Presentación | Horarios | Oferta educativa | Secretaría | Contacto
6º Educación primaria
STOP AO BULLYING
Co bullying, tolerancia cero. Así nolo conta e explica o alumnado de 6ºEP como proxecto da materia de valores sociais e cívicos.
No Día Internacional Contra o Acoso Escolar, berramos ben alto STOP AO BULLYING. Non te cales, cóntao.
Visita ao CPI A Xunqueira
Achégase a data en que o alumnado de sexto xunto coas súas familias deciden en que centro vai continuar os seus estudos. Esta mañá fomos convidados a coñecer o CPI A Xunqueira. Tratáronnos moi ben, Isabel, a directora, levounos a visitar as diferentes aulas do centro onde coñecimos a profesoras e alumnos que nos explicaron o que estaban a facer e as posibilidades e recursos cos que conta o centro. A visita rematou da mellor maneira, convidáronnos a un chocolate con churros na cafetería do centro. Moitas grazas a todos e todas pola acollida.
Día das Bibliotecas
O pasado 24 de outubro celebramos o DÍA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES. Para conmemorar este día o alumnado de sexto de educación primaria serigrafiamos unhas bolsas de tea cun anagrama creado por nós para recadar fondos para a excursión de fin de primaria. Nestas bolsas ían libros adaptados ás diferentes idades, libros que saíron despois de facer un expurgo na biblioteca do centro. Traballamos moito pero o resultado e a acollida foi fantástica.
O alumnado de sexto salva a nave dos soños en ITI Robótica!
Esta semana, en ITI Robótica realizamos unha actividade titulada A nave dos Soños que resultou un éxito entre o alumnado.
Conteilles que recibín un email moi estraño de Diodi, unha personaxe de Digicraft, no que me dicía que estabamos no ano 2060 e a humanidade se mudaba de planeta nunha nave espacial e tamén moi especial, con capacidade para albergar unha gran cantidade de pasaxeiros e pasaxeiras que viaxarían durmidas ata o seu destino en Próxima Centauri, a estrela máis cercana cun planeta capaz de albergar vida. A nave está equipada cos máis avanzados sistemas informáticos, pero un virus estaba facendo das súas e os sistemas da nave non funcionaban correctamente, por iso precisaba da axuda dos rapaces e rapazas de sexto para eliminar o virus e salvar á humanidade!
Os nenos e nenas tiveron que resolver diversas probas, conseguir códigos e descifrar mensaxes en clave, para ir arranxando as distintas estancias da nave, seguindo todo o fío condutor da narración que eu lles ía facendo segundo avanzaban na aventura. Foi moi emocionante ver como ían resolvendo os enigmas e finalmente, conseguían borrar o virus e restablecer os controis da nave para que esta puidera emprender a súa viaxe. Bo traballo!
O alumnado de sexto crea o seu avatar en ITI Robótica
Os rapaces e rapazas de sexto crearon os seus avatares na materia de ITI Robótica. Gustoulles moito realizar esta actividade e ademais, mirade que fotos de clase tan chulas nos quedaron. Adiviñades quen é quen?
FOTO DE CLASE DE 6º A
FOTO DE CLASE DE 6º B
O alumnado de sexto crea a personaxe dun videoxogo en ITI Robótica
O alumnado de sexto creou a súa propia personaxe para xogar a un videoxogo na materia de ITI Robótica. Despois de deseñar as personaxes, trasladáronas ao videoxogo e puideron botar unhas partidas coas súas propias creacións. Mirade que ben o pasaron:
CRÓNICAS DE CENTIEIRAS
Onte, xoves 26 de maio, o alumnado de sexto de primaria e de sexto de infantil foi a Radio Fene gravar un novo programa de Crónicas de Centieiras.
Foi unha experiencia moi interesante e unha gran sorte poder realizar a tarefa de auténticas locutoras e locutores de radio.
Ademais, fixérono de marabilla! Teñen potencial como profesonais das ondas radiofónicas.
Mirade que ben acompañadas e acompañados estivemos nesta saída. O alumnado de sexto de infantil tamén veu gravar o programa de radio con nós.
Permanecede atentas e atentos á próxima emisión de Crónicas de Centieiras, merecerá a pena!
8M Día da muller 2022
O martes 8 de marzo conmemoramos na escola o Día da muller.
Para celebrar este día, cada aula investigou previamente sobre unha científica e decorou un paraugas con datos sobre a súa biografía e os seus achados para a ciencia. Con todos os paraugas creouse unha exposición na planta baixa da escola. Quedaron todos chulísimos!
A clase de 6º dedicamos o noso paraugas a Ángeles Alvariño, unha importante oceanógrafa natural de Ferrol que descubriu nada máis e nada menos que 22 novas especies de organismos mariños!
Como broche final, despois do recreo, todo o alumnado reuniuse na pista cuberta para bailar a canción Morra o Conto da Banda da Loba.
Encontro con Andrea Maceiras
O venres 4 de marzo tivemos a gran sorte de coñecer a Andrea Maceiras, autora do libro A Folla Azul, galardoado co premio Merlín de literatura infantil 2020.
Contounos moitas cousas interesantes sobre a Amazonia e a tribo dos Kayapó, nos que se inspirou para crear a tribo dos Tacaré, á que pertence Husu Aké, a protagonista do libro.
Puidemos facerlle moitas preguntas sobre as personaxes, os animais e as situacións que aparecen no libro e foi un auténtico pracer poder falar con ela. Moitas grazas, Andrea!
