Saltar navegación.


Presentación   |   Horarios   |   Oferta educativa   |   Secretaría   |   Contacto

Educación primaria

RECANTO DOS ANIVERSARIOS

O venres 29 de setembro de 2023 inauguramos o recanto dos aniversarios ao que iremos cada vez que un compañeiro ou compañeira celebren o seu aniversario: cantaremos, festexaremos e repartiremos os agasaios que traian para compartir co resto do alumnado da aula. Para comezar ben celebramos os aniversarios dos nenos e nenas que cumpriron anos no verán: Sara, Paula, Víctor, Sofía e Thais.

Gústavos? A eles e elas encantoulles a iniciativa... Están agardando a que cheguen os seguintes aniversarios!!!

                

RECANTO DOS ANIVERSARIOS

O venres 29 de setembro de 2023 inauguramos o recanto dos aniversarios ao que iremos cada vez que un compañeiro ou compañeira celebren o seu aniversario: cantaremos, festexaremos e repartiremos os agasaios que traian para compartir co resto do alumnado da aula.

Gústavos? A eles e elas encantoulles a iniciativa... Están agardando a que chegue o primeiro aniversario da aula.

       

VOLTAMOS Á ESCOLA!

Voltamos á escola: dinámicas de cohesión, consensuamos normas e asinámolas comprometéndonos a cumprilas, xogamos un pouquiño e tamén xa imos collendo ritmo! 

VISITA DUNHA FARMACÉUTICA

Hoxe, 9 de xuño de 2023, os nenos e as nenas de 3°EP recibimos a visita de Rosa, a mamá de Iria Maceiras que é farmacéutica.

Contounos unha morea de cousas, algunhas que xa sabiamos e outras que eran totalmente novas para nós.

Falounos do seu traballo na farmacia, de que cada luns preparan os pastilleiros nos que colocan a medicación que as persoas precisan tomar cada día e así non esquezan tomala, isto fanno todos os luns con todas aquelas persoas que o precisan. Explicounos onde debemos botar os medicamentos que están caducados para non contaminar: na entrada das farmacias hai un contedor branco no que depositalos, chámase "punto SIGRE".

Contounos cales eran os hábitos de vida saudable, que debemos comer e todo aquilo do que non debemos abusar, nin nós nin os maiores.

Despois púxonos un vídeo no que vimos cales eran os seis fototipos de pel, o por que debemos botar a protección solar tanto se hai sol coma se está nubrado, cal é o factor que debemos usar e de canto en canto tempo debemos botalo... Díxonos que a pel era o órgano máis grande do corpo e que tiña memoria!!! Iso deixounos un pouco desconcertados e desconcertadas, pois pensabamos que a memoria só estaba no noso cerebro.

Invitounos visitar a farmacia na que traballa e aceptamos de bo grao a invitación, é unha sorte poder ver de primeira man un establecemento sanitario coma este e coñecer como traballan nel!! Quedamos en ir cando comece o curso 2023/2024, ela está a agardar por nós!!!

Grazas Rosa por dedicarnos parte do teu tempo e vir ao cole contarnos tantas cousas... Agardamos poidas volver outro día!!!

                                                                                                                         

 

  

XORNADA DE XOGOS POPULARES NA CAPELA

O pasado 25 de abril, o alumnado de 1º a 4º EP, acudimos ao CEIP Plurilingüe Mosteiro de Caaveiro, no concello da Capela. Alí, nós, o alumnado de 3º EP, desfrutamos, xunto co alumnado de 5º EP dese centro, ensináronnos unha morea de xogos tradicionais: os zancos, os aros, a ra... Foron uns auténticos anfitrións: estiveron moi pendentes de nós, coidaron de que non nos pasara nada, axudáronnos nalgún xogo para que non caeramos ao chan...Pasámolo moi ben!!!

Aprovietando que estabamos nese concello, tamén visitamos o museo etnográfico, onde descubrimos e aprendimos moitas cousas de como era a vida hai moitos anos: os oficios e os apeiros que usaban, como eran as casas por dentro, como cociñaban... Encantounos como nos foron explicando cada unha das dependencias do museo e ver o ben conservado e coidado que estaba. 

Foi un día diferente pero moi proveitoso!!!

         

 

       

 

CRÓNICAS DE CENTIEIRAS ABRIL

O xoves 27 de abril o alumnado de 3º EP, xunto co de 1º EP, acudiu a Radio Fene, gravar o programa "Crónicas de Centieiras" correspondente a este mes.

Deixámosvos o enlace para que o escoitedes, asi como algunhas fotos dos nenos e das nenas dentro do local de gravación, e agardando nas escaleiras a súa entrada para gravar.

http://173.255.131.18/audio/270423CRONICAS.mp3

              

 

       

 

CONTOS DE BOCA " O PAPÓN"

"O PAPÓN"

O pasado luns, 13 de febreiro, veu á aula de 3º EP Ignacio, o pai de Enzo, contarnos o conto "O Papón".
A avoa decide prepararlles ás súas tres netas unha sorpresa na bodega: pan con mel (esquecera que ese era precisamente o xantar preferido do papón). As netas, unha por unha, baixan polas escadas escuras, frías e misteriosas; empurran a porta e…  Se queredes saber como remata o conto invitámosvos a lelo, só vos dicimos que non podedes imaxinar o final, adiantámosvos que ás veces a forza non é imprescindible para solventar os problemas.
Grazas Ignacio pola visita, agardamos que poidas volvar outro día, gustounos moito o conto!!!

             

NAUTILUS

O xoves 16 de marzo de 2023  o alumnado de 3º e 4º de EP acudiu á sede da Afundación Abanca ver a obra de teatro "NAUTILUS".

O capitán Nemo aprecia o mar máis que a súa propia vida. Nemo vive a bordo do Nautilus, un submarino segredo que percorre os océanos de todo o mundo, lonxe de todo e de todos. Pero desde hai un tempo, o capitán observa que os bancos de coral estanse a converter en montañas de lixo, os peixes en bolsas de plástico, e as pradarías de posidonia en vertedoiros acuáticos. A vida mariña está en perigo e Nemo propúxose evitalo, pero non pode facelo el só. Por iso recluta ao profesor Aronax, a quen levará a unha viaxe de 20.000 leguas submariñas para amosarlle os segredos dese mundo fascinante ameazado pola contaminación humana.

Nautilus é unha versión da clásica novela de aventuras “20.000 leguas de viaxe submariño” cunha lectura actual, comprometida e ecoloxista. A historia que contaría Julio Verne hoxe en día.

                      

                     

O alumnado de terceiro ciclo asiste á obra What Monster!

O alumnado de 5º e 6º de primaria realizou unha saída para ver unha obra de teatro en inglés. Foi moi divertida e as nosas rapazas e rapaces demostraron as súas dotes como actrices e actores e o seu dominio da lingua inglesa. Look!

 

 

 

Distribuir contido