas a partir de palabras simples.
En Mates en familia, por unha banda traballamos con unidades de medida non convencionais- palmo, paso, pé- e convencionais-centímetro e metro-, medimos diferentes elementos da aula así como aos compañeiros e compañeiras de equipo. Tamén reflexionamos sobre a mellor unidade de medida a empegar para medir diferentes obxectos: como medirías unha goma, usando o centímetro ou o metro? E un edificio?
Houbo un ratiño para mellorar a coordinación visomotora e as nocións espaciais a través do tangram e tamén de dar un pasiño máis nos euros facendo diferentes combinacións de moedas e billetes para unha cantidade dada.
Grazas as fantásticas familias que nos acompañan compartindo aprendizaxes e momentos!
ESTACIÓNS DE APRENDIZAXE E ABX
As estacións de aprendizaxe son unha das metodoloxías máis utilizadas en 2º de Primaria.
Mais… Que quere dicir isto? Como nos organizamos? Por que o facemos?
Partimos dunha concepción pechada e entendémolas como un circuito con diversas actividades polas que todo o alumnado ten que pasar e realizar. Estas propostas son previamente deseñadas atendendo ao grupo-clase.
Xeralmente cando as realizamos na aula empregamos 2 sesións, sendo a duración de cada actividade duns 20 minutos aproximadamente aínda que é certo que tamén hai ocasións nas que se plantexan para unha sesión de clase soamente e deste xeito as actividades son curtiñas cunha duración de 8 minutos.
Dependendo dos aspectos que queiramos traballar en ocasións plantéxanse todas as actividades para que o alumnado as realice de xeito autónomo cando pretendemos, por exemplo, reforzar contidos xa vistos estando a mestra de apoio co alumnado que o precise en calquera estación. Noutras ocasións planifícase para que todas as propostas sexan autónomas agás unha na que sempre está a mestra por diversos motivos: tarefas de creación de textos que requiren dunha atención máis individualizada, contidos especialmente difíciles, presentación de contidos novos…
Que vantaxes ten a súa aplicación?
-Atendemos á diversidade do grupo-clase.
-Promovemos o “aprender a aprender”.
-Permítenos traballar cun equipo mentres o resto do alumnado traballa de forma autónoma.
Que actividades se propoñen nas estacións?
As actividades son variadas, mais convén reparar en que na maior parte das ocasións, nunha estación sempre atopamos un xogo de mesa, pensado especialmente para o traballo dun determinado contido curricular. E é que a aprendizaxe baseada no xogo é otra metodoloxías fundamentais na nosa aula. O xogo ten numerosos beneficios: suscita motivación por parte do alumnado, traballa diferentes funcións executivas precisas nas aprendixaxes…
“Un cerebro que xoga é un cerebro que aprende”
Deixámosvos unha mostra gráfica dalgunhas das propostas levadas a cabo ao longo de todo o curso.
CONTOS DE BOCA: O cociñeiro Martiño
O pasado luns recibimos unha visita moi especial, Sonia a nai de Paula acudiu na hora de ler a contarnos o conto "O cociñeiro Martiño".
O día acompañounos e puidemos facer esta lectura fóra polo que aínda se cabe gozamos un pouquiño máis desta actividade.
Grazas Sonia por regalarnos o teu tempo!
PECHE DE TRIMESTRE
O pasado 31 de marzo despedimos o trimestre por todo o alto.
Comezamos a mañá gozando dunha sesión de xogos de mesa en familia organizada por Brazolinda en colaboración co equipo de biblioteca do cole.
-Brazolinda é un proxecto de deseño e fabricación de xogos de mesa en galego. Estes axudan a desenvolver a capacidade de observación, comunicación, razoamento a través das matemáticas, de adiviñas, de agudeza visual… -
Despois tivo lugar a entrega de premios do I torneo de Xadrez, os nenos e nenas de 2º que participaron recolleron moi orgullosos e orgullosas o seu diploma. Parabéns a todos e todas e, por suposto, ao noso master que recibiu un premio especial.
Logo na clase fixemos uns pequenos obradoiros libres relacionados con estas datas: pintado de ovos, cosido de figuras, pyslas… e como non, tamén houbo quen despois do éxito do xadrez quixo aprender a xogar.
Volvemos coas pilas cargadas para a recta final!
BINGO!
En ciencias sociais, neste trimestre traballamos sobre a nosa localidade e sobre os sectores económicos da mesma, tamén incidimos nas normas que tiñamos que cumplir para unha convivenca pacífica. Detro destas normas aprendemos diferentes sinais de educación vial, para facer un pequeno repaso das mesmas xogamos un bingo!
POEMAS DE CORDEL
O pasado 21 de marzo conmemoramos o Día da Poesía, fixémolo enchendo Fene de versos que penduramos a modo de prendas de roupa en diferentes tendais que estaban previamente xa colocados na Avenida Tarrio, na Praza do Concello e na Praza Verde.
Para ter todo listo para ese día, nos días anteriores, estivemos lendo diferentes fragmentos de poemas, traballando a rima… e como este ano o noso proxecto de centro está relacionado co xogo escollimos un poema de Manuel María “O xogo” para copiar e ilustrar.
Xa o propio día 21 ás 9 da mañá dirixímonos á Praza Verde ben acompañados e acompañadas cos compañeiros e compañeiras de 6º de EI e de 1º para colocalos e que todas as persoas de Fene puideran gozar das nosas creacións ao longo do día.
MATES EN FAMILIA
E chegamos ao último mates en familia do trimestre!
Este xoves acompañounos Lorenzo, que foi un locutor de bingo de excepción, na súa estación seguimos a repasar as horas, a través de este xogo que motiva moito aos nenos e nenas de 2º. Tamén estivo con nós María coa que estivemos adiviñando números que cumpriran unha serie de condicións: atendendo ás decenas, ás centenas, ás unidades… Con Sonia, a mamá de Paula, xogamos ao xogo de mesa “Mía” que traballa a axilidade no cálculo mental e tamén con Sonia, a mamá de Manuel, traballamos a descomposición a través das pirámides do cálculo mental.
Grazas familias unha vez máis por acompañarnos outro trimestre. Este tempo é moi valorado e esperado polos nenos e nenas sendo así unha motivación moi moi grande na aprendizaxe.
Retomamos en abril!
SEMANA DA PRENSA
A semana pasada foi a Semana da Prensa e desde a aula de 2º aproveitamos para ver modelos de novas e partindo dos mesmos, elaboramos un organizador gráfico que recollera todas as partes que teñen (texto, autora ou autor, titular, fotografía...). -Unha vez feito, non podía ser de outro xeito, tivemos que repasalo con bolígrafos de purpurina-.
É verdade que ao longo deste curso e do pasado empregamos xa en moitas ocasións os organizadores gráficos, sobre todo mapas mentais, para representar aspectos dunha temática determinada polo que realizalo foi relativamente sinxelo.
Para rematar, como non, fixemos a nosa propia nova, sempre tendo en conta todos as aspectos recollidos no noso organizador. Decidimos facela sobre algo que acontecera o día anterior no cole: a celebración do 8M.
UN MAR DE PALABRAS: 16 DE MARZO
O pasado xoves volvimos ter visita das familias, esta vez para dinamizar as actividades de lingua. Xogamos con Andreia ao xogo de mesa concept kids animals o cal os nenos e nenas xa coñecían e que foi un éxito. Este xogo permitiunos reforzar vocabulario referente aos animais que tamén estamos traballando na área de ciencias e a súa vez reforzar a comprensión lingüística xa que tiñamos que adiviñar un animal a partir da descrición que nos facían os compañeiros e compañeiras.
Con Rosa xogamos ao coñecido xogo de pasapalabra para practicar ortografía, con María clasificamos verbos en pasado, presente e futuro e con Cristina traballamos a conciencia léxica, tirando un, dous e houbo ata quen se animou con tres dados para conformar unha frase con tantas palabras como puntuación nos saiu nos dados. A maiores, para facer esta actividade un pouco máis complexa tamén tiramos uns dados conta-historias con vocabulario de primavera polo que tiñamos que ter en conta tanto o número de palabras a empregar como o vocabulario que incluir.
Grazas unha vez máis, grazas por estar, familias.
UN POUCO DE GRAMÁTICA
Dende o ano pasado adentrámonos na gramática utilizando os materiais Montessori e facendo moooooita adaptación dos mesmos e da sua metodoloxía.
Manipulamos as diferentes categorías, xa que cada unha delas está representada por un sólido: esfera, pirámide… a partir de aí poñemos exemplos prácticos e lemos unha lenda, unha lenda que utiliza as metáforas para vincular eses sólidos coas diferentes categorías gramaticais que, a dicir verdade teñen aos nenos e nenas moi moi interesados e interesadas e axúdalles moito a lembrarse.
Logo disto, seguimos a ampliar vocabulario á vez que clasificamos as diferentes palabras nas categorías.
Polo momento traballamos o substantivo, o adxectivo e o verbo, pero a verdade e que tamén limos xa a lenda da interxección xa que nos tiña moi moi intrigados o que quería dicir esa forma de pechadura.
