Saltar navegación.


Presentación   |   Horarios   |   Oferta educativa   |   Secretaría   |   Contacto

6º Educación primaria

A nosa decoración de Nadal

A nosa clase está do máis festiva, non nos falta de nada: a árbore de Nadal, a porta decorada, as luces, os globos de bastóns de caramelo e mirade que chulada de poboado de casas de xenxibre fixeron os rapaces e rapazas de 6º con cartón. Decorando e reciclando!

V Xornadas escolares pola eliminación da violencia de xénero: SOS silencioso.

No marco das actividades relacionadas co 25 N, a clase de 6º de EP participou nas propostas da Fanpa Ferrolterra, que trataban sobre o sinal SOS silencioso, unha sinal para pedir axuda en caso de violencia que se realiza coa man en tres pasos:

1. Palma da man aberta.

2. Polgar dobrado.

3. Resto dos dedos dobrados sobre o polgar.

Unha das actividades realizadas foi escribir unha frase en contra da violencia de xénero nunha man de cartolina e posteriormente, poñer todas as mans coas súas mensaxes xuntas na entrada da escola.

Andaina polo bo trato e contra a violencia de xénero

Hoxe pola mañá todo o centro participou na andaina contra a violencia de machista.

O alumnado de 6º acompañou aos seus afillados e afilladas da escola nesta marcha polo bo trato, axudando aos pequenos e pequenas no que precisaban.

Da gusto velos e velas preocupándose e coidando do alumnado de infantil con tanto agarimo. Moi ben feito rapazas e rapaces, que sorte teñen os peques de contar con vós! E as mestras, porque nos axudades moitísimo.

Vídeo contra a violencia de xénero

As rapazas e rapaces de 6º participaron na gravación dun vídeo para ensinar como se fai o sinal de SOS silencioso e recordar ás vítimas de violecia de xénero que non están soas e que poden acudir a distintos servizos específicos para pedir axuda, como o teléfono 016, os servizos socias, centros sanitarios e as forzas e corpos de seguridade.

 

Hoxe xa visualizamos un adianto do vídeo na clase e en breve publicarémolo tamén aquí para que o poidades ver tamén na casa.

 

 

Compartindo o Magosto e o Día do peón co alumnado de infantil

O alumnado de sexto viviu unha xornada moi especial compartindo a celebración do Día do peón e do Magosto cos nenos e nenas de 4º e 5º de infantil. Axudáronlles e ensináronlles a bailar o peón e acompañáronos a buscar o chocolate quente e as castañas asadas que degustamos grazas á ANPA. En todo momento estiveron pendentes dos pequenos, axudándoos e atendéndoos no que precisaban.

 

Despois, chegou a hora da tradicional repichoca coa que sempre nos agasallan as familias e alumnado. Bruno e Darío fixérono de marabilla!

Coñecendo ao alumnado de infantil: actividade de cohesión

O mércores realizamos unha actividade especial de cohesión entre o alumnado de distintos ciclos. Este primeiro encontro é un xeito de que o alumnado estableza vínculos de cara á realización de posteriores actividades interciclos. A primeira actividade deste tipo terá lugar o Día do peón, no que os maiores bailarán o peón cos pequenos.

Foi unha actividade xenial, non hai máis que ver as súas caras, o alumnado de sexto estaba emocionadísimo e desexando que chegara o momento de ir buscar ao neno ou nena de infantil que lle correspondía para pasar un anaco xuntos coñecéndose e falando.

Día especial na biblioteca

O martes estivemos na biblioteca facendo as devolucións e empréstitos de libros e aproveitamos a ocasión para probar as gafas de relidade virtual que temos no cole. Os que quixeron probar, quedaron encantados coa experiencia. Mentres esperaban que chegara a súa quenda, tamén aproveitaron para botar unhas partidas a algún dos xogos que hai na biblioteca.

 

Deixando "Pegadas Verdes" na nosa aula

Este curso, como sabedes, estamos a levar a cabo un Proxecto Documental Integrado chamado "Pegadas Verdes", que trata sobre sostibilidade e medio ambiente.

Queremos encher a clase e a escola de plantas, porque, ademais de adornar e facer o espazo máis agradable, conéctannos coa natureza e os coidados que precisa. Polo tanto, o alumnado de 6º podía traer durante as últimas semanas unha maceta pequena á clase para plantar unha bomba de sementes. 

Esta semana, as rapazas e rapaces que trouxeron a maceta, puideron plantar a bomba de sementes. Agora agardamos  impacientes que agromen as plantas.

 

Samaín en sexto!

O alumnado de sexto viviu a tope o seu último Samaín no cole. Estaban espectaculares cos seus disfraces, que coma sempre, máis orixinais non podían ser. Todos eran incribles, pero a vella dos gatos, o home televisión e a Barbie maldita merecen mención especial, que orixinalidade! Deixádesme abraiada!

Como xa é tradición, pedíronme xogar ese día a Lobishomes de Fene, a nosa versión de Homes Lobo de Castronegro. Foi moi divertido, coma sempre, e por máis que xoguemos non deixa de sorprenderme escoitar os seus argumentos tanto para as acusacións como para defenderse das sospeitas alleas.

Despois tivemos unha merenda especial, aínda que á marxe da lei de Centieiras, xa que levaron todo tipo de manxares deliciosos e perturbadores a partes iguais. Había que facer unha excepción, non si? É a súa última festa de Samaín no cole, como non van poder comer unhas momias de salchicha, unhas galletas de araña ou un cerebro ensanguentado?! Iso si, extremamos as precaucións lavando as mans ben a fondo despois do banquete.

E despois, a bailar para baixar a enchenta de doces. Pasámolo de medo!

Darío ensínanos a facer morcegos de origami

Hoxe Darío trouxo papeis de cores para todas e todos e ensinounos como facer morcegos de origami. Moitas grazas, Darío, encantounos!

Distribuir contido