Presentación | Horarios | Oferta educativa | Secretaría | Contacto
Actividades do centro
Día Mundial da Saúde
Este domingo 7 de abril, celebrábase o Día Mundial da Saúde, e como caía a domingo, pasámolo a celebrar o luns día 8. Por elo organizamos unha merenda con froita (lembrar que xa o facemos varios días da semana) e na hora de lectura, percorremos a milla todos xuntos cos apadriñamentos correspondentes. Como o día non foi o axeitado debido ás inclemencias meteorolóxicas, tivo que desenvolverse dentro do pavillón e acurtando algo a distancia polo monótono que se facía estar a dar xiros en redondo. Todo elo acompañado pola música motivadora da película de ROCKY BALBOA. Non queremos deixar pasar o agradecemento enorme ao Eroski de Fene pola súa implicación neste día, pois non en vano, foron os encargados de ceder a froita de xeito totalmente solidario.
Apertas
LECTURA E FAMILIAS CON PABLO OTERO
"Todos temos unha historia que nos encanta contar unha e outra vez.
O meu avó, a vosa nai ou aquel curmán da tía segunda do papá que se perdera no Brasil.
Son historias e anécdotas que naceron na vosa familia,
que sempre se contan cando estades xuntos e que hai que coidar coma tesouros".
A tarde do pasado 2 de abril tivemos na biblioteca un obradoiro impartido por Pablo Otero. Nel familias e alumnado elaboraron os seus libros de familia. Deixaron voar a súa creatividade e partindo dalgunha anécdota, chiste ou relato comezaron a traballar. Para iso, utilizaron material de refugallo e con paciencia e agarimo fixeron as obras de arte que vos deixamos a continuación.
Grazas Pablo, foi unha tarde fermosa.
Gatiza quere ser ecoloxista!
Gatiza apareceu novamente na escola e, coma sempre que vén por aquí, é porque necesita da vosa axuda. Esta vez quere que gravedes un vídeo curto, dun minuto como máximo, dándolle algún consello sobre ecoloxía, reciclaxe, sostibilidade ou medio ambiente. Tedes ata o venres día 19 de abril para traelos á escola nunha memoria usb co voso nome escrito.
Lembrade, o vídeo ten que estar en galego e gravado en horizontal.
Gatiza conta con vós!
DÍA DA POESÍA
O 21 de marzo conmemoramos o Día da Poesía a través da elaboración de fermosos poemas inventados polas nenas e nenos do noso cole. A temática foi a do noso proxecto documental integrado: pegadas verdes. Algúns dos poemas estiveron adicados á contaminación da auga, outros ao coidado do medioambiente, dos animais...
As mestras deixamos os poemas nos escaparates de 9 comercios de Fene para que o alumnado pola tarde puidera facer unha búsqueda dos mesmos seguindo un mapa.
A día prestouse moito para esta actividade, o sol e a poesía iluminaron esa tarde por Fene adiante.
21 DE MARZO: DÍA MUNDIAL DO SÍNDROME DE DOWN
O pasado 21 de marzo conmemoramos no centro o Día Mundial da Síndrome de Down.
Para isto, levamos a cabo dúas actividades, por unha banda, todos e todas trouxemos calcetíns desparellados como símbolo de diversidade.
Por outra, o alumnado de 2º de Educación Primaria, como verdadeiros e verdadeiras expertas acudiron ás diferentes aulas da escola a facer unha campaña de sensibilización e visibilización sobre as persoas non verbais e o emprego de comunicadores.
Comezaban a sesión lendo o conto de Mimo, un pequeno paxaro que non podía piar. Por isto, pensaba que tampouco sería quen de voar nin de contar sementes. Estaba moi confuso. Ao final, unha pomba moi sabia ensínalle outro xeito de expresión: a música. Así, Mimo pode expresar cando está triste, cando está contento… Mimo tamén descobre que a través da pintura pode contar moitas cousas.
Logo os nenos e nenas explicaron o que era un comunicador, os aspectos fundamentais para facer un bo uso do mesmo e incluso o que tiñamos que facer se queríamos comunicarnos cunha persoa que o empregue, sempre sendo respetuosos e respetuosas.
Parabéns nenos e nenas polo voso traballo! Sodes un verdadeiro exemplo!
“Non poder falar, non significa non ter nada que dicir”
O Leprechaun estivo en Centieiras!
Un ano máis o Leprechaun estivo facendo das súas en Centieiras, pero logrou fuxir e non caeu en ningunha das trampas preparadas polo alumnado da escola. Iso si, deixoulles un pequeno agasallo en forma de tatuaxes temporais e ciscou trevos de papel polas trampas como sinal da súa visita... algo é algo!
Houbo moitísimas trampas, todas marabillosas e feitas con gran enxeño, mais este Leprechaun é un fedello e non hai quen o pille!
Ademais, tiñamos un photocall para nos converter en simpáticos Leprechauns, mirade que riquiñas e riquiños están:
Better luck next year and happy Saint Patrick's Day!
8 MARZO DÍA INTERNACIONAL DA MULLER
O pasado 8 de marzo celebramos no centro o Día Internacional da Muller. Este ano quixemos reflexionar sobre as desigualdades que existen entre mulleres e homes en canto a postos de traballo de relevancia en empresas, outros postos donde se toman grandes decisións e o tempo adicado para os coidados e as labores domésticas.
Dende o equipo de mestras que formamos parte do PFPP de centro e dentro do contrato programa igualaT, propuxemos ao resto de claustro e ao alumnado uns datos para a súa análise e reflexión e a realización de diferentes talleres nos que se pretende reflectir a importancia das actividades diarias que homes e mulleres deberían compartir igualitariamente.
Visita ao mellor mural do mundo.
2º CICLO VISITAMOS O MELLOR MURAL DO MUNDO.
Por se non o sabiades, o mellor mural do mundo está en Fene;si, aquí ao lado do cole.... Así que aló nos fumos a velo.
O mural do artista Sfhir da violonchelista é fermosísimo, e sacamos unhas fotos para que queden no noso recordo.
Ademais vimos outro mural na parede que tamén nos gustou moito.....
Fantástica saída !!!
DÍA DA MULLER E A NENA NA CIENCIA
A pasada semana conmemoramos o Día da Muller e a Nena na Ciencia a través de dúas actividades. O xoves visitáronnos polas clases algunhas compañeiras do cole, que actuaron como embaixadoras e representantes das nenas na ciencia. Con elas trouxeron varios obxectos moi interesantes, algúns deles que eran descoñecidos para todas e todos, e que nos chamaron moito a atención.
Selena e Daniela ensináronnos como eran e funcionaban os teléfonos antigos. Nayla e Antía explicáronnos para que serve un microscopio e como podemos empregalo. Thais e Valentina amosáronnos un zoótropo e puidemos ver como, ao xiralo, as imaxes do seu interior parecían moverse. Eimy e Zoe trouxeron uns mexilóns xigantes, especie que non podemos atopar na nosa zona pero que chega ata aquí pegada nos cascos dos barcos que veñen doutros lugares.
O venres recibimos a visita dunha muller científica, Ana. Ela é química e traballa no porto exterior de Ferrol. Ás nenas e nenos de Infantil e 1º ciclo veu contarnos en que consiste a súa profesión, amosounos como é o seu lugar de traballo e ensinounos algún vídeo sobre o mesmo.
Ao alumnado de 2º e 3º ciclo deunos unha charla sobre os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, relacionados co PDI e que xa estamos a traballar nalgunhas aulas. En grupos fixemos un pequeno traballo de investigación sobre os mesmos e logo realizamos unha posta en común para dar a coñecer aos outros equipos as conclusións obtidas.
Moitas grazas por acompañarnos!!!
- « primeira
- ‹ anterior
- 1
- 2
- 3
- 4
- 5
- 6
- 7
- 8
- 9
- …
- seguinte ›
- última »