Saltar navegación.


Presentación   |   Horarios   |   Oferta educativa   |   Secretaría   |   Contacto

Actividades do centro

Magosto e Día do peón

O pasado venres vivimos unha xornada moi especial de festa e convivencia entre o alumnado e as familias. A celebración do Magosto e o Día do peón foi todo un éxito grazas ao esforzo e colaboración da ANPA, que ademais de agasallar a toda a comunidade educativa con castañas asadas e chocolate quente, creou unha preciosa decoración para ambientar a pista polideportiva.

O alumnado maior estivo acompañando e ensinando a bailar o peón aos máis pequenos. Foi fantástico velas e velos tan pendentes e agarimosos cos seus afillados e afilladas da escola.

Despois de bailar o peón e poñelas botas coas castañas e o chocolate, chegou o momento da música e o baile. Os e as artistas de Centieiras volveron dalo todo para que pasaramos un anaco moi entretido desfrutando da música tradicional galega. Moitas grazas a todas e todos!

 

UNHA ENTREVISTA MOI ESPECIAL

Un dos obxectivos para este curso é favorecer a cohesión entre o alumnado do centro para mellorar así o clima e a convivencia.

Para romper o xeo xa no mes de outubro o alumnado de 5º e 6º organizou diferentes sesións de xogos de mesa para aprendérllelos ás pequenas e pequenos. A súa labor foi marabillosa.

Seguindo nesta liña, neste inicio de novembro, o alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º elaborou nas súas clases un cuestionario do máis ecléctico: cal é a túa cor favorita? Cal é o teu equipo de fútbol preferido? Que é o que máis che gusta do cole?... E un sin fin de preguntas ocurrentes que prepararon con moito agarimo para unha entrevista moi especial: outro alumno ou alumna do centro.

Fixemos así unha pequena adaptación da dinámica de cohesión da “Entrevista”.

Despois desta preparación chegou o día! Xuntámonos en diferentes localizacións da escola para levala a cabo. A entrevista só resultou ser un pretexto para o coñecemento mutuo e entablar relacións. Xuntas e xuntos, pequenas, pequenos e maiores gozaron dun tempo compartido.

Daba gusto velos e velas!

 

 

ADORNOS NADAL

Familias do alumnado de EI, 1º e 2º! Imos a realizar uns adornos de Nadal empregando materiais de refugallo en colaboración co Concello de Fene, por isto, precisábamos que as nenas e nenos trouxeran ao centro-antes do vindeiro mércores 15 de novembro-:

-Cus de botella cortados a 4 cm

-CDS

-Botellas de plástico de leite brancas ou transparentes.

-Partes de arriba de garrafa de 5 ou 8 litros de auga

-Piñas

-Tapóns de plástico

E a maiores, si aínda tedes algunha palliña de plástico, tamén.

Deixamos unha foto adxunta para que vos fagades unha idea. 

Moitísimas grazas pola vosa colaboración. 

Preparándonos para o Magosto e o Día do peón.

O Magosto o o Día do peón están xa moi preto! Este venres, día 10 de novembro, desfrutaremos estas celebracións na escola, así que lembrade, traede o voso peón para bailalo ese día e vide preparadas e preparados para degustar as deliciosas castañas asadas e o chocolate quente, ambos por cortesía da ANPA. Ademais, finalizaremos a festa cunha boa repichoca, grazas aos grandes artistas da comunidade educativa de Centieiras, que sempre nos animan con boa música tradicional.

Por aquí Gatiza xa se está preparando para a festa, e vós?

Pasámolo de medo no Samaín!

O martes 31 de outubro vivimos unha mañá terrorificamente divertida na escola.

Todas e todos fomos cos nosos disfraces dispostas e dispostos a desfrutar das actividades que nos tiñan preparadas as mestras.

Pola mañá o cole quedou a escuras e comezou a soar unha música arrepiante que indicaba que o Samaín daba comezo!

A decoración da escola, coma sempre, estivo xenial grazas ao traballo do equipo artístico da ANPA, moitísimas grazas! As súas decoracións xunto cos traballos feitos polos nenos e nenas do cole encheron a escola dun ambiente do máis festivo.

As profes e o profe Abel estaban que daba xenio velos, pero os que estaban espectaculares eran os alumnos e alumnas de Centieiras. Mirade, mirade:

 

 

Nas aulas houbo actividades do máis variado: desfiles de disfraces, lectura de contos de medo a escuras só coa luz das lanternas, manualidades, bailes, xogos...

 

 

Despois chegaba o momento do concurso O Peso Xusto! Por fin iamos saír de dúbidas e coñecer o peso da nosa cabaza xigante: nada máis e nada menos que 37,8 quilos! Melania, Marcos e Bruno foron os que máis se achegaron ao peso xusto e recibiron os seus diplomas de parte de Gatiza. Noraboa, tedes moi bo ollo!

Como fin de festa, tivemos música e baile. Pasámolo de medo movendo o esqueleto, menudo ritmo teñen estas rapazas e rapaces!

 

As cabazas do Samaín

Un ano máis quedamos abraiadas e abraiados coa vosa creatividade e as marabillosas cabazas que facedes para o Samaín! Son todas impresionantes! Moitas grazas pola vosa participación e noraboa polo fantástico traballo.

Os contos máis arrepiantes deste Samaín

Xa tedes aquí dispoñibles os contos máis estarrecedores e creativos esctritos por alumnado do CEIP Plurilingüe de Centieiras con motivo do certame de escritura do Samaín 2023. Todos eran xeniais, pero ata para Gatiza é imposible subilos todos á web, así que vos deixamos esta selección. Desfrutádeos!

 

Gatiza tráenos novos libros en galego para este Samaín!

Para agradecervos a participación e esforzo no certame de debuxos e contos de medo, Gatiza quixo agasallarvos con novos libros en galego relacionados co Samaín. Hai contos, banda deseñada e ata un libro pop up do máis sorprendente. Xa están á vosa disposición na entrada da escola, a que esperades para desfrutar deles?


Gatiza volve ao cole polo Samaín!

Ola, rapazas e rapaces de Centieiras! Xa estamos en outubro e este mes celébrase unha das miñas festas favoritas, o Samaín! Celebrarémolo na escola o día 31 de outubro e, para iso, poderedes vir disfradas e disfrazados ese día ao cole e poderedes traer as vosas cabazas decoradas desde o día anterior, o luns 30 de outubro.

Ademais, aproveito para pedirvos que escribades contos de medo arrepiantes e fagades debuxos de terror para decorar a escola e crear un ambiente terrorificamente divertido!

Conto con vós!

 

INICIAMOS O NOSO PROXECTO!

O pasado venres 6 de outubro inauguramos o noso proxecto documental integrado que pretende traballar e concienciar sobre o coidado do medio ambiente.

Que fixemos para esta ocasión tan especial? Aproveitamos que ese día se levaba a cabo a XII Limpeza Simultánea de Praias organizada por ADEGA e aproveitamos para limpar a Praia de San Valentín.

Puxémonos en marcha ás 10 e media da mañá e todas xuntas e xuntos fomos camiñando ata alí formando parellas de pequenas e pequenos e maiores.

Unha vez alí, expertas da asociación ADEGA faláronnos un pouquiño sobre aspectos básicos a ter en conta na praia e logo xa nos puxemos mans á obra. Traballamos moito e tamén desfrutamos un pouquiño da área e dos compañeiros e compañeiras.

Ao final, clasificamos a basura atopada e o que máis nos sorprendeu é que había un montón de pauiños de limpar os oídos! En total e aínda que a praia parecía moi moi limpa logramos recoller 25 quilos de lixo!

Unha vez chegamos ao cole,  para rematar este día, fixemos a votación do nome do noso proxecto.

As nenas e nenos escolleron: PEGADAS VERDES!

Non vos esquezades deste nome porque seguro o oiredes moitas veces máis ao longo do curso!

3,2,1 Arrancamos!

Grazas a ADEGA pola axuda e a predisposición e ao Concello de Fene polas luvas e a colaboración en toda a loxística. Da gusto facer escola deste xeito. 

Distribuir contido