Saltar navegación.


Presentación   |   Horarios   |   Oferta educativa   |   Secretaría   |   Contacto

Biblioteca

VISITA DE ÉRICA ESMORÍS

O luns o alumnado de 3º de Primaria recibiu a visita de Érica Esmorís para falar do seu libro "Patio de luces".

Érica contounos cal fora a súa inspiración para escribilo e foi nada máis nin nada menos que o edificio no que viviu na súa infancia. 

Tamén fixemos un xogo e xa que o conto narra as ideas que lle pasan pola cabeza a Lea cando sae ao patio a observar a roupa dos tendais dos seus veciños, Érica propúxonos ese reto: imaxinar a partir de fotografías de tendais como sería a vida dos seus donos. Foi moi divertido!

Grazas Érica polo trato e por esta sesión tan dinámica e divertida. 

 

CONTACONTOS: Morto de fame

O pasado xoves 9 de maio o alumndo de 1º e 2º recibimos a visita de David Rodríguez, deseñador gráfico, activista político e escritor de contos de adultos e tamén infantís como o de "Superavoa". 

David fixo unha pequena homenaxe ao "Hematocrítico" contándonos o seu conto de "Morto de fame" e para rematar interpretou coa súa guitarra unha canción moi pegadiza sobre o propio conto. 

DÍA DO LIBRO

O pasado 23 de abril conmemoramos no centro o Día do Libro. Para iso, por unha banda, levamos a cabo o tradicional amadriñamento lector, as e os maiores escollen un conto para as súas afilladas e afillados. O día acompañounos polo que puidemos gozar das lecturas compartidas no noso patio. 

 

Por outra banda, fixemos unha recollida de alimentos para o banco de Alimentos Rías Altas. A cambio dos alimentos doados, as nenas e nenos podían coller algúns dos libros de expurgo da biblioteca escolar. 

Logramos nada máis nin nada menos que 265 quilos de alimentos! 


Moitas grazas familias pola vosa colaboración incondicional. 

 

A VISITA DUNHA IMPRENTA AMBULANTE

O pasado mes de marzo o alumnado de 1º, 2º, 3º e 4º recibiu unha visita moi especial: Alouette Machine. Unha imprenta ambulante. 

Cris e Jean-Ba viaxan nunha furgoneta cos caixóns cheos de letras de chumbo e de madeira e iso foi o que nos ensinaron neste pequeno obradoiro. Contáronnos como se facían os libros antigamente e o laborioso que era xa que había que colocar cada letra dun xeito moi minucioso. Ademais disto as nenas e nenos puideron facer pequenas prácticas estampando os poemas que previamente elas e elas idearon coa temática do noso PDI: pegadas verdes. 

 

LECTURA E FAMILIAS CON PABLO OTERO

"Todos temos unha historia que nos encanta contar unha e outra vez.

O meu avó, a vosa nai ou aquel curmán da tía segunda do papá que se perdera no Brasil.

Son historias e anécdotas que naceron na vosa familia,

que sempre se contan cando estades xuntos e que hai que coidar coma tesouros". 

A tarde do pasado 2 de abril tivemos na biblioteca un obradoiro impartido por Pablo Otero. Nel familias e alumnado elaboraron os seus libros de familia. Deixaron voar a súa creatividade e partindo dalgunha anécdota, chiste ou relato comezaron a traballar. Para iso, utilizaron material de refugallo e con paciencia e agarimo fixeron as obras de arte que vos deixamos a continuación. 

Grazas Pablo, foi unha tarde fermosa. 

DÍA DA POESÍA

O 21 de marzo conmemoramos o Día da Poesía a través da elaboración de fermosos poemas inventados polas nenas e nenos do noso cole. A temática foi a do noso proxecto documental integrado: pegadas verdes. Algúns dos poemas estiveron adicados á contaminación da auga, outros ao coidado do medioambiente, dos animais... 

As mestras deixamos os poemas nos escaparates de 9 comercios de Fene para que o alumnado pola tarde puidera facer unha búsqueda dos mesmos seguindo un mapa. 

A día prestouse moito para esta actividade, o sol e a poesía iluminaron esa tarde por Fene adiante. 

 

8 MARZO DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

O pasado 8 de marzo celebramos no centro o Día Internacional da Muller. Este ano quixemos reflexionar sobre as desigualdades que existen entre mulleres e homes en canto a postos de traballo de relevancia en empresas, outros postos donde se toman grandes decisións e o tempo adicado para os coidados e as labores domésticas.

Dende o equipo de mestras que formamos parte do PFPP de centro e dentro do contrato programa igualaT, propuxemos ao resto de claustro e ao alumnado uns datos para a súa análise e reflexión e a realización de diferentes talleres nos que se pretende reflectir a importancia das actividades diarias que homes e mulleres deberían compartir igualitariamente.

 

 

Maleta sostibilidade

Durante o mes de xaneiro desfrutamos na aula de 5º de educación infantil do marabilloso contido da maleta de sostibilidade que crearon para nós dende o equipo de biblioteca. Nela atopamos moitísima información sobre o PDI que estamos a desenvolver durante este curso; encantáronnos tanto os libros informativos coma os contos e aprendimos moitísimo con eles.

XANEIRO: MES DO LETTERING

Dende fai uns anos, xaneiro consolídase como mes da escritura a man. Nalgunhas sesións do plan lector ao longo de este mes realízanse diferentes propostas: iniciación e práctica de trazos, creación de lemas e frases... Dependendo do interese e das habilidades de cada un. Traballamos concentración, destrezas motrices, perseverencia, coordinación... 

Contos compartidos

Nova edición de contos compartidos na que Ariadna e Daniela Garrote viñeron a contarnos El nuevo nido de los pequeños marsupilamis, unha historia moi graciosa na que a familia de marsupilamis busca un novo fogar para vivir, na súa búsqueda terán que resolver diferentes situacións que implican a outros animais. Grazas compañeiras por vir a ler á nosa clase.

Distribuir contido