Saltar navegación.


Presentación   |   Horarios   |   Oferta educativa   |   Secretaría   |   Contacto

Actividades do centro

OBRADOIROS DE CREACIÓN DE TEARES

Ao longo de este mes de abril as mestras Ana e Carmen levaron a cabo diferentes obradoiros nos que ensinaron ás nenas e nenos dos diferentes cursos a tecer. Ademais fabricaron uns pequenos teares con cartón para que cada nena e neno constrúa o seu propio pousavasos.

 

 

 

ECO CONSELLOS DAS NENAS E NENOS DE CENTIEIRAS

Lembrades que Gatiza solicitou a axuda dos nenos e nenas de Centieiras para facer do mundo un lugar máis sostible? Aquí tedes os seus eco-consellos! 

Agora só queda poñelos en práctica!  

Moitas grazas ás e aos participantes por estes vídeos tan didácticos.

 

DÍA DO LIBRO

O pasado 23 de abril conmemoramos no centro o Día do Libro. Para iso, por unha banda, levamos a cabo o tradicional amadriñamento lector, as e os maiores escollen un conto para as súas afilladas e afillados. O día acompañounos polo que puidemos gozar das lecturas compartidas no noso patio. 

 

Por outra banda, fixemos unha recollida de alimentos para o banco de Alimentos Rías Altas. A cambio dos alimentos doados, as nenas e nenos podían coller algúns dos libros de expurgo da biblioteca escolar. 

Logramos nada máis nin nada menos que 265 quilos de alimentos! 


Moitas grazas familias pola vosa colaboración incondicional. 

 

DÍA DA TERRA

O pasado luns, 22 de abril, conmemorouse o Día da Terra. Para celebralo, no colexio decidimos crear unha obra textil ao longo do mes de abril. Todas as nenas e nenos participamos na súa elaboración, explorando a nosa creatividade e consendo anacos de tea con diversas formas e cores e outros materiais así como bordando mensaxes de coidado e respecto polo noso planeta. Como nos parece unha cuestión de moita relevancia, consideramos necesario incluír a toda a comunidade educativa, polo que contamos coa colaboración das familias, que fixeron aportacións moi interesantes.

O día 22 decidimos facer unha actividade para conectar co planeta, xa que a mellor forma de celebrar o seu día é gozando del e tomando conciencia da importancia de coidar todo o que nos arrodea. Saímos do colexio e fixemos unha andaina: sentamos na natureza e observamos, respiramos, escoitamos grilos, vimos algúns animais... Por suposto, levamos connosco a nosa obra artística Puntadas pola Terra.

Coidemos o noso planeta para que todas e todos poidamos continuar gozando del!!!

 

A VISITA DUNHA IMPRENTA AMBULANTE

O pasado mes de marzo o alumnado de 1º, 2º, 3º e 4º recibiu unha visita moi especial: Alouette Machine. Unha imprenta ambulante. 

Cris e Jean-Ba viaxan nunha furgoneta cos caixóns cheos de letras de chumbo e de madeira e iso foi o que nos ensinaron neste pequeno obradoiro. Contáronnos como se facían os libros antigamente e o laborioso que era xa que había que colocar cada letra dun xeito moi minucioso. Ademais disto as nenas e nenos puideron facer pequenas prácticas estampando os poemas que previamente elas e elas idearon coa temática do noso PDI: pegadas verdes. 

 

Visita da Asociación de Mulleres do Rural de Cabanas

O día de onte recibimos a fermosísima visita das MULLERES da Asociación Rural de Mulleres de Cabanas que nos viñeron a contar como desenvolvían unha labor que xa está esquecida en moitos sitios: o tratado da lá das ovellas: o cardado, o fío, o tecido...

Como sabedes, estamos a traballar un proxecto de centro - PDI Pegadas Verdes- dedicado ao coidado do medio ambiente e da sostenibilidade e con esta visita queriamos recuperar non só os oficios que parecen olvidados senón tamén falar sobre os recursos que temos ao noso arredor e sobre as opcións sostibles que podemos atopar e empregar dun xeito sostible e respetuoso coa natureza.

Ademais, o vindeiro luns terá lugar o Día da Terra e este ano estamos levando a cabo a construción conxunta dun tear con diferentes retales cosidos e diversos bordados con mensaxes moi importantes sobre o coidado do medio. Esta visita nos axudou a coñecer a orixe de moitas teas e tamén o traballo de tecido que podemos facer coa lá.

Queremos aproveitar para agradecer enormemente a este fermoso grupo de mulleres pola súa visita, a súa paciencia e os seus coñecementos tan valiosos. Foi unha experienca moi enriquecedora e coa que quedamos realmente abraiadas e abraiados.

 

 

Día Mundial da Saúde

Este domingo 7 de abril, celebrábase o Día Mundial da Saúde, e como caía a domingo, pasámolo a celebrar o luns día 8. Por elo organizamos unha merenda con froita (lembrar que xa o facemos varios días da semana) e na hora de lectura, percorremos a milla todos xuntos cos apadriñamentos correspondentes. Como o día non foi o axeitado debido ás inclemencias meteorolóxicas, tivo que desenvolverse dentro do pavillón e acurtando algo a distancia polo monótono que se facía estar a dar xiros en redondo. Todo elo acompañado pola música motivadora da película de ROCKY BALBOA. Non queremos deixar pasar o agradecemento enorme ao Eroski de Fene pola súa implicación neste día, pois non en vano, foron os encargados de ceder a froita de xeito totalmente solidario.

Apertas

 

 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 

Gatiza quere ser ecoloxista!

Gatiza apareceu novamente na escola e, coma sempre que vén por aquí, é porque necesita da vosa axuda. Esta vez quere que gravedes un vídeo curto, dun minuto como máximo, dándolle algún consello sobre ecoloxía, reciclaxe, sostibilidade ou medio ambiente. Tedes ata o venres día 19 de abril para traelos á escola nunha memoria usb co voso nome escrito.

Lembrade, o vídeo ten que estar en galego e gravado en horizontal.

Gatiza conta con vós!

21 DE MARZO: DÍA MUNDIAL DO SÍNDROME DE DOWN

O pasado 21 de marzo conmemoramos no centro o Día Mundial da Síndrome de Down.

Para isto, levamos a cabo dúas actividades, por unha banda, todos e todas trouxemos calcetíns desparellados como símbolo de diversidade. 

Por outra, o alumnado de 2º de Educación Primaria, como verdadeiros e verdadeiras expertas acudiron ás diferentes aulas da escola a facer unha campaña de sensibilización e visibilización sobre as persoas non verbais e o emprego de comunicadores.

Comezaban a sesión lendo o conto de Mimo, un pequeno paxaro que non podía piar. Por isto, pensaba que tampouco sería quen de voar nin de contar sementes. Estaba moi confuso. Ao final, unha pomba moi sabia ensínalle outro xeito de expresión: a música. Así, Mimo pode expresar cando está triste, cando está contento… Mimo tamén descobre que a través da pintura pode contar moitas cousas.

Logo os nenos e nenas explicaron o que era un comunicador, os aspectos fundamentais para facer un bo uso do mesmo e incluso o que tiñamos que facer se queríamos comunicarnos cunha persoa que o empregue, sempre sendo respetuosos e respetuosas.

Parabéns nenos e nenas polo voso traballo! Sodes un verdadeiro exemplo!

 

“Non poder falar, non significa non ter nada que dicir”

Distribuir contido